Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 23 de agosto de 2012 Páx. 33726

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se dispón a execución da sentenza ditada o 15 de xuño de 2010 polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña no procedemento abreviado 88/2010, en relación coa Resolución do 21 de xaneiro de 2010, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de prazas de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

O 10 de febreiro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia (número 27) a Resolución do 21 de xaneiro de 2010, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de prazas de licenciados sanitarios deste organismo.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña, na súa sentenza 166/2010 do 15 de xuño (recaída no procedemento abreviado número 88/2010), sentenza posteriormente firme, procedeu a anular o anexo III da citada resolución, exclusivamente no que atinxe ás prazas convocadas na especialidade de uroloxía, no criterio de que se deben engadir tres prazas ás inicialmente ofertadas no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña na devandita especialidade. E en consecuencia, a decisión da sentenza ordena ampliar o concurso para que, quen á data da convocatoria reunise os requisitos exixidos para participar nel, poida optar ás prazas omitidas en función dos méritos cos que contase na devandita data.

Con base no que antecede, este centro directivo, de acordo coas facultades atribuídas polo Decreto 311/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Ampliar o concurso de traslados para a provisión de prazas de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde convocado pola Resolución do 21 de xaneiro de 2010 deste mesmo centro directivo, publicada no Diario Oficial de Galicia número 27, do 10 de febreiro.

De acordo con iso, modifícase o anexo III (Prazas ofertadas por categorías/especialidades) da devandita resolución, para os únicos efectos de engadir á praza inicialmente convocada e xa adxudicada, tres prazas de facultativo/a especialista da área de uroloxía (F.E.A. Uroloxía, nos termos do dito anexo) no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (código 1501).

Segundo. Normas reitoras

Á marxe do establecido de xeito específico nesta resolución, o concurso na especialidade que se amplía rexerase polo disposto na Resolución do 21 de xaneiro de 2010, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados para a provisión de prazas de licenciados sanitarios deste organismo (DOG núm. 27, do 10 de febreiro); e pola normativa citada nela.

Terceiro. Requisitos de participación

Poderá participar na ampliación do concurso de traslados de facultativo/a especialista da área de uroloxía o persoal estatutario fixo da mesma especialidade, que reunise os requisitos de participación establecidos na base segunda da convocatoria formalizada pola Resolución do 21 de xaneiro de 2010, a data 10 de marzo de 2010.

Cuarto. Solicitudes e prazo

1. Todos os profesionais interesados en participar no concurso que se amplía, tivesen ou non presentado solicitude de participación neste concurso no ano 2010, deberán cubrir a correspondente solicitude a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expedient-e/Sección de Procesos), axustándose necesariamente ao modelo establecido para tal efecto e ás instrucións que constan como anexo desta resolución.

2. Logo de formalizada electronicamente, os profesionais deberán imprimir a solicitude e presentala nalgún dos rexistros previstos na base quinta da Resolución do 21 de xaneiro de 2010 dirixida a unha unidade de validación das relacionadas no formulario de participación.

3. Xunto coa solicitude, e dentro do prazo de presentación de instancias, os profesionais deberán achegar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos e méritos conforme se indica na base sexta da Resolución do 21 de xaneiro de 2010 agás nos supostos previstos no punto quinto desta resolución.

4. De conformidade co establecido no artigo 29.1º do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude de participación neste procedemento xunto coa documentación que acheguen desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de setembro de 2012, ambos inclusive.

Quinto. Acreditación de requisitos e méritos

1. Serán valorados unicamente os méritos acreditados ata o día inmediato anterior ao da publicación da Resolución do 21 de xaneiro de 2010 no Diario Oficial de Galicia. Isto é, ata o día 9 de febreiro de 2010, inclusive.

2. Aqueles profesionais que, tendo participado no concurso de traslados convocado pola antedita resolución, soliciten participar neste procedemento, non terán que achegar novamente a documentación acreditativa dos requisitos e méritos xa presentados.

No anterior suposto, para a adxudicación de destinos segundo a orde de prelación resultante, a Administración terá en conta a puntuación definitiva asignada ao/á profesional na Resolución do 7 de xullo de 2010, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se aproba a resolución definitiva do concurso de traslados para a provisión de prazas de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde convocado pola Resolución do 21 de xaneiro de 2010 (publicada no DOG núm. 136, do 19 de xullo, con corrección de erros no DOG núm. 143, do 28 de xullo).

No entanto, e dentro do prazo de presentación establecido no punto cuarto desta resolución, os devanditos profesionais poderán presentar, xunto coa solicitude e como documentación complementaria, calquera mérito non achegado inicialmente que fose acadado antes do 10 de febreiro de 2010, que se sumará, de ser o caso, á puntuación anterior.

3. De igual forma, aquelas persoas que, non tendo participado no concurso de traslados de 2010, tivesen participado no concurso de traslados de persoal licenciado sanitario convocado por Resolución do 10 de maio de 2012, non terán que presentar xunto coa solicitude de participación neste procedemento a documentación acreditativa dos requisitos e méritos que fosen achegados para a participación en tal concurso (2012) e que consten debidamente rexistrados no seu expediente electrónico persoal (FIDES/expedient-e).

4. Os profesionais que, non tendo participado nos concursos de traslados convocados por resolucións do 21 de xaneiro de 2010 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro) e 10 de maio de 2012 (DOG núm. 96, do 22 de maio), soliciten participar neste procedemento deberán presentar a documentación acreditativa dos seus requisitos e méritos consonte se indica na base sexta da Resolución do 21 de xaneiro de 2010 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro).

Sexto. Resolución do concurso

1. Este procedemento resolverase con carácter previo ao convocado mediante a resolución da Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 10 de maio de 2012.

2. Os profesionais que resulten adxudicatarios dunha praza de facultativo/a especialista da área de uroloxía no presente procedemento e que, así mesmo, tivesen participado na mesma especialidade no concurso de traslados convocado mediante a resolución deste centro directivo do 10 de maio de 2012 (DOG núm. 96, do 22 de maio), entenderase que solicitan neste último (2012) única e exclusivamente aquelas prazas que, sendo así mesmo solicitadas no presente concurso (2010), teñan nel (2010) unha orde de prelación máis elevada que a praza adxudicada.

En consecuencia, as prazas que na solicitude xa efectuada no concurso de traslados convocado por Resolución do 10 de maio de 2012 non cumpran os dous anteriores requisitos consideraranse como non solicitadas.

Consonte a última opción manifestada, a adxudicación das prazas correspondentes ao concurso de traslados 2012 efectuarase segundo a orde de prelación de destinos seleccionada polo profesional na solicitude de participación correspondente ao concurso de traslados 2010.

3. En calquera caso, o profesional que resulte adxudicatario dunha das prazas de facultativo/a especialista da área de uroloxía recollidas no presente procedemento e que, así mesmo tivese participado na mesma especialidade no concurso de traslados convocado mediante a Resolución do 10 de maio de 2012 poderá conservar a vixencia íntegra da solicitude efectuada ao abeiro da citada resolución.

Para tales efectos, este centro directivo habilitará un prazo específico que será debidamente publicado no Diario Oficial de Galicia ou notificado individualmente ás persoas interesadas.

Sétimo. Normas finais

Esta resolución, xuntamente coas bases da convocatoria orixinaria, vinculan a Administración e os que participen no concurso que se amplía.

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2012

Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos

ANEXO
Instrucións de acceso ao expediente electrónico (FIDES)

A Oficina Virtual do Profesional (FIDES) constitúe o punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e os/as profesionais cos que mantén unha vinculación, así como coas persoas aspirantes e profesionais doutros servizos de saúde que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo, configurándose como a plataforma de acceso ao expediente electrónico do/da profesional ou aspirante.

O acceso a FIDES, poderase realizar desde:

– Internet (profesionais do Servizo Galego de Saúde e procedentes doutros servizos autonómicos de saúde).

– A intranet do Servizo Galego de Saúde (só dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, e desde equipos informáticos situados fisicamente na rede corporativa).

1. Acceso desde internet.

1.1. Acceso desde internet con certificado dixital.

Os profesionais do Servizo Galego de Saúde así como os que procedan doutro servizo de saúde autonómico poderán acceder desta forma a FIDES a través do enderezo http://fides.sergas.es

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través de internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Facenda e Administracións Públicas).

Se o usuario xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do usuario mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dunha lectora de tarxetas. Non se requirirá lectora de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipo.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (Punto de Acreditación Electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención especializada e atención primaria do organismo.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os/as profesionais actualmente vinculados ao Servizo Galego de Saúde, así como aqueles profesionais procedentes doutros servizos de saúde que nalgún momento do pasado tiveran algún tipo de vinculación co citado organismo, serán, tanto o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo, así como ao resto de funcionalidades existentes na Oficina Virtual do Profesional (FIDES).

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nunca tiveron un vínculo co Servizo Galego de Saúde serán, tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo.

A primeira vez que un profesional acceda con certificado dixital a FIDES, solicitaráselle que cumprimente un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde internet sen certificado dixital.

O acceso a FIDES desde internet sen certificado dixital efectuarase a través do enderezo http://fides.sergas.es

Esta forma de acceso non estará habilitada para aqueles profesionais actualmente vinculados ao Servizo Galego de Saúde. Unicamente os profesionais que tiveron no pasado algún vínculo laboral co Servizo Galego de Saúde ou aqueles que nunca mantiveron relación profesional con este organismo poderán elixir esta forma de acceso ao sistema.

Por motivos de seguridade e de protección de datos, este tipo de acceso ten limitadas as funcionalidades do servizo ás que se pode acceder. Así, aínda sendo posible acceder a determinados servizos, resulta recomendable optar polo acceso mediante certificado dixital, por resultar o método que ofrece as debidas garantías en canto á seguridade dos datos e permite o acceso a todas as funcionalidades de FIDES.

Para acceder sen certificado dixital é necesario solicitar unha conta de usuario, formada por un identificador único e un contrasinal secreto. Os pasos para conseguir unha conta de usuario son os seguintes:

– Paso 1: desde a pantalla principal de FIDES, no punto de Acceso sen certificado, premer no enlace de acceso ao proceso de rexistro.

– Paso 2: cubrir debidamente o formulario e aceptar as condicións de uso. Neste formulario realizaranse unha serie de preguntas en función de se se tivo ou non algunha vez algún tipo de vinculación co Servizo Galego de Saúde, que haberá que responder correctamente para consolidar con éxito o proceso de alta.

No caso de non responder correctamente as preguntas, o sistema enviará ao correo electrónico do usuario indicado no formulario, un código que o interesado terá que presentar persoalmente nun dos PAE (Punto de Acreditación Electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros do organismo, xunto cun documento de identificación válido.

No caso de finalizar o proceso de alta correctamente, enviarase unha mensaxe de confirmación ao interesado, ao enderezo de correo electrónico indicado no formulario, e tras a confirmación por parte do usuario, unha segunda mensaxe vía e-mail cos datos de acceso a FIDES.

Paso 3: cubrir os recadros de usuario e contrasinal de FIDES, no punto de Acceso sen certificado. A primeira vez que accedamos a FIDES tras o proceso de alta, o sistema solicitaranos que cambiemos o contrasinal por motivos de seguridade.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nalgún momento do pasado tiveran algún vínculo co Servizo Galego de Saúde, serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como a inscrición electrónica no concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo. A través deste tipo de acceso non se poderá acceder ao resto de funcionalidades de FIDES que, pola contra, si están dispoñibles no acceso con certificado dixital.

Os servizos que, a través desta forma de acceso, terán dispoñibles os profesionais que nunca tiveron un vínculo laboral co Servizo Galego de Saúde, serán tanto o acceso á xestión do expediente electrónico como a inscrición electrónica no concurso de traslados e demais procesos de selección e provisión de prazas que convoque este organismo.

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía so estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipos informáticos situados fisicamente na rede corporativa do citado organismo.

Os/as profesionais cun vínculo activo terán, mediante este sistema, acceso á totalidade de servizos e funcionalidades de FIDES, incluído o acceso á xestión do expediente electrónico e á inscrición electrónica no proceso de concurso de traslados.

O acceso a FIDES realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na sede electrónica do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura a disposición dos concursantes un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico.

4. Caixa de correo electrónico.

Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que xurdan en relación a este procedemento, habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico concurso.traslados@sergas.es