Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Venres, 22 de febreiro de 2013 Páx. 5273

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 13 de febreiro de 2013 pola que se declara, de xeito definitivo, como espazo natural de interese local o espazo Loio-Ruxidoira, no concello de Paradela (Lugo).

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece os espazos naturais de interese local (ENIL) como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 17 desta lei establece que por petición do Concello e logo dos informes perceptivos pertinentes, a consellería competente en materia de conservación da natureza poderá declarar como espazos naturais de interese local aqueles espazos integrados no seu termo municipal que polas súas singularidades sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.

A declaración dun espazo natural de interese local é competencia da consellería competente en materia de conservación da natureza, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será municipal. Así mesmo, a declaración dun espazo natural de interese local non comporta a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

A regulación dos espazos naturais de interese local recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a consellería competente en materia de conservación da natureza de declarar, de xeito provisional, un espazo natural de interese local por un prazo non superior a dous anos, en que os promotores deben presentar, dentro do prazo, como requisito imprescindible para a declaración do espazo natural de interese local, o seu plan de conservación.

Mediante a Orde do 3 de outubro de 2011 declarouse, de xeito provisional, o espazo natural de interese local Loio-Ruxidoira (DOG nº 197, do 14 de outubro), localizado no concello de Paradela (Lugo).

Durante a declaración provisional, e como requisito imprescindible para a súa declaración definitiva, o Concello de Paradela debía presentar ante a consellería competente o plan de conservación do espazo, o que realizou ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o pasado 1 de xuño de 2012.

O plan de conservación presentado é conforme cos contidos mínimos referidos no artigo 38 da lei, desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, que establece o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo; polo que, tras a realización dos trámites referidos, se elevará ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

O ENIL Loio-Ruxidoira comprende, de acordo coa delimitación establecida na Orde do 3 de outubro de 2011, de declaración provisional, unha superficie de 437 ha, e inclúe terreos clasificados como dominio público hidráulico.

A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

A presente orde ten por obxecto declarar, de xeito definitivo, o lugar de Loio-Ruxidoira, no concello de Paradela, como espazo natural de interese local, unha vez constatadas as singularidades que presenta este espazo natural, que o fan merecente da protección dos seus valores naturais e despois da presentación do correspondente plan de conservación.

Polo exposto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Declaración definitiva de Loio-Ruxidoira como espazo natural de interese local

Declárase como espazo natural de interese local o espazo Loio-Ruxidoira, no concello de Paradela (Lugo), por proposta deste concello.

Segundo. Límites

A extensión e límites do espazo natural de interese local de Loio-Ruxidoira son os sinalados no anexo desta orde.

Terceiro. Xestión

Será responsabilidade e competencia do Concello de Paradela a xestión do espazo natural de Loio-Ruxidoira, de acordo co plan de conservación aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Cuarto. Efectos

1. A declaración definitiva de Loio-Ruxidoira como espazo natural de interese local non comporta a súa inclusión na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

2. A declaración definitiva de Loio-Ruxidoira como espazo natural de interese local non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. Con posterioridade á tramitación e aprobación desta orde procederase á aprobación do correspondente plan de conservación, aprobación que deberá ser realizada polo Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Quinto. Extinción

1. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza poderase poñer fin aos efectos da declaración definitiva de Loio-Ruxidoira como espazo natural de interese local se desaparecesen as causas que motivaron a protección deste espazo e non fosen susceptibles de recuperación ou restauración.

2. A consellería competente en materia de conservación da natureza poderá iniciar expediente para retirar a condición de espazo protexido no caso de que non se cumpran as finalidades de conservación recollidas na declaración do espazo, ou se detecten desviacións importantes e respecto ao plan de conservación aprobado.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file