Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 26 de xuño de 2012 Páx. 25449

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 19 de xuño de 2012 pola que se modifica a Orde do 8 de xuño de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria e se convocan para o ano 2012.

O obxecto das agrupacións que desenvolven programas de defensa fitosanitaria é o control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas, a través de entidades de carácter agrario formalmente constituídas, mediante programas técnicos ben definidos, de forma que exista certa periodicidade no uso de métodos de control fitopatolóxico e que ademais se recorra ao emprego racional de produtos químicos, usándoos só naqueles casos en que sexa a única forma eficaz de erradicar ou manter os axentes nocivos nuns limiares tolerables, empregando métodos de control integrado de pragas.

Para conseguir unha mellora das técnicas de loita fitosanitaria nas explotacións cómpre subvencionar os servizos técnicos prestados polas agrupacións de defensa fitosanitaria aos agricultores, así como unha parte do material empregado na loita contra as pragas. A intensidade da axuda será tal que permita que o apoio aos técnicos sexa coherente cos prezos de mercado, así como o mantemento da actividade no tempo.

O Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337, do 21 de decembro de 2007), permite outorgar unha axuda aos agricultores de ata 7.500 euros en tres anos para todas as axudas concedidas polo dito réxime. A pesar de ser as beneficiarias das axudas para este réxime as empresas do sector da produción de produtos agrícolas, para a simplificación do procedemento administrativo e do control dos programas de actuación das agrupacións de defensa sanitaria dos cultivos, cómpre que naqueles casos que sexa posible, se asinen convenios de colaboración coas agrupacións para que estas actúen como entidades colaboradoras na xestión das axudas, adquirindo os agricultores, non obstante, a obriga de informar das axudas percibidas polo réxime de minimis nos últimos tres anos, así como o resto dos requisitos do citado regulamento e da orde.

Estas axudas para agricultores membros das agrupacións de defensa fitosanitaria, financiaranse con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, segundo a Orde do 17 de novembro de 1989 pola que se establece un programa de promoción da loita integrada contra as plagas dos diferentes cultivos a través das agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (Atrias) e outros que poida achegar, para os mesmos fins, a Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outro lado, co obxectivo de canalizar razoablemente os recursos dispoñibles e aplicando criterios de austeridade, introdúcense algúns cambios na Orde do 8 de xuño de 2011 que establece as bases reguladoras destas axudas, como é o caso de primar a creación de novas agrupacións sobre as xa existentes, que, coa súa experiencia acumulada na aplicación do sistema de produción agrícola baseado en tratamentos integrados, debe desembocar no autofinanciamento do seu servizo técnico.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto introducir as modificacións necesarias na Orde do 8 de xuño de 2011 (DOG nº 114, do 15 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria e establecer a convocatoria destas axudas para o ano 2012.

Sección 1ª. Bases reguladoras das axudas

Artigo 2. Modificación do artigo 6, número 3

Modifícase o artigo 6 «Clase e contía das axudas», número 3, que queda redactado da seguinte forma:

«3. No caso de agricultores que pertenzan a unha ADF cuxos membros recibisen subvención, na dita ADF, nas anteriores convocatorias das correspondentes ordes deste tipo de axudas, a subvención reducirase nun 5% por ano percibido de axuda do importe establecido segundo o número 1 deste artigo.»

Artigo 3. Modificación do artigo 9

Modifícase o artigo 9 «Solicitudes», que queda redactado da seguinte forma:

«As solicitudes de subvención formularanse conforme os modelos que se xuntan como anexos I, II e III desta orde, e irán acompañadas da documentación que se establece no seguinte artigo. Dirixiranse ao órgano competente en materia de agricultura, e deberán formalizarse por un dos procedementos que seguen:

1. En soporte papel, preferentemente nos rexistros das delegacións territoriais da Xunta de Galicia. Así mesmo, tamén se poderán presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Telematicamente, sempre que se posúa certificado dixital baixo a norma X.509 V3, expedido pola FNMT-RCM (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda), ou DNIe (documento nacional de identidad electrónico). Desta forma, tanto os anexos I, II e III, como o resto de documentación requirida, poderán remitirse vía telemática ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, no enderezo da internet https://sede.xunta.es. Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lle poida requirir a exhibición dos propios orixinais en calquera momento da tramitación do procedemento. O representante legal da entidade que formule a presentación telemática deberá posuír o devandito certificado dixital ou DNIe.»

Artigo 4. Modificación do artigo 10, alínea c)

Modifícase o artigo 10 «Documentación», alínea c), que queda redactado do seguinte xeito:

«c) Declaración responsable acerca da veracidade dos datos bancarios consignados na solicitude.

No caso de ADF que asine un convenio coa Consellería do Medio Rural e do Mar, consignarase na solicitude tamén o número de conta da ADF, coa correspondente declaración responsable acerca da veracidade dos datos bancarios consignados.»

Artículo 5. Modificación do artigo 11

Engádese un novo número ao artigo 11, coa redación que a continuación se sinala:

«6. Tanto na resolución como na notificación farase constar expresamente a suxeición destas axudas ao Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, de 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337, do 21 de decembro de 2007), segundo o establecido no seu artigo 4, e coa referencia da súa publicación no Diario Oficial de la Unión Europea

Seccion 2ª. Convocatoria para o ano 2012

Artigo 6. Convocatoria para o ano 2012

Convócanse axudas para o ano 2012, segundo a Orde do 8 de xuño de 2011 (DOG nº 114, do 15 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria, coas modificacións introducidas nesta polos artigos 2, 3, 4 e 5 da presente orde, e, en todo caso, de acordo co artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 7. Presentación de solicitudes

As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2012 presentaranse no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde, preferentemente nos rexistros das delegacións territoriais da Xunta de Galicia, sen prexuízo dos outros medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como no artigo 3 desta orde.

Artigo 8. Financiamento para o ano 2012

As axudas reguladas na presente orde estarán financiadas no exercicio 2012 cun orzamento de 159.513,00 euros, con cargo as aplicacións orzamentarias 2012 16 22 713E 7701 e 2012 16 22 713E 7801 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, e por uns importes de 39.411,00 e 120.102,00 euros, respectivamente, sen prexuízo de poder utilizar outras contías dispoñibles, de acordo co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

Os beneficiarios das axudas non deberán ter débedas coas administracións públicas (AEAT, Consellería de Economía e Facenda e Seguridade Social) segundo establece a letra e) do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o órgano instrutor do procedemento poderá acceder á consulta telemática desta situación, salvo denegación expresa do solicitante achegada no momento da solicitude, caso en que deberá presentar os correspondentes certificados.

Disposición adicional segunda

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará, na súa páxina web oficial, as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file