Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2013 Páx. 13117

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 12 de abril de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade dun guindastre de tipo columna mariña con capacidade de elevación de ata 10 toneladas para varada de embarcacións á Confraría de Pescadores da Coruña.

A Confraría de Pescadores da Coruña, con data do 4 de marzo de 2013, solicitou a cesión en propiedade dun guindastre de tipo columna mariña con capacidade de elevación de ata 10 toneladas para varada de embarcacións, propiedade da Comunicade Autónoma de Galicia e adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar, dispoñible no porto pesqueiro de Oza (A Coruña).

A Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, e o Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento da Lei 3/1985, aínda en vigor, exixe que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar o ben, así como as súas condicións.

Tal é o caso dun (1) guindastre de tipo columna mariña con capacidade de elevación de ata 10 toneladas para varada de embarcacións existente no porto pesqueiro de Oza (A Coruña). A Consellería do Medio Rural e do Mar non vai empregar o dito ben e concorren circunstancias que aconsellan acceder á mencionada solicitude.

Para tal fin, a Consellería do Medio Rural e do Mar tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto na sección 5ª do capítulo V do título III da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo, en vigor.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade a favor da Confraría de Pescadores da Coruña do seguinte ben moble: un (1) guindastre de tipo columna mariña con capacidade de elevación de ata 10 toneladas para varada de embarcacións, situado no porto pesqueiro de Oza (A Coruña).

Identificación do ben cedido:

Fabricante/marca: Industrias Electromecánicas GH, S.A.

Modelo: GHE.

Nº de serie: 87587.

Descrición. Guindastre tipo pluma de columna mariña e tipo polipasto GHE, cunha capacidade de elevación de 10 toneladas, con xiro eléctrico, das seguintes características:

Raio de xiro: 360º.

Lonxitude da pluma de 7 metros.

Movemento de elevación mediante polipasto movido por motor eléctrico de 15 kW a unha velocidade de 8 metros/minuto e motor eléctrico para movemento de precisión de 2,18 kW e velocidade de 1,3 metros/minuto.

O guindastre incorpora:

Unha cruceta e dúas eslingas.

Plataforma e escala.

Un mando por radio IKUSI serie TM.

Variador de xiro.

Ancoraxes coa obra civil da zapata de formigón para soporte do guindastre.

Cantidade: 1.

Ano de adquisición: decembro 2008.

Nº de expediente: 2007-14-00485. A Unión Europea participou no financiamento deste expediente cunha porcentaxe do 80 % a través do IFOP (Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca), e está tamén cofinanciada pola Xunta de Galicia nun 10 % e polo Estado nun 10 %.

Valor total: 76.350,00 €.

Artigo 2

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O ben cedido tal como establecen os artigos 82.1 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, destinarase a fins de utilidade pública ou de interese social da Confraría de Pescadores da Coruña, concretamente, á realización de actividades de varada de embarcacións pesqueiras no porto pesqueiro de Oza (A Coruña).

b) Coa cesión outorgaráselle á confraría citada a propiedade do ben moble cedido.

c) Se o ben cedido non se aplicar ao fin sinalado, se se descoidar ou utilizar con grave quebrantamento, ou se incumpriren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

d) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido, así como todas as autorizacións precisas para o seu funcionamento de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 3

A dita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario/a en quen delegue, e nela debe constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar