Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2013 Páx. 6239

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2013, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se aproba o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2013.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 6 de xuño de 2012 a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia (A Coruña) presentou un plan de aproveitamento específico para a pesca da anguía na bacía do río Tambre para os anos 2012 e 2013, de acordo co previsto no artigo 6.1 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por Resolución do 17 de agosto de 2012, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza aprobou o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre exclusivamente para o ano 2012.

Segundo. O expediente someteuse ao trámite de información pública durante un prazo de 15 días segundo o disposto no Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. No antedito prazo non se presentou ningunha alegación.

Terceiro. De acordo co establecido no artigo 7.3 do Decreto 130/2011, o plan que se aproba foi sometido a informe do Comité Permanente de Pesca Fluvial, a informe da Consellería do Medio Rural e do Mar, por afectar a desembocadura, e do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de espazos naturais protexidos.

Cuarto. Segundo establece o artigo 7.5 do Decreto 130/2011, cómpre ter en conta, para a aprobación de calquera plan de aproveitamento específico da anguía, os criterios establecidos pola Decisión da Comisión Europea do 1 de outubro de 2010, criterios que se cumpren segundo a proposta de resolución do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña e o informe-proposta da Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, regula a pesca profesional da anguía mediante a aprobación de plans de aproveitamento específicos no marco do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 1 de outubro de 2010 e do artigo 88.2 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e de ecosistemas acuáticos continentais de Galicia.

Segundo. A competencia para ditar a resolución aprobatoria do plan de aproveitamento específico correspóndelle ao director xeral de Conservación da Natureza conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o disposto no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Visto o exposto nos antecedentes, o Decreto 130/2011, do 9 de xuño, e demais normativa de pertinente e xeral aplicación,

RESOLVO:

Aprobar o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2013, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2013

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza

ANEXO
Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura
do río Tambre para o ano 2013

a) Artes de pesca.

Arte tradicional denominada «nasa voitirón» con rede de malla non inferior aos 14 mm, medidos en diagonal e mollada.

As ringleiras de nasas deberán situarse en dirección paralela á corrente, non podendo cruzarse nin na canle nin no estuario.

As artes de pesca de cada ringleira deberán estar unidas por unha corda e en cada extremo dela unha boia, dun tamaño mínimo de 20 cm. Na de menor dimensión indicarase o folio da embarcación a que pertence.

Programarase o tendido das artes, de xeito que sempre quede libre un largo do río suficiente, para o normal movemento das especies piscícolas migradoras.

b) Proposta de zonas dentro da bacía fluvial.

Delimitación: tramo do río Tambre comprendido entre a liña que une Punta Testal con Punta Requeixo e A Ponte Nafonso.

c) Período de pesca.

Desde o día 1 de maio ata o 31 de outubro de 2013.

d) Número previsto de días de actividade.

Os labores de pesca suspenderanse desde as 12.00 horas dos sábados ata as 12.00 horas dos luns, con carácter xeral. O número máximo previsto de días de actividade ao longo da tempada será de 158.

e) Proposta de horas de pesca diarias.

O horario de pesca estará comprendido entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado, cun máximo de oito horas diarias de traballo, debendo ser levantadas diariamente as nasas.

f) Proposta de número de aparellos ou artes de pesca por persoa.

O número de artes de pesca que se empregarán non poderá ser superior a dez (10) por tripulante. Ningún tripulante poderá facerse cargo das artes asignadas a outro tripulante.

g) Proposta de cotas de captura diarias ou por tempada de pesca.

Máximo 15 quilos por día de actividade e embarcación.

A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.

Devolverase ao río calquera outra especie que entre nas artes.

Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela», e deberanse devolver á auga, inmediatamente despois da súa captura, todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».

h) Relación de embarcacións e de membros da asociación participantes no plan.

Embarcación Benigna, con matrícula 3ªCO-7-2015 e tripulada por:

José Martínez González e Celsa Gil Conejo.

Embarcación Baña, con matrícula 3ªCO-7-2580 e tripulada por:

Jesús Suárez Rey e Enrique Suárez Rey.

i) Proposta de sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

Cada mes, a confraría remitirá ao Servizo de Conservación da Natureza unha declaración das capturas totais, especificando o total mensual de cada embarcación, así como os días traballados. Así mesmo, remitirase o parte dos exemplares capturados e devoltos de lamprea, zamborca e salmón, se for o caso.

j) Proposta de sistema de comercialización das capturas e o seu control.

A comercialización levarase a cabo na lonxa de Noia, onde é obrigatorio entregar a totalidade das capturas.

Cada mes, xunto cos partes de capturas, remitiranse ao Servizo de Conservación da Natureza o xustificante de venda na lonxa.