Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 10 de outubro de 2012 Páx. 38839

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 19 de setembro de 2012 pola que se modifica a Orde do 25 de xaneiro de 2012 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012.

A Orde do 25 de xaneiro de 2012 (publicada no DOG nº 21, do 31 de xaneiro) regula a aplicación en Galicia dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012. Esta orde dispón a aplicación en Galicia dos réximes de axudas directas que, no marco da política agrícola común (PAC), están contidos no Real decreto 202/2012, do 23 de xaneiro, sobre a aplicación a partir de 2012 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría.

Porén, cómpre a modificación da citada orde, á luz dos cambios producidos no marco xurídico comunitario e estatal neste eido. Deste xeito, a Decisión aprobada o 30 de maio de 2012 polo Comité de Xestión de Pagamentos Directos da Comisión Europea, en virtude da cal se permite acurtar a cinco meses o período de retención da vaca nutriz en España, obriga a modificar a Orde do 25 de xaneiro de 2012 no relativo aos períodos de retención establecidos na letra c) do número 1 do artigo 53, e no número 1 do artigo 66.

Por outra banda, o Regulamento (UE) nº 261/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de marzo, que modifica o Regulamento (CE) nº 1234/2007 no que atinxe ás relacións contractuais no sector do leite e dos produtos lácteos, xa xeneraliza a obriga de dispor dun contrato vixente, polo que non procede manter o requisito establecido na letra d) do artigo 61.2.

En consecuencia, conforme o previsto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificar a Orde do 25 de xaneiro de 2012 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2012, como segue:

Un. Modifícase o artigo 53.1 letra c), que queda redactado como segue:

«c) Que manteñan na súa explotación, durante un período de retención mínimo de cinco meses consecutivos, a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude, un número de vacas nutrices polo menos igual ao 60 por cento do número total de animais polo cal solicita a axuda e un número de xovencas que non supere o 40 por cento do citado número total.

No caso de que o cálculo do número máximo de xovencas, expresado en forma de porcentaxe, dea como resultado un número fraccionario de animais, o dito número arredondarase á unidade inferior se é inferior a 0,5 e ao número enteiro superior se é igual ou superior a 0,5».

Dous. A letra d) do artigo 61.2 queda sen contido.

Tres. Modifícase o artigo 66.1, que queda redactado como segue:

«1. Este pagamento concederáselles aos/ás agricultores/as que o soliciten de acordo cos modelos DP1, DA, RS, PA, RG e VC do anexo 1 desta orde e cumpran as condicións establecidas nela e na normativa estatal e comunitaria aplicable. A axuda concederase polas vacas nutrices que manteñan, teñan ou non dereitos de prima, durante un período mínimo de cinco meses consecutivos a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Non se admitirá un número de xovencas superior ao 40 por cento do número total de animais obxecto de subvención».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2012

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar