Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 20 de xuño de 2012 Páx. 24493

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2012 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Estanislao Reverter.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Estanislao Reverter, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos.

1. Luis Reverter Gil, presidente do Padroado da Fundación, o 3 de abril de 2012 presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Estanislao Reverter foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 28 de marzo de 2012, ante o notario Daniel Balboa Fernández, co número 615 do seu protocolo, por Estanislao Reverter Gil, Rosa María Reverter Gil, Luis Reverter Gil, Óscar Reverter Gil e Santiago Reverter Gil que actúan no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación Estanislao Reverter ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos,

– Preservar o legado e a figura de Estanislao Reverter Sequeiros, piloto de rallys, organizador de probas automobilísticas deportivas, preparador e construtor de vehículos de carreiras, empresario, emprendedor e deputado das Cortes Constituíntes;

– O fomento do deporte, en xeral, e o automobilismo, en particular, perseguindo o impulso da actividade deportiva como causa xeradora de hábitos favorecedores da educación da sociedade e do fomento da solidariedade, a través da promoción e desenvolvemento de plans de promoción do deporte e de actividades socioculturais e lúdico-recreativas, dirixidas ao conxunto dos cidadáns;

– Potenciar o desenvolvemento da cultura e a protección do patrimonio cultural como elementos fundamentais da nosa sociedade e da súa calidade de vida;

– Prestar especial atención á formación das persoas, en especial da xuventude e dos desempregados, como medio de integración social e laboral e a súa implantación como factor corrector de desequilibrios sociais que contribúen á igualdade entre os cidadáns; e

– Promover a iniciativa emprendedora e a potenciación do tecido empresarial como motores dinamizadores e creadores de riqueza no noso país.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; á dotación; aos estatutos e á composición do Padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da fundación está formado por Luis Reverter Gil como presidente; Santiago Reverter Gil como vicepresidente; Rosa María Reverter Gil como secretaria; e Estanislao Reverter Gil, Óscar Reverter Gil, Amando Santiago Prada Allo e Manuel Sanjurjo Blein como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Estanislao Reverter, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 30 de abril de 2012 (Diario Oficial de Galicia núm. 98, do 24 de maio) clasificouse como de interese cultural a Fundación Estanislao Reverter, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Praza Pública, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de Fundacións de Interese Galego e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobados polos decretos 14/2009 e 15/2009, do 21 de xaneiro; e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Estanislao Reverter.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2012

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria