Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Martes, 5 de marzo de 2013 Páx. 6370

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 40/2013, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local Loio-Ruxidoira.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30º, faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais. A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define no seu título I, con carácter xeral, os espazos naturais que deben ser considerados merecedores dunha protección especial, e dispón un réxime xeral de protección así como tamén a posibilidade de establecer réximes de protección preventiva. Entre as oito categorías de espazos naturais protexidos que establece a Lei 9/2001, prevese a figura de espazo natural de interese local (ENIL en diante).

A regulación do procedemento de declaración dos ENIL foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural. Así mesmo, a Lei 9/2001, establece no seu artigo 31 que, como instrumento para a planificación dos ENIL, se configuran os plans de conservación que, de acordo co artigo 37, serán os instrumentos que establezan o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

A declaración definitiva require que o Concello de Paradela presente ante a consellería competente en materia de conservación da natureza o plan de conservación do espazo, o que fixo o pasado 1 de xuño de 2012.

Mediante a Orde do 13 de febreiro de 2013, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, declarouse de forma definitiva o ENIL Loio-Ruxidoira, localizado no concello de Paradela.

O plan de conservación presentado é conforme cos contidos mínimos referidos no artigo 38 da lei e desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, establecendo o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo, polo que procede a súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

O ENIL Loio-Ruxidoira comprende, de acordo coa delimitación establecida na Orde do 3 de outubro de 2011, de declaración provisional, unha superficie de 437 ha, que inclúe terreos clasificados como dominio público hidraúlico.

A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

Na tramitación emitiron informes o Servizo de Conservación da Natureza en Lugo, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Dirección Xeral de Montes, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Presidencia (OU) y Comisaría de Aguas (LU) e notificouse o procedemento a Gas Natural-Generación Hidraúlica, interesado no procedemento.

Vista a documentación presentada polo Concello de Paradela perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas propoñendo a aprobación do plan de conservación do lugar denominado Loio-Ruxidoira como espazo natural de interese local, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza estableceu un período de información pública e audiencia aos/ás interesados/as na tramitación da declaración definitiva deste ENIL mediante Resolución do 11 de outubro de 2012 (DOG nº 208, do mércores 31 de outubro), despois do cal resulta procedente elevalo ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto.

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de febreiro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación

1. Apróbase o Plan de conservación do ENIL Loio-Ruxidoira, declarado mediante Orde do 13 de febreiro de 2013 da consellería competente en materia de conservación da natureza.

2. No anexo I deste decreto recóllese o Plan de conservación do ENIL Loio-Ruxidoira, no cal se establece o réxime de uso e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideran necesarias para a conservación do espazo.

3. Toda a información ambiental que xustifica a declaración do ENIL Loio-Ruxidoira, quedará á disposición de calquera interesado/a no Concello de Paradela, xestor do espazo.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de febreiro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I
Plan de conservación do espazo natural de interese local Loio-Ruxidoira

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza do plan

Este plan é o instrumento específico para a delimitación do seu ámbito, tipificación dos valores naturais que o integran e determinación da relación do espazo natural co resto do territorio, e conforme o previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

Artigo 2. Finalidade

O Plan de conservación do ENIL Loio-Ruxidoira, como documento estratéxico e orientador, ten os seguintes obxectivos:

– Apoiar o desenvolvemento e a conservación dos valores naturais e da biodiversidade a través do mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais, garantindo a conexión das poboacións de fauna e flora silvestres e preservando a diversidade xenética.

– Identificar e xeorreferenciar o espazo natural, os valores que o caracterizan e a súa integración e relación co resto do territorio.

– Sinalar o réxime de protección que proceda para o espazo natural, co obxecto de manter, mellorar ou restaurar ecosistemas, en funcionalidade e conectividade.

– A subsidiariedade e o fomento da participación pública, a través de cooperación e colaboración activa dos sectores sociais e económicos implicados, asumindo unha responsabilidade compartida na conservación.

– A prevención e a planificación para impedir a deterioración ambiental. As políticas sectoriais integrarán as consideracións ambientais na súa planificación e porán en marcha os mecanismos necesarios para evitar danos ao ambiente, identificando a capacidade e a intensidade do uso do patrimonio natural e da biodiversidade e a xeodiversidade para poder, así, determinar as alternativas de xestión e as limitacións que deban establecerse á vista do seu estado de conservación.

– Definir e sinalar o estado de conservación das compoñentes do patrimonio do espazo natural, da súa biodiversidade e da súa xeodiversidade, así como dos procesos ecolóxicos e xeolóxicos no ámbito territorial tratado.

– A internalización dos custos ambientais, tendo en conta, en sentido amplo, o principio de que «quen contamina paga». As medidas compensatorias ou actuacións correctoras deberán ser asumidas e programadas como un elemento máis do proceso produtivo.

– O desenvolvemento sustentable, favorecendo os usos e aproveitamentos respectuosos co medio. Este uso debe ser compatible co mantemento dos ecosistemas e non reducir a viabilidade doutros recursos a que se asocie, nin reducir as posibilidades de gozo deles ás xeracións futuras. Procurarase a posta en valor dos compoñentes da biodiversidade e tratarase de que os beneficios xerados polo uso dos recursos revertan en favor dos axentes implicados.

– Prever e promover a aplicación das medidas de conservación, así como de restauración, de todos os recursos naturais e dos seus compoñentes que requiran ser conservados ou restaurados.

– Contribuír ao establecemento e á consolidación de redes ecolóxicas compostas por espazos de alto valor natural que permitan os movementos e a dispersión das poboacións de especies tanto de flora como de fauna e o mantemento dos seus fluxos, de forma que garanta a funcionalidade dos distintos ecosistemas presentes no ENIL.

Artigo 3. Ámbito territorial

A área comprendida por este ENIL atópase no termo municipal de Paradela, provincia de Lugo, ao sueste de Galicia e conta cunha superficie de 4,31 km².

Esta área atópase localizada nas follas 123-3-6, 123-3-8; 123-4-6; 123-4-7; 123-4-8 da cartografía 1:5.000 da Xunta de Galicia. Os límites do ENIL Loio-Ruxidoira localízanse dentro das parroquias de Loio, San Martiño de Castro, Cortes, San Mamede de Castro, Laxe, Suar, San Miguel de Paradela, Vilaragunte, Francos, Barán e Ferreiros.

Os límites do ENIL son os que figuran no anexo I da Orde do 13 de febreiro de 2013 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pola que se declara de forma definitiva o ENIL Loio-Ruxidoira.

Artigo 4. Efectos do plan

Conforme o artigo 39 da Lei 9/2001, as previsións deste plan de conservación serán vinculantes tanto para as administracións públicas como para os/as particulares, prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e a súa aprobación implicará a revisión dos plans territoriais.

Artigo 5. Vixencia e revisión

O ENIL Loio-Ruxidoira inclúe propiedades privadas, así coma terreos clasificados como dominio público hidraúlico. A declaración como ENIL non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

As determinacións do presente plan de conservación entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e continuarán en vigor ata que se revise o plan polo cambio significativo e suficiente das circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación. En calquera caso, na falta de modificacións excepcionais, deberá revisarse pasados cinco anos.

Artigo 6. Contido do plan

En relación cos contidos mínimos exixibles aos plans de conservación, o Plan do ENIL Loio-Ruxidoira cumpre co disposto no artigo 6.4 do Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura de espazo privado de interese natural, e integra as seguintes epígrafes:

1. Introdución: antecedentes e obxectivos.

2. Normativa aplicable: diferéncianse a normativa aplicable ao espazo en función do seu carácter autonómico ou estatal.

3. Finalidades do espazo natural de interese local:

– Científica e de investigación.

– Recreativa.

– Educativa e didáctica.

– Socioeconómica.

– Protección e conservación do medio biofísico e natural.

4. Delimitación do ámbito de protección:

– Situación e límites do ENIL Loio-Ruxidoira.

– Características físicas: xeoloxía, hidroloxía, hidroxeoloxía, edafoloxía, climatoloxía.

– Flora: vexetación e clases agrolóxicas, cultivos e aproveitamentos, paisaxe.

– Fauna: peixes, anfibios, réptiles, mamíferos, aves.

– Espazos naturais.

– Contorno socioeconómico: introdución, sistema demográfico, sistema económico, infraestruturas e comunicacións, patrimonio histórico-artístico.

5. Identificación dos valores naturais do ENIL:

– Río Loio.

– Carballos e castiñeiros centenarios.

– Bosque de especies autóctonas.

– Formacións naturais de matogueiras.

– Bosque de ribeira.

– Ruínas do mosterio de Santa María de Loio.

– Muíños e pontes, ruta de sendeirismo.

6. Riscos que poden afectar os valores naturais.

7. Normas de uso e aproveitamento do solo e dos recursos naturais:

– Introdución.

– Normativa de uso: usos permitidos e usos autorizables.

8. Normas do uso público, actividades científicas ou educativas:

– Auga.

– Xeoloxía e morfoloxía do solo.

– Vexetación.

– Fauna.

– Paisaxe.

– Actividades de información e interpretación.

– Recursos histórico-artísticos e culturais.

9. Cargas e gravames existentes sobre o espazo natural.

10. Conclusións.

TÍTULO II
Xustificación, categoría de protección e obxectivos

Artigo 7. Xustificación

A finalidade básica do plan de conservación dun espazo natural de interese local é garantir a conservación dunha serie de valores naturais, culturais, estéticos e científicos recoñecidos pola sociedade e apoiados por unha normativa legal.

Os obxectivos deben alcanzarse en territorios onde a poboación utilizou ao longo da historia os recursos naturais, e con isto modificou as paisaxes e as comunidades biolóxicas. A incorporación de consideracións de índole socioeconómica á preocupación central da consideración do benestar da poboación que habita nestes territorios e no seu contorno, así como ao recoñecemento e a valoración dunha relación positiva entre certo tipo de aproveitamentos económicos e a garantía de pervivencia dos valores naturais.

A declaración de espazos naturais pode considerarse unha oportunidade para promover modelos máis sustentables de desenvolvemento, exportables ao resto do territorio, é por iso non se deberían considerar como unidades illadas do resto do territorio. Os espazos naturais non poden concibirse de forma estática, senón que deben incorporar os avances científicos e tecnolóxicos e deberán dar resposta aos cambios sociais e económicos do medio no que están inseridos.

O interese natural do ENIL Loio-Ruxidoira radica fundamentalmente na presenza de diversidade vexetal, con predominio na súa maior parte das especies autóctonas.

A fauna, a flora, o patrimonio arqueolóxico e a paisaxe, entre outros aspectos, configuran un conxunto paisaxístico e natural merecente dunha protección especial.

Por iso, ante a gran diversidade de especies e hábitats, e ao abeiro da normativa de conservación, concrétanse neste plan os recursos que van ser obxecto de conservación, a orientación principal do ENIL Loio-Ruxidoira será a da conservación e protección dos valores naturais e a rexeneración daqueles degradados pola actividade humana.

Artigo 8. Categoría de protección

O ENIL Loio-Ruxidoira comprende, de acordo coa delimitación establecida na Orde do 3 de outubro de 2011, de declaración provisional, unha superficie de 437 ha, que inclúe terreos clasificados como dominio público hidráulico.

En consecuencia, coa elaboración e aprobación do Plan de conservación queda definido o instrumento de xestión deste espazo natural de interese local, baixo a denominación de espazo natural de interese local Loio-Ruxidoira; nas 437 ha téñense en conta tanto as propiedades públicas coma as privadas.

O ENIL Loio-Ruxidoira é un espazo natural protexido cuxa declaración non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos. Tampouco implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

Artigo 9. Obxectivos de conservación

A declaración do ENIL Loio-Ruxidoira establécese coa finalidade de crear un réxime de protección deste espazo natural mediante directrices de xestión axeitadas, harmonizándoo co exercicio das competencias que legalmente a Administración poida realizar; co exercicio dos dereitos privados; co goce e visita ao espazo natural, o estudo e a contemplación dos seus valores, o aproveitamento ordenado das súas producións e demais actividades que se executen dentro del. Estes obxectivos xerais quedan definidos no Plan de conservación.

TÍTULO III
Medidas de xestión

Artigo 10. O instrumento de planificación

1. De acordo cos obxectivos de conservación, e unha vez identificados os principais compoñentes e valores do espazo natural, no ámbito do plan diferéncianse os usos e aproveitamentos dos diferentes recursos naturais en función de se estes son ou non tradicionais.

O plan recoñece os aproveitamentos a favor dos/as particulares respecto dos seus montes. Os aproveitamentos terán que exercerse de xeito sustentable e conforme as previsións de ordenación contidas no plan de ordenación do respectivo monte (no caso de que exista) e seren compatibles coa conservación das especies e hábitats protexidos (en todo caso).

2. Para a súa consecución, o plan regula os usos e actividades, definindo as directrices que se adoptarán no seu aproveitamento. As necesidades de conservación e restauración deberán compatibilizarse cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio.

3. O plan de conservación articula unha serie de riscos que poden afectar os valores naturais e incorpora unha listaxe de factores de diferentes índoles que poden provocar efectos negativos sobre os valores que se pretende protexer.

CAPÍTULO I
Directrices xerais

Directrices en relación co uso público

Artigo 11

Tentarase compatibilizar o uso público do territorio do ENIL coa conservación, preservación e mantemento dos seus valores, recollendo as súas realidades.

Directrices para as actividades científicas

Artigo 12

É imprescindible informar e divulgar a importancia e riqueza dos valores naturais co fin de incrementar o cambio de percepción sobre os ecosistemas presentes e para conseguir sensibilizar a sociedade sobre a necesidade da súa conservación.

Directrices para as actividades educativas

Artigo 13

Procurarase unha actitude favorable cara a conservación por parte dos/as visitantes do espazo natural, mediante unha axeitada orientación educativa do sistema de uso público.

CAPÍTULO II
Cargas e gravames existentes no espazo

Artigo 14

Dentro das actividades consideradas como cargas e gravames cabe reflectir que hai unha concesión de aproveitamento de augas do río Miño para produción de enerxía eléctrica do ano 1964 cuxos aproveitamentos se denominan Salto de Belesar e Os Peares e o seu posterior aumento de caudal, autorizado mediante Resolución do 3 de decembro de 2009 da Dirección Xeral de Augas do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural Mariño, Belesar 2 e Os Peares 2. Esta concesión pertence a Unión Fenosa Generación, que na actualidade está integrada no grupo Gas Natural.

A declaración do espazo natural Loio-Ruxidoira como ENIL non suporá limitacións á explotación do encoro en funcionamento. Esta explotación virá determinada polo indicado nas normas de explotación da presa.

TÍTULO IV
Desenvolvemento do plan de xestión

Artigo 15

O desenvolvemento do Plan de conservación de Loio-Ruxidoira levarase a cabo seguindo as directrices e as liñas de traballo recollidas nel, establecéndose deste xeito o modelo de xestión recollido no artigo 2.

Para este fin valoraranse, analizaranse e corrixiranse os posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais no relativo á actividade agraria, ás obras de infraestruturas, ao turismo incontrolado e á masificación do uso público, ao furtivismo, aos incendios forestais, ao sobrepastoreo, á deforestación. Nomeadamente, velarase pola conservación dos valores do río Loio que se poden ver afectados polos obstáculos no leito, a contaminación das súas augas, a presenza de exóticas invasoras ou a sobrepesca.

TÍTULO V
Normativa de protección

Artigo 16. Usos permitidos

1. Con carácter xeral considéranse usos permitidos os seguintes:

– A práctica da pesca, cumprindo o establecido na orde anual de pesca, pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autonómica de Galicia.

– O uso recreativo e actividades de tempo libre que non supoñan unha deterioración das condicións naturais deste espazo.

– As actividades de tempo libre tales como navegación e flotación, a condición de que o caudal do río posibilite a práctica da actividade, deberán cumprir o disposto no Regulamento do dominio público hidráulico, no artigo 55 a 68 da sección 3ª, capítulo II, título II.

– Obras de mellora en vías sen que supoña unha deterioración dos valores naturais que se pretenden protexer.

– Muros de contención, peches e valos de leiras, a condición de que non afecten a zona de servidume para uso público e adecuándose ao establecido no artigo 33.2 da Lei do solo.

2. En xeral, calquera actividade destinada a mellorar as condicións naturais e paisaxísticas deste espazo ou a facilitar a realización de actividades científicas e didácticas, así como escolares e divulgativas.

Artigo 17. Usos autorizables

Considéranse sometidas a autorización administrativa os seguintes usos:

– A escavación ou modificación da topografía do terreo.

– Aquelas actividades que supoñan unha perda dos valores considerable, unha deterioración significativa dos ecosistemas ou unha alteración apreciable das condicións de habitabilidade para as especies do ENIL.

– A apertura de camiños e movemento de terras, ademais das vías de saca de madeira. É necesario destacar que tanto os camiños ou as vías que se atopen no dominio público hidráulico e na súa zona de policía requirirán autorización previa do organismo de bacía.

– As construcións e instalacións destinadas a establecemento de acuicultura.

Artigo 18

Respecto do uso público e das actividades científicas e educativas, aplicaranse as normas e directrices de ordenación dos recursos naturais seguintes:

1. Auga.

– As zonas de solo rústico de protección de augas rexeranse polo disposto no Plan de ordenación municipal de Paradela, segundo o punto 4.5 da memoria xeral do citado plan de ordenación. Cabe destacar que o réxime de concesión de autorizacións e concesións será o recollido na Lei de augas (Real decreto lei 4/2007, do 13 de abril, polo que se modifica o texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo) e o Regulamento do dominio público hidráulico (Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas).

Tamén é necesario destacar que para a redacción do presente plan de conservación se tivo en conta a planificación hidrolóxica existente na bacía (Plan hidrolóxico Norte I).

– Preservaranse as marxes dos ríos e regatos, restaurando aquelas zonas que sufran alteracións importantes por actuacións e usos inadecuados.

– Anteporanse o mantemento da calidade da auga e os seus valores ecolóxicos aos usos recreativos.

– Conservaranse ou restauraranse os muíños da zona de estudo.

2. Xeoloxía e morfoloxía do solo.

– Os xacementos, areeiras, entulleiras, vertedoiros, canteiras e demais elementos de incidencia espacial estarán totalmente prohibidos.

3. Vexetación.

– Protexeranse as formacións vexetais e as especies propias de ribeira. Estableceranse as medidas necesarias para evitar as alteracións da cobertoira vexetal que poidan repercutir negativamente na protección dos solos fronte á erosión superficial, a regulación hídrica e os valores paisaxísticos da zona que se declara como ENIL.

– Aplicaranse medidas de protección e conservación da flora endémica, rara ou ameazada, evitando a plantación e difusión de especies invasoras, e tenderase á eliminación progresiva das actualmente existentes na zona de estudo.

– Potenciaranse as plantacións de vides xa existentes na medida do posible.

– Dentro dos límites do ENIL permitirase a rehabilitación e adecuación de estruturas xa existentes asociadas a explotacións agrícolas, forestais ou gandeiras tradicionais e poderán utilizarse os terreos de matogueiras e pradarías naturais de cultivo ou pastoreo que poidan servir de aproveitamento para calquera tipo de explotación que se atope adxacente a este ENIL.

4. Fauna.

– Como norma xeral, protexerase e conservarase o conxunto da fauna existente dentro do ENIL.

5. Paisaxe.

– Velarase polo mantemento do ENIL libre de lixo e verteduras incontroladas.

– Procurarase que os tendidos eléctricos e liñas telefónicas causen o menor impacto posible na paisaxe e, na medida do posible, serán substituídos por conducións subterráneas.

– Os elementos de sinalización ou calquera elemento que se xere como consecuencia da declaración do ENIL, deberá integrarse no ambiente, de maneira que cause o mínimo impacto.

6. Actividades de información e interpretación.

– Sinalizaranse todos os accesos ao ENIL empregando materiais e deseños que compatibilicen a visibilidade dos sinais coa súa integración na paisaxe, así como o cumprimento da normativa exposta no Decreto 138/2008, do 22 de maio, polo que se regula a sinalización turística de Galicia.

– Promoverase, ademais, o descubrimento dos valores naturais do ENIL mediante a ruta de sendeirismo PR-G 14, Ruta do Loio, xa situada actualmente na maior parte da superficie de estudo.

7. Recursos históricos-artísticos e culturais.

– Promoverase a recuperación de muíños, caneiros, pesqueiras, así como as pontes, fontes, ruínas e todo tipo de construción rural tradicional que sexa de interese no ENIL.

– En xeral, promoverase o coñecemento e a divulgación dos valores arqueolóxicos, histórico-artísticos e etnográficos.

– De forma xeral, dentro do ENIL Loio-Ruxidoira pódense desenvolver unha serie de actividades debido principalmente á variedade orográfica característica da zona onde se sitúa.

– Este espazo presenta un elevado valor paisaxístico e natural no cal se poden implantar zonas de recreo e esparexemento ao aire libre, de modo compatible coa propia natureza. Tamén se poden practicar o sendeirismo, a pesca, actividades acuáticas e outras relacionadas coa natureza.

Artigo 19. Excepcións

Excepcionalmente, e sempre que iso non supoña o prexuízo do mantemento nun estado de conservación favorable do ENIL, poderán quedar sen efecto estas prohibicións, logo de autorización expresa da consellería con competencias en materia de conservación da natureza, sen prexuízo das autorizacións perceptivas recollidas na normativa vixente que poidan resultar de aplicación.

Artigo 20. Do procedemento sancionador

O réxime para sancionar aquelas infraccións que poidan cometerse no espazo natural será, con carácter xeral, o establecido no título III da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, sen prexuízo de todas aquelas normas vixentes que poidan resultar de aplicación ás ditas infraccións ou ilícitos de calquera clase.