A Resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria do 8 de xuño de 2012 (DOG nº 114, do 15 de xuño) regula o procedemento para a distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares e se convocan as axudas para o curso 2012-2013.
No artigo 19 (financiamento) establécese que serán cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) nun 75 %, e con fondos propios que cofinancian da Xunta de Galicia por un 25 %.
Igualmente, neste artigo precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas para o curso 2012-2013: 10.000 euros para o exercicio 2012 e 121.000 euros para o exercicio 2013.
No parágrafo 2 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.
Coa finalidade de poder atender todas as solicitudes recibidas dos centros escolares relativas ás actividades que se subvencionan, detalladas no artigo 3 da resolución, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, posto que a dotación existente resulta insuficiente, e nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 existe unha maior dotación orzamentaria para esta aplicación e proxecto, cómpre, mediante esta resolución, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas.
En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,
DISPOÑO:
Artigo único
1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no artigo 3 da Resolución do 8 de xuño de 2012 (DOG nº 114, do 15 de xuño), conforme o artigo 19, parágrafo 2, increméntase no importe de 121.000 euros, con cargo á aplicación 12.80.713F.779.0 (plan de consumo de froitas na escola) dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013, polo que o importe total para estas axudas despois deste incremento é de 252.000 euros.
2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita resolución estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.
Disposición adicional única
O incremento de crédito previsto no artigo único desta resolución non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Resolución do 8 de xuño de 2012 (DOG nº 114, do 15 de xuño).
Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2013
Patricia Ulloa Alonso
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria