Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 16 de outubro de 2012 Páx. 39357

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de outubro de 2012 pola que se modifica a Orde do 24 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva das axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

O 3 de maio de 2012 (DOG nº 84) publicouse a Orde desta consellería do 24 de abril de 2012 pola que se convocaban axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

No artigo 9.2º da orde que se modifica, facíase constar como límite de xustificación da primeira anualidade «antes do 1 de novembro de 2012», e da segunda anualidade «antes do 1 de novembro de 2013».

Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo volume de solicitudes e os atrasos experimentados na tramitación das emendas, co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que iso cause prexuízos a terceiros, considérase necesario introducir modificacións no artigo 9.2º da citada orde.

Faise preciso, como consecuencia do indicado, que a data de xustificación varíe, de xeito que o prazo de xustificación da primeira anualidade quede fixado ata o 1 de decembro de 2012, inclusive; pola súa vez, a data de xustificación da segunda anualidade non variaría.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do prazo de xustificación

Modíficase o artigo 9.2º da Orde do 24 de abril de 2012, que queda redactado do seguinte xeito:

«A contía correspondente á primeira anualidade librarase ata o 1 de decembro de 2012, inclusive, tras a aceptación da axuda por parte do beneficiario e da entrega dunha fotocopia compulsada do contrato asinado co tradutor, que terá data posterior á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, así como do aval a que fai referencia o punto 2 deste artigo. Para o pagamento da segunda anualidade debe presentarse, antes do 1 de novembro de 2013, a factura, xunto co xustificante do pagamento realizado ao tradutor, así como 5 exemplares da tradución editada».

O resto do citado artigo permanece sen variacións.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria