Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Venres, 22 de febreiro de 2013 Páx. 5305

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2013 pola que se modifica, en execución de sentenza, a do 8 de novembro de 2011, pola que se convocan probas selectivas para acceso á escala técnica superior de administración desta universidade.

No Diario Oficial de Galicia (DOG) do 22 de novembro de 2011 publícase a Resolución reitoral do 8 de novembro de 2011, pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala técnica superior de administración da USC, subgrupo A1, polas quendas de promoción interna e de acceso libre.

Por Resolución reitoral do 20 de xaneiro de 2012 (DOG do 3 de febreiro), modifícase a composición do tribunal cualificador das ditas probas selectivas.

O anexo I da convocatoria, no seu punto II. Fase de concurso, quenda acceso libre, establece que se valorarán os servizos prestados noutras escalas da USC: 0,050 puntos por mes.

Con data do 28.12.2012, o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela ditou sentenza no recurso tramitado como procedemento abreviado número 138/2012, que dispón na súa decisión:

«Estímase parcialmente o recurso contencioso-administrativo número 138/2012, interposto por María Otero Ponte, María Cruz Ferro e José Manuel Otero Romero, contra a Resolución da Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) do 20 de xaneiro de 2012, pola que se estiman parcialmente os recursos de reposición interpostos contra a Resolución do 8 de novembro, pola que se convocan probas selectivas para o acceso á escala técnica superior de administración da USC, subgrupo A1, polas quendas de promoción interna e de acceso libre, no sentido de proceder á corrección da composición do tribunal do proceso selectivo, desestimando os recursos en todo o demais, e denegando a petición de suspensión, no particular relativo á determinación que se contén no baremo correspondente á fase de concurso, da quenda de acceso libre, de valoración dos servizos prestados noutras escalas da USC, de 0,050 puntos por mes, determinación que se anula e se deixa sen efecto».

O 5 de febreiro de 2013 remítese á USC a certificación da sentenza, que ten o carácter de firme.

Por Resolución do 8 de febreiro de 2013 ordénase realizar os trámites necesarios para a execución da sentenza.

Á vista das anteriores actuacións, e co obxecto de continuar coa execución da Sentenza do 28 de decembro de 2012,

resolvo:

Modificar a Resolución reitoral do 8 de novembro de 2011 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala técnica superior de administración da USC, subgrupo A1, polas quendas de promoción interna e de acceso libre, no sentido de declarar nulo e sen efecto a epígrafe do baremo da fase de concurso, quenda de acceso libre, relativo á valoración de servizos prestados noutras escalas da USC: 0,050 puntos por mes, contido no anexo I, fase de concurso.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2013

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela