Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Venres, 15 de marzo de 2013 Páx. 7822

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establece e se regula o programa de Escolas abertas presenciais 2013 destinadas ás comunidades galegas no exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu título preliminar recoñécelles ás comunidades asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, determina que as comunidades galegas son entidades asociativas sen ánimo de lucro que teñen personalidade xurídica e o seu obxecto é o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia, a súa xente, a súa historia, a súa lingua e cultura.

Segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, en relación coa disposición transitoria terceira do Decreto 243/2012, do 5 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma á que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e a confección e xestión dos programas de formación ou especialización dirixidos ás comunidades galegas residentes no exterior.

Para avanzar no fomento da cultura galega nas súas diferentes manifestacións artísticas e co fin de promover a participación dos cidadáns galegos e galegas e das comunidades en que se integran na nosa vida cultural e social, faise necesario o deseño e implantación dunha programación formativa de carácter presencial que se desenvolverá durante o vindeiro mes de xullo nunha cidade de Galicia.

A especialización e a adquisición de novos coñecementos e ferramentas nas distintas materias formativas impartidas posibilitarán unha maior implicación e colaboración da xuventude no seo das entidades galegas do exterior, favorecendo deste xeito a súa dinamización.

En virtude do exposto, e no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a realización dos distintos obradoiros de especialización de carácter presencial previstos dentro do programa Escolas abertas 2013 e dirixidos ás comunidades galegas no exterior e aos cidadáns galegos residentes fóra de Galicia.

Estas bases, que se aproban expresamente nesta resolución, son as establecidas no seu anexo I.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución a convocatoria dos obradoiros de especialización para o ano 2013.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes, será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 3. Desenvolvemento e aplicación

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e as súas bases reguladoras.

Artigo 4. Financiamento

Trátase de axudas en especie e consecuentemente non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan aos participantes na presente convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 5. Recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Bases reguladoras para a realización dos obradoiros programados
dentro das Escolas abertas de especialización

Artigo 1. Obxecto

Os distintos programas que se van desenvolver dentro das Escolas abertas 2013 realizaranse nunha cidade de Galicia e consistirán en obradoiros de especialización de:

1. Gaita tradicional galega.

2. Baile tradicional galego.

3. Percusión tradicional galega.

4. Canto popular e pandeireta.

5. Confección de traxe tradicional galego.

O contido de cada un dos obradoiros programados será o que se recolle no anexo II desta convocatoria.

Os obradoiros convocados dentro das Escolas abertas presenciais terán as seguintes características comúns:

I. Formación intensiva e duración mínima de 50 horas lectivas teórico-prácticas. Carácter participativo.

II. Os obradoiros desenvolveranse no mes de xullo do ano 2013.

III. A formación será impartida por profesionais e expertos con experiencia nas distintas modalidades que se impartan.

IV. Cada alumno deberá vir provisto dos instrumentos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros.

V. O número de prazas de cada obradoiro e o desenvolvemento de cada unha das modalidades establecerase por resolución do secretario xeral da Emigración, sen que poida excederse o número de prazas establecidas por países que se recollen neste punto, coa excepción establecida no seu último parágrafo. Pódese determinar a non realización dos obradoiros de non alcanzar un número suficiente de solicitudes. Así mesmo, no caso de que o número de solicitudes presentadas para algún dos obradoiros sexa elevado poderá determinarse a realización de máis dun obradoiro nalgunha das modalidades.

O número de prazas ofertadas ascende a un total de 90 distribuídas por países do seguinte xeito:

a) Arxentina: 31 prazas.

b) Uruguai: 12 prazas.

c) Venezuela: 9 prazas.

d) Brasil: 6 prazas.

e) Cuba: 7 prazas.

f) Outros países americanos: 10 prazas.

g) Europa: 10 prazas.

h) España: 5 prazas.

As prazas que queden vacantes distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que, dentro do mesmo continente, teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas, ata un máximo dun 25 % do total das prazas.

Artigo 2. Financiamento

I. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo directamente dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros programados dentro das Escolas abertas 2013.

II. Os gastos necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria e polo importe que se determine na correspondente resolución de convocatoria.

III. Ademais dos gastos derivados da organización e desenvolvemento dos obradoiros, a Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do custo da estadía e da viaxe de todos os participantes desde os lugares de partida fixados pola secretaría xeral ata os aeroportos de Galicia e ao lugar de impartición dos obradoiros.

Non serán beneficiarios do programa aqueles participantes nos obradoiros que xestionen directamente a súa estadía e desprazamento.

Artigo 3. Solicitantes

Persoas xurídicas.

Poderán solicitar este programa as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a condición de centro colaborador, así como aquelas institucións e asociacións sen fins de lucro legalmente constituídas radicadas fóra de Galicia, inscritas no Directorio de centros galegos no mundo da Secretaría Xeral da Emigración, que contribúan a favorecer a difusión e preservación do patrimonio cultural galego no exterior. Para solicitar o obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, de catro anos.

As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e responsables de impartir a docencia na modalidade solicitada dentro da entidade solicitante. En todo caso, os candidatos propostos pola entidade deberán posuír coñecementos e capacidades similares en relación con aqueles obradoiros para os que son propostos.

Non poderán ser beneficiarias as entidades nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades solicitantes de prazas para estes obradoiros incluirán na súa solicitude unha proposta coa persoa que designen para participar nas Escolas abertas 2013.

Non poderá participar en cada modalidade de obradoiro máis dunha persoa por entidade galega.

Os requisitos deben cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Persoas físicas.

Nos obradoiros de gaita, baile, canto popular e pandeireta e percusión reservaranse un total de 4 prazas para a participación a nivel individual daqueles cidadáns galegos e os seus descendentes ata o segundo grao de consanguinidade, maiores de 18 anos, residentes fóra de Galicia, que acrediten ser responsables de impartir docencia na modalidade que soliciten, así como un nivel suficiente de coñecemento para participar neles, segundo os criterios de valoración establecidos na presente resolución.

Non poderán ser beneficiarias as persoas nas cales concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os requisitos deben cumprirse o último día do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas paxinas web:

https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

2. O prazo de presentación de solicitudes, que en ningún caso será inferior a un mes, establecerase na correspondente resolución de convocatoria.

3. No suposto de que a solicitude de iniciación non reúna os requisitos exixidos ou a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na páxina web http://emigracion.xunta.es a relación de interesados que deberán emendar a súa solicitude, para que no prazo de 10 días corrixan a falta en que incorran ou acheguen os documentos preceptivos, indicándose que se non o fixeran se terán por desistidos das súas peticións de conformidade co disposto no artigo 71, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Artigo 5. Resolución e prazo de duración do procedemento de concesión

A resolución deste procedemento será ditada polo secretario xeral da Emigración e será publicada na páxina web http://emigracion.xunta.es

O prazo máximo para resolver será de cinco meses, que empezará a contar a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Obrigas

1. A solicitude de participación supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que crea necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa, no caso de concesión.

2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, podendo esta secretaría modificar a resolución de concesión.

3. O falseamento de datos ou da documentación presentada polas persoas ou entidades beneficiarias dalgúns destes programas, así como o incumprimento das súas obrigas, comportará a súa exclusión en próximas edicións destes programas, sen prexuízo de que se inicie o correspondente procedemento de reintegro por algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento dos programas recollidos nesta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas a que van dirixidos os programas regulados nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

5. Os beneficiarios destes programas estarán obrigados a participar e asistir ás actividades para as que foron seleccionados.

6. A presentación da solicitude implica o consentimento do solicitante para o tratamento dos seus datos de carácter persoal, segundo o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Estes datos integraranse nun ficheiro responsabilidade da Secretaría Xeral da Emigración, ante quen os interesados poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

Así mesmo, o interesado manifesta que ten a autorización das persoas propostas para participar nas Escolas abertas 2013, para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración, co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria.

7. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas. Agás nos casos indicados no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web, http://emigracion.xunta.es, a relación de beneficiarios, polo que, a presentación da solicitude comporta a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina http://emigracion.xunta.es

Artigo 7. Documentación

1. Persoas xurídicas.

A documentación necesaria para solicitar a participación nas Escolas abertas 2013 será:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado (anexo III), na cal deberán indicarse os obradoiros en que se quere participar.

b) Fotocopia do NIF ou equivalente. Así mesmo, deberá presentarse fotocopia do documento que acredite a identidade e datos persoais dos candidatos propostos. Aqueles candidatos con DNI español quedarán exentos de achegar a fotocopia no caso de que autoricen a Secretaría Xeral da Emigración a consultar os seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade, tal como se recolle no anexo III.

c) Breve currículo de cada aspirante con especial referencia aos coñecementos, títulos, experiencia etc. na materia obxecto do obradoiro.

d) No caso do obradoiro de gaita tradicional galega deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD ...) que non exceda os 4 minutos. O tema estará gravado só con gaita, sen ningún outro instrumento acompañando a gaita solista.

e) No caso do obradoiro de percusión tradicional galega deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD ...) que non exceda os 4 minutos. O tema estará gravado cun instrumento de percusión galega, sen ningún outro instrumento acompañando o instrumento de percusión solista.

f) No caso do obradoiro de canto popular e pandeireta deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD ...), cunha duración que non exceda os 4 minutos. A gravación remitida deberá ser solista.

g) No caso do obradoiro de baile tradicional galego deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD ...), cunha duración que non exceda os 4 minutos, na que o aspirante interprete varios bailes de ritmos ou estilos diferentes (muiñeira, xota, maneo, danza etc.).

h) No caso do obradoiro de confección de traxe tradicional galego, a entidade galega deberá presentar certificación de ter grupo de baile ou música debidamente constituído e cun funcionamento ininterrompido, como mínimo, de catro anos (anexo V).

i) Unha fotografía tamaño carné de cada aspirante.

j) Unha declaración do aspirante comprometéndose a investir os coñecementos adquiridos no seo da entidade.

k) Certificación da entidade que acredite que as persoas propostas son as responsables de impartir docencia na entidade solicitante.

l) Certificación da entidade que acredite o número de alumnos que compoñen a escola ou grupo de baile, gaita ou canto e percusión con que conta a entidade galega solicitante (anexo VI).

m) Declaración de axudas obtidas para a mesma actividade doutras administracións ou entes públicos ou privados (anexo VII). A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso a suma das axudas obtidas supere o 100 % do custo da actividade.

n) Declaración de non incorrer en prohibición para obter a condición de beneficiario (anexo VIII).

o) A presentación da solicitude de concesión desta axuda por parte do interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este aspecto antes da proposta de resolución. No caso de que os solicitantes non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes ou documentación acreditativa que xustifique a súa residencia fiscal fóra de España, así como declaración de que o solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (anexo IX).

2. Persoas físicas.

A documentación necesaria para solicitar a participación nas Escolas abertas 2013 será:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado (anexo IV), na cal deberá indicarse os obradoiros en que se quere participar.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade ou equivalente. Aqueles solicitantes con DNI español quedarán exentos de achegar a fotocopia no caso de que autoricen a Secretaría Xeral da Emigración a consultar os seus datos de identidade no sistema de verificación dos datos de identidade, tal como se recolle no anexo IV.

c) Breve currículo artístico de cada aspirante: nivel de estudos musicais realizados, actuacións, número de alumnos a que imparte clases, gravacións ...

d) No caso do obradoiro de gaita tradicional galega deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD ...) que non exceda os 4 minutos. O tema estará gravado só con gaita, sen ningún outro instrumento acompañando a gaita solista.

e) No caso do obradoiro de percusión tradicional galega deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD ...) que non exceda os 4 minutos. O tema estará gravado cun instrumento de percusión galega, sen ningún outro instrumento acompañando o instrumento de percusión solista.

f) No caso do obradoiro de canto popular e pandeireta deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD ...), cunha duración que non exceda os 4 minutos. A gravación remitida deberá ser solista.

g) No caso do obradoiro de baile tradicional galego deberase enviar unha gravación en vídeo dixital (CD, VCD, DVD ...), cunha duración que non exceda os 4 minutos, en que o alumno interprete varios bailes de ritmos ou estilos diferentes (muiñeira, xota, maneo, danza etc.).

h) Unha fotografía tamaño carné.

i) Documentación acreditativa de que a persoa solicitante imparte docencia na modalidade de obradoiro solicitado.

j) Declaración de axudas obtidas para a mesma actividade doutras administracións ou entes públicos ou privados (anexo VII). A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso a suma das axudas obtidas supere o 100 % do custo da actividade.

k) Declaración de non incorrer en prohibición para obter a condición de beneficiario (anexo VIII).

l) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este aspecto antes da proposta de resolución. No caso de que os solicitantes non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes ou documentación acreditativa que xustifique a súa residencia fiscal fóra de España, así como declaración de que o solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma (anexo IX).

m) Documentación xustificativa que acredite a súa condición de galego ou descendente de galego ata o segundo grao de consanguinidade.

n) Documentación que acredite a súa residencia fóra de Galicia. Aqueles solicitantes con residencia en España quedarán exentos de achegar a documentación acreditativa da súa residencia fóra de Galicia no caso de que autoricen a Secretaría Xeral da Emigración a consultar os seus datos de residencia no Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Administracións Públicas, tal como se recolle no anexo IV.

Artigo 8. Procedemento e criterios de selección

A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes ao programa de Escolas abertas establecidos na presente resolución corresponderá a Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres funcionarios/as da Secretaría Xeral da Emigración.

O órgano colexiado avaliará as solicitudes presentadas, asistido por un ou varios especialistas na materia, segundo os criterios obxectivos desta resolución, e pódese establecer unha puntuación mínima para poder participar nos obradoiros.

Os criterios de valoración serán os seguintes:

I) Obradoiros de gaita tradicional galega, baile tradicional galego, canto popular e pandeireta e percusión tradicional galega:

I.1. A calidade técnica da gravación valorarase ata un máximo de 60 puntos distribuídos do seguinte xeito:

I.1.1. No caso dos obradoiros de gaita tradicional galega, canto e pandeireta e percusión tradicional galega:

a) Afinación: ata un máximo de 15 puntos.

b) Expresión: ata un máximo de 15 puntos.

c) Rítmica: ata un máximo de 15 puntos.

d) Estética musical: ata un máximo de 15 puntos.

I.1.2. No caso do obradoiro de baile tradicional galego:

a) Expresión: ata un máximo de 20 puntos.

b) Rítmica: ata un máximo de 20 puntos.

c) Técnica: ata un máximo de 20 puntos.

I.2. Alumnos solicitantes que non teñan participado nas tres últimas edicións destes programas: 20 puntos.

I.3. Segundo o número de alumnos da escola ou grupo de baile, gaita ou canto e percusión da entidade solicitante, tendo en conta, en cada caso, a modalidade solicitada: ata un máximo de 10 puntos.

– Ata 10 alumnos: 4 puntos.

– De 11 a 25 alumnos: 6 puntos.

– De 26 a 50 alumnos: 8 puntos.

– Máis de 50 alumnos: 10 puntos.

II) Obradoiro de confección de traxe tradicional galego:

II.1. Estar en posesión do título oficial de corte e confección: 20 puntos.

II.2. Ter experiencia en corte e confección de traxe tradicional galego debidamente certificada pola entidade galega: 20 puntos.

II.3. Alumnos solicitantes que non teñan participado nas tres últimas edicións destes programas: 20 puntos.

No caso de empate, este desfarase pola orde alfabética dos apelidos dos solicitantes, empezando por aqueles cuxo primeiro apelido empece pola letra «X», segundo o sorteo que tivo lugar en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia cuxo resultado foi feito público por Resolución do 15 de xaneiro de 2013 (DOG núm. 15, do 22 de xaneiro).

En caso de renuncia, por causas debidamente xustificadas, da persoa proposta pola entidade solicitante, procederase a adxudicar a praza vacante ao seguinte candidato segundo a puntuación obtida por aplicación dos criterios de valoración e que pertenza a unha entidade do mesmo continente.

No caso de renuncia de solicitantes que sexan persoas físicas, procederase a adxudicar a praza vacante ao seguinte candidato, segundo a puntuación obtida con base nos criterios de valoración indicados anteriormente e no caso de non existir candidato que reúna os coñecementos axeitados para participar acumularase a praza vacante ás prazas ofertadas para as entidades galegas.

Artigo 9. Recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO II
Programas dos obradoiros das Escolas abertas 2013

I. Gaita tradicional galega.

I.1. Modulo 1: Breve punto teórico.

a) Breve historia da música galega.

b) As fontes musicais.

c) Organoloxía.

d) Sistema de notación na gaita.

I.2. Módulo 2: Praxe instrumental.

a) Afinación e son.

b) Articulación.

c) Ornamentación.

d) Interválica.

e) Repertorio.

f) Pedagoxía do instrumento.

I.3. Módulo 3: Recursos para o alumnado.

a) Bibliografía, gravacións, internet, software musical.

II. Baile tradicional galego.

a) Especialización nas técnicas base do baile tradicional galego.

b) Aprendizaxe de novas técnicas e diferentes bailes.

c) Didáctica do baile tradicional galego (técnicas de ensino).

d) Formación complementaria en forma de charlas e análise de material audiovisual.

III. Percusión tradicional galega.

I.1. Modulo 1: Breve punto teórico.

a) Breve historia da música galega.

b) As fontes musicais.

c) Organoloxía dos instrumentos de percusión (bombo, tamboril).

d) Sistema de notación para a percusión tradicional galega.

I.2. Módulo 2: Praxe instrumental.

a) Afinación (bombo e tamboril).

b) Mantemento do instrumento.

c) Técnica.

d) Outros instrumentos de percusión (pandeiro, pandeira e tarrañolas).

e) Improvisación e acompañamento sobre melodías de gaita.

f) Pedagoxía do instrumento.

I.3. Módulo 3: Recursos para o alumnado.

a) Bibliografía, gravacións, internet, software musical.

IV. Canto popular e pandeireta.

a) Visión do canto e da percusión en Galicia a través da historia.

b) Clasificación funcional dos distintos cantares e a súa relación co ciclo anual (cantos de entroido, os maios, o nadal …).

c) Os distintos xeitos de tocar e cantar os ritmos da nosa música tradicional (xotas, muiñeiras, agarrados etc.).

d) Presentación doutros tipos de percusión que tamén acompañan os cantares (culleres, pandeiro, pandeira, botella de anís, cunchas, lata, sachos, tixolas etc.).

e) Formación vocal e auditiva, respiración e vocalización.

f) Montaxe de repertorio.

V. Confección de traxe tradicional galego.

a) Historia do traxe tradicional galego.

b) Materiais empregados.

c) Mostra de pezas reproducidas a partir de recolleitas.

d) Patronaxe de pezas antigas.

e) Directrices básicas na confección de pezas.

f) Confección de pezas. Lenlla-mantela, dengue, saia, raxeta, zagalexo …

g) Técnicas de costura empregadas tradicionalmente.

h) Elaboración de fita gastadeira e botón de fío de xeito tradicional.

i) Aproximación aos bordados nos zagalexos/baixeiras.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file