Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Luns, 18 de marzo de 2013 Páx. 8075

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 46/2013, do 7 de marzo, polo que se regula a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Vigo.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece no seu artigo 97, que a modernización do Sistema público de saúde de Galicia require a introdución de modelos de xestión que dinamicen o servizo público e garantan un marco de innovación tecnolóxica adecuado, a fin de obter maior rendibilidade social.

O Decreto 168/2010, do 7 de outubro, crea e regula, con carácter xeral, a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde como un instrumento de organización, sen personalidade xurídica, para o ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde, sinalando ao mesmo tempo os elementos básicos da organización das estruturas.

Deste xeito, mantendo o mapa sanitario vixente, é necesario establecer unha nova organización da xestión sanitaria no marco das políticas de redución e simplificación das estruturas administrativas, de acordo cos principios de optimización do uso e utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 43 da Lei 16/2010, do 27 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico en Galicia, e no artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos correspondentes e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Constitúe o obxecto deste decreto a creación da estrutura de Xestión Integrada de Vigo, de acordo co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.

Artigo 2. Alcance

O ámbito de actuación da estrutura de Xestión Integrada de Vigo é o que se establece no anexo do presente decreto.

Artigo 3. Estrutura directiva

1. A estrutura de Xestión Integrada de Vigo, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, contará coa seguinte estrutura:

I. Órganos unipersoais:

a) Xerencia de Xestión Integrada.

b) Dirección de Procesos Asistenciais.

c) Dirección de Recursos Económicos.

d) Dirección de Recursos Humanos.

Da Dirección de Procesos Asistenciais dependerán as seguintes unidades:

a) Dirección de Procesos de Enfermaría.

b) Dirección de Procesos con Ingreso.

c) Dirección de Procesos sen Ingreso e Urxencias.

d) Dirección de Procesos de Soporte.

II. O órgano colexiado da estrutura de xestión integrada será a Comisión de Dirección.

Poderán constituírse as comisións necesarias para asesorar sobre a xestión clínica, xestión por procesos, docencia e investigación, calidade, seguridade e atención á cidadanía, ou calquera outra que se considere de interese.

Artigo 4. Funcións, requisitos e réxime de suplencias

As funcións de cada órgano directivo, unipersoal ou colexiado, así como os requisitos necesarios que deben cumprir os titulares dos órganos respectivos, réxime de suplencias e organización, serán os establecidos no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

En todo o non regulado expresamente neste decreto aplicarase o disposto no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.

Disposición adicional segunda. Réxime aplicable ao Hospital Povisa

Corresponderalle á estrutura de Xestión Integrada de Vigo a coordinación, supervisión e seguimento dos servizos e prestacións incluídas no concerto singular vixente co Hospital Povisa de conformidade coa carteira de servizos deste.

Disposición transitoria única. Continuidade das comisións de asesoramento

As comisións de asesoramento que na actualidade estiveren constituídas e en funcionamento, continuarán coa súa actividade ordinaria, mentres non se regule a súa denominación e composición, de acordo co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facultase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO I

Ámbito:

A estrutura de Xestión Integrada de Vigo xestionará todos os servizos sanitarios dos seguintes concellos:

Arbo, Baiona, A Cañiza, Cangas, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Ponteareas, Ponte Caldelas, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vigo.