Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 16 de xullo de 2012 Páx. 28234

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2012 pola que se convoca a realización das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril.

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, relativa á designación e á cualificación profesional de conselleiros de seguridade para o transporte por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable de mercadorías perigosas exíxelles ás empresas de transporte de tales materias, así como ás que efectúan operacións de carga ou descarga ligadas ao dito transporte, respectar as regras establecidas en materia de prevención dos riscos inherentes a tal clase especial de transporte. Coa finalidade de facilitar a consecución deste obxectivo, a mencionada norma obriga a tales empresas a designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro (BOE número 251, do 20 de outubro), sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable incorporou a citada directiva ao ordenamento xurídico interno, para cuxo efecto regulou a obriga das empresas de transporte e de carga e descarga de mercadorías perigosas de designar conselleiros de seguridade, as funcións encomendadas a estes, a cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida para garantir a posesión dun coñecemento adecuado das disposicións legais, regulamentarias e administrativas esenciais aplicables aos transportes de mercadorías perigosas.

O artigo 5 da mencionada norma regulamentaria establece que para poder exercer as funcións encomendadas aos conselleiros de seguridade, os aspirantes deberán superar previamente un exame sobre as obrigas que lles corresponden e sobre as materias recollidas no anexo do dito real decreto. O contido, as modalidades e a estrutura destes exames, así como o modelo do certificado de formación que deberá expedirse unha vez superados estes, determinaranse por Orde do Ministro de Fomento.

A Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro (BOE número 59, do 9 de marzo), de desenvolvemento do citado real decreto, determina as modalidades dos exames que se deben superar, así como as convocatorias, a estrutura dos exercicios e os correspondentes certificados de aptitude, e dispón igualmente que as probas serán convocadas polo órgano competente da Comunidade Autónoma onde vaian ter lugar. Na súa virtude,

RESOLVO:

1. Aprobar a convocatoria para a realización das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril. A dita convocatoria rexerase polas bases que se incorporan como anexo I a esta resolución.

2. Dispoñer a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Indicar que contra esta resolución cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, todo isto de conformidade co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2012

Miguel Rodríguez Bugarín
Director xeral de Mobilidade

ANEXO I
Bases da convocatoria

Primeira. Obxecto das probas e prazo de presentación das solicitudes

1. Esta convocatoria ten por obxecto a realización das probas dirixidas á obtención do certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril, así como á renovación dos certificados de conselleiro de seguridade obtidos, por primeira vez, na convocatoria do ano 2008 ou renovados na convocatoria do ano 2007.

2. O prazo de presentación das correspondentes solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. A data ou datas de realización das probas será determinada na resolución pola que se fixen os cadros de horarios e a relación definitiva de admitidos e excluídos.

Segunda. Modalidades de transporte, programa das probas e estrutura dos exercicios

1. Este proceso selectivo abrangue as seguintes modalidades de transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril:

– Clase 1 (materias e obxectos explosivos).

– Clase 2 (gases).

– Clase 7 (materias radioactivas).

– Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9. Materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo europeo para o transporte internacional de mercadorías perigosas (ADR) e no Regulamento relativo ao transporte internacional por ferrocarril de mercadorías perigosas (RID).

– Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).

2. De conformidade co establecido no anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable, os coñecementos que se terán en conta para a expedición do correspondente certificado referiranse, como mínimo, ás materias que no dito anexo se relacionan.

3. A lexislación sobre a cal versarán os exercicios será o ADR, o RID e demais normativa estatal, comunitaria e internacional que afecte o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril; todo isto, de acordo co previsto no referido anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro. A referida normativa será a vixente na data de realización das probas.

4. A estrutura dos exercicios e a súa forma de cualificación serán as establecidas na Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro, de capacitación profesional dos conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable (BOE número 59, do 9 de marzo de 2004).

Terceira. Obtención do certificado de conselleiro de seguridade

Os exercicios que deben superar os aspirantes a conselleiros de seguridade constarán de dúas probas:

a) A primeira delas, en que non se permitirá a consulta de textos, consistirá en responder a 50 preguntas tipo test, con catro respostas alternativas. Cada resposta acertada valorarase con 2 puntos e será preciso acadar un mínimo de 50 puntos para superar esta proba. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización. Os aspirantes disporán de 60 minutos para o desenvolvemento deste exercicio.

b) A segunda proba consistirá na realización dun estudo ou suposto que, con referencia ao ámbito do modo do transporte e á especialidade correspondente, versará sobre as tarefas e obrigas que deberá realizar e/ou cumprir o conselleiro. Os aspirantes disporán de 60 minutos para a realización deste exercicio e permitirase a consulta de textos normativos sempre que non figure neles a resolución de casos prácticos.

Ademais, para a realización desta proba, os aspirantes deberán ir provistos de máquina calculadora sen memoria RAM para a realización das operacións matemáticas que cumpran e de bolígrafo. Esta segunda proba puntuarase entre 0 e 100 puntos e será preciso acadar un mínimo de 50 para a súa superación.

Cuarta. Renovación do certificado de conselleiro de seguridade

1. As persoas que, por primeira vez, obtiveron o título de conselleiro de seguridade na convocatoria do ano 2008, así como as que renovaron os referidos títulos na convocatoria do ano 2007, deberán participar nas probas de renovación dos mencionados certificados de conselleiro de seguridade a que se refire esta base.

2. Nas mencionadas probas de renovación unicamente concorrerán as persoas que estivesen en posesión dos referidos certificados de conselleiro de seguridade.

3. O exame consistirá nunha proba de 50 preguntas tipo test; valorarase cada resposta acertada con 2 puntos e será preciso acadar un mínimo de 50 para superar este exercicio. As respostas erróneas ou en branco non terán penalización. Os aspirantes disporán de 60 minutos para realizar esta proba.

Quinta. Solicitudes.

1. A instancia pola que se solicite participar nas probas, debidamente cuberta de conformidade cos modelos que se xuntan a esta resolución (anexo II para a obtención do certificado de conselleiro de seguridade e anexo III para a súa renovación), presentarase, no prazo que se indica na base primeira desta resolución, no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Mobilidade (praza de Europa 5 A, 2º andar, Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela), ou por calquera dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, de conformidade co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, a solicitude poderase presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia que será https://sede.xunta.es, a que se poderá acceder directamente, ou a través do portal www.xunta.es

2. O interesado deberá satisfacer, no referido prazo, os correspondentes dereitos de exame. Para acreditar o dito cumprimento, os aspirantes deberán presentar, xunto coa instancia, o pertinente impreso da taxa de autoliquidación correspondente á Administración.

3. A presentación da referida instancia ou o aboamento do ingreso correspondente aos dereitos de exame fóra dos prazos establecidos determinará a exclusión definitiva do aspirante.

4. De conformidade co que establece a Orde 605/2004, do 27 de febreiro, os aspirantes deberán ter a súa residencia habitual en Galicia.

5. No caso de que, na solicitude para concorrer ás probas (anexo II e anexo III), os interesados non autoricen expresamente a administración pública para a consulta dos seus datos de identidade e residencia nos sistemas de verificación de datos de identidade e residencia, deberán presentar, ademais da instancia e do impreso da taxa de autoliquidación, unha copia compulsada do seu DNI.

6. Cando o domicilio do interesado non estea incluído no ámbito territorial de Galicia, o solicitante deberá acreditar, mediante certificado de empadroamento, que tivo o seu domicilio en Galicia, polo menos, 185 días naturais do último ano, contados ata o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás probas.

7. O domicilio que figure na solicitude considerarase como único válido para os efectos de notificación, e será responsabilidade exclusiva do solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade de calquera cambio del.

8. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes levará consigo a exclusión definitiva do interesado, sen prexuízo da adopción das demais medidas legais a que houber lugar.

Sexta. Dereitos de exame e relacións de admitidos e excluídos

1. De conformidade coa Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 e coa Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, os dereitos de exame fíxanse na contía de 21,40 euros por exercicio.

2. Os mencionados dereitos de exame ingresaranse tras cubrir os correspondentes impresos de taxas (Consellería de: MATI, código: 06, Delegación de: SS.CC., código: 13, Servizo de: Mobilidade, código: 02; Denominación: dereitos de exame probas transportista; código: 31.01.06).

Os referidos impresos poderanse obter nos servizos centrais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou da Dirección Xeral de Mobilidade, nos servizos de mobilidade ou nas delegacións territoriais da citada consellería.

Así mesmo, o ingreso da/s taxa/s poderase facer en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria dispoñible na web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es), indicando para o efecto os mesmos códigos sinalados no punto anterior.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá á súa revisión. Ultimado o proceso, a relación provisoria de admitidos e excluídos, con indicación do motivo da súa exclusión, será publicada na páxina web da consellería http://www.cmati.xunta.es e exposta nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o punto anterior.

4. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da citada lista, para poderen emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

En ningún caso serán obxecto de emenda as causas de exclusión consistentes na presentación das instancias ou no aboamento dos ingresos por dereitos de exame realizados fóra dos prazos establecidos.

5. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o citado tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncie a exposición pública da relación definitiva de admitidos e excluídos nos organismos mencionados no punto 2 desta base sexta, así como a data ou datas e o cadro de horarios de realización dos exercicios. A dita relación tamén poderá ser examinada na indicada páxina web da consellería.

6. Agás nos supostos previstos nos puntos 3 e 5 da base oitava, devolveránselles os dereitos de exame aos aspirantes excluídos definitivamente das probas, sempre que o soliciten, de conformidade co modelo que figura como anexo IV desta resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución citada no punto anterior.

Sétima. Tribunal cualificador

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros da Dirección Xeral de Mobilidade:

Presidente: Xosé Lluís Fernández Suárez.

Presidente suplente: Antón García Río.

Vogais:

Mercedes López Caneda.

María Inmaculada Carril Barco.

Antonio Jesús Blas Fernández.

Vogais suplentes:

Alfonso Tenorio Aranguren.

María Mar Estévez Mosquera.

David Conde Varela.

Secretaria: Elena Prado Veiga.

Secretario suplente: Juan Antonio Fernández Suárez.

2. De conformidade co establecido no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), o referido tribunal cualificarase como de categoría primeira.

Oitava. Regras polas que se desenvolverá o proceso selectivo

1. A data ou datas e o lugar de realización das probas determinarase na resolución pola que se aproben os cadros de horarios e a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos. Nesta resolución, o tribunal poderá determinar as instrucións que considere adecuadas para a correcta realización dos exercicios, sen prexuízo das que se diten no mesmo momento de celebración das probas.

2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único, resultando excluído da súa realización quen non compareza no dito momento.

3. Os interesados excluídos por non comparecer no momento do chamamento non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

4. Os aspirantes terán que se presentar ás probas provistos do orixinal do seu documento nacional de identidade. Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen os exercicios a aqueles candidatos que se presenten e carezan da documentación que se acaba de indicar.

5. Os interesados excluídos por carecer da documentación precisa para acceder ao recinto onde teñan lugar as probas non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

6. Na realización das probas tipo test, os aspirantes responderán as diferentes preguntas marcando cun X no correspondente recadro da folla de respostas. No caso de pretender realizar algunha corrección, o interesado deberá tachar totalmente a resposta inicialmente escollida e marcar cun X a finalmente elixida.

7. O tribunal cualificador anulará aquelas respostas dos aspirantes en que, con incumprimento do sinalado no punto anterior, figuren marcadas cun X máis dunha resposta.

8. Unha vez realizados os exercicios, as relacións de respostas correctas serán publicadas na páxina web da consellería http://www.cmati.xunta.es

9. Tras a corrección das probas, a relación provisoria de aptos e non aptos expoñerase nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Mobilidade e dos servizos de mobilidade e publicarase na mencionada páxina web.

10. Dentro do prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da práctica da referida publicación, os interesados poderán presentar as pertinentes reclamacións de revisión da cualificación dos exercicios.

11. Declararanse inadmisibles as reclamacións que se formulen unha vez transcorrido o indicado prazo.

12. Tras o exame e resolución das reclamacións presentadas, publicarase no Diario Oficial de Galicia o acordo do tribunal polo que se determine a relación definitiva de aptos e non aptos.

13. Unha vez concluído o proceso selectivo, o tribunal remitirá á Dirección Xeral de Mobilidade a dita relación definitiva de aprobados; todo isto para os efectos de que se proceda á expedición dos correspondentes certificados de conselleiros de seguridade.

missing image file
missing image file
missing image file