Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 19 de marzo de 2013 Páx. 8392

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ferrol

ANUNCIO das bases da convocatoria do XXXI Premio de novela longa Blanco Amor.

O Pleno do Concello, na sesión do 31 de xaneiro de 2013, aprobou as bases da convocatoria do XXXI Premio de novela longa Blanco Amor, co seguinte contido literal:

«Réxime xurídico:

Esta convocatoria rexerase polo disposto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e polo resto de lexislación que lle resulte aplicable.

Consideracións xerais:

Primeira. O premio estará dotado con 12.020 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 05101/3301/48000 do orzamento de 2013.

Segunda. Poderán participar nel todos os autores e autoras, de calquera nacionalidade, que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.

Terceira. As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios DIN A-4 mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a unha soa cara e con espazado de 1,5 ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (tamaño de fonte 12) a dúas caras e a espazado de 1,5.

Cuarta. As obras presentadas terán que ser inéditas e non poderán ter sido premiadas na data de presentación en ningún outro certame ou premio. Este requisito deberá ser acreditado mediante declaración responsable asinada para o efecto.

No suposto de que se teña coñecemento do incumprimento deste requisito o xurado non admitirá o autor/a afectado.

No caso de que a obra presentada a este premio sexa, pola súa vez, premiada noutro premio ou certame de carácter literario, con carácter previo á resolución do xurado, o/a autor/a afectado/a deberá renunciar ao outro.

Quinta. De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite dirixido á Concellaría de Cultura do Concello de Ferrol, praza de Armas, s/n, 15402 Ferrol, facendo constar no exterior «Para o XXXI Premio Blanco Amor». Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora, a declaración responsable a que se refire a cláusula cuarta destas bases, o seu teléfono e o enderezo electrónico.

Sexta. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 15 de xuño de 2013. O ditame do xurado darase a coñecer no mes de setembro de 2013.

Sétima. O xurado do premio, nomeado nesta convocatoria polo Concello de Ferrol, estará composto por cinco membros (presidente e catro vogais) de traxectoria acreditada no ámbito da cultura galega, e actuará como secretaria unha funcionaria do Negociado de Cultura do Concello de Ferrol, que actuará con voz e sen voto.

Oitava. O premio poderase declarar deserto de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. Neste caso, o importe destinarase a divulgar a obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.

Novena. O xurado fará públicas as razóns en que se fundou para a concesión do premio.

Décima. A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas devolveranse aos/ás autores/as que o soliciten, no prazo dun mes, contando desde o día do veredicto. Os gastos de devolución serán por conta dos/as autores/as. No caso de non se recolleren dentro deste prazo, os orixinais serán destruídos.

Décimo primeira. A entrega do premio terá lugar no mes de novembro de 2013, nun acto público que se convocará oportunamente.

Décimo segunda. O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as súas bases.

Décimo terceira. Nos aspectos non recollidos nestas bases decidirá a entidade organizadora».

Ferrol, 25 de xaneiro de 2013

José Manuel Rey Varela
Alcalde