Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 10 de xullo de 2012 Páx. 27440

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 27 de xuño de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Padrón (A Coruña) para a ampliación do solo urbanizable industrial en Estramundi de Abaixo.

O Concello de Padrón remite a modificación puntual referida e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Padrón conta cun Plan xeral de ordenación urbana aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo o 27.7.1994.

2. Este plan foi obxecto dunha modificación puntual no ámbito que agora se trata, aprobada definitivamente polo Concello Pleno o 20.11.2000.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu por Decisión do 16.12.2009 a non necesidade de someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica.

4. Os servizos técnicos municipais emitiron informes, técnicos do 16.6.2010, 18.5.2011, 31.8.2011, 20.10.2011 e 18.4.2012; e xurídicos do 28.7.2010, 19.10.2011, 14.2.2012 e 11.4.2012.

5. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial o 3.3.2011, ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG.

6. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo Concello en Pleno en sesión do 24.10.2011; e sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Correo Gallego do 4.11.2011, La Voz de Galicia do 9.11.2011 e Diario Oficial de Galicia do 24.11.2011) e comunicada ao concello limítrofe de Rois. Foi presentada unha alegación, segundo certificación da secretaria municipal emitida o 30.1.2012.

7. No expediente constan os seguintes informes sectoriais:

a) Da Dirección Xeral de Montes sobre a inexistencia de incendios forestais na contorna, do 10.8.2011.

b) Da Consellería de Economía e Industria sobre a inexistencia de dereitos mineiros na contorna, do 5.12.2011.

c) Da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico (Augas de Galicia) favorable, do 29.12.2011.

d) Da Dirección Xeral de Infraestruturas desta consellería favorable en materia de estradas, do 9.1.2012.

8. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 23.4.2012.

II. Obxecto e descrición do proxecto de modificación.

1. A modificación afecta uns terreos de aproximadamente 31.618 m2 de superficie, en parte ocupados por instalacións dunha fábrica de produtos de aluminio e en parte lindeiros con estas. De acordo coa delimitación municipal grafada nos mapas do Instituto Xeográfico Nacional, os terreos desa fábrica sitúanse entre os termos municipais de Rois e de Padrón.

2. O PXOM de Padrón clasifica o ámbito da modificación como solo non urbanizable común, ao que se lle aplica o réxime de solo rústico de protección ordinaria, segundo a disposición transitoria primeira da LOUG.

3. A modificación ten por obxecto a reclasificación do ámbito descrito a solo urbanizable delimitado industrial, para a ampliación do solo urbano industrial contiguo existente. Ademais, o ámbito comprendido entre as liñas límite de edificación da estrada autonómica AC-301 clasifícase como solo rústico de protección de infraestruturas.

III. Análise e consideracións.

Analizada a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. A razón alegada para a modificación da necesidade da ampliación da fábrica de produtos de aluminio, que ocupa actualmente case todos os terreos clasificados como solo urbano industrial nos plans xerais de Padrón e Rois, encaixa nos termos de interese público exixidos no artigo 94.1 da LOUG.

2. Conforme a disposición transitoria 1.1ª.g) da LOUG, preséntase xustificación de que o rego dos Pasales é, ao paso por este ámbito, unha corrente de auga de escasa entidade, que deberá quedar debidamente integrada nos espazos libres públicos do futuro plan parcial.

3. En cumprimento do establecido no artigo 95.2 da LOUG, o cambio de clasificación de solo rústico en urbanizable obtivo o preceptivo informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia na súa sesión do 20 de xuño de 2012, dándose por xustificada a desaparición das razóns determinantes da inclusión dos terreos en solo rústico.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede, resólvese:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Padrón no lugar de Estramundi de Abaixo, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas