Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2013 Páx. 2927

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara de utilidade pública, en concreto, a infraestrutura eléctrica denominada modificación I enlace LMT Monfero-Xermade, nos termos municipais de Monfero (A Coruña) e Xermade (Lugo), promovida por Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2009/270).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 5.6.2009 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura eléctrica denominada enlace LMT Monfero-Xermade, acompañada do preceptivo proxecto.

Segundo. O 20.1.2010 a dita empresa presentou o documento ambiental, que lle foi requirido pola Xefatura Territorial da Coruña desta consellería, por afectar a citada infraestrutura eléctrica unha zona de protección ambiental; concretamente, o proxecto realizarase en parte no interior da zona de especial protección de valores naturais-lugar de importancia comunitaria (ZEPVN-LIC) Fragas do Eume (ES1110003), coincidindo coa parte do trazado que discorre polo termo municipal de Monfero. A seguir resúmese a tramitación ambiental do proxecto:

– O 5.4.2010 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu informe en relación co dito proxecto no cal conclúe que, á vista dos informes previos recibidos, o desenvolvemento do proxecto coa súa definición actual causaría un sensible impacto sobre a paisaxe, a vexetación e a fauna volátil, de maneira que, de non modificalo, procedería sometelo ao trámite de avaliación de impacto ambiental. Ademais, indica unha serie de modificacións e consideracións derivadas das consultas previas realizadas, para seren tidas en conta na redacción do proxecto, co obxecto de diminuír a súa incidencia ata un nivel de impacto admisible.

– O 6.5.2010 a empresa promotora presentou unha proposta de modificación do dito proxecto, de acordo co exixido no informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental; con esta modificación, dentro do espazo protexido afectado, o trazado da liña irá finalmente pola beira da estrada CP-5001.

– O 11.6.2010 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu non someter o dito proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Terceiro. O 19.11.2010 a empresa promotora presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura eléctrica denominada modificación I enlace LMT Monfero-Xermade, acompañada do preceptivo proxecto. Este proxecto modificado consistirá na construción dunha liña eléctrica de media tensión (LMT) que partirá dun apoio existente da LMT EUM-709 (15 kV), tramo en derivada a CT Curra no termo municipal de Monfero, e finalizará no apoio existente nº 7 da LMT MOL-824 (20 kV), tramo en derivada a CT A Antoa, no termo municipal de Xermade, cunha lonxitude total de 1.451 m, en dous tramos de tensión 15 e 20 kV, cada un deles con tramo aéreo e soterrado. As características técnicas básicas da infraestrutura eléctrica son as seguintes:

– LMT aérea núa Monfero-Xermade tramo I (15 kV), cunha lonxitude de 1.063 m e condutor tipo LA 56/54,6 mm2, con orixe no apoio existente s/n da LMT EUM-709, tramo en derivada a CT Curra (exp.: 52.229) no termo municipal de Monfero, e final no apoio proxectado nº 8, onde enlazará coa LMT soterrada Monfero-Xermade tramo I (15 kV) proxectada no termo municipal de Xermade.

– LMT soterrada Monfero-Xermade tramo I (15 kV), cunha lonxitude de 82 m e condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV 3 (1×240 Al), con orixe en cela de remonte en centro de seccionamento autotransformador proxectado, e final en paso aéreo-soterrado que se realizará no apoio proxectado nº 8 da LMT aérea Monfero-Xermade tramo I (15 kV) proxectada, no termo municipal de Xermade.

– LMT soterrada Monfero-Xermade tramo II (20 kV), cunha lonxitude de 28 m e condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV 3 (1x240 Al), con orixe en paso aéreo-soterrado que se realizará no apoio proxectado nº 9 da LMT aérea Monfero-Xermade tramo II (20 kV) proxectada, e final en cela de remonte en centro de seccionamento autotransformador proxectado, no termo municipal de Xermade.

– LMT aérea núa Monfero-Xermade tramo II (20 kV), cunha lonxitude de 278 m e condutor tipo LA 56/54,6 mm2, con orixe no apoio proxectado nº 9, onde se enlazará coa LMT soterrada Monfero-Xermade tramo II (20 kV) proxectada, e final no apoio existente nº 7 da LMT MOL-824, tramo en derivada a CT A Antoa (exp.: 124-2/02), no termo municipal de Xermade.

– Centro de seccionamento prefabricado autotransformador, con dúas celas de remonte por cable e dúas celas modulares de interruptor automático de tipo CMP-V-24, no termo municipal de Xermade.

– Autotransformador elevador 15/20 kV, cunha potencia de 4.000 kVA, no termo municipal de Xermade.

Cuarto. O 8.3.2012 a Xefatura Territorial da Coruña desta consellería ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura eléctrica denominada modificación I enlace LMT Monfero-Xermade, que se publicou no DOG do 12.4.2012, no BOP da Coruña do 2.4.2012, no BOP de Lugo do 3.4.2012, e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 3.4.2012; e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos de Monfero e Xermade e da Xefatura Territorial de Lugo desta consellería. Así mesmo, practicóuselle notificación individual aos interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Quinto. Durante o período en que o devandito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Sexto. Ademais, a Xefatura Territorial da Coruña desta consellería trasladou as separatas do devandito proxecto ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese un resumo da súa resposta:

Entidade

Resumo da resposta

1

Concello de Monfero

Contestou a petición de informe requirindo a relación de bens e dereitos afectados; non obstante, á contestación deste requirimento non respondeu. Por tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

2

Concello de Xermade

Escrito de contestación do 15.5.2012: comunican a súa conformidade co expediente, logo de ser emitido o 12.5.2012 informe en sentido favorable polo arquitecto municipal.

3

Deputación Provincial da Coruña

Escrito de autorización do 3.5.2012: autorizan a instalación, que se axustará ao condicionado indicado, sen prexuízo de ter que solicitar antes do comezo das obras a oportuna licenza ante esta deputación.

4

Dirección Xeral de Conservación da Natureza-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Non contestou a petición de informe nin a reiteración desta petición. Por tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

5

Servizo de Montes-Xefatura Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural e do Mar

Non contestou a petición de informe nin a reiteración desta petición. Por tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Sétimo. A Xefatura Territorial de Lugo desta consellería emitiu os seguintes informes, a respecto da devandita infraestrutura eléctrica:

– O 27.12.2011, informe favorable sobre o proxecto de execución.

– O 27.12.2011, informe sobre a inexistencia de limitacións para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso das parcelas afectadas polas instalacións eléctricas proxectadas.

– O 31.1.2012, informe sobre a existencia na zona ocupada pola poligonal da infraestrutura eléctrica dun permiso de explotación e dun permiso de investigación, ambos xa caducados.

Oitavo. A Xefatura Territorial da Coruña desta consellería emitiu os seguintes informes a respecto da devandita infraestrutura eléctrica:

– O 27.1.2012, informe sobre a non afección da traza da infraestrutura eléctrica por ningún dereito mineiro.

– O 16.11.2012, informe sobre a procedencia de continuar coa tramitación do expediente.

– O 16.11.2012, informe sobre a non existencia de limitacións para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso das parcelas afectadas polas instalacións eléctricas proxectadas.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 010 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; así como o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada modificación I enlace LMT Monfero-Xermade, nos termos municipais de Monfero (A Coruña) e Xermade (Lugo).

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura eléctrica citada, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto titulado modificación I enlace LMT Monfero-Xermade, asinado polo enxeñeiro industrial Rubén Menéndez Fernández, e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Delegación da Coruña, con visado dixital núm. CO103274 e data 26.10.2010.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguranza.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, as xefaturas territoriais da Coruña e Lugo desta consellería poderán autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, cada unha no seu ámbito territorial e deben comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, as xefaturas territoriais da Coruña e Lugo desta consellería inspeccionarán, cada unha no seu ámbito territorial, a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. Canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito sexto da presente resolución), a empresa promotora da infraestrutura eléctrica procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes ou, de ser o caso, pendentes de emitir.

Sétima. Deberase cumprir o recollido na documentación ambiental presentada polo promotor, así como as condicións específicas e aquelas xerais que sexan de aplicación das que figuran no anexo da Resolución do 11 de xuño de 2010, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a que se fai referencia no antecedente de feito segundo da presente resolución.

Oitava. A empresa promotora, unha vez iniciado o expediente expropiatorio, deberá presentar ante a Consellería do Medio Rural e do Mar solicitude de prevalencia da utilidade pública da infraestrutura eléctrica sobre a do monte veciñal en man común afectado, de acordo co disposto na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución desta lei.

Novena. A administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Décima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas