Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2013 Páx. 13054

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de abril de 2013 pola que se clasifica de interese cultural, científico, deportivo e social a Fundación Luís Calvo Sanz.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Luís Calvo Sanz con domicilio na rúa Revolta da Casilla, en Carballo (A Coruña).

Feitos:

1. Luciano Calvo Pumpido, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Luís Calvo Sanz foi constituída en escritura pública outorgada en Carballo (A Coruña) o 13 de abril de 2012, ante o notario Carlos Andrés Mosquera Delgado, co número de protocolo 528, pola entidade Luís Calvo Sanz, S.A. que actúa representada por Luciano Calvo Pumpido.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

– A promoción, realización e desenvolvemento de proxectos filantrópicos que poidan ser beneficiosos para a sociedade nos ámbitos cultural, científico, deportivo, social e económico.

– A promoción, realización e desenvolvemento de todo tipo de actividades filantrópicas referidas á investigación, no ámbito da alimentación, a nutrición e a saúde.

– A promoción, realización e desenvolvemento de todo tipo de actividades filantrópicas ambientais e de responsabilidade social corporativa.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Luciano Calvo Pumpido, como presidente; María Dolores Calvo Pumpido, como vicepresidenta; José Martínez Calvo, como secretario; e Manuel María Calvo García-Benavides, Luís Javier Ríos Calvo e Luís Jesús Calvo Lema, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva a vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural, científico, deportivo e social da Fundación Luís Calvo Sanz, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese cultural, científico, deportivo e social e á súa adscrición á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de marzo de 2013,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural, científico, deportivo e social a Fundación Luís Calvo Sanz, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza