Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Mércores, 20 de xuño de 2012 Páx. 24489

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 13 de xuño de 2012 sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mugardos (A Coruña) para a adecuación de usos de regasificación no solo industrial de Punta Promontorio.

O Concello de Mugardos solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello de Mugardos, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Mugardos dispón, na actualidade vixente, dun Plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente o 19.10.1999.

2. O plan xeral declara subsistente o Plan Especial de Reforma Interior de Punta Promontorio aprobado definitivamente o 26.3.1999. A aprobación dos proxectos de compensación e de urbanización correlativos foron publicadas no DOG do 16.8.1999.

3. A modificación puntual número 3 do plan xeral para a redefinición das ordenanzas e o seu ámbito de aplicación no PERI de Punta Promontorio foi aprobada definitivamente polo pleno do concello o 31.1.2003. Esa modificación puntual foi anulada en procedemento contencioso-administrativo. A sentenza fundaméntase en que no procedemento de aprobación prescindiuse da pertinente avaliación de impacto ambiental.

4. O concello non solicitou o informe previo á aprobación inicial da modificación previsto no artigo 85.1 da LOUG, ao abeiro do establecido no artigo 93.4 desa lei.

5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 18.10.2010 someter a proposta ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. O documento de referencia foi aprobado por Resolución do 20.10.2010.

6. Consta o informe técnico (da arquitecta técnica municipal do 15.7.2011) e o xurídico (da secretaría do concello do 6.5.2011) anteriores á aprobación inicial (artigo 85.1).

7. A modificación foi aprobada inicialmente polo concello en pleno do 2.8.2011; e sometida a información pública polo prazo de dous meses (DOG, Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 31.8.2011). Foron presentadas vinte e seis alegacións, segundo o certificado do 18.11.2011. A aprobación inicial foi notificada aos concellos limítrofes (Narón, Ferrol, Neda, Fene e Ares) así como as catro asociacións con interese no eido do ambiente.

8. Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais:

a) Dirección de Sostibilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño: informes do 7.6.2011 e do 25.5.2012, favorables.

b) Informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas: do 5.3.2012, previo á aprobación inicial; e do 29.5.2012, previo á aprobación definitiva, emitido en sentido favorable.

c) Augas de Galicia: informe favorable do 13.9.2011.

d) Dirección Xeral de Emerxencias e Interior: informe do 22.9.2011.

e) Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería do Mar: informe do 1.12.2011.

f) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo: informe favorable do 17.1.2012.

g) Deputación Provincial da Coruña: informe favorable do 9.1.2012.

9. A memoria ambiental da modificación foi aprobada por resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 3.4.2012, concluíndo que a modificación é ambientalmente viable e integra correctamente os criterios de sustentabilidade establecidos no documento de referencia.

10. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo pleno municipal do 19.4.2012.

11. O proxecto, subscrito polo arquitecto Daniel Beiras García-Sabell, ten datas maio de 2011 (aprobación inicial) e xaneiro de 2012 (aprobación provisional).

II. Ámbito, obxecto e descrición da modificación proposta.

1. O ámbito da modificación limita ao noroeste co dominio público marítimo-terrestre, ao noreste e sureste con máis solo urbano industrial con outras cualificacións, ao sur con solo urbano de SU-BD e ao oeste con solo rústico.

2. A modificación puntual delimita unha área como barreira interior de protección (BIP) ao sur e ao oeste da zona de ordenanza, sobre a que non se poderá materializar aproveitamento. Os usos son almacenamentos tipos C, D e E e industrias dos tipos B, C, D e E, así como as F relacionadas co almacenamento e regasificación de gas natural licuado.

3. A modificación ten por obxecto:

a) Incorporación de criterios de calidade paisaxística para a integración das instalacións industriais do contorno.

b) Dotar o ámbito dunha regulación ex novo integradora dos aspectos urbanísticos e de seguridade industrial referida ao ámbito, tendo en conta a ampliación da produción de regasificación.

III. Análise e consideracións.

1. Os fins da modificación para dotar dunha regulación específica o ámbito onde está implantada unha actividade industrial e conseguir unha adecuada integración dos aspectos ambientais, paisaxísticos e de seguridade industrial poden ter acollida como fin público os efectos do artigo 94.1 da LOUG.

2. A modificación foi sometida ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. A cartografía do POL non inclúe o ámbito en ningunha das áreas do POL. Así mesmo, ao tratarse de solo urbano consolidado non lle son de aplicación as determinacións do POL (artigo 96.1 da normativa do POL).

4. En canto ao cumprimento da normativa sobre control dos riscos inherentes sobre accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, a modificación proposta non supón nova implantación nin aumento da intensidade do uso industrial regulado no planeamento hoxe en vigor.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións de planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade cos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 de Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM de Mugardos para a adecuación de usos de regasificación no solo industrial de Punta Promontorio.

2º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas