Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 19 de novembro de 2012 Páx. 43335

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 219/2012, do 31 de outubro, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Arbo, As Neves e A Cañiza.

O día 4 de abril de 2008 tivo entrada, no rexistro da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, un escrito do Concello de Arbo coa certificación do acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local, en sesión ordinaria que tivo lugar o día 13 de decembro de 2007, sobre o inicio do expediente de delimitación territorial dos termos municipais nos límites de Arbo, As Neves e A Cañiza.

Con posterioridade, o Concello de Arbo achega o expediente instruído relativo ao deslindamento dos termos municipais de Arbo, As Neves e A Cañiza, respecto do que non existiu acordo na actuación compartida na reunión do día 17 de setembro de 2009 e solicitou a continuación a tramitación preceptiva do expediente.

O 8 de febreiro de 2010, recíbese escrito do Concello da Cañiza no que expón que o deslindamento proposto non afecta o seu termo municipal máis que polo feito de ter marcos comúns (M21 e M20), polo que non efectúa ningunha proposta por entender que non se ve afectada a súa liña divisoria

O día 10 de maio de 2010, entrou no rexistro xeral da Xunta de Galicia un escrito do Concello das Neves mediante o que se remitía a acta de deslindamento separada da Comisión Municipal, na que propón como liña divisoria a reflectida na Acta de deslindamento con data do 25.8.1938.

O expediente de deslindamento tramitouse de conformidade co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais.

Durante a dita tramitación non existiu acordo entre os concellos de Arbo e das Neves. A discrepancia entre ambos os concellos estriba na interpretación sobre o terreo dos acordos recollidos nas actas de deslindamento de 1889 e de 1938, e a zona en conflito esténdese polo trazado da liña de delimitación desde A Casiña dos Mouros (marco 1) ata Pedra que Bole (marco 2) recollidos na Acta levantada por ambos os concellos o 18 de novembro de 1889, mentres que na Acta levantada polo Instituto Xeográfico e Catastral os días 25 e 26 de agosto de 1938, recolle entre o marco 1 e o marco 2 un punto intermedio no lugar coñecido como Chan do Padrón, neste caso, a liña de termo viría determinada pola divisoria de augas das Serras de Chan do Rei onde ambos os marcos se atopan situados.

O Concello de Arbo manifesta fundamentar a súa proposta na Acta do 18 de novembro de 1889, subscrita por ambos os concellos, e feita en virtude do Real decreto do Ministerio de Facenda de 1889 que propón como liña límite, no tramo en litixio, a que se describe nela entre os marcos 1 e 3. A proposta baséase tamén en dous informes, un elaborado por un enxeñeiro de camiños, canles e portos e outro polo Centro Nacional de Información Xeográfica, organismo autónomo dependente do Ministerio de Fomento, de alcance estritamente técnico e realizado en réxime de dereito privado por petición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Cabeiras, pertencente ao Concello de Arbo.

A xeometría da proposta concrétase en documentación gráfica a escala 1/5000, incluído un novo informe con data do 10 de outubro de 2010 que inclúe coordenadas UTM no sistema xeodésico de referencia ED50, fuso 30 dos marcos 1, 2, 3, da acta de 1889 indicándose que «non se descarta a necesidade dalgún axuste despois da intervención do IXN».

As coordenadas obtidas polo Instituto Xeográfico Nacional para estes mesmos marcos difiren das que figuran no informe presentado polo Concello de Arbo, sendo a diferenza notable na coordenada Y YTM do marco 2.

Unha vez transformadas as coordenadas ED50 que figuran no dito informe ao sistema xeodésico de referencia ETRS89, a liña defendida por Arbo representouse sobre una ortofotografía do ano 2004, a escala 1/5000, no sistema xeodésico de referencia ETRS89, proxección UTM, fuso 29.

Segundo consta no informe do Instituto Xeográfico Nacional, deben facerse as seguintes consideracións sobre a devandita proposta:

A Acta de 1889, a pesar da súa antigüidade e de non ir acompañada de datos topográficos, é perfectamente interpretable hoxe en día, dado que nela se describe a liña límite na zona de litixio como a poligonal definida polos tres primeiros marcos, cuxas posicións poden localizarse sobre o terreo de forma inequívoca, xa sexa a partir da descrición que figura na propia acta (caso do marco 3) ou con axuda dos datos topográficos do caderno de campo asociado á acta de 1938 (caso dos marcos 1 e 2), posto que os marcos 1 e 2 da Acta de 1889 coinciden, respectivamente, cos marcos 1 e 3 da Acta de 1938.

O Concello das Neves basea a súa proposta na Acta levantada polo Instituto Xeográfico e Catastral os días 25 e 26 de agosto de 1938 propoñendo como liña límite no tramo en litixio a que se describe entre os marcos 1 e 6. Considérase que a Acta de 1889 non concreta topograficamente a liña divisoria entre os dous termos municipais e que a Acta de 1938 non se aparta no fundamental da liña de delimitación fixada no ano 1889, senón que resulta complementaria, ao gozar dunha concreción maior na súa descrición gráfica e escrita.

Segundo consta no informe do Instituto Xeográfico Nacional, deben facerse as seguintes consideracións sobre a devandita proposta:

O Concello das Neves, aínda que formalmente basea a súa proposta na Acta de 1938, as coordenadas que se asinan aos marcos 1, 2 e 4 no informe que a concreta xeometricamente, corresponden a fitos presumiblemente de deslindamento de Montes situados nas proximidades dos auténticos marcos 1, 2 e 4 da acta de 1938.

O Instituto Xeográfico Nacional emite con data do 21 de febreiro de 2011 o preceptivo informe segundo o disposto no artigo 44 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

O día 8 de xullo de 2011, recibiuse no rexistro da Dirección Xeral de Administración Local o informe da Deputación Provincial de Pontevedra acorde co informe do Instituto Xeográfico Nacional.

Con data do 25 de xuño de 2012, a Comisión Galega de Delimitación Territorial aproba por unanimidade o informe proposta da Dirección Xeral de Administración Local.

A motivación da resolución deste expediente reside nos seguintes fundamentos xurídicos:

1. De conformidade co disposto nos artigo 41 e 44.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, os conflitos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslindamento dos seus termos serán resoltos polo Consello de Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da Deputación Provincial respectiva e da Comisión Galega de Delimitación Territorial e do ditame do Consello Consultivo.

No expediente de deslindamento dos termos municipais de Arbo e As Neves, obsérvase que existe un claro desacordo entre ambos os municipios ao respecto. Este suposto de feito está comprendido dentro da definición que o Consello Consultivo de Galicia, seguindo a doutrina do Consello de Estado, realizou no seu ditame número 35 do 17 de marzo de 2000, onde sinala que deslindar é identificar e distinguir os lindeiros reais que separan dous ou máis termos municipais, por non mediar acordo e existir discrepancias ou contradicións sobre os lindeiros sinalados nunha acta de deslindamento anterior ou entre os declarados por actas precedentes e sucesivas no tempo.

En consecuencia, é necesaria a intervención do Consello da Xunta de Galicia para resolver o conflito, ao abeiro do artigo 44.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A resolución deste expediente polo Consello da Xunta de Galicia non menoscaba os dereitos dos concellos afectados, pois estes conservan o dereito a obter un pronunciamento xurisdicional sobre a controversia relativa á liña límite entre os seus termos municipais.

3. Entre a documentación que consta neste expediente de deslindamento unicamente figuran dous documentos que recollan acordo entre as partes respecto dos seus límites de xurisdición:

– A acta de deslindamento, de data 18 de novembro de 1889, levantada por ambos os dous concellos en cumprimento do Real decreto, do 30 de agosto de 1889, do Ministerio de Facenda.

– A acta levantada polo Instituto Xeográfico Catastral os días 25 e 26 de agosto de 1938, depositada no Arquivo do Rexistro Central de Cartografía do Instituto Xeográfico Nacional.

Segundo se desprende da reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo, nos deslindamentos xurisdicionais deben, ante todo, terse en conta os documentos que se refiran a deslindamentos anteriores, practicados de conformidade entre os municipios interesados, e só na falta de documentos comprensibles referentes a deslindamentos anteriores deben terse en conta aqueles outros que, aínda non sendo de deslindamento, indiquen ou reflictan dun modo preciso a situación dos terreos en cuestión, así como, por último, os que se refiren a predios o herdanzas que se atopen situadas en terreo litixioso e dos que poida deducirse con certeza a cal das partes favorece a posesión de feito (sentenzas do 23 de outubro de 1902, do 20 de marzo e do 15 de novembro de 1928, do 4 de xuño de 1941, do 30 de outubro de 1979, do 26 de febreiro de 1983, do 10 de decembro de 1984, entre outras).

A aplicación destes criterios xurisprudencias lévanos a considerar, en primeiro lugar, a Acta do 18 de novembro de 1889, posto que este é o documento máis antigo dos arriba sinalados que recolle a avinza entre os concellos respecto dos seus límites de xurisdición. A dita acta, segundo o Instituto Xeográfico Nacional, a pesar da súa antigüidade e de non ir acompañada de datos topográficos, permite localizar sobre o terreo, e de forma inequívoca, a posición dos tres primeiros marcos, xa sexa a partir da descrición que figura na propia acta de 1889 (caso do marco 3) ou con axuda dos datos topográficos do caderno de campo asociado á Acta de 1938 (caso dos marcos 1 e 2), posto que os marcos 1 e 2 da Acta de 1889 coinciden, respectivamente, cos marcos 1 e 3 da acta de 1938.

O marco primeiro é común aos termos municipais de Arbo, As Neves e A Cañiza e atópase no punto nomeado A Casiña dos Mouros.

O marco segundo é un fito de granito de sección rectangular, cuns lados que miden cincuenta e cinco centímetros e trinta centímetros respectivamente cunha altura dun metro e cincuenta centímetros. Ten gravado na súa cara sur «MP» «324» e «33»; na súa cara leste «159» «C» «161» e «235»; na súa cara oeste «MP» «327» e «T» e na súa cara superior unha cruz e unha raia ou fendedura. Este marco atópase situado a dous metros e oitenta centímetros ao sueste da cruz situada máis ao sur, de entre as varias que aparecen gravadas sobre a Pedra que Bole.

O marco terceiro é un fito de granito de sección rectangular, cuns lados que miden corenta centímetros e vinte centímetros respectivamente, cunha altura dun metro e sesenta centímetros. Ten gravado na súa cara leste «MP» «161» e «230»; na súa cara oeste «MP» «324» e «38» e na súa cara superior unha raia ou fendedura. Este marco atópase situado a nove metros e vinte e cinco centímetros da esquina noroeste da ermida de San Fins.

Todos os traballos de campo se calcularon en coordenadas UTM, fuso 29 e sistema xeodésico de referencia ETRS89.

4. O Instituto Xeográfico Nacional e a Deputación Provincial de Pontevedra estimaron nos seus preceptivos informes, e a Comisión Galega de Delimitación Territorial da Xunta de Galicia aprobou por unanimidade, que a liña límite xurisdicional entre os termos municipais de Arbo e As Neves na zona litixiosa sexa a que se recolle na Acta de deslindamento subscrita por ambos os concellos o día 18 de novembro de 1889 por tratarse do primeiro acordo asinado conxuntamente, interpretable ou comprensible hoxe en día á luz da documentación dispoñible.

Coa motivación exposta nos parágrafos anteriores, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de outubro do dous mil doce,

DISPOÑO:

Primeiro. Resolver a cuestión suscitada entre os concellos de Arbo, As Neves e A Cañiza sobre o deslindamento dos seus termos municipais no sentido de establecer que a liña límite xurisdicional entre os termos municipais de Arbo e As Neves, na zona litixiosa, sexa a que se recolle na Acta levantada por ambos os concellos o día 18 de novembro de 1889, segundo a proposta realizada polo Instituto Xeográfico Nacional e definida polas coordenadas que constan como anexo I a este decreto e, tal e como se representa no ortofotomapa escala: 1:5.000 do Instituto Xeográfico Nacional que figura como anexo II deste decreto.

Segundo. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra este decreto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1988, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, trinta e un de outubro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

A continuación relaciónanse as coordenadas UTM, nos sistemas xeodésicos de referencia ETRS89 e ED50, proxección UTM, fuso 29, dos marcos que concretan xeometricamente a liña límite proposta polo Instituto Xeográfico Nacional:

Marco

X ED50

Y ED50

X ETRS89

Y ETRS89

Liña límite ao marco anterior

M.1=M3T

553461.4

4666709.9

553586.5

4666925.1

M.2

553017.6

4664922.3

553142.7

4665137.5

Liña recta

M.3

553425.4

4663681.6

553550.5

4663896.8

Liña recta

ANEXO II

missing image file