Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2013 Páx. 5111

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2013 pola que se modifica a Resolución do 11 de maio de 2012 pola que se convocan para o período 2012/13 as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013.

A Resolución do 11 de maio de 2012 pola que se convocan para o período 2012/13 as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013 (DOG nº 106, do 5 de xuño de 2012), establece a repartición da dotación económica entre as anualidades 2012 (2.000.000 €) e 2013 (1.500.000 €). Igualmente, establece o 30 de outubro de 2012 como prazo para executar e xustificar correctamente o investimento correspondente á anualidade 2012, e o 30 de xuño de 2013 como prazo límite para a execución e xustificación final dos proxectos.

Debido á concorrencia no tempo de catro convocatorias e ao gran número de expedientes manexados, non foi posible resolver a convocatoria de xeito que os beneficiarios tivesen tempo suficiente para executar e xustificar os investimentos nos prazos previstos.

Co obxecto de non causar un prexuízo aos beneficiarios das axudas, e unha vez tramitado o oportuno expediente,

RESOLVO:

1. O crédito previsto para a anualidade 2012 na Resolución do 11 de maio de 2012, pola que convocan para o período 2012/13 as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, pasa integramente á anualidade 2014, manténdose a de 2013.

2. O prazo límite para a execución e xustificación dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados correspondentes á anualidade 2013 será o 30 de agosto de 2013. O feito de non xustificar correctamente esta anualidade, e dependendo das dispoñibilidades ou situación orzamentaria, podería devir en perda de dereito ao cobramento da axuda.

3. O prazo límite para a execución e xustificación da anualidade 2014 será o 30 de abril de 2014.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2013

P.D. (Resolución 2.7.2007; DOG nº 134, do 11 de xullo)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural