Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 29 de abril de 2013 Páx. 13288

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 19 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

O emprego de novas tecnoloxías na mecanización e equipamento agrario amparado en modelos de carácter asociativo contribúe de forma decisiva a que as explotacións agrarias protagonicen un desenvolvemento do sector agrario e, en xeral, do medio rural que favoreza unha evolución positiva e constante para afrontar novos retos de futuro.

A introdución de novas tecnoloxías na utilización de maquinaria agrícola e equipamentos ten unha repercusión moi positiva nas vertentes técnica, económica e ambiental das explotacións agrarias.

Tendo en conta a estrutura e dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición e utlización da maquinaria e equipamentos, os altos custos de amortización que xera a utilización de maquinaria individualmente, entre outros atrancos, fai necesario o impulso de modelos de utilización de maquinaria e equipamentos de forma colectiva orientados a abordar conxuntamente os traballos no eido agrícola, gandeiro e forestal, dado que o medio rural galego conforma un complexo que engloba frecuentemente estes tres sectores dentro da mesma unidade produtiva ou explotación.

Estes modelos melloran a eficiencia dos procesos produtivos nas explotacións agrarias, así como as condicións de traballo, desde a dobre vertente, cuantitativa e cualitativa, e contribúen, así, á creación de unidades produtivas máis eficientes e sustentables, económico-social e ambientalmente, o que redunda nunha mellora da calidade de vida da poboación dedicada ás actividades agrarias e, por conseguinte, tamén a unha maior fixación da poboación no medio rural.

Estas actuacións enmárcanse dentro do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 368, do 23 de decembro), polo que se establecen as disposicións de aplicación do antedito regulamento.

Así mesmo, o Regulamento (CE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011 (DO L 25, do 28 de xaneiro), polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento CE nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), no que se refire á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.

As axudas reguladas nesta orde van dirixidas á realización de investimentos para a mellora dos sistemas produtivos das explotacións agrarias no marco normativo anteriormente referido e en concordancia coas liñas estratéxicas comunitarias e estatais, reflectidas tamén na redación do Programa de desenvolvemento rural para o período 2007-2013.

Por todo o exposto, e de acordo co establecido no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases das axudas para o fomento da utilización de maquinaria en réxime asociativo en Galicia e convocalas para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva. As bases reguladoras publicaranse na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural (http://mediorural.xunta.es/).

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde entenderase por:

1) Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente pola/s persoa/s titular/es no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

2) Titular da explotación: a persoa física ou xurídica que exerce a actividade agraria organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e as responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación.

3) Agricultor/a profesional: a persoa física que, sendo titular dunha explotación agraria, ao memos o 50 % da súa renda total proveña de actividades agrarias ou doutras actividades complementarias, sempre e cando a parte da renda procedente da actividade agraria non sexa inferior ao 25 % da súa renda total e o volume de emprego dedicado a actividades agrarias ou complementarias sexa igual ou superior á metade dunha unidade de traballo agrario (UTA).

4) Agricultor/a mozo/a: a persoa que cumpriu os dezaoito anos e non cumpriu os corenta anos e exerce ou pretende exercer a actividade agraria.

5) Especial interese social: condición daquelas entidades que desenvolven as súas actividades propias nun subsector agrario especialmente sensible (horta, fruticultura e viña) e, ao mesmo tempo, son consideradas estratéxicas ben por razóns da súa dimensión ou ben pola súa particular localización e dispersión, en especial as situadas en zonas de montaña, segundo o definido no artigo 36 letra a), punto i) do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro).

Maquinaria agrícola: son todas aquelas máquinas motrices ou operadoras que se utilizan para usos agrícolas. A esta categoría pertencen os tractores, as máquinas automotrices e todos os aparellos que utilizan a enerxía subministrada por un motor para desenvolver traballos agrícolas.

Entre as máis estendidas cabe citar as destinadas á preparación e traballo do terreo (arados, cultivadoras, compactador), as sementadoras, as de fertilización, de aplicación de tratamentos fitosanitarios, de roza e limpeza, de tratamento da forraxe, de transporte, de colleita (segadoras, recolledoras, remexedoras etc.), as de preparación e distribución de alimentos para o gando (carros mesturadores, remolques etc.), as dedicadas á hortofruticultura e viña, e as de actividades accesorias.

Artigo 3. Finalidade

Os fins que se pretenden acadar coa presente orde son os seguintes:

1) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.

2) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.

3) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 4. Actividades subvencionables

1) As actividades subvencionables son as seguintes:

a) Compra de maquinaria agrícola.

b) Estudos técnico-económicos de viabilidade.

2) En ningún caso se subvencionarán:

a) A mera reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables.

b) Os investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais, nin máquinas de pequena significación para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

c) As subvencións da maquinaria e dos equipamentos de carácter forestal.

As actividades subvencionables especificadas neste artigo terán, en todo caso, que axustarse ao establecido no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

A comprobación deste requisitos farase no caso de máquinas inscritibles no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola polo certificado oficial da primeira inscrición, e no caso de bens non inscritibles nun rexistro público mediante un certificado emitido pola empresa vendedora en que se acredite que se trata dunha máquina nova.

Artigo 5. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde:

1) As cooperativas agrarias que teñen como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, en diante CUMA, sociedades agrarias de transformación, en diante SAT, que teñen como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG nº 251, do 30 de decembro) de cooperativas de Galicia, así como outras agrupacións con personalidade xurídica propia, e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade: as comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendentes superiores ao 15 % e asociacións de faba e castaña.

2) O resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestaren servizos aos seus socios.

3) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT procedentes da fusión de, aomenos, dúas explotacións, nos 5 anos posteriores á súa constitución.

Artigo 6. Requisitos e obrigas comúns dos beneficiarios

1) Cumprir os requisitos para ser beneficiario recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

2) Con carácter xeral, o número mínimo de socios da entidade solicitante será de:

a) Seis socios nas CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario e cooperativas agrarias recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 4. Naquelas entidades en que estea xustificado por razóns do seu especial interese social, segundo a definición do artigo 2 desta orde, o número de socios poderá ser igual a 4.

b) Catro socios nas cooperativas de explotación comunitaria da terra e tres socios nas SAT, recollidas no punto 3 do artigo 4, segundo a normativa específica para cada unha destas entidades.

c) Sete socios no caso de entidades con personalidade xurídica propia é soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade.

d) Se se producir a baixa dun socio nos termos descritos no artigo 20 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a entidade beneficiaria estará obrigada a substituílo no prazo máximo dun ano sempre que o número quedase por baixo do mínimo estipulado nas alíneas a), b) e c) do número 2 do artigo 6 desta orde para calquera tipo de beneficiario dos descritos.

3) Xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos segundo a documentación requirida nos números 8) e 9) do artigo 14. As entidades beneficiarias non poden vender, doar nin ceder en uso os bens obxecto de subvención antes de 5 anos ou de que remate o seu prazo de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

4) Toda a maquinaria propiedade das entidades beneficiarias é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións. Para favorecer unha maior eficiencia na súa utilización, poderase compartir a maquinaria entre varias entidades que suscriban entre si acordos de cooperación e/ou servizos a terceiros, sempre que non superen o 50 % do total das actividades realizadas, de acordo co estipulado no artigo 111.7 da Lei galega de cooperativas.

5) As CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal en común e as cooperativas agrarias recollidas nos números 1 e 2 do artigo 4, están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da súa maquinaria, así como un programa de control e xestión específico para ela, que lles permita establecer e analizar os seus custos.

6) A maquinaria obxecto de axuda deberá estar, en todo caso, inscrita no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) e matriculada cando a tipoloxía da máquina o requira.

7) No caso de investimentos vinculados á fase de produción agraria non inscritibles no ROMA, deberán presentar documentación acreditativa da súa homologación.

Artigo 7. Requisitos adicionais para as entidades beneficiarias

1) Os beneficiarios deberán, asimismo:

a) Non ter a consideración de empresa en crise:

i) No caso de empresas intermedias, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

ii) No caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 1, punto 7 do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto (DOUE L 214, do 9 de agosto). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

iii) En ningún caso se concederán axudas ás empresas sometidas a un procedemento de quebra, insolvencia ou concursal.

iv) En todo caso, para verificar o cumprimento destes requisitos, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non se encontraren en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

b) Cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate, como establece o artigo 26 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Este requisito comprobarase mediante os documentos que acrediten a homologación da máquina segundo as normas comunitarias na materia da maquinaria de que se trate, e levarase a cabo no momento de presentación da solicitude de pagamento.

c) Comprometerse a non allear a máquina ou o equipamento agrario para o cal se solicitou a axuda durante un período de cinco anos a partir da súa adquisición. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar ao tesouro público o importe obtido e os xuros correspondentes, nos termos previstos polo artigo 29.4.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Requisitos específicos para as CUMA e SAT que teñan coma obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario

1) Nas entidades de nova constitución a maioría dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais, agás que por razóns do seu especial interese social, segundo a definición do artigo 2 desta orde, estea xustificado non ter en conta esta limitación.

2) Os socios deberán permanecer na entidade un mínimo de 5 anos, excepción feita dos supostos de baixa xustificada previstos nos seus estatutos.

3) As entidades deberán establecer no seu regulamento de réxime interno (RRI) as medidas de carácter económico en que se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e tendo en conta os criterios establecidos no estudo técnico-económico de viabilidade, así como as medidas de caracter funcional.

4) Os socios da entidade están obrigados a utilizar nas súas explotacións os bens obxecto da axuda, por un período mínimo de 5 anos, nos termos establecidos e asinados no RRI.

Artigo 9. Requisitos específicos para as cooperativas agrarias

1) As cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria ou que presten servizo de maquinaria agrícola aos seus socios procurarán que os servizos ofertados cheguen á maior parte dos socios e, salvo razóns de extraordinaria inviabilidade económica ou material, a todos os socios que así o demanden, con prioridade aos agricultores profesionais.

2) Estas entidades asociativas deberán establecer as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e das normas internas de funcionamento, que terán que ser necesariamente coñecidas polo conxunto dos socios e suficientes para garantir a continuidade do servizo de maquinaria e favorecer a súa viabilidade económica e funcional.

3) Estas entidades asociativas deberán acreditar un importe neto da cifra de negocio anual de aomenos 500.000 €, agás que por razóns do seu especial interese social, segundo a definición do artigo 2 desta orde, estea xustificado non ter en conta este requisito.

Artigo 10. Contía económica das axudas ás CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa utilización de maquinaria de carácter agropecuario e cooperativas agrarias, así como doutras entidades con personalidade xurídica propia e soamente para investimentos relacionados coa súa actividade recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 4

Con carácter xeral, exceptuando aqueles casos nos cales se indica outra porcentaxe, a intensidade máxima de axuda non superará o 40 % do investimento auxiliable, agás se a entidade está nunha zona desfavorecida ou de montaña, definidas no artigo 50 do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), caso en que a axuda poderá acadar o 50 % do investimento auxiliable.

1) No caso das CUMA e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria recollidas no punto 1 do artigo 4, a porcentaxe de axuda con carácter xeral será de ata o 40 % en zona ordinaria e ata o 50 % en zonas desfavoreciadas ou de montaña.

2) Para as cooperativas agrarias recollidas no punto 2 do artigo 4, a axuda con carácter xeral sera de ata o 35 % do investimento auxiliable en zona ordinaria, e de ata o 45 % en zonas desfavorecidas ou de montaña.

3) Gastos en estudos técnico-económicos de viabilidade sobre os investimentos obxecto de axuda ata un máximo de 1.500 € de subvención.

4) A subvención poderá chegar ata un máximo de 100.000 euros por entidade beneficiaria en proporción ao investimento realizado.

Artigo 11. Contía económica das axudas ás cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT procedentes de fusión, recollidas no punto 3 do artigo 4

1. Con carácter xeral, exceptuando aqueles casos en que se indica outra porcentaxe, a intensidade da axuda será do 35 % do investimento auxiliable en zona ordinaria, e do 45 % en zona desfavorecida ou de montaña.

2. A subvención máxima para o conxunto de investimentos non poderá superar os 20.000 € por explotación fusionada, e poderase incrementar nun 10 % cando a metade dos socios da entidade resultante da fusión sexan agricultores mulleres ou mozos segundo a Lei 19/1995, do 4 de xullo (BOE nº 159, do 5 de xullo), de modernización de explotacións.

3. Gastos en estudos técnico-económicos de viabilidade sobre os investimentos obxecto de axuda ata un máximo de 600 € de subvención.

Artigo 12. Criterios de prioridade

Ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de prioridade indicados neste artigo e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

Para a seleción das peticións que se aprobasen, teranse en conta os seguintes criterios:

1) Atendendo á tipoloxía da entidade solicitante:

a) Cooperativa agraria con sección específica de maquinaria ou CUMA: 6 puntos.

b) Cooperativa agraria con servizo de maquinaria: 5 puntos.

c) SAT que teña por obxecto social prioritario a utilización de maquinaria agrícola en común: 4 puntos.

d) SAT procedente de fusión ou cooperativa de explotación comunitaria da terra: 3 puntos.

e) Outras entidades con personalidade xurídica propia: 1 punto.

2) Atendendo á súa actividade:

a) Subsector agrario especialmente sensible: 3 puntos.

b) Outros subsectores non sensibles: 1 punto.

3) Atendendo á porcentaxe de mulleres que integren o consello rector da entidade solicitante:

a) Do 40 % ao 50 %: 1 punto.

b) > 50 %: 3 puntos.

4) Atendendo ás solicitudes de axuda presentadas nos últimos anos:

a) Aquelas entidades que non presentaron ou non se lles concedeu unha axuda con cargo á Orde do 23 de decembro de 2011 (DOG nº 248, do 29 de decembro) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012: 3 puntos.

b) Aquelas entidades que non presentaron ou ás cales non se concedeu unha axuda con cargo á Orde do 10 de febreiro de 2011 (DOG nº 32, do 16 de febreiro) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia, e se convocan para o ano 2011: 2 puntos.

c) Aquelas entidades que non presentaron ou ás cales non se concedeu unha axuda con cargo á Orde do 26 de maio de 2010 (DOG nº 102, do 1 de xuño de 2011) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia, e se convocan para o ano 2010: 1 punto.

A puntuación obtida nas alíneas desta epígrafe non é acumulativa e só se concederá a máis favorable para a entidade que cumpra máis dunha destas condicións.

5) Atendendo ao cumprimento dos compromisos adquiridos no útlimo ano:

a) Aqueles beneficiarios que foron adxudicatarios dunha axuda con cargo á do 23 de decembro de 2011 (DOG nº 248, do 29 de decembro) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012 e xustificasen unha axuda igual ou superior ao 95 % do importe aprobado: 1 punto.

Artigo 13. Desempate

En caso de igualdade na aplicación do baremo concederase axuda ao solicitante que non recibise unha subvención regulada pola Orde do 23 de decembro de 2011 (DOG do 29 de decembro) sobre as axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia. Se aínda persiste o empate, terase en conta en segundo lugar a maior puntuación obtida no criterio de valoración referente á tipoloxía da entidade solicitante e, por último, se aínda continúa o empate, terase en conta o maior número de socios da entidade asociativa.

Artigo 14. Solicitudes

1) As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo que se xunta, que se compón dos seguintes anexos:

a) Anexo I. Instancia de solicitude.

b) Anexo II. Relación das liñas de axuda solicitadas.

c) Anexo III. Relación de documentación xeral que se achega.

d) Anexo IV. Relación de documentación específica que se achega, para as CUMA, SAT cuxo obxecto social prioritario sexa utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal en común, e cooperativas agrarias, recollidas nos parágrafos 1 e 2 do artigo 4.

e) Anexo V. Certificación do acordo de solicitude de subvención.

f) Anexo VI. Certificación dos compromisos e obrigas exixidos na orde.

g) Anexo VII. Declaración dos compromisos dos socios das entidades recollidas no artigo 4 punto 1.

h) Anexo VIII. Declaracion de solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade.

2) As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente/a ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade. Coas solicitudes achegarase a documentación que se detalla nos artigos 14, 15 e 16 desta orde, segundo corresponda.

3) No obstante no disposto nos puntos 1 e 2 deste artigo, dada a natureza deste procedemento como de concorrencia competitiva, non será susceptible de corrección a presentación fóra do prazo indicado na convocatoria da seguinte documentación:

a) O anexo I de solicitude de axuda.

b) A descrición detallada dos investimentos que se van realizar.

c) O orzamento total do investimento que se solicita, no cal se relacionen todos os investimentos que se van realizar co seu correspondente importe sen IVE, segundo o modelo do cadro do anexo V.

No serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie ausencia desta información, e nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

Artigo 15. Presentación das solicitudes

1) No caso das entidades que estean en trámites de constitución, a solicitude de axuda poderá facela a comisión promotora, que estará formada, polo menos, por tres membros, un dos cales actuará como presidente e outro como secretario, acompañada da solicitude de inscrición da entidade no rexistro correspondente e do compromiso de presentar a documentación que acredite a efectiva inscrición no rexistro oficial. A aprobación da axuda queda condicionada en todo caso á constitución efectiva da entidade no período previo á resolución.

2) As solicitudes dirixiranse a conselleira do Medio Rural e do Mar e poderán presentarse electronicamente. Os solicitantes poderán presentar a solicitude, coa documentación necesaria, transmitíndoa por vía electrónica ao rexistro electrónico da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica avanzada, no enderezo da internet http://sede.xunta.es. Neste caso, a documentación que deberá ir xunto coa solicitude poderá anexarse mediante arquivos PDF, que o solicitante deberá obter en copias dixitalizadas a partir dos documentos orixinais, garantindo e responsabilizándose el mesmo da fidelidade co orixinal co emprego da sinatura electrónica, todo isto de conformidade co disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 19/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As solicitudes poderán tamén presentarse de xeito presencial preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia nos servizos centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro). No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais. Presentarase en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.

3) Non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o seu consentimento, e debe, neste caso, presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4) Respecto á avaliación do cumprimento dos indicadores de resultados (R2 e R7) do PDR de Galicia 2007-2013 de acordo co establecido no Marco común de seguimento e avaliación do Feader e o Regulamento (CE) nº 1974/2006 e o artigo 79 do Regulamento (CE) 1968/2005 do Consello, así como o artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os beneficiarios deberán presentar o impreso da declaración da renda (persoas físicas) ou imposto de sociedades (persoas xurídicas) correspondente ao exercicio en que se xustifica a subvención. As entidades beneficiarias quedan obrigadas á presentación da mesma documentación relativa aos dous exercicios posteriores a aquel exercicio en que se xustifica a subvención, no prazo dun mes desde que finalice a data de presentación destas declaracións. As entidades que marquen no anexo de solicitude correspondente a autorización á consellería do Medio Rural e do Mar para solicitar esta información á AEAT non estarán obrigadas a presentar desta documentación.

5) Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (DOG nº 53, do 9 de agosto), de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

6) No entanto, a obriga de presentar a certificación que acredita o cumprimento das obrigas tributarias poderá ser substituída pola declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das ditas obrigas e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, cando non supere por beneficiario ou beneficiaria e axuda o importe de 1.500 euros.

Artigo 16. Documentación xeral

1) Copia cotexada do NIF da entidade solicitante.

2) No caso de novas entidades que presenten por primeria vez solicitudes de axudas, copia cotexada da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Se se encontrar en fase de constitución, presentarase a composición da comisión promotora e solicitude de inscrición no rexistro ou, se for o caso, solicitude da cualificacion previa dos estatutos antes da finalización do prazo de presentación de solicitude de axuda; en todo caso, a concesión queda condicionada a constitución efectiva da entidade.

3) Copia da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia cotexada do impreso de alta no Censo de actividades económicas.

4) Copia do balance, conta de perdas e ganancias e do TC2 da empresa do último ano, debidamente cotexados.

5) As entidades solicitantes presentarán copia cotexada ou certificación da acta da reunión do consello reitor, segundo o modelo do anexo V, na cal se:

a) Aproba realizar os investimentos para os cales se vai pedir a subvención.

b) Acorda solicitar a subvención.

c) Autoriza a persoa encargada dos trámites.

6) Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo do anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que se establecen nos artigos 6, 7, 8 e 9, segundo o tipo de beneficiario.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada, incluídos os da conta bancaria.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspecións que, para o efecto, esta administración considere oportunas.

d) Compromiso da entidade asociativa conforme os investimentos subvencionados só se utilizarán nas explotacións que cumpran as normas mínimas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar animal.

e) Que se compromete a non vender, doar nin ceder en uso as instalacións, tanto fixas como móbiles, ou equipamentos subvencionados, antes de cinco anos ou de que remate o seu prazo de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas, segundo o anexo VIII desta orde.

8) Memoria xustificativa asinada polo presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa como mínimo, e na mesmo orde, os seguintes puntos:

a) Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, datos básicos da estrutura das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e efectivos gandeiros etc.

b) Relación nominal dos socios e, de ser o caso, dos agricultores aos cales se lles vai prestar o servizo, incluíndo NIF, enderezo e condición de socio ou non socio.

c) No caso de entidades as cales afecten as excepcionalidades recollidas nos artigos 6.2, 8.1 e 9.3 deberán recoller a dita xustificación na memoria.

9) Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, aomenos na súa vertente técnica, deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria, o cal se acreditará documentalmente. O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda, e incluirá, por esta orde, os seguintes datos:

a) Investimentos que se realizarán, xustificando a súa necesidade.

b) Descrición técnica.

c) Carga de traballo prevista.

d) Rendementos previstos.

e) Orzamento desagregado.

f) Custos horarios.

g) Financiamento previsto.

10) Análise económica da súa viabilidade, que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor egandido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa.

11) En todos os casos o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a escolla cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Así mesmo, os controis administrativos sobre as solicitudes de axuda incluirán a comprobación da moderación de custos de acordo co indicado no artigo 24.2 do Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Artigo 17. Documentación específica para as CUMA, SAT cuxo obxecto social prioritario sexa a utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal en común, e cooperativas agrarias, recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 4

1) Copia cotexada do acordo asembleario en que se aprobe o RRI.

2) As entidades asociativas agrarias que xa solicitasen axudas para o mesmo fin en exercicios anteriores deberán presentar:

a) Copia cotexada do libro de rexistro da maquinaria, así como do programa de control e xestión dela, en soporte dixital, correspondente ao ano anterior á solicitude, que inclúa xustificación da imputación de custos fixos.

b) Relación informatizada de usuarios dos servizos de maquinaria da entidade, especificando a súa condición de socios ou non socios e o importe facturado a cada un deles.

3) No caso de CUMAS e SAT cuxo obxecto social prioritario sexa adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario e agroforestal e que sexan de nova creación, xustificación acreditativa de que máis do 50 % dos socios que utilizan os servizos obxecto de axuda son agricultores profesionais, mediante algún dos seguintes documentos:

a) Certificado de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

b) No caso de non dispor da cualificación como prioritaria, fotocopia cotexada da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria ou doutras acreditadas coa presentación do informe de vida laboral. Así mesmo, presentarán documentación acreditativa de seren titulares de explotación.

c) Quedan exceptuadas as entidades en que estea xustificado non ter en conta este requisito, por razón do seu especial interese social, segundo a definición do punto 6 do artigo 2 desta orde.

4) As entidades asociativas agrarias que formen parte ou participen en proxectos de integración deberán acreditar a constitución efectiva da nova entidade asociativa e o proceso levado a cabo. No caso de intercooperación presentarán convenio ou acordo que recolla os requisitos establecidos nesta orde e no cal se establece o marco de cooperación na utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal, para poderen solicitar e beneficiarse das axudas que se establecen nesta orde.

5) Nas CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario e agroforestal, os socios deberán presentar un documento de compromiso, asinado polo interesado, de utilización dos bens obxecto da axuda por un período mínimo de cinco anos desde a data de concesión da axuda, segundo o anexo VII.

6) No caso de investimentos en maquinaria e equipamento non inscritible no ROMA, deberán presentar documentación acreditativa da súa homologación.

Artigo 18. Documentación específica para as cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT procedentes de fusión, recollidas no punto 3 do artigo 4

1) Relación das explotacións participantes na fusión e certificado acreditativo da súa titularidade.

2) No caso de que o 50 % ou máis dos socios da entidade resultante sexan agricultores mulleres ou mozos, relacion con nome, apelidos e DNI.

Artigo 19. Tramitación

1) As unidades administrativas receptoras remitirán, no prazo máis breve posible, as solicitudes de axuda recibidas á Direción Xeral de Produción Agropecuaria, para que o servizo competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

2) Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, exceptuando a documentación mínima imprescindible sinalada no artigo 13.3, caso en que se emitirá resolución de inadmisión, requirirase ao interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro).

3) O órgano competente para levar a cabo a tramitación da presente orde de axudas é a Direción Xeral de Produción Agropecuaria. A avaliación das solicitudes levaraa a cabo un órgano colexiado presidido polo subdirector xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias e integrado por tres funcionarios desa subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario. O órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios establecidos e formulará a proposta de concesión á directora xeral de Produción Agropecuaria que, pola súa vez, a elevará á conselleira do Medio Rural e do Mar.

4) Na resolución aprobatoria indicarase o prazo de execución dos investimentos aprobados establecido no artigo 3.

Artigo 20. Resolución

1) A conselleira do Medio Rural e do Mar resolverá sobre as axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

2) O prazo para ditar e notificar o procedemento será de sete meses contados a partir do día seguinte á publicación desta orde. Transcorrido este prazo sen que sexa notificada esta resolución, os interesados poderán entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

3) Cómpre informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e do eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural de que se trate.

Artigo 21. Compatibilidade con outras axudas e contía máxima

1) As subvencións reguladas pola presente orde son compatibles con calquera outra axuda das administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados non financiadas con fondos comunitarios, sempre e cando non superen a limitación do 50 % nas zonas desfavorecidas ou de montaña, ou as indicadas no artigo 36, letra a), incisos i), ii) e iii), do Regulamento CEE nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro. Así mesmo, teranse en conta as limitacións establecidas no Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado as empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) 70/2001, e sempre que non se superen os límites especificados no artigo 4.9 do citado regulamento.

2) Por tanto, a obtención concurrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade por todas as administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada beneficiario supere os ditos límites, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite.

Se aínda así a suma das subvencións supón unha intensidade da axuda superior aos máximos establecidos na normativa comunitaria, reducirase ata o citado límite.

Artigo 22. Certificacións dos investimentos e gasto

1) Só serán auxiliables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento, con posterioridade á data de presentación da solicitude ou da data da acta de non inicio se esta for anterior a aquela, de acordo co que establece o punto 16 do artigo 3 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e con anterioridade á data límite de realización dos investimentos, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos.

2) Unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos, e cumpridos, de ser o caso, os compromisos adquiridos, as persoas interesadas deberán comunicalo, por escrito, con anterioridade ao remate do prazo concedido para a execución dos investimentos, presentando tamén a documentación e os xustificantes dos investimentos efectuados, nos cales se incluirán os correspondentes ao gasto e pagamento destes. Esta comunicación terá a consideración de solicitude de pagamento para os efectos do Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión.

3) No caso das axudas concedidas con cargo ao Feader, os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación tal e como exixe o artigo 75.1.c) i) do Regulamento (CE) nº 1698/2005.

4) A xustificación do gasto correspondente aos investimentos subvencionables deberase realizar segundo o prazo establecido na resolución de concesión, e sempre como máximo ata o día 30 de outubro. En casos excepcionais en que a entidade beneficiaria, por causas alleas á súa vontade debidamente xustificadas, non poida ter feito o investimento no prazo previsto, deberá solicitar, como mínimo cun mes de anticipación ao do prazo máximo previsto na resolución aprobatoria, unha prórroga do prazo de execución, especificando os motivos, que deberá ser autorizada pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

5) As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor dos beneficiarios, unha vez que acrediten as actividades, investimentos e gastos realizados, de acordo co que se especifica no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

6) Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades beneficiarias presenten a solicitude de pagamento acompañada da seguinte documentación:

a) Comunicación de realización dos investimentos, segundo o modelo do anexo IX.

b) Solicitude de pagamento segundo o modelo do anexo X.

c) Os xustificantes de gastos, que consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro). No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «Cofinanciado con fondos comunitarios». Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento orixinal ou cotexado que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo. Non se admitirán procedementos de financiamento mediante leasing ou renting.

d) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo o artigo 12 alínea d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, segundo o modelo do anexo VIII.

e) Copia cotexada da inscrición de todas as máquinas, apeiros e equipamento no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, así como da súa documentación técnica e matriculación cando corresponda.

f) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

7) O pagamento da subvención realizarase logo de xustificación polo beneficiario, nos termos recollidos neste artigo. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

8) Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado a solicitude de pagamento, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia.

9) A falta de xustificación de polo menos o 65 % do gasto correspondente ao conxunto dos investimentos suxeitos a subvención comportará a perda da totalidade da subvención.

10) No caso de redución da contía de gastos realizados, e sempre que se manteña o obxectivo inicial, reducirase a axuda na contía proporcional correspondente, sen prexuízo do recollido no punto anterior deste artigo.

11) A xustificación do gasto presentarase preferentemente no rexistro xeral da Xunta de Galicia, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro). No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro (BOE nº 380, do 23 de novembro), polo que se aproba o Regulamento que regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo (BOE nº 167, do 14 de xullo), do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

12) A Consellería comprobará que a solicitude de pagamento cumpre os requisitos para aboar a subvención concedida. A comprobación incluirá, como mínimo, unha inspección in situ dos investimentos realizados para cada expediente de axuda.

13) O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes e documentación que se presenten ao respecto, unha vez descontado o IVE. Se os gastos totais xustificados son inferiores aos orzados e admitidos, practicarase a redución proporcional pertinente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

14) Se o importe da solicitude de pagamento supera o importe que pode concederse, logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada en máis dun 3 %, aplicarase unha redución sobre o importe resultante do estudo da elixibilidade igual á diferenza entre os dous importes citados. Non entanto, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión da subvención

1) Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á correspondente modificación da resolución de concesión, sempre que non exceda o prazo establecido para a realización da actividade.

2) Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se cumpran as condicións previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3) Unha vez aprobado o expediente, calquera cambio sobre os investimentos aprobados que se consideraron elixibles que supoña un cambio de obxectivos, conceptos, ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, deberá ser solicitado no mes seguinte á data da resolución aprobatoria e autorizado polo secretario de Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar con anterioridade á súa execución. Isto supón que os xustificantes de gasto e do pagamento destes novos investimentos autorizados deberán ter data posterior á dita autorización. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 24. Controis

1) A Direción Xeral de Produción Agropecuaria realizará os controis sobre o terreo, así como as comprobacións e inspecións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas, en especial a contabilidade e/ou a xestión técnico-económica da maquinaria. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Direción Xeral de Produción Agropecuaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes e, en particular, da Consellería do Medio Rural e do Mar da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e do Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspeción ou control.

2) Así mesmo, no caso de axuda a investimentos financiados no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, será de aplicación o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento, (CE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011 (DO L 25, do 28 de xaneiro), polo que se establecen disposicions de aplicación do Regulamento CE nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.

3) Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, a operación de que se trate quedará excluída da axuda do Feader e recuperaranse todos os importes que se abonaron pola devandita operación. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda pola medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

Artigo 25. Reintegro da axuda, obriga de facilitar información e réxime sancionador

1) Os beneficiarios quedan obrigados ao reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de mora producidos calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orden de recuperación, que non poderá fixarse en mais de 60 días entre a data de reembolso ou dedución segundo o previsto no artigo 2 do Regulamento de Execución (UE) nº 937/2012 que modifica o artigo 5.2 do Regulamento 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro.

Procederá o reintegro nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente dos gastos xustificativos dos investimentos subvencionados.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas na lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2) Axudas non reintegrables.

a) Non procederá o reintegro das axudas percibidas cando o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos ao beneficiario sexa debido a algunha das seguintes causas de forza maior:

1º. Expropiación dunha parte importante da explotación, se esta expropiación non era previsible o día en que se subscribiu o compromiso.

2º. Catástrofe natural grave que afecte considerablemente as terras da explotación.

3º. Destrución accidental dos edificios para o gando da explotación.

4º. Epizootia que afecte a totalidade ou unha parte do gando do/a produtor/a.

A entidade beneficiaria notificará por escrito á autoridade competente os casos de forza maior ou as circunstancias excepcionais, presentando as probas pertinentes á satisfacción da devandita autoridade, no prazo dos dez días hábiles seguintes á data en que a entidade beneficiaria estea en condicións de facelo. Cando, durante o período de compromiso contraído como condición para a concesión dunha axuda a entidade beneficiaria transfira a súa explotación a outra entidade que cumpra os requisitos exixidos, esta poderá asumir o compromiso e subrogarse en compromisos e obrigas, durante a parte restante do devandito período. De non asumirse o compromiso, a entidade beneficiaria estará obrigada a reembolsar as axudas percibidas. Poderá non exixirse o reembolso se, no caso de cesamento definitivo das actividades agrarias por parte dunha entidade beneficiaria que cumprise unha parte significativa do compromiso, a asunción do compromiso pola entidade sucesora non resulta factible.

3) Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infracións e sancións previsto nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia e, se é o caso, no Regulamento (CE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011 (DO L 25, do 28 de xaneiro), en particular o establecido no artigo 30 do citado regulamento.

Artigo 26. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader

En todos os casos, ao tratarse de axudas cofinanciadas polo Feader, será obriga por parte da Administración e dos beneficiarios o cumprimento dos seguintes puntos:

1) Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería de Medio Rural e do Mar farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2) Conforme o establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 e 500.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa ou un panel publicitario, respectivamente, no cal figurará unha descrición do proxecto, así como a bandeira europea e o lema Feader: «Europa inviste no rural».

Artigo 27. Réxime de recursos

1) A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro).

2) As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación da presente orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso administrativo no prazo de dous meses.

Sección 2ª. Convocatoria

Artigo 28. Convocatoria

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas nesta orde, as axudas para o ano 2013.

Artigo 29. Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 30. Financiamento

As axudas concedidas financiaranse con cargo á seguinte partida orzamentaria:

Aplicación 12.22.712C.770.0, e código de proxecto 2007-00425 cofinanciada con fondos Feader, por un importe de 2.000.000 € para o exercicio 2013.

Poderase proceder a incrementar a cantidade fixada anteriormente, de acordo co establecido na alínea c) do punto 2 do artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira

En todo aquilo non previsto nesta orde será de aplicación o disposto no Regulamento 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no Regulamento 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro (DO L 368, do 23 de decembro), polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior, no Regulamento 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro (DO L 25, do 28 de xaneiro), polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 aprobado pola Unión Europea, na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Tamén lle será de aplicación o establecido no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Disposición adicional segunda

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño (DOG nº 121, do 14 de xullo), de transparencia e de boas prácticas na Administración Pública Galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (DOG nº 53, do 9 de agosto), de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso. O interesado poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file