Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2013 Páx. 17067

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

ENCOMENDA de xestión do 17 de abril de 2013 pola que se lle encarga a Unixest, S.L. o apoio na mellora das ferramentas e mecanismos de comunicación desta universidade.

Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), actuando en nome e representación da USC, en virtude das facultades legais que lle confiren a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei 4/2007, do 12 de abril, e os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro,

EXPÓN:

Primeiro. No ano 2013 a USC deberá dar continuidade ao desenvolvemento dos traballos de definición, elaboración e execución dun plan de comunicación institucional nos medios sociais. Os citados traballos iniciáronse no ano 2012 a través dunha encomenda de xestión á sociedade Unixest, S.L., que xa executou unha primeira aproximación ao dito plan, a cal comprendeu unha definición xeral deste. Neste momento cómpre, ademais, avanzar noutras tarefas relacionadas coa propia execución do plan inicialmente proposto.

Segundo. Unixest, S.L., tal como se recolle no artigo 2 in fine dos seus propios estatutos, constitúese como un medio propio instrumental baixo a forma de sociedade unipersoal de capital integramente universitario, que conta cos medios axeitados para levar a cabo os traballos mencionados.

Terceiro. O artigo 24.6 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP), establece que as relacións entre a USC, na súa condición de Administración pública, e Unixest, S.L., como medio instrumental seu, regularanse mediante as encomendas de xestión previstas no dito artigo.

Cuarto. Conforme o anteriormente exposto, a USC acorda encargarlle a Unixest, S.L. o desenvolvemento e a mellora das ferramentas e mecanismos de comunicación da USC-2013, de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Obxecto da encomenda

O obxecto desta encomenda de xestión é o desenvolvemento e a mellora das ferramentas e mecanismos de comunicación da USC-2013.

Esta encomenda realízase por razóns de eficacia e por carecer a USC dos medios técnicos apropiados para levalas a cabo por si mesma; o seu importe ascende á cantidade de doce mil euros (12.000 €), IVE exento.

Segunda. Actuacións que se deben desenvolver

Os traballos deberán realizarse na forma definida que se achega como anexo á presente encomenda, que forma parte dela para todos os efectos.

Terceira. Partida orzamentaria

O importe da presente encomenda satisfarase con cargo á partida orzamentaria 8010300022602 do orzamento de gastos da USC.

Cuarta. Aboamento dos traballos

O aboamento dos traballos realizarase mediante pagamentos parciais do 25% (3.000 €) do importe da encomenda de xestión, sempre que os servizos se efectúen sen incidencias e os informes correspondentes se entregasen e fosen recibidos con conformidade pola USC.

Quinta. Inicio das actuacións e duración da encomenda

O prazo de execución da encomenda será de seis meses, contados a partir da data da súa formalización.

Sexta. Natureza da encomenda

A presente encomenda ten a natureza dos contratos e negocios xurídicos excluídos do ámbito de aplicación do TRLCSP, previstos no seu artigo 4.1.n), rexerase polas súas propias normas e aplicaranse os principios do TRLCSP para resolver as dúbidas que se puidesen suscitar.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2013

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela