Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2013 Páx. 6243

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 39/2013, do 21 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

O artigo 31.6 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, modificado pola Lei 2/2009, do 23 de xuño, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

O artigo 23.dous da Lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, autoriza unha taxa de reposición, coas limitacións que nel se establecen, entre outras, ás administracións públicas con competencias educativas para o desenvolvemento da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en relación coa determinación do número de prazas para o acceso aos corpos de funcionarios docentes.

Polo anterior, e tendo en conta a planificación educativa e as prazas vacantes nos distintos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa aos corpos docentes, no ano 2013.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de febreiro dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para o ano 2013, nos termos que se establecen neste decreto e de conformidade co disposto no artigo 31.6 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

Corpo de mestres: 200.

Corpo de inspectores de Educación: 22.

Artigo 3. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para o ingreso reservarase unha cota do 7 % do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 %. A distribución da dita reserva por corpos e especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. As prazas que queden vacantes da quenda de discapacidade acumularanse ás convocadas pola quenda libre.

No suposto de que algún dos ou das aspirantes con discapacidade que se presentase pola quenda de reserva supere a proba e non obteña praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de acceso xeral, será incluído ou incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

Artigo 4. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Disposición adicional. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá, ademais, convocar o procedemento para que os funcionarios docentes de carreira que dependan directamente dela poidan acadar unha nova especialidade dentro do corpo a que pertencen.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, vinte e un de febreiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria