Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 31 de xullo de 2012 Páx. 30430

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 10 de xullo de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, polo que se dá publicidade á resolución do expediente número 416, que afecta os montes Eiteiro do Galo, Fraga da Igrexa, Salgueiral, A Volta da Costa, Os Curros, Foxo e As Barreiras, da parroquia de San Pedro de Muro, do concello de Porto do Son.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei galega 13/1989, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o día 29 de xuño de 2012, adoptou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, Antonio Manuel Aguión Fernández.

Vogais:

– Letrada da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, Susana Loreta Benedeti Corzo.

– Representante do Colexio Provincial de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda Vila.

– Xefa do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Coruña, Mª Josefa Fernández Fernández.

– Vogal representante da comunidade veciñal de San Pedro de Muro do concello de Porto do Son, Mª dos Anxos Riveiro Olveira na súa condición de presidenta da xunta directiva da comunidade.

Secretaria:

– Xefa de Sección do Servizo Xurídico Administrativo da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar na Coruña, Mª de los Dolores Añón Rodríguez.

Na cidade da Coruña, no o día 29 de xuño do 2012 reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña coa asistencia das persoas indicadas anteriormente, co obxecto estudar e resolver, entre outros, o expediente de clasificación como veciñal en man común do montes Eiteiro do Galo, Fraga da Igrexa, Salgueiral, A Volta da Costa, Os Curros, Foxo e As Barreiras da parroquia de San Pedro de Muro, do concello de Porto do Son.

Antecedentes de feito:

1. Mª dos Anxos Riveiro Olveira, presidenta da comunidade veciñal de San Pedro de Muro, do concello de Porto do Son, e en nome desta, presenta unha solicitude para a clasificación como montes veciñais das parcelas de monte denominadas Eiteiro do Galo, Fraga da Igrexa, Salgueiral, A Volta da Costa, Os Curros, Foxo e As Barreiras sitas na parroquia de San Pedro de Muro, do concello de Porto do Son.

Achega canda a solicitude a documentación gráfica sobre os montes en cuestión; e, posteriormente, declaración notarial de varios veciños de idade da parroquia que manifestan que «desde que teñen uso de razón lembran e ratifican que as parcelas descritas veñen utilizándose e destinándose ao aproveitamento forestal e demais propios do monte polo común dos veciños do lugar desde tempo inmemorial».

2. Á vista de tal solicitude e da documentación presentada, o xurado, na súa reunión do 14.10.2011, acordou iniciar a tramitación e nomear instrutora do expediente de clasificación. As características dos montes dos cales se solicita a clasificación son as seguintes:

Montes: Eiteiro do Galo, Fraga da Igrexa, Salgueiral, A Volta da Costa, Os Curros, Foxo e As Barreiras.

Comunidade veciñal: CVMC de San Pedro de Muro.

Parroquia: San Pedro de Muro.

Concello: Porto do Son.

Superficie total: 2,5624 ha divididas nas seguintes 8 parcelas:

Eitero do Galo: 1.381 m2.

Fraga da Igrexa: 4.285 m2.

Salgueiral: 1.166 m2.

A Volta da Costa, parcela I: 5.044 m2.

A Volta da Costa, parcela II: 1.479 m2.

Os Curros: 1.352 m2.

Foxo: 2.047 m2.

As Barreiras: 8.870 m2.

As estremas e características de cada parcela veñen determinados na planimetría presentada polos solicitantes no seu informe técnico do 4.10.2010 e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no seu informe do 31.1.2012.

3. En cumprimento do disposto no artigo 20 do Regulamento do montes veciñais en man común, solicitouse ao Servizo de Montes e Industrias Forestais informe sobre o monte de referencia. O xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común emite un informe o 31.1.2012 en que manifesta, en síntese, que os montes solicitados non están inscritos no Catálogo de montes de utilidade pública nin figura entre os montes conveniados ou consorciados coa Xunta de Galicia.

Canto ao aproveitamento comunal do monte, remítese ao informe do Distrito IV do 19.12.2011 no cal se indica «que todas as parcelas son aproveitadas en común e sen asignación de cotas polos veciños da parroquia; a comunidade de montes vén xestionándoas de facto sen que conste oposición á dita situación».

Logo de solicitarse a correspondente certificación de asentos ao Rexistro da Propiedade de Noia, certifica o 9.2.2012 que «as leiras indicadas na dita solicitude, tal e como se describen nela, non figuran inscritas neste Rexistro da Propiedade».

4. Para dar cumprimento ao disposto no artigo 23 do Regulamento do 4 de setembro de 1992, o 15.2.2012 procedeuse á correspondente tramitación e librouse por orde da instrutora do expediente comunicacións do acordo de inicio do expediente de clasificación ao Servizo de Montes e Industrias Forestais para os efectos de aproveitamentos e de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro; ao alcalde do concello de Porto do Son, a quen se remitiu edicto do acordo de inicio a fin de que, segundo o disposto no artigo 10 da Lei e 23 do Regulamento de montes veciñais en man común, sexa exposto polo período dun mes para os efectos de alegacións dos posibles interesados; á representante da comunidade veciñal de San Pedro de Muro, solicitante da clasificación do monte como veciñal; e ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación (DOG nº 50, do 15.3.2012). No taboleiro de anuncios do concello de Porto do Son estivo exposto –segundo certificación achegada pola secretaria do concello– desde o 24.2.2012 ata o 17.4.2012.

5. Durante o período de alegacións non foi presentada alegación ningunha.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e o artigo 19 do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, a comunidade veciñal de San Pedro de Muro, do concello de Porto do Son, é parte lexítima para solicitar o inicio do presente expediente de clasificación.

3. Para a súa clasificación como veciñal en man común, o monte debe reunir as seguintes características: a) pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; b) que se veña aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; c) que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, do 10 de outubro e artigos 1, 2 e 3 do seu Regulamento).

4. Da análise da documentación que figura no expediente e, en particular, do informe do Distrito do 19.12.2011, queda constancia de que os montes dos cales se solicita a clasificación son aproveitados en común polos veciños integrantes da comunidade veciñal de San Pedro de Muro, quen xestiona, de facto, estas parcelas, sen que conste oposición ningunha á súa clasificación durante a tramitación do expediente.

En consecuencia, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, e de acordo coa Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, e logo da proposta da instrutora, e por unanimidade dos asistentes con dereito a voto, este xurado

ACORDA:

Clasificar como montes veciñais en man común os montes Eiteiro do Galo, Fraga da Igrexa, Salgueiral, A Volta da Costa, Os Curros, Foxo e As Barreiras da parroquia de San Pedro de Muro, do concello de Porto do Son, en favor da comunidade veciñal de San Pedro de Muro coas estremas, superficie, e características indicadas no antecedente segundo, e conforme a planimetría presentada polos solicitantes no seu informe técnico do 4.10.2010 e validada polo xefe da Área Técnica de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, no seu informe do 31.1.2012, que forma parte integrante da presente resolución.

Notifíquese a presente resolución aos interesados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 10 de xullo de 2012

Antonio Manuel Aguión Fernández
Presidente do Xurado de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común da Coruña