Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2013 Páx. 16993

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2013, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara en concreto de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada LMT derivada As Forcadas, no concello de Chandrexa de Queixa (expediente IN407A 2013/04-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre autorización administrativa e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia, así como a aprobación do seu proxecto de execución, asinado o 16.8.2012 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado número 2633, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Acordo do 28 de xaneiro de 2013 desta xefatura territorial que, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, foi publicado nos seguintes medios: DOG do 21.2.2013, BOP de Ourense do 26.2.2013, e no xornal diario La Región do 7.2.2013; tamén estivo en exposición pública no taboleiro de anuncios do concello afectado e nesta xefatura territorial.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso non se presentou ningunha alegación en contra da realización deste proxecto.

Terceiro. As características técnicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 29.164,75 euros, son as seguintes:

– Renovación do treito inicial da liña eléctrica aérea existente, a 20 kV, derivada As Forcadas (CTR804 Covas 4), de 869 m, ata o apoio número 7 de derivación ao CT Bretelo, coa instalación de novo condutor LA-56 e novos apoios de formigón/metálicos.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997 e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. O proxecto de execución, que está informado de xeito favorable polos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, e efectuarase a comprobación sobre o terreo da traza da liña eléctrica, na cal non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas, resolve:

1º. Autorizar, aprobar o proxecto e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2º. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 19 de abril de 2013

P.S.L. (Decreto 324/2009, do 11 de xuño)
María Dolores Pérez Ayuso
Xefa do Servizo de Enerxía e Minas