Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2013 Páx. 13265

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 25 de abril de 2013 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para o programa Galeuropa a mozos e mozas para a realización de prácticas formativas non remuneradas en empresas de calquera dos Estados membros da Unión Europea, agás España, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da mocidade.

Mediante o Decreto 585/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e do desenvolvemento comunitario.

O artigo 15 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, dispón que a Xunta de Galicia potenciará a mobilidade entre a mocidade galega, desenvolvendo programas para a realización de estudos, cursos e actividades noutras comunidades autónomas, na Unión Europea e noutros países, co obxectivo de potenciar o coñecemento da diversidade e riqueza cultural, o que contribuirá á súa formación e posterior inserción laboral.

De conformidade co Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndenlle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, entre outras funcións, a dirección e xestión das actuacións en materia de mocidade, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil e o fomento da participación da mocidade na vida social.

A Consellería de Traballo e Benestar considera prioritario apoiar a formación da mocidade, reducir os obstáculos lingüísticos e fomentar a súa autonomía persoal mediante a mellora da súa empregabilidade e mobilidade.

Neste marco xeral, hai que indicar que esta orde ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de axudas a mozos e mozas galegos para estadías de prácticas formativas non remuneradas, que se realizarán en empresas de calquera Estado membro da Unión Europea, agás España, e proceder á súa convocatoria.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta disposición ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a mozos e mozas galegos para estadías de prácticas formativas non remuneradas que se realizarán en empresas de calquera Estado membro da Unión Europea, agás España, e proceder á súa convocatoria. As estadías para as prácticas laborais desenvolveranse preferentemente na República Checa, Italia, Irlanda, Polonia, Holanda e Francia.

2. As estadías teñen como finalidade apoiar as persoas participantes en actividades de formación para adquirir os coñecementos, as competencias e as cualificacións que complementen o desenvolvemento persoal e profesional, facilitando a mobilidade dos traballadores en Europa e promovendo o desenvolvemento e a súa transferencia entre os países participantes ao mesmo tempo que perfeccionan as habilidades lingüísticas no idioma estranxeiro.

3. Será competencia da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a adxudicación de destinos para aquelas persoas seleccionadas, en atención ao ámbito de actividade das empresas contactadas en cada país de envío, á adecuación das persoas candidatas ao programa e ao nivel amosado de coñecemento de idiomas estranxeiros.

4. As estadías terán como máximo 8 semanas de duración cun mínimo de 25 horas formativas semanais, entre o 1 de xuño e o 15 de novembro de 2013.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. As axudas faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.06.313A.480.0 da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, por unha contía de 600.000 euros.

2. A contía ascenderá a 2.400 euros por participante por un período máximo de 8 semanas.

Artigo 3. Incompatibilidade das axudas

Estas axudas son incompatibles con calquera outro tipo de axudas ou bolsas de institucións públicas destinadas a actividades similares.

Artigo 4. Destinatarios/as

1. Poderán solicitar as axudas as mozas e mozos que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia e, ademais, os seguintes:

a) Ser galego/a e estar empadroado/a en calquera concello de Galicia.

b) Ter entre 18 e 30 anos ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar en posesión de calquera título de formación profesional ou universitario acreditado por calquera centro público ou privado de Galicia, ou telo solicitado no momento de presentar a solicitude.

d) Que a dita titulación se obtivese nos cinco anos inmediatamente anteriores á data da convocatoria.

e) Posuír coñecemento dalgunha das seguintes linguas cun nivel suficiente para desenvolver unha práctica laboral axeitada ao seu grao de formación académica: inglés, italiano, francés e/ou alemán.

2. Serán excluídos/as os/as solicitantes que se atopen nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artículo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

4. Xunto coa solicitude deberá achegar:

a) Currículum vítae modelo europeo.

b) Fotocopia do DNI cando o/a solicitante non autorice a Consellería de Traballo e Benestar a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

c) Fotocopia do título académico polo cal opta á axuda.

d) Copia da tarxeta sanitaria europea ou xustificante de tela solicitada.

e) Certificado de empadroamento nalgún concello de Galicia cando o/a solicitante non autorice á Consellería de Traballo e Benestar a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de residencia.

f) Declaración de non estar incurso nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, conforme o modelo oficial que figura como anexo II desta orde.

g) No caso de estar en situación de desemprego, certificado do Inem como demandante de emprego.

h) Fotocopia do título oficial de idiomas equivalente ao Marco europeo de referencia das linguas (mínimo A1).

i) Declaración xurada de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e/ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases.

Artigo 6. Instrución

1. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes, a Subdirección Xeral de Promoción de Actividades procederá á instrución do expediente de comprobación da corrección da documentación administrativa achegada. De existiren defectos ou falta de documentación, requiriralle a persoa solicitante que, nun prazo de dez días seguintes á recepción do requirimento, envíe os documentos que se lle demanden, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

2. Simultaneamente á emenda de deficiencias materiais da documentación, coa finalidade de comprobar a adecuación do/a solicitante ao programa, por vía telemática, especificando día, hora e lugar, todas as persoas solicitantes serán convocadas a:

– Unha proba escrita de nivel de idioma de país de destino (inglés, francés, alemán ou italiano), agás os/as solicitantes que acrediten coñecemento de idioma equivalente ao Marco europeo de referencia das linguas (mínimo A1).

– Un test escrito de motivación.

– Unha entrevista persoal de intercambio de información e confirmación de itinerario profesional.

3. As probas e entrevistas serán realizadas e avaliadas por técnicos/as designados/as pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e deixarase constancia no expediente do resultado das probas e da valoración efectuada, mediante informe subscrito polos/as técnicos/as avaliadores/as, que terá carácter motivado.

Non obstante, a avaliación das probas e entrevistas realizadas aos/ás solicitantes que foran requiridos para emendar a documentación presentada quedará condicionada á efectiva emenda en tempo e forma.

Artigo 7. Comisión de avaliación

1. A comisión de avaliación estará integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a subdirectora xeral de Promoción de Actividades, ou persoa en quen delegue.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Vogais:

– A xefa do Servizo de Promoción de Actividades e Mobilidade Xuvenil.

– Un/unha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee.

Artigo 8. Criterios de avaliación

O procedemento de concesión das axudas será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación. A comisión de avaliación levará a cabo unha selección das persoas candidatas que máis se axusten, por sectores e perfís profesionais, ás empresas dispoñibles para a realización das prácticas, para o que terá en conta os seguintes criterios:

1) Entrevista persoal de adecuación ao perfil axeitado ás empresas contactadas: ata un máximo de 4 puntos.

2) Nivel de idioma estranxeiro, axeitado ao posto que se desempeñaría (inglés, francés, alemán ou italiano), se o/a solicitante presenta o título oficial de idiomas equivalente ao Marco europeo de referencia das linguas. Nivel A1: 1 punto; nivel A2: 1,5 puntos; nivel B1 ou superior: 2 puntos. Se o/a solicitante non presenta o referido título oficial e realiza a proba escrita de nivel de idioma de país de destino (inglés, francés, alemán ou italiano): ata un máximo de 2 puntos.

3) Proba motivacional de realización de prácticas: ata un máximo de 1 punto.

4) Non ter feito ningunha outra modalidade de prácticas laborais no estranxeiro (incluídas bolsas Leonardo da Vinci e/ou Erasmus): 2 puntos.

5) Ser titulado/a de formación profesional nos últimos cinco anos: 1 punto.

6) Estar en situación de desemprego por un período inferior a seis meses: 1 punto.

7) Estar en situación de desemprego por un período igual ou superior a seis meses: 2 puntos.

Artigo 9. Proposta de resolución

Rematadas as probas e entrevistas, o expediente pasará á comisión de avaliación, que procederá a formular a proposta de resolución, segundo os casos:

a) En relación cos/as solicitantes que non emendaron en tempo e forma a documentación requirida ou non concorreron á realización das probas ou da entrevista persoal, formularase proposta de inadmisión a trámite das súas solicitudes.

b) En relación co resto de solicitudes, proporase a súa admisión a trámite e procederase a formular proposta de resolución conforme os criterios de avaliación recollidos no artigo 8.

Artigo 10. Resolución

1. A proposta da comisión de avaliación elevarase ao director xeral de Xuventude e Voluntariado, quen por delegación da conselleira de Traballo e Benestar e logo da fiscalización da intervención, ten a competencia para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución, que se notificará ás persoas solicitantes no prazo de cinco meses desde a publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

2. A resolución terá o seguinte contido:

– Beneficiarios/as das axudas.

– País-destino no que cada beneficiario/a desenvolverá as súas prácticas formativas.

– Lista de reserva de posibles suplentes para o caso de renuncias ou baixas.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a notificación da resolución realizarase exclusivamente a través da súa publicación na sede electrónica da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Realizada a notificación da resolución, os/as adxudicatarios/as terán un prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás que o/a beneficiario/a opte por solicitar o anticipo previsto no artigo 11.2 desta orde, caso en que deberá remitir expresamente esta aceptación, segundo o modelo que figura como anexo III desta orde.

4. A resolución comprenderá o acto de outorgamento da axuda pero non determinará a empresa concreta en que se realizarán as prácticas. Para a determinación desta empresa concreta procederase do seguinte xeito:

a) A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ofertaralles aos/ás beneficiarios/as unha empresa dispoñible no destino, seleccionada segundo o seu perfil.

b) O currículum vítae das persoas propostas pola comisión de avaliación será enviado a cada empresa, que poderá contactar directamente ou a través de persoa en que delegue, vía telefónica, por skype ou correo electrónico, coa persoa candidata que se lle propón, se o considera necesario.

A persoa candidata será finalmente elixida se a empresa confirma que ten un posto de traballo en prácticas axeitado ao perfil proposto e concreta unha entrevista en firme para a persoa candidata.

c) No suposto de que o/a beneficiario/a sexa rexeitado/a por esta empresa, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado realizará as xestións oportunas para a localización de novas empresas. No caso de que non se atopen empresas novas ou estas rexeiten igualmente o/a beneficiario/a, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado declarará a perda do dereito á axuda, sen que esta declaración dea lugar a ningún tipo de dereito indemnizatorio para o/a interesado/a.

5. Os gastos da entidade estranxeira para a busca de empresa no país de realización das prácticas formativas serán por conta do/a beneficiario/a.

6. No caso de que o/a beneficiario/a propoña unha empresa para a realización das prácticas formativas, no prazo dos dez días seguintes ao da notificación da resolución deberá presentar o documento de aceptación por parte da empresa estranxeira en que acredite a duración das prácticas formativas, de conformidade co modelo que figura como anexo IV desta orde.

7. A resolución recaída neste procedemento pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 11. Xustificación da axuda e pagamento

1. Finalizada a estadía para a realización das prácticas formativas, os/as beneficiarios/as procederán –ata o 29 de novembro de 2013– á xustificación do 100 % da axuda, mediante a presentación da seguinte documentación:

1.1. Unha declaración complementaria de non ter percibido outras axudas para a mesma actividade, das administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

1.2. Certificado emitido pola empresa en que constará a efectiva realización das prácticas formativas, así como o período en que se desenvolveron, o número de horas laborais por semana e as actividades levadas a cabo, de conformidade co modelo do anexo V desta orde.

1.3. Facturas orixinais, acompañadas dos correspondentes xustificantes de pagamento, dos gastos derivados da realización das prácticas formativas. Son gastos subvencionables:

– A estadía.

– Os gastos de viaxe e transporte.

– Os gastos da entidade estranxeira para a busca da empresa para a realización das prácticas formativas.

Con respeto a este punto haberá que ter en conta o seguinte:

• O gasto só será subvencionable cando se acredite de xeito suficiente e adecuado que se realizou o seu pagamento con anterioridade á finalización do prazo de xustificación da axuda.

• Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados.

• Excepcionalmente, en supostos debidamente xustificados e motivados, nos cales o pagamento se faga en efectivo, poderá aceptarse a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor, ben a través dun documento separado ou mediante dilixencia no xustificante de gasto, en ambos os dous casos coa sinatura do provedor e a identificación correspondente. Todo isto unicamente para gastos de escasa contía e por importe sempre inferior a 1.000 euros. Non se admitirá, en ningún caso, o fraccionamento de determinados gastos para os efectos de respectar o límite establecido neste parágrafo.

• En casos excepcionais en que se xustifique a imposibilidade de obter a correspondente factura, para gastos de escasa contía poderase admitir a xustificación de gastos mediante a achega de recibos. En todo caso, deberase respectar o disposto no punto anterior e a contía total que se poderá xustificar deste xeito non poderá superar o 20 % da axuda ou da cantidade xustificada, de ser esta inferior a aquel e sen prexuízo da minoración que, de ser o caso, corresponda.

• No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá xustificarse, ademais, a acreditación da súa titularidade.

2. Pagamento. Unha vez recibida e comprobada a documentación poderase proceder ao pagamento da axuda concedida. No caso de que o gasto certificado mediante facturas ou documento equivalente sexa inferior ao orzamento da axuda, a contía desta será minorada na mesma porcentaxe.

De acordo co previsto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, farase o anticipo do 80 % a aqueles/as beneficiarios/as que, unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, manifesten expresamente a súa aceptación, segundo o modelo que figura como anexo III nesta orde e sempre dentro do prazo de dez días hábiles desde a data da notificación.

Para efectuar o pagamento anticipado é imprescindible presentar co anexo de aceptación da axuda:

• Documento de aceptación por parte da empresa estranxeira en que acredite a duración das prácticas formativas, de conformidade co anexo IV que figura nesta orde.

Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as

O/a beneficiario/a está obrigado/a a:

1. Realizar as prácticas formativas subvencionadas.

2. Aboar á entidade estranxeira os gastos de busca de empresa no momento de iniciar as prácticas formativas.

3. Xustificar os gastos incorridos na realización das prácticas formativas.

4. Asistir ás reunións de traballo, informativas e formativas, tanto previas á saída como ao regreso da estadía.

5. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

6. Achegar canta información lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, así como a que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios.

7. Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

A falta de asistencia ás reunións de traballo ou o incumprimento das obrigas polos/as beneficiarios/as poderá ser motivo de declaración de perda do dereito á axuda.

Artigo 13. Reintegro da axuda

1. Procederase ao reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no establecido nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento da finalidade para a cal foi concedida a axuda.

Entenderase que se dá o incumprimento a que se refire o parágrafo anterior cando o/a adxudicatario/a da axuda non realice, por calquera causa, as prácticas formativas ou non xustifique fidedignamente os gastos da estadía.

d) Abandono inxustificado da axuda logo da súa aceptación e/ou en calquera fase do seu desenvolvemento.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14. Renuncias

Se por calquera circunstancia o/a beneficiario/a non pode realizar as prácticas formativas, deberá presentar unha renuncia á axuda concedida. A renuncia deberá formalizarse antes do 30 de agosto de 2013. Se o/a beneficiario/a procede da lista de reserva e a comunicación da resolución é posterior á dita data, a renuncia formalizarase coa maior brevidade.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda

En todo caso, a concesión das axudas terá como límite global a cantidade consignada na correspondente aplicación orzamentaria para o ano 2013.

Disposición adicional terceira

Os/as beneficiarios/as destas axudas quedan suxeitos/as ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial de xuventude a relación das persoas beneficiarias, polo cal a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, coa presentación da solicitude, o/a beneficiario/a autoriza a Consellería de Traballo e Benestar a incluír e facer público nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas concedidas.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, o/a solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido ao/á responsable da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela.

Os datos só serán cedidos a terceiros vinculados co desenvolvemento propio da axuda, polo que se considera que o/a solicitante permite a cesión destes ás persoas directamente relacionadas coa estancia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file