Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Venres, 5 de outubro de 2012 Páx. 38284

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 21 de setembro de 2012 pola que se regula o proceso de integración voluntaria no réxime estatutario de determinado persoal transferido en virtude do Decreto 216/2010, do 30 de decembro, de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e medios persoais afectos á asistencia sanitaria prestada pola Deputación Provincial de Lugo.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, dispón no seu artigo 33 que corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e outórgalle a competencia para organizar e administrar os servizos relacionados coas materias expresadas, así como o exercicio da tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguridade social.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, configura a existencia dunha sanidade integral e establece os principios a que se deben acomodar as transferencias sanitarias ás comunidades autónomas e tamén, en particular, dos servizos e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais.

No ano 1989, polo Decreto 133/1989, do 6 de xullo, creouse a comisión mixta para o traspaso dos centros, servizos e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia.

A experiencia amosou que a convivencia de persoal suxeito a diversos réximes xurídicos ocasiona non poucas dificultades na xestión e organización do traballo, máxime en organizacións complexas como son as institucións sanitarias. Por iso, co obxecto de homoxeneizar o réxime xurídico do persoal con vínculo xurídico non estatutario que resultaba adscrito ao Servizo Galego de Saúde, o Decreto 447/1996, do 26 de decembro, estableceu as bases para a homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, e do persoal pertencente ao Servizo Galego de Saúde con vínculo xurídico funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo.

Así as cousas, cabe mencionar como precedentes do actual proceso, en execución do citado decreto, a Orde do 23 de xullo de 1997, pola que se regulamenta o proceso de integración no réxime estatutario de determinado persoal do Hospital Médico-Cirúrxico Provincial e Sanatorio Psiquiátrico de Conxo, a Orde do 1 de setembro de 1998, pola que se regula o proceso de integración no réxime estatutario de determinado persoal do Hospital Nicolás Peña de Vigo, a Orde do 30 de marzo de 2000 pola que se regula a integración de determinado persoal do Hospital Provincial de Pontevedra e Hospital Psiquiátrico O Rebullón, a Orde do 17 de abril de 2001 pola que se regula o proceso de integración no réxime estatutario de determinado persoal do Hospital Santa María Nai de Ourense e as ordes do 11 de agosto de 2003, 21 de abril de 2005, 14 de decembro de 2006 e 22 de abril de 2008 polas que se convocan procedementos de integración voluntaria no réxime estatutario para o persoal funcionario e laboral dos hospitais dependentes do Servizo Galego de Saúde.

No ano 2003 a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde remarca a concepción integral do sistema sanitario e a disposición adicional quinta da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, dispón que, co obxecto de homoxeneizar as relacións de emprego do persoal de cada un dos centros, institucións ou servizos de saúde, e co fin de mellorar a eficacia na xestión, as administracións sanitarias públicas poderán establecer procedementos para a integración directa, con carácter voluntario, na condición de persoal estatutario, na categoría e titulación equivalente, das persoas que presten servizo en tales centros, institucións ou servizos coa condición de persoal funcionario de carreira ou en virtude de contrato laboral fixo. Así mesmo, poderanse establecer procedementos para a integración directa do persoal laboral temporal e funcionario interino na condición de persoal estatutario temporal, na categoría, titulación e modalidade que corresponda.

Por outra banda, o artigo 108 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, integra no colectivo de empregados/as públicos/as da saúde de Galicia o persoal transferido, calquera que sexa o réxime xurídico de dependencia, laboral, funcionario ou estatutario doutras administracións públicas con ocasión do traspaso e/ou asunción das competencias, dos medios e dos servizos na materia de asistencia sanitaria. Así mesmo, o parágrafo 5º do artigo 112 establece que, co obxecto de homoxeneizar as relacións de emprego do persoal que preste os seus servizos no Sistema público de saúde de Galicia e de mellorar a eficacia na xestión, a Administración sanitaria pública galega promoverá as medidas co fin de establecer procedementos para a integración directa e voluntaria do persoal na condición de persoal estatutario, coas especialidades que procedan polas peculiaridades das institucións, os centros e os servizos e das diferentes agrupacións de persoal.

En virtude do anterior, a comisión mixta prevista no citado Decreto 133/1989, do 6 de xullo, adoptou o acordo de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e medios persoais afectos á asistencia sanitaria prestada pola Deputación Provincial de Lugo, acordo aprobado polo Consello da Xunta de Galicia mediante Decreto 216/2010, do 30 de decembro.

Xa que logo, e no marco normativo exposto, esta orde, logo da negociación coas organizacións sindicais representadas na mesa sectorial do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e no comité de empresa do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, articula o procedemento de integración no réxime estatutario do persoal traspasado á Comunidade Autónoma de Galicia e adscrito ao Servizo Galego de Saúde en virtude do Decreto 216/2010, do 30 de decembro, e regula o exercicio de opción voluntaria do persoal funcionario de carreira e laboral fixo, no marco dos dereitos e deberes recollidos no xa citado Decreto 446/1997, do 26 de decembro.

De acordo co anterior, e no uso das competencias e atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento e as condicións para a integración con carácter voluntario na condición de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde do persoal comprendido no ámbito de aplicación definido no artigo 2.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Poderá solicitar a súa integración no réxime estatutario o persoal funcionario de carreira e o persoal laboral fixo traspasado á Comunidade Autónoma de Galicia e adscrito ao Servizo Galego de Saúde en virtude do Decreto 216/2010, do 30 de decembro, nos termos e condicións que se establecen nesta orde e que no momento da súa entrada en vigor se encontre nalgunha das seguintes situacións:

a) En situación de servizo activo.

b) En situación que implique a suspensión na relación de servizos laboral ou funcionarial, con reserva de posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente, así como en situación de servizos especiais, no caso do persoal funcionario.

c) En situación de excedencia voluntaria, sempre que non teña transcorrido o tempo máximo de excedencia previsto para cada caso. Neste suposto a integración efectuarase na situación de excedencia voluntaria e o reingreso ao servizo activo efectuarase de conformidade co previsto na Lei 55/2003, do estatuto marco, e no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. A opción de integración poderá formularse no momento de solicitar o reingreso ou no prazo previsto para o exercicio da opción que se establece nesta norma.

2. Non poderá exercer a opción de integración o persoal con vínculo temporal de carácter funcionarial nin o persoal laboral non fixo, sexa por tempo indefinido ou temporal, transferido polo Decreto 216/2010, do 30 de decembro, calquera que sexan as características de tal vínculo. Respecto deste persoal observarase o disposto na disposición adicional segunda desta orde.

Artigo 3. Requisitos de integración

1. Con carácter xeral, serán requisitos exixibles para poder optar pola integración como persoal estatutario fixo estar comprendido no ámbito de aplicación definido no artigo 2 desta orde, pertencer a un corpo ou categoría equivalente ao da categoría en que se pretende a integración e estar en posesión da titulación necesaria para o desempeño da actividade profesional de que se trate.

En consecuencia, a integración efectuarase nas categorías básicas do réxime estatutario que en cada caso correspondan, segundo o corpo, a escala ou a categoría profesional e, se for o caso, a especialidade de pertenza en orixe, así como en función do nivel de titulación exixido para o acceso aos citados corpos, escalas, grupos ou categorías, área funcional e funcións que se viñesen desempeñando en orixe de xeito estable e regular na organización do traballo, sempre que se reúna o requisito de titulación exixido pola lexislación xeral aplicable en cada caso e pola específica que regule o exercicio da actividade profesional de que se trate, de conformidade coas táboas de homologación de categorías que figuran como anexos I e II desta orde.

2. Para os efectos da integración nas categorías do réxime estatutario só terá virtualidade o corpo, escala ou categoría a que o persoal acredite pertencer como funcionario/a de carreira ou persoal laboral fixo, en virtude de proceso selectivo celebrado de conformidade coa normativa vixente en materia de selección de persoal funcionario e laboral da Administración local no momento da súa adquisición.

Artigo 4. Procedemento de integración

1. Iniciación. O procedemento iniciarase mediante presentación de solicitude individual, segundo o modelo de instancia que se xunta como anexo III, ao cal deberá axustarse toda aquela persoa que efectúe a opción de integración. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da entrada en vigor desta disposición, sen prexuízo do previsto no seu artigo 2.1.c).

As solicitudes deberán ser dirixidas á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e presentaranse preferentemente no rexistro xeral do Complexo Hospitalario Xeral-Calde, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coas solicitudes os/as interesados/as deberán presentar a seguinte documentación:

a) Copia compulsada da titulación académica ou, se for o caso, certificado de escolaridade necesaria para integrarse na categoría homóloga de persoal estatutario. O persoal licenciado sanitario e licenciado con título de especialista en ciencias da saúde achegará adicionalmente, cando sexa o caso, copia compulsada do documento ou título de especialista que posúa ou da certificación prevista no artigo 3 do Real decreto 853/1993, do 4 de xuño, sobre exercicio das funcións de médico de familia no Sistema nacional de saúde, que o habilite para exercer a praza que vén desempeñando.

b) Copia compulsada do nomeamento como funcionario/a de carreira ou do contrato laboral subscrito no seu día.

c) No caso do persoal determinado no artigo 5.1.a) desta orde que no momento da súa entrada estivese a desempeñar postos de traballo de xefatura, copia compulsada do nomeamento, resolución ou documento que o/a habilite para o exercicio da xefatura.

d) No caso de persoal con dereito á integración que non se atope en servizo activo, deberá achegar, ademais da documentación sinalada nos parágrafos anteriores, copia compulsada da resolución en que se declare a situación administrativa ou suspensión da relación laboral con dereito a reserva do posto de traballo.

Se a solicitude non reunir os requisitos exixidos, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido/a da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Instrución. O/A director/a xerente do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, como órgano instrutor do procedemento, elaborará a relación provisional de integración con expresión dos datos relativos á situación de orixe e integración na categoría profesional estatutaria correspondente, que conterá, así mesmo, a relación do persoal provisionalmente excluído da integración, con especificación da causa de exclusión. A dita relación publicarase no taboleiro de anuncios do Hospital Universitario Lucus Augusti, notificando persoalmente a cada interesado/a que conste como excluído/a na relación provisional a dita circunstancia e os motivos da exclusión, dispoñendo as persoas interesadas dun prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación para os efectos de realizar as alegacións que consideren oportunas.

Se o órgano instrutor advertir que calquera interesado/a que figure excluído/a na relación provisional de integración podería reunir os requisitos necesarios para resultar integrado/a nunha categoría estatutaria diferente a aquela por que optou, comunicarallo á persoa interesada na notificación persoal antes aludida para os efectos de que, si o coida conveniente, poida manifestar a súa vontade ao respecto no citado prazo de dez día hábiles, coa advertencia de que, de non o facer así, se entenderá que persiste na opción manifestada no seu momento.

Recibidas as alegacións, ou transcorrido o prazo sinalado para efectuarlas, o instrutor procederá a elevar a correspondente proposta de resolución á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

3. Finalización. Corresponde ao/á directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde dictar as resolucións individuais que poñan fin ao procedemento, que serán notificadas a cada interesado/a e pronunciaranse sobre a estimación, desestimación, ou inadmisión da solicitude. As resolucións estimatorias conterán, así mesmo, pronunciamento sobre a categoría básica en que resulta integrado/a o/a interesado/a de conformidade co disposto nos anexos I e II, a situación administrativa que corresponda declarar, segundo o caso, e a súa adscrición ao Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, así como a data dos efectos xurídicos e económicos da integración.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución expresa do procedemento será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da entrada en vigor desta orde. De non ter recaído resolución expresa neste prazo, a solicitude entenderase desestimada.

Respecto aos/ás profesionais que non formulen opción expresa de integración, entenderase que optan por non integrarse no réxime estatutario e quedan sometidos/as ao disposto no artigo 6 desta orde.

Artigo 5. Efectos da integración

1. Efectos xurídicos. A integración implicará a adquisición da condición de persoal estatutario fixo dos/as interesados/as, con todos os dereitos e obrigas inherentes á categoría en que resulten integrados/as, quedando sometidos/as á Lei 55/2003, do estatuto marco, e demais normas de aplicación ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

a) Ao persoal que no momento da entrada en vigor desta orde desempeñe postos de traballo de xefatura expediráselles, xunto coa resolución de integración, un nomeamento adicional do mesmo carácter no posto equivalente do réxime estatutario.

b) O persoal funcionario ou laboral que se integre no réxime estatutario será declarado no seu corpo ou escala ou categoría de orixe, segundo o caso, na situación administrativa que lle corresponda de acordo coa normativa aplicable.

2. Efectos económicos. O réxime económico do persoal integrado será o correspondente ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, de conformidade coa Lei 55/2003, do estatuto marco, e demais normativa de aplicación ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

a) Ao persoal que, téndose integrado, percibise con anterioridade retribucións superiores ás correspondentes á categoría de integración, recoñeceráselle un complemento persoal, transitorio e absorbible consistente na diferenza de retribucións.

De conformidade coa normativa orzamentaria, o citado complemento será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza neste exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas de cambio de posto de traballo ou categoría. No caso de que o cambio de posto de traballo ou categoría determine unha diminución das retribucións, manterase o complemento persoal e transitorio inicialmente fixado no momento da integración, á absorción do cal se lle imputará calquera mellora retributiva ulterior, mesmo a que poida derivar de novo cambio de posto de traballo ou categoría.

Para o cálculo do complemento persoal e transitorio en ningún caso se terán en conta as cantidades percibidas en concepto de atención continuada, gardas, complemento de produtividade variable, PRD quendas, gratificacións por servizos extraordinarios, complemento de traballo por quendas, de nocturnidade, de perigosidade, de penosidade ou de toxicidade, horas extraordinarias, acción social, retribucións diferidas, se as houber, así como calquera outro concepto retributivo equiparable aos anteriores, nin as cantidades que en concepto de antigüidade teñan recoñecidas ata a data en que remate o prazo de presentación de instancias.

Xa que logo, o cálculo do complemento persoal transitorio resultará das diferenzas económicas entre as retribucións percibidas como persoal da Administración local, para tal efecto, soldo base, complemento de destino e complemento específico, e as estatutarias que correspondan ao posto estatutario de homologación con motivo da integración, para tal efecto, soldo base, complemento de destino, complemento específico, complemento de produtividade fixa, e PRD non ligado a quendas.

b) Ao persoal que resulte integrado no réxime estatutario respectaráselle, para todos os efectos, a antigüidade que teña no momento da entrada en vigor da presente orde. Os trienios que se lle recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración serano de acordo co previsto no artigo 42 da Lei 55/2003, do estatuto marco.

Artigo 6. Persoal non integrado

Ao persoal comprendido no ámbito de aplicación definido no artigo 2 desta orde que non resulte integrado no réxime estatutario respectaráselle o réxime xurídico e económico que derive da súa situación de orixe, tanto funcionarial como laboral, coa dependencia orgánica e funcional do Servizo Galego de Saúde, de acordo co establecido no artigo 9 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

A prestación de servizos do persoal non integrado adaptarase ás características de funcionamento da institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde onde está adscrito, coa súa plena integración na estrutura e organización do traballo.

Respecto das lagoas que se produzan na regulación dos colectivos, funcionarial e laboral, aplicarase por analoxía a normativa estatutaria do grupo ou categoría de persoal equiparable.

Disposición adicional primeira. Reconversión de prazas

Os postos de traballo de orixe do persoal que resulte integrado no réxime estatutario consideraranse amortizados e reconvertidos nos correspondentes postos estatutarios que determina para cada caso a táboa de homologacións que se inclúe nos anexos I e II desta orde.

As prazas desempeñadas por persoal laboral ou funcionario que non se integre no réxime estatutario e que non estean afectadas polas situacións previstas no artigo 2.1.b) desta disposición decláranse a extinguir. Logo de que fiquen vacantes, producirase a súa amortización e, se é o caso, a súa transformación en prazas de réxime estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Disposición adicional segunda. Persoal temporal

Os postos de traballo vacantes ocupados polo persoal temporal e indefinido non fixo referido no artigo 2.2 desta norma consideraranse amortizados e reconvertidos en prazas de persoal estatutario, polo que o persoal que os ocupa cesará no seu desempeño. No entanto, con efectos do día seguinte ao do cesamento, expediráselle o nomeamento que corresponda para ocupar a equivalente praza de persoal estatutario, co mesmo carácter temporal.

Disposición adicional terceira. Integración na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 26 de decembro de 1986, e na disposición adicional segunda do Decreto 447/1996, do 26 de decembro, ao persoal que se homologue á categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría non lle será exixido o título de formación profesional de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría ou formación profesional de primeiro grao na súa rama sanitaria, sempre que no momento da súa entrada en vigor se encontrase prestando servizos en praza desa categoría, que resulten debidamente acreditados.

Para tal fin, o centro hospitalario expedirá certificación dos servizos prestados de conformidade cos datos resultantes do expediente persoal.

Disposición adicional cuarta. Integración do persoal licenciado sanitario que no momento da transferencia estivese a ocupar os postos de traballo de médico/a, médico/a especialista en medicina familiar, médico/a (pacientes dependentes) ou médico/a de unidade somática

De conformidade co disposto no artigo 3 desta orde, o persoal que no momento da transferencia estivese a ocupar os postos de traballo de médico/a, médico/a especialista en medicina familiar, médico/a (pacientes dependentes) ou médico/a de unidade somática e así fose transferido á Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 216/2010, do 30 de decembro, poderá exercer a opción de integración na categoría estatutaria de médico/a de urxencias hospitalarias ou na de facultativo/a xerarquizado/a de medicina xeral en atención ás funcións que viñan realizando de xeito regular e estable na organización, determinadas polo establecemento de adscrición orixinario.

Deste xeito, o persoal que tivese adscrición ao Hospital Psiquiátrico San Rafael, que se ocupa da atención aos pacientes con patoloxías psiquiátricas de longa estadía, poderá homologarse coa categoría de facultativo/a xerarquizado/a de medicina xeral, e o persoal que tivese adscrición ao Hospital Provincial San José poderá homologarse á categoría de médico/a de urxencias hospitalarias.

En todo caso, será condición imprescindible reunir os requisitos de titulación exixidos pola lexislación vixente para cada categoría de integración.

Disposición adicional quinta. Integración do persoal que no momento da transferencia estivese a ocupar o posto de traballo de coidador/a

De conformidade co disposto no artigo 3 desta orde, o persoal que no momento da transferencia estivese a ocupar o posto de traballo de coidador/a e así fose transferido á Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 216/2010, do 30 de decembro, poderá exercer a opción de integración na categoría estatutaria de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría ou na categoría estatutaria de celador/a, sendo, en todo caso, condición imprescindible reunir os requisitos de titulación exixidos pola lexislación vixente para o acceso á categoría estatutaria en que se pretenda a integración.

Disposición adicional sexta. Integración do persoal que no momento da transferencia estivese a ocupar o posto de traballo de cociñeiro/a

De conformidade co disposto no artigo 3 desta orde, o persoal que no momento da transferencia estivese a ocupar o posto de traballo de cociñeiro/a e así fose transferido á Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 216/2010, do 30 de decembro, poderá exercer a opción de integración na categoría estatutaria de cociñeiro/a ou na categoría estatutaria de pinche, sendo, en todo caso, condición imprescindible reunir os requisitos de titulación exixidos pola lexislación vixente para o acceso á categoría estatutaria en que se pretenda a integración.

Disposición transitoria. Opción por réxime de dedicación normal ou de dedicación exclusiva

O persoal facultativo que pretenda a integración no réxime estatutario exercerá, no momento de presentar a solicitude de integración, a opción polo réxime de dedicación normal ou de dedicación exclusiva ao sector público sanitario coa conseguinte renuncia ou solicitude de percepción do complemento específico, segundo o previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias. A citada opción será resolta polo órgano competente ao mesmo tempo que a solicitude de integración e no prazo establecido nesta disposición.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento e execución

Habilítase a persoa titular da dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa su publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO I
Táboa de homologación do persoal funcionario que resulte integrado no réxime estatutario

Posto de traballo Deputación Provincial de Lugo

Categoría básica de homologación

Director/a (Hospital Psiquiátrico San Rafael)

Facultativo/a especialista de área

Director/a (Hospital Provincial San José)

Médico/a de admisión e documentación clínica

Xefe/a Servizo de Farmacia

Facultativo/a especialista de área

Médico/a cirurxián/á

Facultativo/a especialista de área

Médico/a internista

Facultativo/a especialista de área

Médico/a psiquiatra

Facultativo/a especialista de área

Médico/a esp. medicina familiar

Médico/a de urxencias hospitalarias

Médico/a (1)

Médico/a de urxencias hospitalarias (1)

Facultativo/a xerarquizado/a medicina xeral (1)

ATS rehabilitación

Enfermeiro/a

D.U.E.

Enfermeiro/a

D.U.E. superv. quiróf.

Enfermeiro/a

D.U.E. superv. planta

Enfermeiro/a

Director/a enfermaría

Enfermeiro/a

Coord. aux. enferm.

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Coord. laboratorio

Técnico/a especialista en laboratorio de diagnóstico clínico

Coord. radiodiagnóstico

Técnico/a especialista en imaxe para o diagnóstico

Coord. unid. terapias oc.

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Tc. laboratorio

Técnico/a especialista en laboratorio de diagnóstico clínico

Aux. enferm.-udad. terapias

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Auxiliar enfermaría

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Coidador/a (2)

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría (2)

Celador/a (2)

Psicólogo/a

Psicólogo/a (persoal de xestión e servizos)

Educador/a social

Persoal técnico de grado medio

Cociñeiro/a (3)

Cociñeiro/a (3)

Pinche (3)

Coord. almacén e cociña

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Celador/a

Celador/a

Costureiro/a lav./lenz.

Costureiro/a

Obreiro/a lav./lenz.

Pinche

Auxiliar

Grupo auxiliar da función administrativa

(1) De conformidade coa disposición adicional cuarta desta orde

(2) De conformidade coa disposición adicional quinta desta orde

(3) De conformidade coa disposición adicional sexta desta orde

ANEXO II
Táboa de homologación do persoal laboral que resulte integrado no réxime estatutario

Posto de traballo Deputación Provincial de Lugo

Categoría básica de homologación

Xefe/a servizo de farmacia

Facultativo/a especialista de área

Coordinador/a médicos

Médico/a de urxencias hospitalarias

Médico/a psiquiatra

Facultativo/a especialista de área

Médico/a (pacientes dependentes)

Facultativo/a xerarquizado/a medicina xeral

Médico/a unidade somática

Facultativo/a xerarquizado/a medicina xeral

Médico/a (1)

Médico/a de urxencias hospitalarias (1)

Facultativo/a xerarquizado/a medicina xeral (1)

Psicólogo/a clínico

Facultativo/a especialista de área

D.U.E.

Enfermeiro/a

D.U.E. superv. udad. rehab.

Enfermeiro/a

Tc. laboratorio

Técnico/a especialista en laboratorio de diagnóstico clínico

Auxiliar enfermaría

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Coord. aux. enferm.

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

Coidador/a (2)

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría (2)

Celador/a (2)

Asistente/a social

Traballador/a social

Coord. admisión e a. social

Traballador/a social

Auxiliar asist. social

Grupo auxiliar da función administrativa

Cociñeiro/a (3)

Cociñeiro/a (3)

Pinche (3)

Costureiro/a

Costureiro/a

Terapeuta

Monitor/a

Celador/a

Celador/a

Obreiro/a cociña

Pinche

Obreiro/a lav./lenz.

Pinche

(1) De conformidade coa disposición adicional cuarta desta orde

(2) De conformidade coa disposición adicional quinta desta orde

(3) De conformidade coa disposición adicional sexta desta orde

ANEXO III
Solicitude de integración no réxime estatutario do persoal funcionario de carreira
e laboral fixo transferido á comunidade autónoma de Galicia en virtude
do Decreto 216/2010, do 30 de decembro

Datos do/a solicitante

Apelidos

Nome

DNI

Data de nacemento

Nº de afiliación á S.S.

CNP Código numérico persoal

Enderezo

CP

Localidade

Teléfono

Datos profesionais

Posto de traballo (funcionario de carreira ou laboral fixo):

Centro de xestión:

Desempeño de xefatura: Provisional  Definitivo 

Nomeamento:

Data:

En situación de: (sinálese cun × o que proceda)

Activo Suspensión da relación con reserva de posto

Excedencia voluntaria Outras (especificar)

Titulación académica:

Data de expedición:

O/a solicitante abaixo asinante manifesta seren certos os datos que se fan constar nesta solicitude de integración no réxime estatutario na CATEGORÍA de:

………………………………………………………………………………………………………………………………

Documentación que se achega:

Copia compulsada da titulación académica. Se for o caso, copia compulsada do documento ou título de especialista que posúa ou da certificación prevista no artigo 3 do Real decreto 853/1993, do 4 de xuño, sobre exercicio das funcións de médico de familia no Sistema Nacional de Saúde, que o habilite para exercer a praza que vén desempeñando.

Copia compulsada do nomeamento como funcionario de carreira ou do contrato laboral subscrito no seu día.

No caso do persoal determinado no artigo 5.1.a) desta orde, que no momento da entrada en vigor da mesma estivese a desempeñar postos de traballo de xefatura, copia compulsada do nomeamento, resolución ou documento que o habilite para o exercicio da xefatura.

No caso de persoal con dereito á integración que non se atope en servizo activo, copia compulsada da resolución na que se declare a situación administrativa ou suspensión da relación laboral con dereito a reserva do posto de traballo.

En ……………………………………… o ……….. de ………………………………….. de 20.........

(Sinatura)

Directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde