Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 27 de decembro de 2012 Páx. 47965

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de decembro de 2012 pola que se publica a modificación dos estatutos do Consorcio do Casco Vello de Vigo.

O artigo 151.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, establece que o procedemento para a modificación dos estatutos dun consorcio local se regulará polo disposto no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, para a modificación dos estatutos das mancomunidades. En cumprimento do disposto no citado precepto, a presidenta do Consorcio remitiulle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación dos estatutos deste Consorcio observouse a seguinte tramitación:

– O Pleno do Consorcio do Casco Vello de Vigo, en sesión do día 31 de maio de 2012, acordou, por unanimidade dos seus membros, aprobar a modificación dos estatutos do Consorcio.

– O referido acordo someteuse a información pública en cumprimento do artigo 143.1.b) da Lei de Administración local de Galicia, mediante edicto publicado no Boletín Oficial da provincia do 13 de xuño de 2012, sen que contra el e no prazo dun mes se presentase ningunha alegación. Simultaneamente remitíuselle o acordo á Deputación Provincial de Pontevedra e á Consellería de Presidencia, que emitiron informe favorable.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes do Consorcio aprobaron o acordo de modificación dos estatutos do Consorcio e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de modificación dos seus estatutos.

– Os devanditos acordos relativos á modificación dos estatutos do Consorcio do Casco Vello de Vigo adoptáronos as entidades integrantes del nas seguintes datas:

O 20 de setembro de 2012, o Consello da Xunta, e o 24 de setembro de 2012, o Pleno do Concello de Vigo.

Finalmente, o 23 de novembro de 2012, a presidenta do Consorcio do Casco Vello de Vigo remitiu a documentación íntegra anteriormente sinalada á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para publicación da modificación dos seus estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar a modificación dos estatutos do Consorcio do Casco Vello de Vigo como anexo a esta orde.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos do Consorcio do Casco Vello de Vigo

TÍTULO I
Natureza, obxecto e domicilio

Artigo 1. Constitución

O Consorcio Casco Vello de Vigo, creado en virtude do convenio do 3 de febreiro de 2005, subscrito pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, o Concello de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo e modificado polo convenio do 1 de outubro de 2007, constitúe una entidade consorciada (asociada) de carácter interadministrativo integrada pola Xunta de Galicia, a través do IGVS, e o Concello de Vigo.

Artigo 2. Natureza

O Consorcio regulado nestes estatutos constitúe unha entidade local de dereito público de carácter asociativo, dotada de personalidade xurídica independente da dos seus membros, patrimonio propio, administración autónoma e tan ampla capacidade xurídica de dereito público e de dereito privado como requira a realización dos seus fins. O Consorcio rexerase por estes estatutos e polo previsto na normativa específica que lle resulte de aplicación.

Artigo 3. Obxecto

O Consorcio constitúese co obxecto de articular a cooperación económica, técnica e administrativa entre as administracións consorciadas (asociadas), co propósito de exercer de forma conxunta e coordinada os fins que lle son propios.

Artigo 4. Fins

1. O fin esencial do Consorcio é levar a cabo, de acordo coas previsións do Plan especial de protección e reforma interior (PEPRI) do Casco Vello de Vigo, unha serie de actuacións e intervencións que contribúan ao proceso de recuperación da súa Área de Rehabilitación Integrada (ARI), mediante a adquisición de terreos ou mediante a adquisición de construcións para a súa posterior rehabilitación, ou calquera actividade que poida ter por obxecto a rehabilitacion do casco vello.

A rehabilitación dos inmobles realizarase tendo en conta que terán como destino prioritario o de vivendas preferentemente acollidas a algún réxime de protección pública. En todo caso, algúns inmobles poderanse destinar a outros usos ou dotacións públicas.

2. Serán actuacións do Consorcio:

a) Xestionar a adquisición dos edificios e soares.

b) Contratación da redacción dos proxectos de rehabilitación e urbanización.

c) Contratación da execución das obras de rehabilitación, construción e urbanización.

d) Contratación das obras de urbanización e adecuación dos espazos resultantes.

Artigo 5. Atribucións

1. O Consorcio, para a execución do fin sinalado, poderá desenvolver as seguintes actuacións:

a) Elaboración e tramitación dun plan de actuación que defina as directrices da política que seguir, a programación dos obxectivos e a supervisión dos correspondentes proxectos.

b) Realizar cantos contratos ou convenios con persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, sexan precisos para o desenvolvemento dos seus fins.

c) A captación de cantos recursos económicos sexan necesarios para o financiamento das actividades e plans propios do Consorcio.

d) Dentro da esfera das súas competencias poderá exercer a potestade tributaria referida ao establecemento de taxas; así mesmo, poderá fixar prezos públicos.

e) Calquera outra que, con suxeición á lexislación vixente, poida garantir o cumprimento do fin sinalado.

2. O Consorcio, para a consecución do fin asignado, ademais de resultar beneficiario das expropiacións que pola súa instancia instrúa o Concello de Vigo, poderá realizar toda clase de actos de xestión e disposición: adquirir, allear, posuír, reivindicar, permutar, gravar e hipotecar todo tipo de bens; aceptar legados e doazóns; obrigarse e establecer contratos de calquera natureza; concertar créditos; executar accións e interpor recursos de toda clase, todo iso dentro dos límites e con suxeición aos presentes estatutos e ao ordenamento xurídico vixente.

En todo caso poderá vender os bens, co acordo do Consello de Administración, directamente a unha Administración pública.

O produto obtido da explotación ou alleamento dos inmobles aplicarase no financiamento das actividades de recuperación do casco vello propias do Consorcio.

3. As actuacións desenvolveranse con economía e eficiencia e baixo os criterios de economía, racionalidade, eficacia e rendibilidade na xestión, así como os de publicidade, transparencia e concorrencia e obxectividade na explotación e alleamento, no que resulte compatible co cumprimento dos fins de utilidade pública e interese social do Consorcio e a política de vivenda definida por parte das administracións competentes.

4. Na imaxe corporativa do consorcio, anuncios e actos de carácter público que realice o consorcio estarán representadas as administracións consorciadas (asociadas).

Artigo 6. Duración

1. Sen prexuízo do disposto nestes estatutos sobre a súa disolución, o Consorcio manterase vixente ata o 30 de decembro de 2017. Poderá ser prorrogada a súa vixencia, dentro dos seis meses anteriores á data da súa disolución, por transcurso do prazo legal de existencia por convenio entre as partes. No dito convenio determinarase o período de prórroga e os efectos acordados para esta.

2. Se fose o caso de que se entendesen terminadas as actuacións que constitúen o seu obxecto social, a finalidade do Consorcio e do convido entenderase cumprida, e procederase á súa disolución. Será competencia de cada ente consorciado a xestión ou adxudicación dos edificios, locais ou vivendas resultantes en función do seu uso, tendo en conta as achegas feitas.

Artigo 7. Domicilio

O Consorcio fixa a súa sede na cidade de Vigo e o seu domicilio provisional na praza da Princesa, sen prexuízo de que o Consello de Administración o sitúe definitivamente dentro do ámbito territorial en que se levarán a cabo os fins previstos.

Sen prexuízo do disposto anteriormente, os seus órganos colexiados poderán reunirse, cando así o acorden expresa e xustificadamente, en lugar distinto ao do domicilio.

Artigo 8. Membros

1. Como entidade de dereito público de carácter asociativo, o Consorcio constitúeno como membros fundadores as administracións citadas no artigo 1 e que subscribiron o convenio de prórroga. As súas respectivas participacións, representativas das súas achegas quedaron fixadas nas seguintes porcentaxes:

– Instituto Galego da Vivenda e Solo: noventa por cento (90 %).

– Concello de Vigo: dez por cento (10 %).

2. A incorporación de novos membros realizarase tras a solicitude destes e logo de aceptaren as condiciones de admisión e achegas que, de ser o caso, o Consorcio estableza. A dita incorporación será efectiva logo de aceptaren de xeito fidedigno as ditas condicións e estes estatutos e logo de subscribir e modificar o convenio vixente nese momento.

Artigo 9. Coordinación interadministrativa

No exercicio das súas funcións, o Consorcio procurará en todo momento a coordinación da súas actuacións coa Administración municipal do Concello de Vigo e cos órganos competentes da Administración da comunidade autónoma en materia de vivenda ou cos organismos autónomos ou entes públicos dependentes ou vencellados a estas administracións, todo isto co fin de lograr a maior coherencia e eficiencia nas actuacións que se leven a cabo.

TÍTULO II
Organización e réxime xurídico

Capítulo I
Organización

Artigo 10. Órganos

A estrutura organizativa do Consorcio constitúena os seguintes órganos:

a) Presidencia do Consorcio.

b) Vicepresidencia.

c) Consello de Administración.

d) Comité Executivo.

e) Xerencia.

Sección 1ª. Presidencia e Vicepresidencia do Consorcio

Artigo 11. Designación

1. A Presidencia do Consorcio será exercida pola persoa titular da consellería con competencias en materia de vivenda, podendo este nomear a outra persoa para desempeñar o cargo que, en todo caso, debe recaer nun membro do consello.

2. Desempeñará a vicepresidencia un membro do consello en representación do Concello de Vigo.

Artigo 12. Atribucións da Presidencia

Correspóndenlle á Presidencia do Consorcio as seguintes atribucións:

a) Exercer a representación legal e institucional do Consorcio ante calquera entidade e institución de dereito público ou privado, así como persoa física ou xurídica e conferir as autorizacións de representación necesarias.

b) Presidir as reunións do Consello de Administración, ordenar a convocatoria das súas sesións, fixar a orde do día e dirixir as deliberacións.

c) Velar polo exacto cumprimento dos preceptos dos estatutos, dos acordos adoptados polo Consello de Administración e, en xeral, das normas legais aplicables en cada caso.

d) Exercer, nos casos de urxencia, as accións xudiciais e administrativas precisas para a defensa dos dereitos do Consorcio, dándolle conta ao Consello de Administración na primeira sesión que teña lugar.

e) Autorizar e dispoñer os gastos correntes incluídos no orzamento ata o límite máximo que se determine nas bases de execución do orzamento en cada exercicio. Aceptar as subvencións, dándolle conta ao Consello de Administración. Actuará como órgano de contratación naqueles contratos cuxo prezo non supere os 60.000 euros.

f) Recoñecer e liquidar obrigas e ordenar pagamentos.

g) Aprobar transferencias e xeracións de créditos nas contías que determine o Consello de Administración.

h) Aprobar a liquidación do orzamento e a incorporación de remanentes.

i) Inspeccionar os servizos do consorcio e exercer a alta xefatura administrativa.

j) Autorizar, co seu visto e prace, as actas das reunións, as certificacións e as contas e inventarios de bens.

Artigo 13. Atribucións da Vicepresidencia

O vicepresidente substituirá o presidente na totalidade das súas funcións nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Así mesmo, asumirá as atribucións da presidencia que con carácter temporal ou permanente lle sexan expresamente delegadas pola Presidencia.

Sección 2ª. Consello de Administración

Artigo 14. Función e composición

1. O Consello de Administración é o órgano colexiado superior que goberna e dirixe o Consorcio e establece as súas directrices de actuación.

2. O Consello de Administración estará composto por representantes das entidades consorciadas, de acordo coa seguinte distribución:

A persoa que exerza a Presidencia.

O/a concelleiro/a que exerza a competencia de urbanismo no ámbito do casco vello.

Tres concelleiros representantes do Concello de Vigo, elixidos polo Pleno en representación dos partidos políticos con presencia na Corporación municipal.

Catro representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo designados pola súa Presidencia.

3. As entidades consorciadas designarán as persoas suplentes da súa representación no Consello de Administración, que substituirán as titulares en caso de inasistencia.

4. Asistirán con voz pero sen voto ás sesións do Consello de Administración o xerente, o secretario e o interventor do Consorcio.

5. O cargo de conselleiro non será retribuído, sen prexuízo das indemnizacións por asistencia ás sesións dos órganos colexiados que o Consello de Administración poida determinar.

Artigo 15. Competencias do Consello de Administración

1. Correspóndenlle ao Consello de Administración as seguintes competencias:

a) Exercer o goberno e a dirección superior de todos os servizos do consorcio.

b) Aprobar inicialmente e propoñerlles ás administracións consorciadas/asociadas as modificacións dos estatutos do Consorcio e das achegas dos seus membros.

c) Aprobar a incorporación de novos membros do Consorcio, así como a separación e a fixación da súas achegas, establecendo as condicións en que deberá levarse a cabo a dita incorporación e separación.

d) Aprobar a proposta dirixida ás administracións consorciadas/asociadas para a disolución do Consorcio e acordar, de ser o caso, a liquidación e distribución do seu patrimonio de acordo cos presentes estatutos e a lexislación aplicable.

e) Aprobar o regulamento orgánico e de funcionamento interno do Consorcio.

f) Aceptar as funcións encomendadas ao Consorcio por parte das entidades consorciadas ou de calquera Administración pública.

g) Aprobar o orzamento anual do Consorcio, os plans e programas de actuación, investimento e financiamento.

h) Aprobar as contas anuais previstas na lexislación vixente.

i) Establecer a estrutura organizativa dos servizos do Consorcio de acordo cos criterios de eficacia e eficiencia, que coadxuve á consecución dos fins do Consorcio.

j) O seguimento, avaliación e control da actividade do Consorcio e do cumprimento dos compromisos adoptados polos seus membros.

k) Designar e cesar o xerente e determinar as condicións para a prestación dos seus servizos por proposta do presidente.

l) Aprobar o cadro de persoal, a relación de postos de traballo existentes na súa organización, as bases das probas para a selección de persoal, os concursos de provisión de postos de traballo e a oferta de emprego do consorcio, todo isto de conformidade coa normativa vixente.

m) Actuar como órgano de contratación naqueles contratos cuxo prezo supere os 60.000 euros.

n) Autorizar e dispoñer gastos dentro dos límites orzamentarios determinados nas bases de execución do orzamento anual.

ñ) Recibir, facerse cargo e administrar, coas limitacións que a lexislación vixente estableza, os bens do consorcio, así como os procedentes de legados ou doazóns.

o) Adquirir e allear toda clase de bens mobles e inmobles no ámbito dos fins propios do consorcio.

p) Aprobar o exercicio de toda clase de accións administrativas e xudiciais.

q) Concertar operacións de crédito a medio e longo prazo, así como operacións de tesouraría.

r) Establecer as indemnizacións pola asistencia ás sesións dos órganos colexiados do Consorcio.

s) Calquera outra competencia que non estea atribuída especificamente a outros órganos.

Sección 3ª. Comité Executivo

Artigo 16 . Composición

O Comité Executivo do Consorcio, como órgano de asistencia permanente á presidencia no exercicio das súas funcións, estará integrado por:

O/a presidente/a do Consorcio.

O/a vicepresidente/a.

Dous representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo e un representante do Concello de Vigo, membros todos do Consello de Administración.

Ás súas sesións asistirán, con voz pero sen voto, o/a secretario/a, o/a interventor/a e o/a xerente/a.

Artigo 17. Nomeamento

Os membros representantes de cada unha das entidades consorciadas/asociadas serán nomeados polo seu presidente por proposta dos representantes das respectivas entidades consorciadas.

A proposta que se formule deberá incluír a designación de suplentes.

A proposta deberá elevarse á Presidencia dentro dos quince días seguintes a aquel en que se produciu a correspondente vacante.

En caso de que non exista acordo entre as representacións das entidades consorciadas para formular a citada proposta, transcorrido o prazo establecido no parágrafo anterior, a Presidencia nomeará como membro do comité executivo unha/un dos representantes da correspondente entidade consorciada/asociada no Consello de Administración.

Artigo 18. Atribucións

Ademais da asistencia permanente á Presidencia no exercicio da súas funcións, o Comité Executivo desenvolverá as funcións que lle deleguen a Presidencia ou o Consello de Administración.

Artigo 19. Quórum

A adopción de acordos sobre materias obxecto de delegación polo Consello de Administración requirirá a mesma maioría que a prevista para a súa aprobación por este órgano.

Artigo 20. Réxime xurídico

No non previsto nas anteriores normas observarase o disposto nas normas que rexen a Xunta de Goberno municipal, na normativa reguladora do réxime local.

Sección 4ª. Xerencia do Consorcio

Artigo 21. Xerente

1. Correspóndelle ao Consello de Administración acordar a designación e o cesamento da persoa que desempeñe a xerencia do Consorcio, así como aprobar o contrato de traballo, de ser o caso, que especificará o réxime xurídico a que queda sometida.

2. O cargo de xerente do Consorcio deberá recaer sobre persoa tecnicamente cualificada.

3. A retribución do xerente do Consorcio será establecida polo Consello de Administración ao aprobar o contrato de traballo correspondente.

Artigo 22. Funcións e atribucións

1. O xerente dirixe a xestión e administración do Consorcio sobre a base das directrices establecidas polo Consello de Administración e pola Presidencia en execución daquelas.

2. Correspóndelle ao xerente exercer as seguintes atribucións:

a) Elaborar a proposta de estrutura organizativa do Consorcio, de conformidade coas necesidades que deriven dos obxectivos establecidos polo Consello de Administración.

b) Desempeñar a xefatura inmediata do persoal e realizar os actos de xestión que lle son inherentes. Preparar os documentos de proposta dos acordos que corresponda adoptar ao Consello de Administración ou á Presidencia, de ser o caso, en materia de recursos humanos e condicións de traballo.

c) Elaborar, asistido da Intervención, o proxecto de orzamento anual, as propostas de programación, actuación e dos plans de investimento e financiamento, así como a memoria das contas anuais para a súa rendición.

d) A disposición de gastos e a ordenación de pagamentos e cobramentos nos termos que fixe o Consello de Administración.

e) Executar, desenvolver e facer executar os acordos do Consello de Administración e da Presidencia, no ámbito das súas competencias e velar polo cumprimento das normas legais aplicables en cada caso.

f) Preparar a orde do día do Consello e formular propostas de acordos ao Consello de Administración e de resolucións á súa Presidencia nos asuntos correspondentes á execución e ao desenvolvemento dos plans e programas de actuación, investimento e financiamento, así como do orzamento anual. Executar os acordos do Consello.

g) Autorizar aqueles pagamentos e cobramentos que se atopan dentro do ámbito das súas competencias segundo os límites sinalados polo Consello.

h) Representar o Consorcio perante entidades públicas e privadas para os exclusivos efectos de dar curso á tramitación administrativa ordinaria.

i) Adquirir maquinaria, produtos ou mercadorías, fixando os seus prezos, condicións e forma de pagamento, sempre dentro dos límites fixados polo Consello.

j) Realizar, prorrogar e rescindir contratos mercantís, civís e administrativos que en ningún caso poderán superar a contía de 60.000 euros, segundo límite establecido pola Presidencia.

k) Todas aquelas atribucións que lle confiran ou deleguen o Consello de Administración e o seu presidente.

Sección 5ª. Outros órganos e medios persoais

Artigo 23. Secretario e interventor

1. Co fin de asegurar unha correcta xestión xurídico-administrativa e económico-financeira, o Consorcio contará cunha secretaría xeral e unha intervención xeral, funcións que poderán ser desempeñadas indistintamente polo mesmo posto de traballo no suposto que así o prevexa a relación de postos de traballo. Corresponden á primeira as funcións de fe pública e de asistencia e asesoramento xurídico dos órganos do Consorcio, ademais das previstas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Á intervención xeral corresponderalle a función interventora, de auditoría contable e de manexo e custodia de fondos, valores e demais efectos. Os postos mencionados desempeñaranos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. No suposto de que o posto ou postos reservados ao funcionariado citado non se poidan prover polo sistema normal de concurso de méritos, o Consello de Administración poderá propoñerlle á consellería competente, coa observancia dos principios de mérito, capacidade e publicidade, o nomeamento interino de persoa ou persoas que estean en posesión da titulación exixida para o acceso á subescala e categoría a que o posto ou postos pertenzan.

Artigo 24. Persoal

1. O Consorcio poderá dispor de persoal propio, que se rexerá, sen prexuízo do sinalado para os postos de secretario e interventor, pola lexislación laboral vixente nos termos previstos no ordenamento xurídico.

2. Non obstante, os labores do Consorcio poderán ser realizados polo persoal das entidades e administracións integrantes deste, mediante as fórmulas de colaboración ou adscrición que en cada caso se acorden. Esta consideración será tida en conta na correspondente relación de postos de traballo.

Capítulo II
Funcionamento e réxime xurídico

Sección 1ª. Réxime de funcionamento

Artigo 25. Réxime de sesións

1. As sesións do Consello de Administración do Consorcio poderán ter carácter ordinario ou extraordinario, terán lugar no domicilio do Consorcio, agás o disposto no artigo 3, e non terán carácter público.

2. Son sesións ordinarias aquelas cunha periodicidade preestablecida, que se fixará mediante acordo do Consello de Administración. Terá lugar sesión ordinaria, ao menos catro veces ao ano, con motivo da aprobación dos orzamentos anuais e da memoria de xestión económica e do balance de actividade. As sesións ordinarias convocaranse, cando menos, con dous días hábiles de antelación, segundo o disposto na normativa de réxime local.

3. Son sesións extraordinarias as que convoca a Presidencia, con tal carácter, por iniciativa propia ou por solicitude da cuarta parte dos membros do Consello de Administración. As sesións extraordinarias convocaranse, cando menos, con dous días hábiles de antelación, segundo o disposto na normativa de réxime local.

4. Son sesións extraordinarias de carácter urxente as convocadas polo presidente cando a urxencia do asunto ou asuntos que se vaian tratar non permita convocar sesión extraordinaria coa antelación citada no parágrafo anterior.

As sesións extraordinarias de carácter urxente convocaranse coa antelación que permita a urxencia da cuestión e polo medio máis eficaz axeitado e que permita a constancia da súa recepción.

Artigo 26. Convocatoria

As convocatorias correspondentes ás sesións ordinarias e extraordinarias do Consello de Administración do Consorcio cursaranse por orde do seu presidente, irán acompañadas da orde do día, da acta anterior e sinalarán o día e a hora da primeira e segunda convocatoria. Deberá mediar, entre esta e aquela, un prazo mínimo dunha hora.

Artigo 27. Quórum

1. O Consello de Administración quedará validamente constituído, en primeira convocatoria, cando a el concorran o presidente e o secretario, ou quen legalmente os substitúa e, cando menos, a metade dos membros do Consello con dereito a voto.

2. En segunda convocatoria quedará validamente constituído cando asistan o presidente e o secretario, ou quen legalmente os substitúa e, ademais, un terzo dos vogais con dereito a voto.

3. O Consello de Administración poderá reunirse validamente sen necesidade de convocatoria previa cando se atope presente a totalidade dos seus membros e así o acorden expresamente, requiríndose, así mesmo, a presenza da ou do secretario.

4. Nas sesións ordinarias poderán adoptarse acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día cando así o solicite algún membro por razóns de urxencia, e sexa aprobada a urxencia pola maioría absoluta do número legal de votos do Consello.

Artigo 28. Actas

1. Levarase un libro de actas das sesións, onde se ha consignar, en cada acta, o lugar, o día e a hora en que comeza a sesión, os nomes e apelidos do presidente e asistentes, os asuntos sometidos a deliberación e os acordos adoptados, así como o sentido das votacións.

2. As actas serán autorizadas coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

3. Ademais do libro de actas do Consello de Administración, existirá un libro de actas por cada órgano colexiado, así como un libro de resolucións do presidente e do xerente; a responsabilidade do seu mantemento corresponderalle ao secretario.

Artigo 29. Adopción de acordos

1. O Consello de Administración adoptará seus acordos por maioría simple do total de votos; dirimirá os empates o presidente con voto de calidade tras unha nova votación.

2. É necesario o voto unánime dos membros do Consello para a adopción dos acordos nas seguintes materias:

a) Proposta de modificación dos estatutos.

b) Integración ou separación de membros no Consorcio e determinación das condicións en que debe realizarse.

c) Proposta de disolución do Consorcio e os acordos referentes á súa liquidación.

d) Aprobación dos plans de actuación e dos orzamentos.

e) Contratación e designación da ou do xerente.

f) Cesión de bens pertencentes ao Consorcio cando a súa contía exceda o 10 % dos recursos ordinarios do orzamento anual.

Artigo 30. Eficacia dos acordos

As decisións e acordos do Consorcio obrigan o Consorcio. Os acordos e resolucións do Consorcio deben publicarse ou notificarse na forma prevista na lexislación aplicable na materia.

Sección 2ª. Réxime xurídico

Artigo 31. Actos do Consorcio

1. En canto Administración pública, o réxime xurídico dos actos do Consorcio suxeitarase ás disposicións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas, e demais normas administrativas de alcance xeral.

2. A súa contratación e a xestión do seu patrimonio levarase a cabo de conformidade coa lexislación de contratación e sobre réxime patrimonial dos entes locais.

Artigo 32. Recursos e reclamacións

1. Os actos de todos os órganos do Consorcio esgotan a vía administrativa, excepto os ditados polo xerente no exercicio das súas competencias, que poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o Consello de Administración.

Tamén poderán ser susceptibles de recurso de reposición ante o órgano delegante os actos ditados polos órganos no exercicio de competencias delegadas.

2. A reclamación previa á vía xudicial civil ou á laboral dirixirase á Presidencia do Consorcio, a quen corresponderá a súa resolución.

TÍTULO III
Patrimonio e réxime económico-financeiro

Capítulo I
Patrimonio

Artigo 33. Patrimonio

1. O patrimonio do Consorcio estará constituído polo conxunto de bens, dereitos e accións que lle pertenzan.

2. Este patrimonio poderá ser incrementado polos bens e dereitos que poidan ser adquiridos polas entidades consorciadas, e queden afectados aos fins do Consorcio, e polos adquiridos polo propio Consorcio de calquera outra persoa ou entidade pública ou privada.

3. Quedarán afectos aos fins do Consorcio os bens que designen as administracións e entidades consorciadas conforme o previsto no convenio fundacional, así como calquera outro que se poida por á disposición do Consorcio con posterioridade.

Capítulo II
Facenda

Artigo 34. Composición

1. A facenda do Consorcio estará constituída por:

a) A achega inicial das administracións consorciadas na proporción e nas contías recollidas no convenio fundacional.

b) As achegas futuras que con destino para investimentos e gastos correntes fagan, de ser o caso, os entes consorciados.

c) As achegas dos entes que se incorporen ao Consorcio como membros de pleno dereito.

d) As achegas e subvencións, auxilios e doazóns doutras entidades públicas ou privadas.

e) As rendas, produtos de intereses dos bens mobles, inmobles, dereitos reais, créditos e demais dereitos integrantes do patrimonio do Consorcio.

f) Os ingresos procedentes das taxas e prezos públicos que se liquiden en exercicio da potestade tributaria.

g) Calquera outro rendemento que lle corresponda percibir.

2. A facenda do Consorcio responderá das obrigas e débedas contraídas por este.

3. No caso de que algún dos entes consorciados incumpra as súas obrigas financeiras co Consorcio, o Consello de Administración procederá a requirir o seu cumprimento. Se transcorrido o prazo dun mes desde o requirimento, non se realizaran as achegas previstas, o Consello de Administración, escoitado o ente público afectado, poderá proceder a suspendelo da súa participación no Consorcio, cos efectos que no acordo de suspensión se determinen.

Artigo 35. Contabilidade

O Consorcio levará o mesmo sistema de contabilidade que rexe para as administracións públicas, con independencia de que o Consello de Administración poida establecer outras formas complementarias para o estudo de rendemento e produtividade.

Capítulo III
Orzamento

Artigo 36. Aprobación anual

1. O Consorcio disporá anualmente dun orzamento propio, cuxo proxecto será elaborado polo xerente, asistido do interventor do Consorcio.

2. O réxime orzamentario, de contabilidade e de control será o establecido pola Lei reguladora das facendas locais e demais normas de desenvolvemento.

TÍTULO IV
Fiscalización e control

Artigo 37. Competencia

Ás administracións consorciadas correspóndelles, no exercicio das súas propias competencias, a alta inspección da xestión desenvolvida polo Consorcio.

Artigo 38. Memoria

1. O presidente do Consorcio presentará anualmente no primeiro trimestre do ano, ao Consello de Administración, a memoria de xestión económica e do balance de actividade.

2. O Consello de Administración, unha vez aprobada a memoria da xestión económica e do balance de actividade, dará coñecemento desta ás administracións consorciadas.

Artigo 39. Fiscalización

A actividade económico-financeira do Consorcio está suxeita ás actuacións de control interno e externo nos termos establecidos na lexislación aplicable.

O control interno será exercido pola intervención do Consorcio e revestirá as modalidades de función interventora e de control financeiro e de calidade.

TÍTULO V
Modificación e disolución do Consorcio

Artigo 40. Modificación

1. A modificación destes estatutos, tras o acordo do Consello de Administración co quórum establecido nos presentes estatutos, será aprobada polas entidades consorciadas segundo os trámites establecidos na lexislación aplicable.

Artigo 41. Disolución

1. O Consorcio disolverase por algunha das causas seguintes:

a) Polo transcurso do seu prazo legal de existencia, agás que se acorde a súa prórroga.

b) Polo cumprimento da finalidade para a cal foi constituído.

c) Por imposibilidade legal ou material de continuar o seu funcionamento.

d) Por separación dalgunha das partes consorciadas, se con iso resulta inoperante.

e) Pola transformación do Consorcio noutra entidade.

f) Polo incumprimento do seu obxecto.

g) Por calquera outra causa e xustificado o interese público, sempre que o acorden os entes públicos consorciados.

2. O acordo de disolución determinará a forma en que se haxa de proceder á liquidación dos bens, dereitos e obrigas do Consorcio e, de ser o caso, á reversión das obras e instalacións existentes ás entidades consorciadas de acordo coa normativa específica en cada caso, atendendo a criterios de proporcionalidade.

3. A repartición realizarase por proposta dunha comisión liquidadora designada polo Consello de Administración, que presentará un proxecto de liquidación, a realización dos créditos acredores e a liquidación dos debedores e a asignación de patrimonio.

Artigo 42. Separación de membros

1. A separación dalgún membro do Consorcio só se poderá realizar cando se atope ao día no cumprimento das obrigas e compromisos anteriores e garanta o cumprimento das obrigas pendentes.

2. Manifestada a vontade de separación pola entidade consorciada, o Consello de Administración designará unha comisión liquidadora que, atendendo ás posibles perturbacións nas actividades do Consorcio que a dita separación poida producir, proporá ao Consello de Administración as condicións e os efectos da separación.

3. O Consello de Administración, oída a proposta da comisión liquidadora, aprobará a separación do ente consorciado nas condicións e cos efectos que no dito acordo se determinen. Notificaráselle á entidade interesada para os efectos da súa aprobación por esta.

A separación producirá efectos desde o día seguinte ao da adopción do acordo coa aceptación das condicións e dos efectos da dita separación.

Disposición transitoria

Mentres o Consello de Administración non proceda á designación das persoas que desempeñarán os postos de secretaría e intervención, realizarán esas funcións o secretario do Pleno e o interventor do Concello de Vigo.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.