Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 22 de xuño de 2012 Páx. 25018

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se amplía a autorización da entidade Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L. como organismo de control.

Antecedentes.

Primeiro. A Resolución do 30 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se modifican as autorizacións de actuación aos organismos de control, no ámbito da seguridade industrial, na Comunidade Autónoma de Galicia, resolve autorizar a Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L. como organismo de control para a realización de inspeccións en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia nas instalacións dos campos regulamentarios seguintes:

– Aparellos elevadores: ascensores.

– Aparellos elevadores: guindastres.

– Regulamentación eléctrica: alta tensión.

– Regulamentación eléctrica: baixa tensión.

Segundo. Con data do 3 de febreiro de 2012, a Comisión de Acreditación C.A. 6/12, da Entidade Nacional de Acreditación (Enac), acorda manter e ampliar a acreditación nº OC-I/057, de Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L., para o campo regulamentario de equipamentos de presión (Real decreto 2060/2008). Este acordo queda reflectido na revisión nove (9), do 3 de febreiro de 2012, do seu anexo técnico.

Terceiro. De acordo co artigo 2 do Decreto 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia, o 13 de febreiro de 2012, Jesús Casas Raposo, en nome e representación de Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L., con NIF B70000955 e con domicilio social no Polígono Industrial Río do Pozo, avda. Condesa Cavalcanti, parcela 62-nave 3 de Narón (A Coruña), presenta a solicitude de ampliación da autorización como organismo de control no campo regulamentario de equipamentos de presión. Para tal efecto, achega a documentación exixida no artigo 2 do antedito decreto.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para adoptar esta resolución, tendo en conta as seguintes consideracións:

a) Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L. iniciou a súa actividade como organismo de control na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) O campo regulamentario para o cal solicita autorización pertence ao ámbito material da seguridade industrial.

c) O establecido no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, e no Decreto 54/2011, do 24 de marzo, polo que se regula a autorización e a actuación dos organismos de control en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Consonte o artigo 43 do Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, a autorización outorgada a Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L. terá validez para todo o ámbito do Estado, aínda que esta, antes de actuar nunha comunidade autónoma distinta da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá notificar a súa intención ao ministerio competente en materia de industria.

Terceiro. A documentación presentada por Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L. acredita que a entidade cumpre coas exixencias establecidas no artigo 2 do Decreto 54/2011 para a súa actuación no campo regulamentario solicitado.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Ampliar a autorización de Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L. como organismo de control autorizado pola Comunidade Autónoma de Galicia para a realización de inspeccións no ámbito regulamentario da seguridade industrial, consonte o anexo técnico nº OC-I/057, no campo regulamentario seguinte:

– Equipamentos de presión.

Esta resolución pode ser suspendida ou revogada, ademais de nos casos considerados na lexislación vixente, cando o sexa a citada acreditación de Enac, e queda supeditada ao cumprimento das seguintes condicións:

a) Calquera ampliación dos campos regulamentarios de actuación ou dos documentos normativos correspondentes deberá seguir os trámites establecidos no artigo 2 do Decreto 54/2011, do 24 de marzo, para a súa autorización.

b) Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L. deberá notificar no prazo máximo de 15 días calquera modificación de datos que formen parte dos requisitos necesarios para a obtención da súa autorización.

c) Axoca, Grupo de Inspección y Control de Seguridad Industrial, S.L. deberá cumprir nas súas actuacións o establecido na Lei 21/1992, do 16 de xullo, no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, e no Decreto 54/2011, do 24 de marzo.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, ante o conselleiro de Economía e Industria, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas