Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2012 Páx. 39092

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 3 de outubro de 2012 pola que se modifica a Orde do 13 de xullo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras de concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2012.

O Real decreto 457/2010, do 16 de abril (BOE nº 111, do 7 de maio), regula as axudas para a renovación do parque español de maquinaria agrícola pola necesidade de cumprir cos obxectivos de mellorar a eficiencia enerxética para conseguir unha cota de aforro de carburantes asignada ao sector agrario, menor impacto ambiental, reducir as emisións contaminantes á atmosfera e rebaixar os índices de sinistralidade nas actividades agrícolas e forestais.

Estas axudas acóllense ao previsto no artigo 4 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001, o que se lle comunicou, de acordo co estipulado no citado regulamento.

Pola súa banda, a Orde do 13 de xullo de 2010 (DOG nº 136, do 19 de xullo) establece as bases reguladoras de concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas axudas fináncianse con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, así como con outras achegas que para estes mesmos fins puidese facer a Consellería do Medio Rural e do Mar.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto modificar a Orde do 13 de xullo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia, e convocar a concesión das ditas axudas para o ano 2012.

Artigo 2. Modificación da Orde do 13 de xullo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. O artigo 7 das bases reguladoras queda redactado como segue:

«1. As solicitudes de axudas formularanse conforme os anexos que se xuntan a esta e dirixiranse á Consellería do Medio Rural e do Mar. As ditas solicitudes deberán presentarse por calquera dos seguintes medios:

a) En soporte papel, preferentemente nas oficinas agrarias comarcais, nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar ou en calquera dos lugares e nas formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Telematicamente poderá efectuarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lles poida requirir a exhibición dos propios orixinais en calquera momento da tramitación do procedemento.

2. Coa solicitude de axuda achegarase a documentación complementaria establecida na orde e, ademais:

a) Fotocopia cotexada do DNI do solicitante persoa física ou autorización ao órgano instrutor do procedemento para a consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Administracións Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando o recadro de autorización.

b) Se o solicitante é persoa xurídica, fotocopia cotexada do DNI do representante ou autorización ao órgano instrutor do procedemento para a consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Administracións Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando o recadro de autorización e, ademais, deberá presentar fotocopia cotexada do NIF do solicitante.

c) No caso de persoas xurídicas cuxa actividade principal é a produción agraria, fotocopia cotexada do DNI de todos os socios ou autorización ao órgano instrutor do procedemento para a consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Administracións Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando o recadro de autorización.

d) Fotocopia da cartilla agrícola e ficha técnica do tractor ou máquina automotriz vella para desmantelar, e fotocopia da cartilla agrícola e certificado de características técnicas no caso de que se desmantelen máquinas de aplicación de produtos fitosanitarios ou de distribución de fertilizantes.

e) Unha factura pro forma do novo tractor ou máquina que se adquira, na cal deberá figurar a marca, modelo e prezo neto sen IVE.

f) Fotocopia cotexada dos estatutos e documentos de constitución do solicitante persoa xurídica en que deberá figurar o selo do rexistro coa a súa inscrición, de ser o caso.

g) No caso de empresas de servizos agrarios, certificado da Axencia Tributaria que recolla a alta na actividade de prestación de servizos agrarios.

h) Para xustificar que o tractor ou máquina vella para desmantelar está vinculada á mesma explotación do solicitante, deberá achegar unha ou algunha da seguinte documentación, segundo o caso:

– Fotocopia cotexada de transmisión ou cambio do titular da explotación, ou fotocopia de certificado de defunción, de invalidez, de xubilación, ou do libro de familia, certificado de convivencia, certificado de empadroamento ou certificado de inscrición do Rexistro de Parellas de Feito do seu anterior titular, ou, nos casos de primeira incorporación dos/as mozos/as á titularidade ou cotitularidade da explotación agraria, unha fotocopia da súa incorporación.

i) Se o titular do tractor ou máquina agrícola vella para desmantelar é socio da cooperativa ou SAT, certificado de pertencer a ela.

j) Certificado de emisión de gases contaminantes do tractor novo, de ser o caso.

k) Declaración doutras axudas solicitadas para a mesma finalidade.

l) Informe da vida laboral na actividade agraria das persoas que traballan na explotación agraria.

m) Se o solicitante é unha persoa física titular de explotación agraria, fotocopia cotexada da última declaración da renda e informe da vida laboral na actividade agraria.

n) Se o solicitante é unha persoa xurídica titular da explotación agraria, deberá achegar fotocopia cotexada do último exercicio da declaración de imposto de sociedades e da declaración da renda e informe da vida laboral na actividade agraria de, polo menos, o 50 % dos socios.

ñ) No caso de que o solicitante persoa física teña unha explotación con titularidade compartida, deberá achegar do cónxuxe ou parella de feito o informe da vida laboral, a última declaración da renda e a fotocopia cotexada do DNI ou autorización ao órgano instrutor do procedemento para consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Administracións Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando o recadro de autorización e, ademais, deberá presentar a fotocopia cotexada do libro de familia ou o certificado de inscrición no Rexistro de Parellas de Feito.

3. A presentación da solicitude de axuda polas persoas ou entidades interesadas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Recibidas as solicitudes, examinaranse os documentos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requirirase, conforme o artigo 71 da LRXAP-PAC, o interesado para emendar os erros ou xuntar a documentación preceptiva no prazo de dez días hábiles, considerándose que desistiu da súa solicitude en caso contrario, logo de resolución en tal sentido».

Dous. O artigo 14 das bases reguladoras queda redactado como segue:

«No suposto de tractores de época ou históricos de máis de 30 anos de antigüidade, con valor de colección ou susceptibles de exposición en museos, poderase substituír o seu desmantelamento pola entrega a unha entidade ou asociación legalmente constituída, en cuxos estatutos se recolla esta actividade, que deberá emitir un certificado no cal conste o valor de colección ou exposición en museos que garanta a súa retirada da actividade agraria, e darase de baixa no ROMA cunha anotación de vehículo histórico. No caso de que a entrega á asociación consista nunha cesión para efectos museísticos ou de conservación, pero que non se produza a transmisión efectiva da propiedade do tractor e que a asociación non dispoña dun local para a recepción deste, o tractor poderá quedar na explotación do titular sempre que o titular proceda á matriculación como vehículo histórico ao seu nome e que no certificado que achegue a asociación se faga constar que dispón a cesión do vehículo para as actividades propias dun vehículo de exhibición no ámbito das actuacións desta».

Artigo 3. Convocatoria

1. Mediante a presente orde convócase a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

2. Nos aspectos non previstos na presente orde será aplicable o disposto no Real decreto 457/2010, do 16 de abril, polo que se regula a concesión de axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu Regulamento executivo, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 19 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4. Solicitudes, xestión e xustificación

1. As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2012 formularanse conforme os modelos que se xuntan nesta orde, anexos I, II, III, IV, V, VI, VII, VIII e anexo complementario. O procedemento de xestión e xustificación das axudas será o establecido con carácter xeral na Orde do 13 de xullo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras de concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia, coas modificacións introducidas no artigo 2 desta orde.

2. As solicitudes que foron desestimadas na convocatoria do ano 2011 por falta de orzamento poderán ser presentadas novamente segundo o modelo do anexo V desta orde.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo día ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 6. Financiamento

O financiamento das axudas reguladas nesta orde efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012. Será de 315.798,26 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 16.22.713C.770.2 (código proxecto 200800429); de 50.467,28 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 16.22.712C.770.1 (código proxecto 200700425), e de 520,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 16.22.712C.770.0 (código proxecto 200209800), que se poderán incrementar, con xeración, ampliación ou incorporación de créditos, con fondos adicionais e con outros remanentes orzamentarios.

Artigo 7. Xustificante de cumprimento das obrigas

Quedan exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas os solicitantes das axudas especificadas na Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Artigo 8. Publicación oficial

1. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas ou entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web. Tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file