O artigo 2 da Orde do 22 de decembro de 2005, que desenvolve o artigo 23.5º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en canto á anulación e baixa en contabilidade de determinadas débedas, prevé a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo e das cales resulte unha débeda pendente de recadar inferior a tres euros.
En virtude do exposto, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e a Dirección da Axencia Tributaria de Galicia establecen o seguinte:
Disposición única. Anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo das cales resulte una débeda pendente de recadar por importe inferior a tres euros.
Primeiro. Anularanse e daranse de baixa en contabilidade todas aquelas liquidacións practicadas pola Axencia Tributaria de Galicia das cales resulte unha débeda pendente en período executivo por importe inferior a tres euros. Para tal efecto, o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) desenvolverá a aplicación informática que permita a baixa en conta das referidas liquidacións.
Segundo. Anularanse e daranse de baixa en contabilidade todas aquelas liquidacións practicadas polos órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia, entidades públicas instrumentais e demais entes públicos cuxa competencia de recadación en período executivo asumisen os órganos de recadación da Axencia Tributaria de Galicia e das cales resulte una débeda pendente de recadar en período executivo inferior a tres euros. O Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) executará a aplicación informática que permite a baixa en conta das referidas liquidacións.
Como resultado do proceso anterior, as delegacións da Axencia Tributaria de Galicia obterán do Cixtec e remitirán ao respectivo órgano que practicou a xestión unha relación das que fosen anuladas de acordo cos criterios establecidos.
Disposición transitoria
As actuacións previstas nesta resolución efectuaranse en relación coas liquidacións das cales resulte unha débeda pendente de recadar en período executivo inferior a tres euros en 31 de decembro de 2012.
Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2013
Almudena Chacón Piche Ulpiano L. Villanueva Rodríguez
Interventora xeral da Comunidade Director da Axencia Tributaria
Autónoma de Galicia