Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2013 Páx. 5100

III. Outras disposicións

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2013 polo que se dá publicidade ao Plan de inspección urbanística para o ano 2013.

Visto o acordo adoptado polo Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística na súa reunión do 31 de xaneiro de 2013, polo que se aprobou o Plan de inspección urbanística para o ano 2013, e de conformidade co disposto no artigo 18.f) dos estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2013

Por substitución (Artigo 3 do Decreto 51/2008, do 6 de marzo)
José María Domínguez Blanco
Subdirector da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

ANEXO
Plan de inspección urbanística para o ano 2013

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este plan de inspección urbanística ten por obxecto determinar os obxectivos principais e as actuacións prioritarias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística coa finalidade de mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística ao servizo dos cidadáns e de garantir a obxectividade e a imparcialidade na actuación da Axencia.

Artigo 2. Vixencia

Este plan de inspección estará vixente durante o ano 2013 e ata a entrada en vigor do seguinte plan de inspección anual.

Artigo 3. Obxectivos principais

Os obxectivos principais do presente plan de inspección urbanística son:

1º. Promover o dereito dos cidadáns a un medio urbano e rural adecuado para o desenvolvemento da persoa, consonte o disposto no artigo 45 da Constitución, na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e na Lei 22/1988, de costas.

2º. Evitar que se leven a cabo sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a autorización autonómica exixida na LOUG ou na Lei de costas obras de construción de novas edificacións, ou de reconstrución, rehabilitación ou ampliación das existentes.

3º. Colaborar activamente cos concellos de Galicia no obxectivo común de velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico.

Artigo 4. Actuacións prioritarias

Para a consecución dos obxectivos sinalados no artigo anterior, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística desenvolverá, entre outras, as seguintes actuacións prioritarias:

a) Actuacións para evitar os ilícitos urbanísticos:

– A vixilancia e inspección do territorio.

– O asesoramento xurídico-urbanístico aos concellos adheridos no ámbito das competencias propias da Axencia.

– A formación do persoal.

b) Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por ilícitos urbanísticos:

– A investigación de infraccións urbanísticas.

– A tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística.

– A execución das ordes de demolición.

– A tramitación de expedientes sancionadores.

– A impugnación de licenzas ilegais.

c) Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por infraccións da Lei de costas:

– A investigación de infraccións da Lei de costas.

– A tramitación de expedientes sancionadores.

– A execución das ordes de demolición.

CAPÍTULO II
Actuacións para evitar os ilícitos urbanísticos

Artigo 5. Vixilancia e inspección do territorio

1. Actuación.

Desenvolver operacións de vixilancia e inspección do territorio para detectar as obras en curso de execución en calquera clase de solo sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a preceptiva autorización autonómica exixida na LOUG ou na Lei de costas e que consistan en novas construcións e instalacións, ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das edificacións existentes, agás as de escasa entidade.

2. Prioridades.

As operacións de vixilancia e inspección serán realizadas por orde da Dirección da Axencia, prestando especial atención aos seguintes territorios:

a) O territorio dos municipios integrados na Axencia.

b) O territorio dos municipios costeiros.

c) O territorio dos municipios con espazos naturais.

Para levar a cabo estas actuacións de inspección pola xefatura de servicio provincial correspondente, elaborarase trimestralmente un cadro resumo de concellos para inspeccionar que, á marxe das inspeccións periódicas realizadas como consecuencia da tramitación de expedientes de reposición en curso, recolla a listaxe de concellos que se van inspeccionar tendo en conta o seguinte:

• Para os concellos adheridos seguirase a orde cronolóxica de incorporación á Axencia referenciada na data de publicación do correspondente convenio no Diario Oficial de Galicia.

• Para os concellos non adheridos elaborarase unha táboa resumo dos concellos existentes na provincia que se principiará polos concellos que cumpran as prioridades b) e c), se continuará polos que cumpran coa prioridade b) e deseguido polos que cumpran pola prioridade c). O resto dos concellos recollerase por orde crecente de poboación (principiándose polo de menor poboación), unha vez que se presupón que os de menor poboación dispoñen de menor capacidade para a realización dos labores de inspección propia.

O cadro resumo de concellos deberá obter o visto e prace da Dirección da Axencia e terá carácter orientativo atendendo ás necesidades do servizo.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da Axencia.

As actuacións de inspección serán coordinadas debidamente cos representantes municipais.

Artigo 6. Formación do persoal

1. Actuación.

Dar formación especializada ao persoal da Axencia e dos concellos integrados nela para mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística.

Asemade, propiciarase a formación destinada a profesionais de diversos ámbitos e interesados, en xeral, co obxecto de dar unha formación urbanística máis especializada, facendo fincapé na importancia do cumprimento da legalidade urbanística, así como nas consecuencias da súa transgresión.

2. Prioridades.

Durante o ano 2013 desenvolveranse, como mínimo, dous cursos sobre o réxime do solo.

3. Unidade responsable: a Subdirección da Axencia.

CAPÍTULO III
Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada por ilícitos urbanísticos

Artigo 7. Investigación de infraccións urbanísticas

1. Actuación.

Desenvolver as investigacións necesarias para determinar os feitos constitutivos da infracción urbanística, identificar os presuntos responsables e determinar as demais circunstancias que resulten relevantes para o exercicio das potestades de reposición da legalidade e sancionadoras previstas na LOUG.

2. Prioridades.

Deberán desenvolverse con carácter prioritario e urxente as investigacións sobre as obras en curso de execución sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a preceptiva autorización autonómica exixida na LOUG que consistan na realización de novas construcións ou instalacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das existentes, agás as de escasa entidade.

As investigacións de carácter prioritario e urxente deberán finalizarse no prazo de tres meses, prorrogable por outros tres meses, como máximo, por acordo da Dirección da Axencia, logo da petición da xefatura do servizo provincial.

Para as inspeccións realizadas de oficio seguirase o establecido no artigo 5 do presente plan.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da Axencia.

Artigo 8. Tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística

1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes de reposición da legalidade urbanística de conformidade co disposto nos artigos 209 a 215 da LOUG.

2. Prioridades.

Deberán paralizarse e/ou incoarse con carácter prioritario e urxente as obras en curso de execución sen a preceptiva licenza urbanística municipal ou sen a preceptiva autorización autonómica exixida na LOUG que consistan na realización de novas construcións ou instalacións, ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das existentes, agás as de escasa entidade.

No caso de que estean pendentes de paralizarse e incoarse varias obras en curso de execución de carácter prioritario, atenderase aos seguintes criterios:

1º. As obras en execución situadas en municipios integrados na Axencia.

2º. As obras en execución de maiores dimensións.

3. Unidades responsables: os servizos de Inspección Urbanística.

Artigo 9. Execución de ordes de demolición

1. Actuación.

Executar as ordes de demolición e de reposición dos bens ao estado anterior á actuación ilegal, consonte o disposto no artigo 209.6 da LOUG.

2. Execución en período voluntario.

A execución da orde de demolición deberá ser realizada polo suxeito obrigado no prazo fixado para o efecto na resolución do expediente de reposición da legalidade.

O obrigado a demoler poderá solicitar a ampliación do prazo para executar a orde de demolición por razóns cumpridamente xustificadas.

En todo caso, deberá quedar suficientemente garantida a execución da demolición dentro do prazo que fixe a Axencia, que en ningún caso poderá ser superior a seis meses desde a resolución da ampliación correspondente e, como máximo, un ano contado desde a data en que a resolución que ordena a demolición sexa executiva.

Para estes efectos, o interesado presentará a solicitude acompañada da seguinte documentación:

a) DNI do solicitante.

b) Proxecto de execución das obras de demolición e restauración da realidade física alterada ao estado anterior á actuación ilegal, que deberá de ser redactado polo técnico competente e visado polo seu correspondente colexio profesional.

c) Programa de execución das obras de demolición.

d) Resgardo do depósito de aval bancario na caixa xeral de depósitos da Consellería de Facenda, a favor da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, por importe suficiente para cubrir os gastos de execución das obras de demolición e restauración.

e) Declaración responsable do obrigado comprometéndose a executar ao seu cargo as obras de demolición, de acordo co proxecto técnico e o programa de execución aprobados pola Axencia.

No caso de incumprimento dalgún dos prazos parciais ou do prazo final acordarase a execución subsidiaria pola Axencia á conta do obrigado, e a inmediata incautación do aval, sen prexuízo da liquidación definitiva do importe dos gastos de demolición.

3. Execución forzosa.

Finalizado o prazo para executar a orde de demolición en período voluntario, acordarase a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, que serán reiteradas periodicamente cada 3 meses ata lograr a execución polo suxeito obrigado.

Transcorrido un ano desde a data en que a resolución que ordena a demolición adquira firmeza en vía administrativa, ou, se é o caso, en vía contencioso-administrativa, acordarase a execución subsidiaria pola Axencia con cargo ao suxeito obrigado, atendendo á seguinte orde de prioridades:

1º. As resolucións xudiciais que ordenan á Axencia a execución subsidiaria da demolición.

2º. As resolucións firmes en vía administrativa e, se é o caso, na contencioso-administrativa, que ordenan a demolición de edificacións en solo rústico de especial protección de costas, agás as de escasa entidade.

3º. As ordes de demolición respecto das cales os interesados se comprometeron a executar ao seu cargo a demolición no prazo e condicións aceptados pola Axencia, no suposto de que incumprisen calquera dos prazos parciais ou o prazo final establecidos para a execución da orde de demolición.

4º. As restantes ordes de demolición segundo a importancia da infracción e a antigüidade das obras.

En calquera caso, o acordo de execución subsidiaria quedará supeditado á existencia de fondos orzamentarios suficientes.

3. Unidades responsables: o servizo técnico e os servizos de Inspección Urbanística.

Artigo 10. Tramitación de expedientes sancionadores

1. Actuación.

Incoar e tramitar os expedientes sancionadores por infracción urbanística, de conformidade co disposto nos artigos 216 a 223 da LOUG.

2. Prioridades.

Deberá incoarse o expediente sancionador inmediatamente despois de que sexa firme en vía administrativa a resolución ditada do expediente de reposición da legalidade urbanística.

Non obstante, no suposto de que os feitos poidan ser constitutivos de delito urbanístico, poñeranse en coñecemento do Ministerio Fiscal, consonte o disposto no artigo 42 do texto refundido da Lei de solo, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño.

3. Unidades responsables: os servizos de Inspección Urbanística.

Artigo 11. Impugnación de licenzas ilegais

1. Actuación.

Velarase pola vixilancia do cumprimento polas entidades locais do deber de revisar licenzas contrarias ao ordenamento urbanístico que establece o artigo 212.2 da LOUGA. Este control exercerase requirindo o cumprimento do referido deber e acudindo aos órganos xudiciais no caso de que se rexeite o requirimento ou ante falta de resposta.

2. Unidade responsable: os servizos de Inspección Urbanística e a Subdirección da Axencia.

CAPÍTULO IV
Actuacións para restaurar a legalidade vulnerada
por infraccións da Lei de costas

Artigo 12. Investigación de infraccións da Lei de costas

1. Actuación.

Desenvolver as investigacións necesarias para determinar os feitos constitutivos da infracción da Lei de costas, identificar os presuntos responsables e determinar as demais circunstancias que resulten relevantes para o exercicio das potestades sancionadora e de reposición da legalidade previstas na Lei de costas.

2. Prioridades.

Deberán desenvolverse con carácter prioritario e urxente as investigacións sobre as obras en curso de execución dentro da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre sen a preceptiva autorización autonómica exixida na Lei de costas, e que consistan na realización de novas construcións ou instalacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das existentes, agás as de escasa entidade.

As investigacións de carácter prioritario e urxente deberán finalizarse no prazo de tres meses, prorrogable por outros tres meses como máximo, por acordo da Dirección da Axencia, logo da petición da xefatura do servizo provincial.

Para as inspeccións realizadas de oficio seguirase o establecido no artigo 5 do presente plan.

3. Unidades responsables: os servizos provinciais da Axencia.

Artigo 13. Tramitación de expedientes sancionadores

1. Actuación.

Incoar e tramitar expedientes sancionadores por infraccións graves da Lei de costas.

2. Prioridades.

Deberán incoarse e tramitarse con carácter prioritario e urxente os expedientes sancionadores en relación coas obras en curso de execución dentro da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre sen a preceptiva autorización autonómica exixida na Lei de costas e que consistan na realización de novas construcións ou instalacións ou na reconstrución, rehabilitación ou ampliación das existentes, agás as de escasa entidade.

No caso de que estean pendentes de incoarse varios expedientes sancionadores de carácter prioritario, na orde de incoación atenderase aos seguintes criterios:

1º. As obras en execución situadas en municipios integrados na Axencia.

2º. As obras en execución de maiores dimensións.

3. Unidade responsable: o Servizo de Inspección do Litoral.

Artigo 14. Execución de ordes de demolición

1. Actuación.

Executar as ordes de demolición e de reposición dos bens ao estado anterior á actuación ilegal, consonte o disposto no artigo 107 da Lei de costas.

2. Execución en período voluntario.

A execución da orde de demolición deberá realizarse polo suxeito obrigado no prazo fixado para o efecto na resolución do expediente sancionador ou de reposición da legalidade.

O obrigado que ten que demoler poderá solicitar a ampliación do prazo para executar a orde de demolición, nos termos e condicións que se establecen no número 2 do artigo 9 deste plan de inspección.

3. Execución forzosa.

Finalizado o prazo para executar a orde de demolición en período voluntario, acordarase a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas que serán reiteradas periodicamente cada 3 meses ata lograr a execución polo suxeito obrigado.

Transcorrido un ano desde a data en que a resolución que ordena a demolición adquira firmeza en vía administrativa, ou, se é o caso, en vía contencioso-administrativa, acordarase a execución subsidiaria pola Axencia con cargo ao suxeito obrigado, atendendo á seguinte orde de prioridades:

1º. As resolucións xudiciais que ordenan á Axencia a execución subsidiaria da demolición.

2º. As resolucións firmes en vía administrativa e, se é o caso, na contencioso-administrativa, que ordenan a demolición de edificacións en solo rústico de especial protección de costas, agás as de escasa entidade.

3º. As ordes de demolición respecto das cales os interesados se comprometeron a executar ao seu cargo a demolición no prazo e condicións aceptados pola Axencia, no suposto de que incumprisen calquera dos prazos parciais ou o prazo final establecidos para a execución da orde de demolición.

4º. As restantes ordes de demolición segundo a importancia da infracción e a antigüidade das obras.

En calquera caso, o acordo de execución subsidiaria quedará supeditado á existencia de fondos orzamentarios suficientes.

4. Unidade responsable: Servizo de Inspección do Litoral.

CAPÍTULO V
Execución e seguimento do plan

Artigo 15. Execución do plan

1. A Dirección da Axencia poderá ditar as instrucións e ordes de servizo que resulten necesarias para a mellor execución deste plan de inspección.

2. De conformidade co disposto nos artigos 50 e 74 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a Dirección da Axencia poderá acordar a tramitación de urxencia e alterar a orde de prioridades sinaladas neste plan de inspección, por razóns de interese público.

Artigo 16. Colaboración coas administracións públicas

1. A Axencia colaborará activamente con todas as administracións públicas co obxectivo de velar polo cumprimento da normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e o litoral, nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. En particular, a Axencia coordinará a súa actuación cos municipios integrados nela, así como coa Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A Axencia comunicará aos correspondentes concellos o inicio e a resolución dos expedientes de reposición da legalidade urbanística.

Artigo 17. Seguimento da execución do plan

Semestralmente o/a director/a da Axencia dará conta ao Consello Executivo dos resultados da execución deste plan de inspección.