Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Luns, 27 de agosto de 2012 Páx. 34012

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de agosto de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

No marco establecido nos artigos 40 e 49 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral supón máis dificultades como son as persoas con discapacidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.

De conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión de calquera tipo de axudas, subvencións e préstamos que realizaba a unidade administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo. Así mesmo, mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación. Segundo o disposto no Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellarías da Xunta de Galicia, e no Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle a esta o exercicio das anteriores competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Consonte o anterior, correspóndelle a esta consellería a regulación específica, a convocatoria, a xestión e o control das subvencións á contratación indefinida de traballadores e traballadoras con discapacidade, reguladas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, e na Orde do 13 de abril de 1994, que desenvolve o capítulo II do mencionado real decreto, no Real decreto 290/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os enclaves laborais como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade, e no Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

O artigo 37.1 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social das persoas con discapacidade, establece que a finalidade primordial da política de emprego dos traballadores e das traballadoras con discapacidade debe ser a súa integración, en condicións que garantan a aplicación do principio de igualdade no trato, no sistema ordinario de traballo ou, no seu defecto, a súa incorporación ao sistema produtivo mediante a fórmula especial de traballo protexido, a través dos centros especiais de emprego.

O acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. A Consellería de Traballo e Benestar, en concordancia co desenvolvemento doutras medidas no ámbito social e na execución das políticas activas de emprego, aposta por un mercado laboral accesible, inclusivo e de calidade e establece accións específicas para a inserción deste colectivo, que teñen por obxecto a mellora da súa empregabilidade e, coordinadamente, o establecemento de medidas para a súa inserción e permanencia no mercado de traballo.

No deseño e xestión das políticas activas de emprego debese ter en conta a diversidade e a pluralidade que caracteriza á poboación con discapacidade, que se debe atender de forma diferente segundo as demandas e as necesidades que cada grupo de traballadores con discapacidade presenta. Dentro do conxunto das persoas con discapacidade existen grupos que, debido ao tipo de deficiencia concreta que teñen, como por exemplo parálise cerebral ou trastornos do espectro autista, ou ao seu grao de discapacidade, se encontran con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo. Esta realidade exixe a adopción de medidas específicas, que poderían considerarse de acción positiva dentro do grupo das persoas con discapacidade, xa que se trata de tratamentos máis intensos e diferenciados para estimular a empregabilidade destes grupos de traballadores e traballadoras con discapacidade que teñen máis dificultades de inserción laboral.

Nesta orde agrúpanse os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulando nos seus anexos A e B, respectivamente, os programas de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

No Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria a Xunta de Galicia incrementa os importes das axudas pola contratación indefinida, previstas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, coa finalidade de favorecer especialmente o emprego das mulleres con discapacidade, das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción laboral, e o emprego das persoas con discapacidade nas pequenas empresas e naquelas con centros de traballo no rural galego.

Este programa mellórase na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a subvención pola contratación temporal de persoas con discapacidade, sempre que a duración do contrato sexa de polo menos doce meses, e coa subvención para a contratación de persoas con discapacidade no marco do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, sempre que sexan proxectos subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar.

As subvencións pola contratación das persoas con discapacidade establecidas nesta orde, en concorrencia coas bonificacións das cotas á Seguridade Social, resultan un apoio á obriga legal sobre a cota de reserva a favor das persoas con discapacidade.

O artigo 38.1 da Lei 13/1982, do 7 de abril, establece que todas as empresas que empreguen 50 ou máis persoas traballadoras cumpran coa cota de reserva, de forma que entre o seu cadro de persoal polo menos o 2 % sexan persoas con discapacidade. Non obstante, excepcionalmente as empresas quedan exentas do cumprimento da cota de reserva para persoas con discapacidade mediante a adopción das medidas alternativas reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril, e aprobadas na Comunidade Autónoma de Galicia pola Consellería de Traballo e Benestar. O incumprimento da cota de reserva ou da aplicación das súas medidas alternativas de carácter excepcional está tipificada como unha infracción grave en materia de emprego, segundo o previsto no artigo 15.3 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Mediante o Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde, desenvólvese na Comunidade Autónoma de Galicia o programa estatal establecido no Real decreto 870/2007, do 2 de xullo (BOE nº 168, do 14 de xullo). Esta norma establece os contidos esenciais do programa, como son a definición das accións que constitúen un proxecto de emprego con apoio, así como as persoas destinatarias finais e as entidades promotoras daquelas. Tamén regula a subvención de custos laborais e de seguridade social derivados da contratación de preparadores laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.

Unha das medidas que pode favorecer de modo máis importante a inserción das persoas con discapacidade grave no mercado de traballo ordinario é o emprego con apoio. Este consiste nun conxunto de actividades de orientación e acompañamento individualizado que prestan, no propio posto de traballo, preparadores laborais especializados aos traballadores con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral que realizan a súa actividade en empresas normalizadas, do mercado ordinario de traballo, en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos similares. Nos resultados do programa resulta fundamental o papel das entidades promotoras que poñen en marcha estes proxectos de emprego con apoio e das empresas do mercado ordinario que realizan a contratación das persoas con discapacidade grave grazas a esta nova fórmula de apoio a través dos preparadores laborais.

As bases reguladoras do Programa de integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realizara pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, e o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento de concesión das subvencións do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo queda sometido ao réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Finalidade, ámbito e principios de xestión

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nas empresas ordinarias con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2012 das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, a través dos seguintes programas:

– Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (anexo A).

– Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (anexo B).

2. A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

3. As bases específicas de cada un dos programas regúlanse nos correspondentes anexos A e B desta orde e forman parte integrante dela.

Artigo 2. Persoas ou entidades beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde as que se establecen para cada programa regulado nos seus anexos, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.

2. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos puntos 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por atoparse indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non recaia resolución xudicial firme en virtude da cal se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.

3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido no artigo 46.2 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos puntos 2 e 3 anteriores, para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 3. Persoas destinatarias finais e definicións

1. As persoas destinatarias finais dos programas regulados nesta orde serán as persoas con discapacidade desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas, así como os traballadores e as traballadoras con discapacidade, incluídos/as os/as procedentes de centros especiais de emprego.

2. Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

I. Persoas con discapacidade, aquelas que teñan recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

A comprobación da condición de persoas con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación, e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, consideraranse, en todo caso, afectadas por unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE nº 300, do 16 de decembro).

Nestes casos, para a determinación do tipo de discapacidade psíquica, terase en conta a incapacidade en que o certificado do organismo competente para o seu recoñecemento, o Instituto Nacional da Seguridade Social, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou o Ministerio de Defensa, recolla a concorrencia de parálise cerebral, de enfermidade mental ou de persoa con discapacidade intelectual.

Así mesmo, nestes casos a acreditación do grao de discapacidade superior ao 33 % realizarase mediante a resolución ou o certificado de recoñecemento do órgano competente da Administración autonómica que corresponda.

II. Persoas desempregadas, aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras con discapacidade, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, a comprobación de carecer de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta na Seguridade Social, das persoas traballadoras que se incorporan á empresa polas que se solicita a subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

III. Persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral, aquelas que se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

Artigo 4. Normativa aplicable

As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, de 21 de xullo; no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, e na Orde do 13 de abril de 1994, que desenvolve o capítulo II deste real decreto; no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional; no Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo e nesta orde.

Capítulo II
Normas comúns: competencia e procedemento

Artigo 5. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalles:

a) Ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, cando se trate de solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no anexo A desta orde, referidas a centros de traballo radicados na respectiva provincia.

b) Á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego cando se trate de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde.

Artigo 6. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse nos rexistros da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

2. Os prazos de presentación de solicitudes do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no anexo A desta orde, serán os seguintes:

a) As solicitudes de axudas á contratación poderanse presentar ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2012.

b) As solicitudes de axuda para a adaptación de postos de traballo deberanse presentar antes do inicio desta adaptación, respectando, en todo caso, o prazo xeral de presentación de solicitudes que finalizará o 30 de setembro de 2012.

c) As contratacións ou transformacións de contratos temporais en indefinidos e as adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2011 e a data de publicación desta orde poderanse acoller ás súas axudas, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a contratación ou se tivese iniciado a execución do proxecto de investimento. O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

3. O prazo de presentación de solicitudes do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. As solicitudes e os anexos dos programas están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es, ou directamente no seguinte enlace: http://traballo.xunta.es/axudas-e-subvencions

Para cubrir as solicitudes de subvención poderase empregar a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na apigrafe de axudas e subvencións.

5. Para a presentación de solicitudes as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento do persoal técnico de emprego da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 7. Autorizacións

1. A presentación da solicitude de subvención pola persoa ou entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento. Neste caso deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Conforme o previsto no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, a obriga de presentar as ditas certificacións poderá ser substituída pola declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Mediante a presentación da solicitude de subvención a persoa ou entidade interesada dá expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como responsable dos ficheiros con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Coa presentación da solicitude de subvención a persoa ou entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que, de acordo co establecido nos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión da convocatoria, o programa, o crédito orzamentario co que se imputan, a persoa ou entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención.

4. Coa presentación da solicitude de subvención, mediante o anexo XI desta orde, a persoa interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade. En caso de non prestar a autorización deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

5. A presentación de solicitudes ao abeiro desta orde supón a existencia de autorización expresa de todas as persoas traballadoras con discapacidade da empresa, para a cesión de datos á Consellería de Traballo e Benestar, relativos ao tipo e grao de discapacidade.

6. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmaselle que os datos persoais recollidos na solicitude se incorporarán ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» para o seu tratamento coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística destes programas. A presentación da solicitude supón a cesión de datos persoais á Consellería de Traballo e Benestar por parte da entidade solicitante, polo que esta é responsable de informar a persoa traballadora sobre a existencia e finalidade da cesión así como da obtención do seu consentimento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, pódense exercer dirixindo un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, como responsable do ficheiro, no enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.traballo@xunta.es

Artigo 8. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no anexo A desta orde, axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

O procedemento de concesión no Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde, tramitarase, en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano instrutor dos expedientes será, de acordo coa competencia para coñecer e resolver as solicitudes, o Servizo de Promoción do Emprego das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou o Servizo de Apoio aos Emprendedores e á Integración Laboral das Persoas con Discapacidade da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, que realizarán as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 9. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase formular, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas ou entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entendera tacitamente aceptada.

5. No suposto de que a axuda estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informarase á entidade ou persoa beneficiaria de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos beneficiarios, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que a autoridade de xestión do Programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 10. Xustificación e pagamento

1. A xustificación por parte da persoa ou entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos realizarase nos termos e condicións establecidos nos anexos A e B desta orde.

2. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nos correspondentes anexos desta orde. En todo caso respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, durante o período de programación de 2007-2013, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

4. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso o pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberá terse realizado antes do 20 de decembro de 2012.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que regula as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, antes do 20 de decembro de 2012.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

5. As empresas e entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2012. Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

6. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias
–estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

7. A documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude a opción da entidade ou persoa interesada. Neste suposto, poderanse tramitar conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

Artigo 11. Incompatibilidades e concorrencia

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. As subvencións establecidas para cada programa son incompatibles coas establecidas para os demais programas previstos nesta orde.

Artigo 12. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

No suposto de que as subvencións concedidas estean cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán a dispoñibilidade dos documentos xustificativos das contratacións subvencionadas, durante un período de tres anos a partir do peche do Programa Operativo, ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, de acordo co disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) 1083/2006. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, se for o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan as normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Neste sentido, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar, para o pagamento da subvención concedida, a xustificación do cumprimento da obriga de informar o traballador ou traballadora acerca da subvención do seu contrato, no modelo anexo XIV da orde. Así mesmo, a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública conforme o previsto no artigo 9.5 desta orde.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais e a normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 14. Revogación e reintegro

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 15. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante ingreso na conta de Novagalicia Banco 2080 0300 87 3110063172 , en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa ou entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 16. Seguimento e control

As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Aos centros especiais de emprego que perciban as subvencións do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde, seralles de aplicación, para os efectos de seguimento e control, o disposto no artigo 13 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento dos centros especiais de emprego, e deberán achegar a memoria anual conforme ao previsto no artigo 8 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento.

Disposición adicional primeira

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde.

Disposición adicional terceira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nas persoas titulares das xefaturas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, e na persoa titular da dirección xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que traen causa, ditadas por delegación da persoa titular da consellería. Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional cuarta

A presentación da solicitude de subvención ao abeiro desta orde implicará a aceptación da cesión de datos que se poidan realizar a favor doutras administracións públicas para efectos de estatística, avaliación e seguimento.

Coa finalidade de difundir o coñecemento do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, as entidades beneficiarias autorizan a Consellería de Traballo e Benestar para difundir as accións desenvolvidas nos proxectos de emprego con apoio, e de ser o caso, para publicar as memorias, estudos ou outros traballos derivados das accións desenvolvidas nos proxectos.

Disposición adicional quinta

A concesión das subvencións previstas para o ano 2012 nesta orde estará limitada aos créditos das aplicacións orzamentarias establecidas na disposición adicional sexta desta orde. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Disposición adicional sexta

En virtude do anterior, no exercicio económico 2012 as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias recollidas na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, e coa seguinte distribución inicial de importes de créditos por programas:

– Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria (anexo A desta orde).

Aplicacións orzamentarias

Importe crédito (en euros)

12.04.322C.470.1, código de proxecto 2012 00572

680.000,00

12.04.322C.472.6, código de proxecto 2012 00606

531.250,00

– Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo (anexo B desta orde).

Aplicacións orzamentarias

Importe crédito (en euros)

12.04.322C.470.1, código de proxecto 2012 00572

10.000,00

12.04.322C.481.0, código de proxecto 2012 00604

170.000,00

De producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada programa procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito doutro programa.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Disposición adicional sétima

As subvencións do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulados nesta orde son cofinanciables polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, no eixe 2, tema prioritario 71, a través do Programa operativo do Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013 no marco de converxencia, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea C (2007) 6733, do 18 de decembro de 2007. Este cofinanciamento do Fondo Social Europeo farase constar expresamente nas resolucións de concesión.

Disposición adicional oitava

Os incentivos establecidos no Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, establecidos no regulamento CE 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro de 2006). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión.

Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

Disposición adicional novena

Para os efectos do previsto no anexo A desta orde, entenderase por concello rural aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes. Para computar o número de habitantes dos concellos galegos tomaranse como referencia as cifras de poboación referidas ao 1 de xaneiro de 2010 resultantes da revisión do padrón municipal, publicadas polo Instituto Nacional de Estatística e declaradas oficiais mediante o Real decreto 1782/2011, do 16 de decembro (BOE nº 303, do 17 de decembro).

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO A
Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade
na empresa ordinaria

Obxecto e entidades beneficiarias

Primeira. Obxecto

1. Este programa ten por obxecto incentivar a contratación de traballadores e traballadoras con discapacidade nas empresas ordinarias coa finalidade de fomentar e favorecer a súa integración laboral no sistema ordinario de traballo.

2. Neste programa recóllense os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención pola contratación indefinida.

b) Subvención pola contratación indefinida de traballadores/as con discapacidade dun enclave laboral.

c) Subvención pola contratación temporal.

d) Subvención pola contratación de persoas con discapacidade no marco de proxectos de emprego con apoio.

3. Ao abeiro da orde de convocatoria para o ano 2012, subvencionaranse contratacións que teñan data de inicio comprendida entre o 1 de outubro de 2011 e o 30 de setembro de 2012, ambas inclusive.

4. Neste programa subvencionase a contratación a tempo completo e a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo. A contía das subvencións e os incentivos adicionais, se é o caso, será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

5. Os contratos e as transformacións de contratos temporais en indefinidos para que poidan ser obxecto de subvención deberanse formalizar e comunicar á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Segunda. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das axudas previstas neste programa os empregadores e as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluídos autónomos/as, sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadores e traballadoras con discapacidade para prestaren servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos neste anexo.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total dos traballadores/as ou, no seu defecto, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 38 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración laboral das persoas con discapacidade, e regulado no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE nº 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, nin os centros especiais de emprego.

Terceira. Exclusións e requisitos

1. Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

a) As contratacións realizadas con traballadores e traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido. Isto tamén será de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou traballadora con empresas ás cales a solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

b) Traballadores e traballadoras que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo cal se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou por despedimento colectivo.

Esta exclusión non será de aplicación cando a contratación indefinida se realice cun traballador ou traballadora con discapacidade procedente dun centro especial de emprego. Tampouco será de aplicación no suposto da incorporación a unha empresa ordinaria de traballadores e traballadoras con discapacidade no marco do Programa de emprego con apoio.

2. En todo caso, as exclusións das letras a) e b) do número anterior non se aplicarán cando se trate da contratación de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.

3. Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro de 2006), non se poderá conceder a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) 104/2000 do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros, cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) 1407/2002.

e) Empresas en crise, segundo a definición contida para as grandes empresas no punto 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244, do 1 de outubro de 2004) e para as pemes no artigo 1.7 do Regulamento xeral de exención por categorías, Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008).

Cuarta. Subvención pola contratación indefinida

1. Os empregadores e as empresas que contraten con carácter indefinido a persoas con discapacidade desempregadas no momento da contratación, ou procedentes de centros especiais de emprego, poderán obter unha subvención de 3.907 euros por cada traballador con discapacidade ou de 5.107 euros por cada traballadora con discapacidade.

2. Ás contías da subvención pola contratación indefinida das persoas con discapacidade, establecidas no punto anterior, acumularanse os seguintes incentivos adicionais:

a) 1.000 euros, no caso da contratación indefinida de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.

b) 500 euros, no caso da contratación de traballadores ou traballadoras procedentes de centros especiais de emprego.

c) 500 euros, no caso de contratacións en empresas que teñan ata corenta e nove traballadores ou traballadoras, ou no caso de contratacións para prestar servizos en centros de traballo dun concello rural.

d) 902 euros, para a adaptación dos postos de traballo ou para a dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais ao traballador ou traballadora con discapacidade contratado/a, ou para eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo dos traballadores/as con discapacidade. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

3. Serán obxecto destas subvencións e, se é o caso, dos incentivos adicionais establecidos nos puntos 1 e 2 anteriores, as transformacións en indefinidos de contratos formativos e de contratos temporais de fomento do emprego para persoas con discapacidade.

Quinta. Subvención pola contratación indefinida de traballadores e traballadoras con discapacidade dun enclave laboral

Coa finalidade de favorecer o tránsito das persoas con discapacidade desde o emprego nos centros especiais de emprego ás empresas do mercado ordinario de traballo, e en especial, daquelas que polas súas características individuais presentan especiais dificultades para o acceso ao mercado ordinario de traballo, concederaselles unha subvención ás empresas colaboradoras que contraten con carácter indefinido a un traballador ou traballadora con discapacidade do enclave laboral, segundo o previsto no Real decreto 290/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan os enclaves laborais como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade (BOE nº 45, do 21 de febreiro).

A contía desta subvención será de 7.814 euros por cada persoa con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral contratada a xornada completa. Esta subvención poderá ser destinada pola empresa colaboradora, total ou parcialmente, a servizos de apoio do/a traballador/a.

Esta axuda incrementarase en 902 euros para a adaptación dos postos de traballo ou para a dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais ao traballador ou traballadora con discapacidade contratado/a, ou para eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo dos traballadores/as con discapacidade. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

No caso da contratación doutros traballadores ou traballadoras con discapacidade do enclave non incluídos/as no suposto do parágrafo anterior desta base quinta, as axudas serán as establecidas na base cuarta deste anexo.

Para ter dereito a estas axudas a contratación deberase realizar sen solución de continuidade e transcorrido, polo menos, un prazo de tres meses desde o inicio do enclave ou desde a incorporación do traballador ou traballadora, se esta fose posterior ao inicio do enclave.

Sexta. Subvención pola contratación temporal

1. O obxecto desta subvención é mellorar a inserción laboral das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo mediante a súa contratación temporal.

Aos empregadores e empresas que contraten temporalmente, cunha duración inicial mínima do contrato de 12 meses, persoas desempregadas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, ou procedentes de centros especiais de emprego, concederáselles unha subvención de 2.000 euros por cada traballador con discapacidade ou de 2.600 euros por cada traballadora con discapacidade.

2. Ás contías da subvención pola contratación temporal das persoas con discapacidade, establecidas no punto anterior, acumularanse os seguintes incentivos adicionais:

a) 600 euros, no caso da contratación de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral.

b) 500 euros, no caso de contratacións en empresas que teñan ata corenta e nove traballadores ou traballadoras ou no caso de contratacións para prestar servizos en centros de traballo nun concello rural.

c) 902 euros, para a adaptación dos postos de traballo ou para a dotación de equipamentos de protección persoal necesarios para evitar accidentes laborais ao traballador ou traballadora con discapacidade contratado/a, ou para eliminar barreiras ou obstáculos que impidan ou dificulten o traballo dos traballadores/as con discapacidade. A necesidade da adaptación ou dos medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

O incentivo adicional establecido nesta letra será aplicable aos empregadores e ás empresas que realicen contratos temporais de fomento do emprego para persoas con discapacidade, ou contratos temporais de fomento do emprego para persoas con discapacidade de acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego ou, sempre que a súa duración sexa igual ou superior a 12 meses, contratos en prácticas ou para a formación, ou contratos de duración determinada ao abeiro do artigo 15 do Estatuto dos traballadores.

3. Esta subvención non se aplicará no suposto das contratacións realizadas con persoas con discapacidade que prestasen servizos na mesma empresa nos últimos seis meses mediante un contrato de natureza temporal, agás os contratos de interinidade.

En todo caso, esta exclusión non se aplicará cando se trate da contratación de persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral e no suposto da letra c) do número anterior.

Sétima. Subvención pola contratación de persoas con discapacidade no marco de proxectos de emprego con apoio

Coa finalidade de fomentar a contratación de persoas con discapacidade no marco do Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, regulado no anexo B desta orde, e sempre que os proxectos de emprego con apoio estean subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar, concederáselles aos empregadores e empresas que contraten ás persoas con discapacidade as seguintes axudas:

a) A subvención pola contratación indefinida prevista na base cuarta deste anexo incrementada nun 50 %.

b) A subvención pola contratación temporal prevista na base sexta deste anexo incrementada nun 25 %.

Oitava. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas do orixinal, fotocopia compulsada ou debidamente cotexada da documentación que se relaciona:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante da entidade en caso de non prestar a autorización, no modelo anexo XI da orde, á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos seus datos no Sistema de Verificación de Datos de Identidade.

b) Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

c) Relación nominal dos traballadores ou traballadoras polos cales se solicita subvención (segundo modelo anexo III-A).

d) De ser o caso, resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) que recoñeza a condición de pensionista por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou resolución do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ou do Ministerio de Defensa que recoñeza unha pensión por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

e) Descrición detallada do posto de traballo que se vai cubrir e as súas características técnicas, segundo o modelo anexo X da orde, ou aqueloutro que, respectando o seu contido, presente a persoa ou entidade solicitante.

f) No suposto de empresas colaboradoras en enclaves laborais, contrato realizado co centro especial de emprego, nos termos e condicións establecidas no artigo 5 do Real decreto 290/2004, do 20 de febreiro.

g) Declaración da empresa sobre os custos salariais de tres anualidades do traballador ou traballadora contratada, no modelo anexo III-A da orde.

h) Declaración do número de traballadores e traballadoras da empresa e, no caso de empresas que teñan cincuenta traballadores/as ou máis, declaración responsable do cumprimento da cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme o establecido na base segunda, número 1 deste anexo (segundo o modelo do anexo IV-A).

i) No caso do incremento das axudas para adaptación dos postos de traballo ocupados por traballadores/as con discapacidade, se é o caso, memoria descritiva da necesidade de adaptación ou dotación de medios de protección persoal con indicación do seu custo e calendario de execución.

j) Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores (segundo modelo anexo XII).

k) Documentación acreditativa de que estan ao día das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita lle denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, quedan exentas de presentar as ditas certificacións aquelas entidades recollidas no artigo 51 da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

l) Declaración responsable, entre outros extremos, de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e autorizacións (segundo o modelo do anexo XI).

m) Ficha de transferencia bancaria cunha declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á titularidade da conta bancaria (segundo modelo anexo XIII).

2. As solicitudes das persoas ou entidades interesadas xuntaran os documentos sinalados no número anterior, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso o solicitante poderase acoller ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. Entenderase que a persoa ou entidade solicitante desiste da súa solicitude cando o traballador ou traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda. A empresa solicitante está obrigada a comunicar esta circunstancia ao órgano ante o que solicitou a axuda.

Novena. Xustificación do pagamento

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das subvencións quedará condicionado á presentación do orixinal, copia compulsada ou debidamente cotexada no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar, a seguinte:

a) Declaración complementaria da establecida na base oitava, número 1, letra j), deste anexo, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores (segundo anexo XII).

b) Última nómina aboada ao traballador ou traballadora con discapacidade polo/a que se concedeu a subvención.

c) Declaración do cumprimento por parte da persoa ou entidade beneficiaria da obriga de informar o traballador ou traballadora acerca da subvención do seu contrato (segundo modelo anexo XIV).

d) A xustificación para a percepción do incremento da subvención para a adaptación do posto de traballo requirirá a presentación da documentación xustificativa da súa realización e do seu efectivo pagamento.

e) Documentación acreditativa de que están ao día das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita lle denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante, quedan exentas de presentar as ditas certificacións aquelas entidades recollidas no artigo 51 da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012. Neste caso deberán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que non conste no expediente, non se poderá realizar a proposta de pagamento da subvención concedida ata a incorporación dos seguintes informes que solicitará a Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar na fase de instrución:

– Dos equipos multiprofesionais, sobre a adecuación do posto de traballo á discapacidade das persoas traballadoras contratadas.

– Da Inspección de Traballo, sobre a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal, para o suposto de solicitude de subvención de adaptación de postos de traballo.

No suposto de que estes informes sexan desfavorables, ditarase unha resolución revogatoria.

Incompatibilidades e obrigas

Décima. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas establecidas á contratación neste programa serán compatibles coas bonificacións nas cotas á Seguridade Social e non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60 % do custo salarial de tres anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

2. Para o caso de que se soliciten os incentivos pola transformación en indefinido dun contrato temporal que fose obxecto de subvención ao abeiro dos programas de fomento da contratación temporal, convocados pola Consellería de Traballo e Benestar, e a súa conversión se produza con anterioridade á súa duración mínima inicial subvencionable, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado reducindo na mesma contía os incentivos pola transformación do contrato en indefinido.

Décimo primeira. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións previstas neste anexo, ademais das xerais recollidas no artigo 12 da orde, as seguintes:

1. Manter no seu cadro de persoal ás persoas traballadoras contratadas ao abeiro deste programa, por un período mínimo de tres anos no suposto da contratación indefinida ou da transformación do contrato temporal en indefinido, ou polo tempo acordado no suposto de contratos temporais, non podendo despedir estas persoas traballadoras sen causa xustificada e, no caso de despedimento procedente, deberán substituílas por outras persoas traballadoras con discapacidade.

Para o suposto de despedimento procedente ou baixa voluntaria destas persoas traballadoras, senón se puidesen substituír por non existir candidato idóneo no servizo público de emprego, procederá o reintegro parcial da subvención correspondente ao período de tempo que quedou sen cubrir o posto de traballo.

No suposto de despedimento declarado ou recoñecido improcedente do traballador ou traballadora subvencionada procederá o reintegro das subvencións percibidas polos ditos traballadores.

Cando se produza unha baixa dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa ou entidade beneficiaria deberá realizar a substitución no prazo de tres meses desde a data da baixa. Unha vez realizada, a substitución deberá ser comunicada pola persoa ou entidade beneficiaria a correspondente xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar que concedeu a subvención, dentro dos vinte días seguintes.

2. Co fin de garantir o cumprimento do anterior, as empresas beneficiarias, transcorridos tres anos desde a contratación indefinida ou a transformación do contrato temporal en indefinido, ou transcorrido o tempo mínimo de 12 meses no suposto do contrato temporal, deberán presentar, dentro dos tres meses seguintes, na xefutura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, unha relación dos traballadores ou traballadoras polos cales se lles concederon as axudas para os efectos de acreditar a súa permanencia na empresa e, no caso de despedimento procedente, dos traballadores ou traballadoras que os/as substituíron.

3. As persoas ou entidades beneficiarias do incremento da subvención pola adaptación de postos de traballo deberán manter o destino dos bens subvencionados polo mesmo tempo que están obrigados a manter o posto de traballo a cuxa adaptación aqueles bens serven, que non será inferior ao período mínimo de amortización do ben subvencionado.

4. Procederá o reintegro parcial pola diferencia cando a persoa con discapacidade substituta sexa dun colectivo diferente ou realice unha xornada laboral inferior á da substituída, e lle correspondese unha subvención inicial inferior.

ANEXO B
Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego
das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo

Finalidade, obxecto e ámbito

Primeira. Finalidade

A finalidade deste programa é favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral mediante a súa contratación en empresas con centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda. Obxecto

O obxecto deste programa é subvencionar as entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio para financiar os custos laborais e de seguridade social derivados da contratación dos preparadores laborais que leven a cabo as accións de emprego con apoio.

Terceira. Definición de emprego con apoio

1. De acordo co establecido no artigo 2 do Real decreto 870/2007, do 2 de xullo, enténdese por emprego con apoio o conxunto de accións de orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo, prestadas por preparadores laborais especializados, que teñen por obxecto facilitar a adaptación social e laboral de traballadores con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral en empresas do mercado ordinario de traballo en condicións similares ao resto dos traballadores que desempeñan postos equivalentes.

2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio, nos cales se deberán recoller, polo menos, as seguintes accións:

a) Orientación, asesoramento e acompañamento á persoa con discapacidade, elaborando para cada persoa traballadora un programa de adaptación ao posto de traballo.

b) Labores de achegamento e mutua axuda entre a persoa traballadora beneficiaria do Programa de emprego con apoio, o empregador ou empregadora e o persoal da empresa que comparta tarefas co traballador con discapacidade.

c) Apoio á persoa traballadora no desenvolvemento de habilidades sociais e comunitarias, de modo que se poida relacionar co contorno laboral nas mellores condicións.

d) Adestramento específico da persoa traballadora con discapacidade nas tarefas inherentes ao posto de traballo.

e) Seguimento da persoa traballadora e avaliación do proceso de inserción no posto de traballo. Estas accións terán por obxecto a detección de necesidades e a prevención de posibles ameazas ou riscos, tanto para a persoa traballadora como para a empresa que a contrata, que poñan en perigo o obxectivo de inserción e permanencia no emprego.

f) Asesoramento e información á empresa sobre as necesidades e os procesos de adaptación do posto de traballo.

Cuarta. Persoas destinatarias finais

1. As persoas destinatarias finais do Programa de emprego con apoio serán traballadores e traballadoras con discapacidade inscritos/as nos servizos públicos de emprego como demandantes de emprego non ocupados/as, así como traballadores e traballadoras con discapacidade contratados/as por centros especiais de emprego, sempre que, en ambos os dous casos, se atopen nalgún dos supostos que se describen a continuación:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

c) Persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

2. As ditas persoas traballadoras deberán ser contratadas por unha empresa do mercado ordinario de traballo para ser empregadas efectivamente na organización produtiva da empresa mediante un contrato indefinido ou de duración determinada, sempre que a duración do contrato sexa, neste caso, como mínimo de seis meses.

As ditas empresas terán dereito aos beneficios previstos na normativa sobre contratación de persoas traballadoras con discapacidade nos termos establecidos nela e, en concreto, poderán solicitar as subvencións do Programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulado no anexo A desta orde.

3. Poderán ser persoas destinatarias finais deste programa as sinaladas nas letras a), b) e c) do punto 1 desta base que, estando empregadas mediante un contrato de carácter indefinido, requiran o desenvolvemento das accións de emprego con apoio previstas na base terceira deste anexo, como consecuencia dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo ou do seu contorno laboral que produzan agudos problemas de adaptación que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva.

Quinta. Promotores de proxectos de emprego con apoio e entidades beneficiarias das subvencións

Poderán promover proxectos de emprego con apoio, e seren beneficiarias das correspondentes subvencións reguladas neste anexo, as seguintes entidades:

1. As asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar os traballadores con discapacidade aos cales se lles vai prestar o emprego con apoio e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter por obxecto social, entre outros, a inserción laboral ou a creación de emprego a favor de persoas con discapacidade.

b) Contar no seu cadro de persoal con preparadores ou preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos na base oitava ou comprometerse a incorporalos/as, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.

c) Ter experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de integración laboral de persoas con discapacidade.

d) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.

2. Os centros especiais de emprego, cualificados e inscritos como tales no rexistro correspondente, que subscriban un convenio de colaboración coa empresa que vai contratar persoas traballadoras con discapacidade procedentes do cadro de persoal do mesmo centro ou doutros centros especiais de emprego. Estes centros especiais de emprego deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Contar no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados que cumpran os requisitos establecidos na base oitava ou comprometerse a incorporalos/as, así como dispor dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.

b) Desenvolver as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto, sen que caiba o cobramento ou a percepción de ningún tipo de cantidade ou tarifa a persoas traballadoras ou empresarios e empresarias.

3. As empresas do mercado ordinario de traballo, incluídos os traballadores e traballadoras autónomos/as, que contraten as persoas traballadoras con discapacidade beneficiarias das ditas accións sempre que conten no seu cadro de persoal con preparadores e preparadoras laborais especializados/as que cumpran os requisitos establecidos na base oitava ou se comprometan a incorporalos/as, e que dispoñan dos recursos materiais necesarios que garantan un desenvolvemento idóneo dos programas de emprego con apoio.

Sexta. Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio

1. Os proxectos de emprego con apoio deberán facer constar, polo menos, os seguintes extremos:

a) Identificación da empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade que van recibir apoio, así como o seu compromiso de contratación das ditas persoas traballadoras.

b) Identificación da entidade promotora que vai levar a cabo as accións de emprego con apoio a través dos preparadores e das preparadoras laborais que ten contratados/as ou que vai contratar, neste caso, deberá expresar o seu compromiso de contratación.

c) Número de persoas traballadoras con discapacidade que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, tipo e duración de contrato que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que van efectuar a prestación laboral, así como a descrición de cada un dos postos de traballo.

d) Relación dos preparadores e das preparadoras laborais que lles van prestar o apoio as persoas traballadoras con discapacidade con indicación do tipo e duración do contrato de traballo formalizado ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio.

e) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista nelas.

f) Nomeamento, por parte da empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade que van recibir apoio, entre o seu persoal, da figura do coordinador/a do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores e as preparadoras laborais e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa.

g) Convenio ou convenios de colaboración a que se refire a base sétima, no caso de que a entidade promotora sexa distinta da empresa que contrata as persoas traballadoras con discapacidade.

2. As accións de emprego con apoio desenvolveranse no marco de proxectos de emprego con apoio que, para os efectos desta orde, terán unha duración de entre seis meses e un ano, prorrogable ata outro ano máis.

Non obstante, no caso de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido na base cuarta, número 1, letra a), o prazo máximo de dous anos poderase ampliar ata seis meses máis, sempre e cando se detecten situacións de especial dificultade que exixan necesidades específicas de apoio.

3. As accións de emprego con apoio que teñan por persoas destinatarias finais as recollidas no suposto sinalado na base cuarta, número 3, deste anexo, poderanse desenvolver en proxectos de emprego con apoio cunha duración de entre un e seis meses.

Sétima. Convenio de colaboración entre a entidade promotora do emprego con apoio e a empresa empregadora

As entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas nos números 1 e 2 da base quinta deberán subscribir un convenio de colaboración coa empresa que vaia contratar as persoas traballadoras con discapacidade destinatarias do emprego con apoio, co seguinte contido mínimo:

1. Identificación de ambas as dúas partes, facendo constar a denominación social, domicilio e o número de identificación fiscal.

2. Compromiso da entidade promotora de levar a cabo todas as accións de adaptación ao posto de traballo de cada traballador con discapacidade incluídas no proxecto de emprego con apoio, para o cal a empresa tamén se deberá comprometer a permitir e facilitar a tarefa do preparador ou da preparadora laboral e a favorecer os apoios internos ao longo do proceso de inserción.

3. Compromiso de ambas as dúas partes de que as accións de emprego con apoio se prestarán de forma gratuíta.

Oitava. Preparadores e preparadoras laborais

1. As accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores e preparadoras laborais, que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que as capacite para a realización das funcións propias do seu posto.

2. O tempo de atención a cada traballador con discapacidade non poderá ser inferior á porcentaxe da xornada de traballo do dito traballador que se relaciona a continuación:

a) Un terzo no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

b) Un quinto no caso de persoas traballadoras con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.

c) Un oitavo no caso de persoas traballadoras con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

d) Un oitavo no caso de persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

Cando un mesmo preparador ou preparadora laboral lle preste atención a máis dunha persoa traballadora con discapacidade, o tempo de atención conxunto será a suma dos tempos de atención de cada unha das ditas persoas traballadoras. En ningún caso un preparador ou preparadora laboral poderá atender simultaneamente máis de 3, 5 ou 8 persoas traballadoras con discapacidade dos grupos a), b), c) e d) antes sinalados, respectivamente, ou os equivalentes cando as persoas traballadoras atendidas pertenzan a distintos grupos.

Subvencións do Programa de emprego con apoio

Novena. Subvencións ás entidades promotoras de proxectos de emprego con apoio

1. As subvencións establecidas nesta base destinaranse a financiar custos laborais e de seguridade social que se xeren durante o período de desenvolvemento do proxecto de emprego con apoio, derivados da contratación dos preparadores e das preparadoras laborais a que se refire o artigo anterior, polas entidades promotoras de emprego con apoio sinaladas na base quinta. A dita contratación poderase realizar tanto durante o desenvolvemento do proxecto como con anterioridade ao seu inicio.

2. A contía das ditas subvencións establécese en función do número de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade indicados na base oitava, número 2, destinatarias das accións de emprego con apoio, contratadas para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondendo:

a) 6.600 euros anuais por cada persoa traballadora incluída na alínea a).

b) 4.000 euros anuais por cada persoas traballadora incluída na alínea b).

c) 2.500 euros anuais por cada persoa traballadora incluída nas alíneas c) e d).

Estas subvencións reduciranse proporcionalmente en función da duración do contrato de cada persoa traballadora con discapacidade así como en función da súa xornada no suposto de que o contrato sexa a tempo parcial.

3. Estas subvencións concederanse por períodos máximos dun ano, prorrogables nos termos establecidos na base sexta, número 2, logo da solicitude por parte de entidades interesadas indicadas na base quinta.

Para o cálculo das subvencións dos proxectos de emprego con apoio terase en conta unicamente o período en que cada persoa traballadora con discapacidade permaneza contratada e recibindo apoio durante o desenvolvemento do proxecto.

4. Non se poderán outorgar subvencións conforme o previsto nesta orde referidas a unha mesma persoa traballadora con discapacidade, aínda que correspondan a distintos proxectos de emprego con apoio, por tempo superior a dous anos ou, no suposto de persoas traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido na base cuarta, número 1, letra a), e se detecten situacións de especial dificultade que exixan necesidades específicas de apoio, por tempo superior a trinta meses, agás no suposto previsto na base sexta, número 3, deste anexo.

5. Serán subvencionables os custos salariais e da seguridade social por conta da empresa correspondentes ás mensualidades desde outubro de 2011 ata setembro de 2012, ambas inclusive.

A contía da subvención en ningún caso poderá exceder o fixado no convenio colectivo de aplicación.

Normas de procedemento

Décima. Documentación

As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos á orde e deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada ou debidamente cotexada da seguinte documentación:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante da entidade en caso de non prestar a autorización, no modelo anexo XI da orde, á Consellería de Traballo e Benestar para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade.

b) Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

c) Documento constitutivo da entidade promotora do proxecto de emprego con apoio e as súas posibles modificacións, xunto cos estatutos sociais.

d) Documentos acreditativos da inscrición da entidade no rexistro correspondente.

e) Memoria que permita valorar a competencia, experiencia e capacidade da entidade promotora, con indicación dos recursos materiais de que dispoñen para desenvolver as actuacións polas cales se solicita subvención.

f) Currículum vitae dos preparadores ou preparadoras laborais, xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia profesional para a realización das accións de emprego con apoio. No caso de ter formalizada a contratación, contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social.

g) Certificación de gastos relativos aos custos salariais e de seguridade social por conta da entidade promotora dos preparadores e das preparadoras laborais, en función da duración do apoio e da xornada realizada, referido ao período polo que se solicita a subvención, segundo o modelo do anexo IX-B, (deberase presentar un anexo por cada preparador/a). Achegaranse copia das nóminas e dos documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento, correspondentes ás mensualidades xa aboadas na data da solicitude.

h) Fotocopia compulsada dos documentos TC-1 e TC-2, correspondentes aos meses polos cales se solicita a subvención xa ingresados, conforme as normas da Seguridade Social, na data da solicitude.

i) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo XII).

j) Ficha de solicitude de transferencia bancaria cunha declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á titularidade da conta bancaria (segundo o modelo do anexo XIII).

k) Documentación acreditativa de que estan ao día das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita denegase expresamente a autorización ao órgano concedente para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

l) Declaración responsable, entre outros extremos, de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de beneficiario previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e autorizacións (segundo o modelo do anexo XI).

m) Copia do proxecto de emprego con apoio, que incluirá as accións que se vaian desenvolver, segundo o previsto na base terceira deste anexo, así como os requisitos e duración, establecidos na base sexta deste anexo, e recollerá os obxectivos, recursos, orzamento, fases de implantación e sistemas de avaliación dos resultados. Deberase indicar expresamente se se trata da solicitude de prórroga dun proxecto de emprego con apoio conforme o previsto na base sexta, número 2, deste anexo.

n) Relación nominal dos traballadores e das traballadoras con discapacidade que van recibir as accións de emprego con apoio, con indicación do tipo e grao de discapacidade, do tipo, duración e xornada do contrato formalizado ou que se lles vai formalizar e do centro ou centros de traballo en que efectúan ou van efectuar a prestación laboral (segundo o modelo do anexo VII-B).

ñ) No caso de ter formalizada a contratación, contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras con discapacidade.

o) Descrición de cada un dos postos de traballo que van ocupar os traballadores ou traballadoras con discapacidade (segundo o modelo do anexo X), ou calquera outro que respectando o contido mínimo queira presentar a persoa ou entidade solicitante.

p) Relación nominal dos preparadores e preparadoras laborais que prestan ou van prestar o apoio aos traballadores con discapacidade con indicación do tipo, duración e xornada do contrato de traballo formalizado, ou que van formalizar coa entidade promotora do emprego con apoio, caso en que deberá expresar o seu compromiso de contratación (segundo o modelo do anexo VIII-B). No caso de ter formalizada a contratación, contratos de traballo e documentos de alta na Seguridade Social dos preparadores laborais.

q) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista destas. Poderá engadirse un cronograma cos apoios realizados ou que se vaian realizar no total do período que se vaia subvencionar do 1 de outubro de 2011 ao 30 de setembro de 2012.

r) De ser o caso, acreditación das circunstancias que requiran a prestación das accións de emprego con apoio ás persoas con discapacidade no suposto dunha alteración das condicións da prestación do seu traballo, ou do seu contorno laboral que produzan agudos problemas de adaptación que ameacen a continuidade da súa actividade produtiva.

As solicitudes dos interesados acompañarán os documentos sinalados anteriormente, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Décimo primeira. Criterios de avaliación e adxudicación de solicitudes

1. O órgano competente para emitir o informe de avaliación será a comisión de avaliación, que terá a seguinte composición:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Apoio á Contratación, ás Persoas Emprendedoras e ao Traballo Autónomo.

Vogais: a persoa titular da xefatura do Servizo de Apoio ás Persoas Emprendedoras e á Integración Laboral das Persoas con Discapacidade e un funcionario ou unha funcionaria do servizo, designado/a pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, que actuará como secretario ou secretaria.

2. A valoración das solicitudes presentadas efectuarase de acordo cos criterios e coa ponderación seguinte:

a) Calidade do proxecto presentado: obxectivos, recursos técnicos, metodoloxía, tipoloxía dos apoios. Ata 50 puntos.

b) Número de traballadores e traballadoras con discapacidade contratados/as no marco do proxecto de emprego con apoio. Ata 30 puntos de acordo coas seguintes escalas:

Pola modalidade de contratación:

– 5 puntos por cada persoa con discapacidade contratada por tempo indefinido.

– 2 puntos por cada persoa contratada con contrato temporal.

Polo tipo e grao de discapacidade:

– 3 puntos por cada persoa traballadora con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

– 2 puntos por cada persoa traballadora con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %.

– 1 punto por cada persoa traballadora con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %, ou por cada persoa xorda e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

c) Porcentaxe de traballadores e traballadoras co tipo e grao de discapacidade descritos na base cuarta, numero 1, letra a) deste anexo. Ata 20 puntos.

d) Integración da dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no destino das subvencións, nas persoas destinatarias finais e nas accións do proxecto de emprego con apoio. Ata 10 puntos.

e) Resultados cuantitativos e cualitativos de proxectos de emprego con apoio na convocatoria do ano anterior da mesma entidade promotora. Ata 15 puntos.

f) Emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto de emprego con apoio. Ata 5 puntos.

O limiar mínimo de puntuación exixido para adquirir a condición de beneficiario é de 55 puntos.

3. Non obstante, non será necesario fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos e acaden a puntuación mínima exixida de 55 puntos, para o caso de que o crédito consignado nesta convocatoria fose suficiente atendendo ao número de solicitudes unha vez finalizado o prazo de presentación, conforme o previsto no artigo 55 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. O órgano instrutor elevaralle o informe da comisión de avaliación xunto coa proposta de concesión ao órgano de resolución.

En calquera caso, a concesión das subvencións estará condicionada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias para o dito fin segundo o consignado na disposición adicional sexta da orde.

Décimo segunda. Pagamento e xustificación

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación do orixinal ou copia compulsada ou debidamente cotexada da documentación que se exixa de forma expresa na resolución de concesión, xustificativa da realización da actividade para a cal se concedeu a subvención.

2. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 31 de outubro de 2012. Excepcionalmente, e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda da metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. Poderanse realizar pagamentos á conta da subvención concedida, que supoñan a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e serán aboados pola contía equivalente á xustificación presentada. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior a unha porcentaxe do 80 % da subvención concedida.

Para realizar pagamentos á conta, o beneficiario estará obrigado á constitución de garantías segundo o disposto no artigo 67 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Non obstante, conforme o previsto no artigo 65.4 do dito Regulamento, quedan exonerados da constitución de garantía:

– As entidades sen ánimo de lucro.

– Os beneficiarios das subvencións concedidas cuxos pagamentos á conta non superen os 18.000 euros.

Para os efectos de proceder ao pagamento fraccionado, a entidade beneficiaria deberá presentar, referida ás mensualidades polas que se solicita, a seguinte documentación:

a) Certificación de gastos relativos aos custos salariais e de seguridade social dos preparadores ou preparadoras laborais polos/as cales se concedeu a subvención, segundo o modelo do anexo IX-B, xunto con copia das nóminas, e dos documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento.

b) Fotocopia compulsada dos documentos TC-1 e TC-2.

c) Relación nominal das persoas traballadoras con discapacidade que recibiron as accións de emprego con apoio: certificación da permanencia ou variacións deste persoal no período, mediante o modelo anexo VII-B deste anexo.

Para o suposto de proxectos de emprego con apoio en que se realicen novas contratacións, contratos de traballo e descricións do posto de traballo.

d) Declaración complementaria do establecido na base décima, letra i), deste anexo, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo XII).

e) Documentación acreditativa de que estan ao día das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita denegase expresamente a autorización ao órgano concedente para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4. Para efectuar o primeiro pagamento fraccionado, no caso de non se ter presentado coa solicitude, a entidade beneficiaria deberá presentar, ademais da documentación sinalada no número anterior, unha certificación do inicio das accións, os contratos e documentos de alta na Seguridade Social dos/as preparadores e preparadoras laborais e dos traballadores e traballadoras con discapacidade contratados no proxecto de emprego con apoio.

5. O pagamento final da subvención concedida realizarase unha vez presentada a documentación relacionada nos números anteriores, referida a todo o período subvencionado, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa do cumprimento dos obxectivos previstos no proxecto de emprego con apoio, e a avaliación dos seus resultados.

b) Descrición detallada das accións de emprego con apoio que cada preparador ou preparadora prestou a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle correspondeu atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal destas.

c) Declaración do cumprimento por parte da persoa ou entidade beneficiaria da obriga de informar o preparador ou preparadora laboral acerca da subvención do seu contrato (segundo modelo anexo XIV).

d) Coa finalidade de garantir que non se produza un dobre cofinanciamento na resolución de concesión establecerase que o pagamento final da subvención concedida quedará condicionada á presentación por parte da entidade beneficiaria dos xustificantes orixinais das nóminas dos preparadores ou preparadoras laborais subvencionados, correspondentes ás mensualidades polas cales se concedeu a subvención, para seren marcados cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe da nómina se imputa total ou parcialmente á subvención. Neste último caso indicarase, ademais, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Asi mesmo indicarase que a subvención está cofinanciada nunha porcentaxe do 80 % polo Fondo Social Europeo a través do Programa Operativo FSE Galicia 2007-2013. Estes orixinais despois de seren selados serán devoltos á entidade beneficiaria polo órgano xestor.

e) Declaración complementaria do establecido na base decima, letra i) deste anexo, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo XII).

f) Documentación acreditativa de que estan ao día das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita denegase expresamente a autorización ao órgano concedente para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

No caso de que a entidade solicitante sexa unha institución sen ánimo de lucro, declaración responsable da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

6. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

7. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria quedase xustificada unha contía inferior de subvención da inicialmente concedida, emitirase a correspondente resolución revogatoria.

Décimo terceira. Pagamentos anticipados

No suposto das entidades beneficiarias da base quinta, número 1 deste anexo poderán realizarse pagamentos anticipados que suporán entregas de fondos, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, no momento que a entidade subvencionada presente unha certificación do inicio das accións, os contratos e documentos de alta na Seguridade Social dos preparadores e das preparadoras laborais e das persoas traballadoras con discapacidade.

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, poderanse conceder pagamentos anticipados de ata un 80 % da subvención concedida. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros poderanse conceder, ademais, pagamentos anticipados dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

Estas entidades poderán solicitar o pagamento anticipado conxuntamente coa solicitude inicial e quedan exoneradas da constitución de garantía conforme co disposto no artigo 65.4, letras f) e h), do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Obrigas e compatibilidade das axudas

Décimo cuarta. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións previstas neste anexo, ademais das xerais recollidas no artigo 12 da orde, as seguintes:

Manter os postos de traballo dos preparadores e das preparadoras laborais polo período subvencionado. Cando se produza unha baixa dun preparador ou preparadora laboral deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, dentro dos quince días seguintes. A substitución do preparador ou da preparadora laboral deberá ser realizada por outro profesional que reúna os mesmos requisitos exixidos para a concesión da subvención e terá que se realizar no prazo dun mes desde a data da baixa.

Unha vez realizada a substitución, deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar dentro dos quince días seguintes, achegando a seguinte documentación:

– Currículum vitae do preparador ou da preparadora laboral, xunto cos documentos que acrediten a súa formación e experiencia profesional para a realización das accións de emprego con apoio.

– Contrato de traballo e documento de alta na Seguridade Social.

– Descrición detallada das accións de emprego con apoio que o preparador ou a preparadora laboral vai prestar a cada unha das persoas traballadoras con discapacidade que lle corresponda atender, especificando a duración das ditas accións e a distribución temporal prevista destas.

2. Será causa de reintegro total das subvencións percibidas pola contratación do preparador ou preparadora laboral o seu despedimento declarado ou recoñecido improcedente.

Décimo quinta. Incompatibilidade e concorrencia de axudas

Estas subvencións son compatibles coas reguladas na orde da Consellería de Traballo e Benestar pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o centro especial de emprego, tanto a través da unidade de apoio á actividade profesional, como do proxecto de emprego con apoio, preste as accións de apoio previstas ás persoas traballadoras con discapacidade contratadas e atendidas en cada programa, coas limitacións en canto ao tempo de atención e número de persoas traballadoras que se van atender establecidas para os ditos programas.

b) Que os custos laborais e de seguridade social xerados pola contratación laboral dos preparadores ou das preparadoras laborais a que se refiren o punto 1 da base novena deste anexo e os correspondentes ao período de contratación dos traballadores e traballadoras da unidade de apoio á actividade profesional se imputen proporcionalmente en función da dedicación á unidade de apoio á actividade profesional ou ao proxecto de emprego con apoio, sempre que a suma total das dúas subvencións non superen tales custos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file