Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Venres, 11 de xaneiro de 2013 Páx. 989

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 268/2012, do 27 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 8001 das Cruces á Pena Branca, do p.q. 0,000 ao p.q. 0,240, no concello de Sobrado.

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión do día trinta de abril de dous mil dez, aprobou o proxecto de obras de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 8001 das Cruces á Pena Branca, do p.q. 0,000 ao p.q. 0,240, no concello de Sobrado e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación e o informe do técnico provincial, actualmente a estrada DP 8001, no tramo obxecto do proxecto, ten unha calzada moi estreita cun largo inferior aos 4 m, carece de beiravías, ten un trazado sinuoso nun ámbito urbano, con zonas onde é imposible o cruzamento de vehículos e en que non existe visibilidade. Estas condicións dificultan a seguridade na circulación, especialmente o tránsito dos peóns ao non existir beirarrúas.

A actuación, que propón a mellora das condicións de seguridade viaria, moi restrinxidas na actualidade polas características xeométricas da estrada, xustifica plenamente a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados co obxecto de reducir o risco de accidentes de circulación.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de decembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 8001 das Cruces á Pena Branca, do p.q. 0,000 ao p.q. 0,240, no concello de Sobrado, e, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza