Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2013 Páx. 13121

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 24 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e se convocan para o ano 2013.

O Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español, modificado polo Real decreto 461/2011, do 1 de abril, desenvolveu o programa de apoio ao sector nos exercicios orzamentarios 2009 a 2013, en aplicación do Regulamento (CE) nº 479/2008 do Consello, do 29 de abril, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, e o Regulamento (CE) nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, que o desenvolve no relativo aos programas de apoio, o comercio con terceiros países, o potencial produtivo e os controis no sector vitivinícola.

O Regulamento (CE) nº 568/2012 da Comisión, do 28 de xuño, que modifica o Regulamento (CE) nº 555/2008 da Comisión, no que respecta á presentación de programas de apoio ao sector vitivinícola, dispón que os Estados membros deben presentar o seu novo proxecto de programa de apoio á Comisión, como moi tarde o 1 de marzo de 2013, para os exercicios financeiros 2014 a 2018.

Por outra banda, o Regulamento nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, establece que os programas poderán ter unha duración máxima de 3 anos por beneficiario e país, e poderán prorrogarse por unha soa vez por un período non superior a dous anos. Non obstante, a publicación do Regulamento de execución (UE) nº 202/2013 da Comisión, do 8 de marzo, modifica este requisito, de forma que aqueles beneficiarios que executaron programas nun mesmo país durante os 5 anos do programa de apoio ao sector vitivinícola do período 2009-2013 poderán seguir accedendo a estas axudas neste segundo período 2014-2018. Non obstante, tamén se establece a importancia de estimular a apertura de novos mercados en terceiros países, incluíndo a obriga de dar prioridade a aqueles beneficiarios que non recibisen axuda no pasado ou aqueles que teñan por obxecto un novo terceiro país, polo que é necesario establecer un novo criterio de avaliación dos programas.

En consecuencia, mediante a Orde AAA/478/2013, do 25 de marzo, modificouse o citado Real decreto 244/2009, adiando as datas relativas á presentación de solicitudes de forma excepcional para este exercicio e adaptando os seus anexos co obxecto de dar prioridade a aqueles beneficiarios que non recibisen axuda no pasado ou teñan como obxectivo un novo terceiro país.

O citado Real decreto 244/2009 atribúelles aos órganos competentes das comunidades autónomas onde se localice o domicilio social do solicitante a instrución, resolución e pagamento das axudas, polo que iniciado o exercicio orzamentario 2013 procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e realizar a convocatoria para o ano 2013.

CAPíTULO I
Bases reguladoras para a concesión das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países

Artigo 2. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable ás axudas que regulan estas bases está integrado polo Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas, modificado mediante o Regulamento (CE) nº 491/2009 do Consello, do 25 de maio; o Regulamento (CE) nº 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, polo que se establecen normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 479/2008 do Consello, polo que se establece a organización común de mercado vitivinícola, no relativo aos programas de apoio, o comercio con terceiros países, o potencial produtivo e os controis no sector vitivinícola; o Regulamento (UE) nº 772/2010 da Comisión, do 1 de setembro, que modifica o Regulamento (CE) nº 555/2008; o Regulamento (UE) nº 568/2012 da Comisión, do 28 de xuño, que modifica o Regulamento (CE) nº 555/2008; o Regulamento de execución (UE) nº 202/2013 da Comisión, do 8 de marzo; o Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español; o Real decreto 461/2011, do 1 de abril, polo que se modifica o Real decreto 244/2009; a Orde AAA/478/2013, do 25 de marzo, pola que se modifica o Real decreto 244/2009; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co establecido no seu artigo 3.3, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, de acordo co establecido no seu artigo 2.1.

Artigo 3. Tipos de accións e duración dos programas

1. As medidas de información e promoción dos viños en terceiros países poderán incluír calquera das accións mencionadas no artigo 103 septdecies do Regulamento (CE) nº 1234/2007 do Consello, do 2 de outubro, e as actividades relacionadas no anexo III desta orde.

2. As ditas accións deberán levarse a cabo preferentemente no marco dun programa de información e de promoción, entendendo como tal o conxunto de accións de promoción coherentes que se desenvolvan nun ou varios terceiros países, cuxo alcance sexa suficiente para contribuír a aumentar a información sobre os produtos en cuestión, así como a súa comercialización.

3. Os programas poderán ter unha duración máxima de tres anos por beneficiario e país. No entanto, poderán ser prorrogados por un período de non máis de dous anos, logo de solicitude de acordo co previsto no parágrafo 6 do artigo 7. Para o cómputo da duración dos programas por beneficiario e país non se terá en conta o executado baixo o abeiro do programa de apoio ao sector vitivinícola español 2009-2013. Porén, a dita circunstancia si se terá en conta á hora de aplicar o punto 6 dos criterios de avaliación dos programas, recollidos no anexo V-A.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con sede social na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Empresas vinícolas.

b) Organizacións de produtores e organizacións interprofesionais definidas no capítulo VII do título III do Regulamento (CE) nº 479/2008 do Consello, do 29 de abril.

c) Órganos de xestión e de representación das indicacións xeográficas vitivinícolas.

d) Asociacións de exportadores e consorcios de exportación participados exclusivamente por empresas do sector vitivinícola.

e) Entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.

2. Os beneficiarios deberán demostrar suficiente capacidade para afrontar as exixencias de comercio cos terceiros países e medios para asegurar que a medida se implementa o máis efectivamente posible. Deberán, así mesmo, garantir a dispoñibilidade, en cantidade e calidade, de produtos para asegurar a resposta fronte ás demandas que se poidan xerar como efecto da promoción realizada.

Artigo 5. Produtos e países que poden ser obxecto de accións

Poderán ser obxecto das medidas de promoción os produtos de calidade, destinados ao consumo directo, detallados no anexo IV, que conten con posibilidades de exportación ou de novas saídas comerciais en terceiros países e que pertenzan a algunha das seguintes categorías:

a) Viños con denominación de orixe protexida.

b) Viños con indicación xeográfica protexida.

c) Viños en que se indique a variedade de uva de vinificación.

Artigo 6. Características das accións e programas

1. As accións e programas estarán claramente definidos especificando o país ou países a que se dirixen, os tipos de viños que inclúen, as medidas que se pretenden levar a cabo e os custos estimados de cada unha delas.

2. As accións distribuiranse en períodos de 12 meses, que comezarán o 1 de xullo.

3. As mensaxes basearanse nas calidades intrínsecas do produto e deberán axustarse á normativa aplicable nos terceiros países a que van destinados.

4. No caso dos viños que conten cunha indicación xeográfica, deberá especificarse a orixe do produto como parte da campaña de información e promoción.

5. Sen prexuízo do disposto nos números 3 e 4, as referencias a marcas, de ser o caso, poderán formar parte da mensaxe.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. Os interesados que reúnan as condicións previstas no artigo 4 presentarán as propostas de accións e programas e a documentación correspondente en instancia dirixida á Consellería do Medio Rural e do Mar, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde.

2. As peticións incluirán a seguinte documentación:

– Solicitude: anexo I debidamente cuberto.

– Memoria das accións e programas presentados, que deberá conter cando menos a información prevista no formulario e ficha do anexo II.

– Fotocopia compulsada do NIF da entidade, organismo, organización ou empresa solicitante.

– Fotocopia compulsada do poder ou acordo do órgano competente, de ser o caso, que xustifique que quen asina como solicitante ten plena capacidade legal para facelo e para aceptar os compromisos correspondentes á data da solicitude.

– Fotocopia compulsada das escrituras e dos estatutos da entidade, organismo, organización ou empresa solicitante.

– Certificado asinado polo representante da entidade, organismo, organización ou empresa solicitante en que se indiquen os seguintes datos:

• Das 3 últimas campañas: produción (hl), cantidade comercializada, porcentaxe de exportación sobre vendas totais, exportación por países (hl).

• Anos de experiencia exportadora, anos de experiencia en programas de promoción exterior.

– Catálogo descritivo da carteira de produtos que se van comercializar co programa de promoción solicitado.

– Declaración de concorrencia de axudas: seguirase o modelo do anexo VI.

– Compromiso de financiamento: seguirase o modelo do anexo VII.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o que se estableza na convocatoria anual correspondente e, en todo caso, antes do 1 de marzo de cada ano, sen prexuízo do establecido no artigo 19 desta orde para a convocatoria correspondente ao ano 2013.

4. Os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, as solicitudes poderán presentaranse no Rexistro Xeral do Edificio Administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina, a data e o lugar da súa admisión.

5. As accións e programas presentados deberán conter, cando menos, a información prevista no anexo II «Guión da memoria de accións e programas» e:

– Cumprir o disposto nesta orde.

– Respectar a normativa comunitaria relativa aos produtos considerados e a súa comercialización.

– Estar o suficientemente desenvolvidos como para que se poida avaliar a súa conformidade coa normativa aplicable e a súa relación calidade/prezo.

– Especificar os medios propios ou externos con que se contará para desenvolver as accións previstas.

6. En caso de prórroga dun programa, de acordo co parágrafo 3 do artigo 3, ademais da documentación prevista nos parágrafos 1 e 2 deste artigo, os interesados deberán presentar un informe da avaliación dos dous primeiros anos de execución. O dito informe conterá, polo menos, información relativa aos efectos no mercado de destino do programa desenvolvido, ademais de detallar as razóns para solicitar a prórroga.

7. Non se concederán nin se pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda) consonte o establecido nos artigos 11 e 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, consonte o establecido no artigo 10 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 8. Instrución e resolución

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes a instrución do procedemento. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta orde, a unidade correspondente da dita secretaría xeral requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixese, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Non obstante o establecido no punto anterior, dada a concorrencia competitiva deste procedemento, non será susceptible de emenda a presentación fóra do prazo indicado na convocatoria da seguinte documentación, considerada como mínimo imprescindible para a tramitación da solicitude de axuda:

– Anexo I de solicitude da axuda.

– Formulario que desenvolva os aspectos detallados no punto 1 do anexo II desta orde.

– Ficha que desenvolva os aspectos detallados no punto 2 do anexo II desta orde.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta información. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión. Así mesmo, non se admitirá con posterioridade ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o aumento do seu importe ou a inclusión de novos conceptos.

3. O exame e valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída do seguinte xeito:

– Presidente: o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

– Vogais: dous funcionarios do Servizo de Industrialización e Comercialización Agroalimentaria.

– Secretario: un funcionario do dito servizo, que actuará con voz e sen voto.

4. A comisión de valoración, facendo aplicación dos criterios establecidos no anexo V-A e das especificacións en relación coa súa avaliación recollidas no anexo V-B, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe coa valoración, que elevará á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, a cal elaborará unha lista provisional cos programas seleccionados priorizados, que remitirá ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

O informe de valoración da comisión deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

En caso de empate, darase prioridade aos programas presentados por microempresas e pequenas e medianas empresas e ás marcas comerciais colectivas.

5. De acordo co establecido no artigo 10 do Real decreto 244/2009, modificado polo Real decreto 461/2011, no seo da Mesa de Promoción Alimentaria, aprobada na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do 19 de febreiro de 2007, integrada por representantes do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e das comunidades autónomas, constituirase unha Comisión Nacional de Selección de Programas.

A dita comisión será a responsable de elaborar, para cada exercicio Feaga, a lista definitiva das accións e programas que se propoñerán á Conferencia Sectorial para a súa aprobación.

6. Unha vez aprobada pola Conferencia Sectorial a lista definitiva das accións e programas seleccionados e as condicións establecidas para eles, as solicitudes correspondentes á Comunidade Autónoma resolveraas a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar no prazo máximo de 6 meses contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

7. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos efectuados.

A dita resolución de concesión indicará expresamente a procedencia dos fondos.

8. As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de convocatoria anual esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se a resolución é expresa.

9. No caso de resolución positiva, os beneficiarios comunicarán, no prazo de 15 días a partir da notificación desta, á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes a aceptación da resolución nos termos establecidos, así como a xustificación da constitución dunha garantía, de acordo coas condicións previstas no Regulamento (CEE) nº 2220/1985 da Comisión, do 22 de xullo, polo que se establecen as modalidades comúns de aplicación do réxime de garantías para os produtos agrícolas, por un importe non inferior ao 15 % do montante anual do financiamento comunitario, co fin de asegurar a correcta execución do programa.

10. A exixencia principal, de acordo co artigo 20 do Regulamento (CEE) nº 2220/1985 da Comisión, do 22 de xullo, será a execución das accións obxecto da resolución favorable, que deberá acadar, polo menos, o cumprimento do 75 % do orzamento total.

Artigo 9. Modalidades de pagamento das axudas

1. As axudas para execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países pagaranse despois da xustificación dos investimentos de acordo co establecido no artigo 10.

2. Non obstante, o beneficiario poderá solicitar un anticipo polo 80 % da contribución comunitaria anual.

O pagamento dun anticipo supeditarase á constitución dunha garantía financeira, por un importe igual ao 110 % do anticipo da axuda, de conformidade coas condicións establecidas no título III do Regulamento (CEE) nº 2220/1985 da Comisión, do 22 de xullo.

Artigo 10. Tramitación do pagamento das axudas

1. Os beneficiarios poderán elixir entre a posibilidade de solicitar un único pagamento ou pagamentos intermedios da contribución comunitaria anual. As solicitudes referiranse a accións realizadas e pagadas.

2. Todos os pagamentos deben realizarse a través dunha conta única dedicada en exclusiva a este fin.

3. As solicitudes de pagamentos intermedios deberán presentarse antes de que remate o mes civil seguinte a aquel en que expire cada período de catro meses, a partir do 1 de xullo.

Os pagamentos intermedios e o pagamento do anticipo previsto no artigo 9 non poderán superar no seu conxunto o 80 % do total da contribución comunitaria.

4. Unha vez finalizadas as accións atendibles en cada convocatoria e, como moi tarde, antes de que remate o mes seguinte á finalización do período subvencionable, o beneficiario solicitará o pagamento da axuda e presentará, preferentemente nos servizos centrais ou nas xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar, sempre destinada á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, en Santiago de Compostela, a seguinte documentación:

a) Un informe resumo das actuacións desagregadas en actividades co correspondente importe orzamentario e o custo final de cada unha delas, e unha avaliación dos resultados obtidos que poidan verificarse na data do informe.

b) Orixinais e copias das facturas e xustificantes dos pagamentos realizados.

c) Extracto bancario da conta mencionada na alínea 2 do presente artigo en que se poida comprobar a realización dos pagamentos xustificados mediante as facturas citadas na letra b) do presente punto.

5. O pagamento estará supeditado á presentación das contas auditadas e informes de auditoría de contas realizados por un auditor de contas ou sociedade de auditoría legalmente recoñecidos ou, no seu defecto, a verificación por parte do persoal da Consellería do Medio Rural e do Mar das facturas e dos documentos mencionados no parágrafo 4 do presente artigo.

6. Así mesmo, de cara á xustificación técnica das accións, poderanse solicitar ao beneficiario medios de proba da realización das accións promocionais.

Artigo 11. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Como norma xeral, non se poderán modificar produtos, actividades e custos das accións e programas, salvo cando sexa patente que se obterían mellores resultados coas modificacións propostas. Calquera destas modificacións debe ser obxecto dunha notificación previa á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar nun prazo de, cando menos, 15 días anteriores á súa realización, e sempre antes do 1 de maio. A dita secretaría xeral deberá comprobar e, de ser o caso, autorizar, as modificacións propostas, que deberán cumprir os requisitos para seren subvencionables.

3. A Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes comunicaralle ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente antes do 1 de xuño as modificacións producidas que afecten as anualidades en curso.

4. En ningún caso se poderán modificar á alza os orzamentos aprobados para os programas, nin se poderán incluír novos países.

Artigo 12. Incumprimento da resolución de concesión

Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumpre co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida.

No caso contrario, existirá un incumprimento, e aplicaranse os seguintes criterios:

– Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas, xustifique cando menos o 75 % do orzamento total obxecto de resolución favorable e se cumpra o resto das condicións establecidas.

– Cando o beneficiario non realice nin xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda, existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda. Igualmente, non se pagará ningunha axuda cando se xustifique menos do 75 % do orzamento total obxecto de resolución favorable.

Artigo 13. Reintegro da axuda

1. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente. Para estes efectos, os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución. O tipo de xuro que se aplicará será o de demora establecido na correspondente Lei de orzamentos xerais do Estado.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 37 a 45 da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño; nos artigos 52 a 69 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.

Artigo 14. Controis

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar adoptará as medidas de control necesarias para garantir o cumprimento das actuacións previstas nun plan xeral de control que deberá establecer o Fondo Español de Garantía Agraria, en colaboración coas comunidades autónomas.

2. O plan xeral de control será executado anualmente sobre a base dunha análise de riscos que incluirá, polo menos, o 20 % dos programas pagados no ano anterior e terá por obxecto comprobar:

a) A exactitude da información facilitada coa solicitude de pagamento.

b) A realidade e regularidade das facturas presentadas como xustificantes dos gastos.

c) A exactitude do extracto bancario.

d) Que non se perciben axudas previstas no artigo 20, letra c), inciso iii), do Regulamento (CE) nº 1698/2005, ou do artigo 2, alínea 3, do Regulamento (CE) nº 3/2008.

3. Con independencia do plan xeral de control a que se refire o parágrafo anterior, a Consellería do Medio Rural e do Mar poderá desenvolver todas aquelas actuacións de control que considere precisas.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 15. Comprobación do material

A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes comprobará a conformidade do material de información e promoción elaborado no marco dos programas coa normativa comunitaria e a lexislación do terceiro país en que se desenvolva o programa.

Artigo 16. Autorizacións e obrigas do beneficiario

1. De conformidade co artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, as concesións das subvencións convocadas conforme estas bases reguladoras, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada web.

2. Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

3. O beneficiario deberá cumprir as obrigas do artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada, así como a modificación de calquera das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

Artigo 17. Compatibilidade das axudas

Non se financiarán cos fondos do Programa nacional de apoio as medidas que están recollidas nos programas de desenvolvemento rural ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural e as accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior e en terceiros países recollidas na alínea 3 do artigo 2 do Regulamento (CE) nº 3/2008, do Consello, do 17 de decembro de 2007.

En ningún caso estas axudas poderán ser acumuladas ou completadas con outras axudas nacionais ou das comunidades autónomas dedicadas á mesma finalidade.

CAPíTULO II
Convocatoria das axudas para execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países

Artigo 18. Convocatoria

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde, as axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países para o ano 2013.

Artigo 19. Prazo de presentación de solicitudes

Para a convocatoria do ano 2013 o prazo de presentación de solicitudes rematará o día 15 de maio de 2013.

Artigo 20. Gastos atendibles na convocatoria de 2013

Para a convocatoria de 2013 serán atendibles os gastos realizados entre 1 de xullo de 2013 e 30 de xuño de 2014.

Artigo 21. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde procede do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e farase de conformidade co artigo 3 do Regulamento (CE) nº 1290/2005 do Consello, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agrícola comunitaria, con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.713-D.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, cunha dotación de 500.000 €. Para o exercicio 2014, tamén con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.713-D 770.0, disporase de 1.000.000 euros.

Esta dotación poderá verse incrementada con fondos transferidos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de acordo co previsto no Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, modificado polo Real decreto 461/2011, do 1 de abril, e con outros remanentes orzamentarios, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

2. A participación financeira da Comunidade nos programas seleccionados non poderá superar o 50 por cen dos gastos subvencionables.

3. A achega económica dos beneficiarios poderá proceder de taxas e contribucións obrigatorias.

Disposición adicional única

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto nos Regulamentos (CE) 1234/0227 do Consello, do 22 de outubro; (CE) 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño; (UE) 772/2010 da Comisión, do 1 de setembro; (UE) 568/2012 da Comisión, do 28 de xuño; Regulamento de execución 202/2013 da Comisión, do 8 de marzo; no Real decreto 244/2009, de 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español; no Real decreto 461/2011, do 1 de abril, e na Orde do AAA/478/2013, do 25 de marzo, que modifican o Real decreto 244/2009; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral do Medio Rural e Montes para ditar as instrucións que sexan necesarias para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Accións e actividades de promoción

Accións

(artigo 103 septdecies do Regulamento (CE) nº 1234/2007)

Actividades

Relacións públicas e medidas de promoción e publicidade que destaquen en particular as vantaxes dos produtos comunitarios en termos de calidade, seguridade alimentaria e respecto ao ambiente

• Misións comerciais

• Campañas publicitarias de natureza diversa (TV, radio, prensa, eventos etc.)

• Promocións en puntos de venda

• Portais web para promoción exterior

• Misións inversas

• Oficinas de información

• Gabinete de prensa

• Presentacións de produto

Participación en manifestacións, feiras e exposicións de importancia internacional

• Feiras e exposicións internacionais etc., sectoriais ou xerais, profesionais e de consumidores

Campañas de información, en particular sobre os sistemas comunitarios de denominacións de orixe, indicacións xeográficas e producións ecolóxicas

• Encontros empresariais, profesionais, líderes de opinión e consumidores

• Xornadas, seminarios, catas, degustacións etc.

Estudos de novos mercados, necesarios para a busca de novas saídas comerciais

• Estudos e informes de mercado

Avaliación dos resultados das medidas de promoción e información

• Estudos de avaliación de resultados das medidas de promoción

• Auditorías de execución de medidas e gastos das accións

ANEXO IV
Lista de produtos que poden ser obxecto de accións

1. Viño.

2. Viño de licor.

3. Viño espumoso.

4. Viño espumoso de calidade.

5. Viño espumoso aromático de calidade.

6. Viño de agulla.

7. Viño de agulla gasificado.

8. Viño de uvas pasificadas.

9. Viño de uvas sobremaduradas.

10. Viños procedentes da produción ecolóxica.

missing image file

ANEVO V-B
Especificacións criterios de avaliación

1. Interese xeral do programa:

a) Importancia do programa para a situación do mercado ou as necesidades do sector.

b) Representatividade do propoñente: en función da importancia da empresa ou do colectivo na zona vitivinícola a que representa e, de ser o caso, noutras zonas.

2. Calidade e eficacia do programa:

a) Coherencia técnica e económica entre os obxectivos, as mensaxes, as accións e as canles de información.

b) Alcance e cobertura das accións do programa en termos de duración e grupos destinatarios (contactos previstos).

c) Presentación e calidade das mensaxes (creatividade) e a súa adaptación ao mercado de destino: valorarase a capacidade estimada da mensaxe para conseguir o efecto desexado no mercado de destino e tomando en consideración o tarjet en destino para o que están previstos.

d) Relación calidade/prezo: valorarase de 0 a 5 puntos en función da repercusión estimada polo propoñente en termos de impactos o incremento previsible das súas vendas, en relación co custo da acción proposta.

e) Método para medir a repercusión.

3. Solvencia del propoñente:

a) Implantación internacional e experiencia exportadora xeral: valoraranse de 0 a 10 os anos de experiencia exportadora do propoñente, en proporción directa (0 puntos para quen no teña nada de experiencia exportadora, 5 puntos para quen leve exportando 5 anos e 10 puntos para quen leve exportando 10 anos ou mais).

b) Experiencia en programas de promoción exterior: valoraranse de 0 a 10 os anos de experiencia en programas de promoción internacional do propoñente, tanto con recursos propios como con subvencións, en proporción directa: 0 puntos para quen non teña nada de experiencia en promoción exterior, 5 puntos para quen leve con programas 5 anos e 10 puntos para quen leve 10 años ou mais.

c) Estrutura e capacidade técnica para a execución do programa: valorarase de 0 a 10 puntos, en función da:

i) A existencia ou non e, de ser o caso, o tamaño e experiencia do departamento de comercio exterior da entidade.

ii) A existencia ou non e, de ser o caso, o tamaño e experiencia do departamento de márketing na entidade propoñente.

iii) Os medios dispoñibles no país de destino da promoción, xa sexan propios (recursos y experiencia) como alleos (experiencia e relación coa axencia contratada).

4. Capacidade de resposta comercial:

a) Dispoñibilidade de distribución no mercado de destino.

b) Porcentaxe de exportación sobre total de vendas: valorarase en función 1 a 2 da proporción (5 % de exportación = 10 % dos puntos = 0,5 puntos; 10 puntos para quen exporte 50 % ou máis). Para programas colectivos calcularase a media de exportacións globais sobre o total vendas dos integrantes do colectivo e valorarase conforme o mencionado anteriormente.

c) Amplitude e diversificación da carteira de produtos do propoñente: valoraranse os aspectos complementarios:

i) Valoración do volume para posible resposta: máis puntos a maior volume de comercialización.

ii) Valoración de diversidade de tipos de viño e zonas xeográficas en que está presente: maior puntuación a maior diversidade e abano de produtos (por dar maior posibilidade de resposta de comercial).

5. Interese para a Comunidade Autónoma:

Programas relativos a viños con denominación de orixe: valoraranse con 10 puntos os programas que inclúan a promoción dos viños dalgunha das denominacións de orixe existentes en Galicia.

6. Novo destino:

A puntuación repartirase de xeito proporcional á porcentaxe do orzamento destinada a novos países, correspondendo os 25 puntos só aos programas en que estes destinos supoñan o 100 % do orzamento.

missing image file
missing image file