A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.
O Concello de Sanxenxo solicita á Deputación Provincial de Pontevedra o tramo da estrada provincial EP-9201 Sanxenxo-Bordóns-estrada Samieira comprendido entre os puntos quilométricos 2+700 e 3+240.
O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra acordou, na sesión ordinaria do día 24 de febreiro de 2012, o cambio de titularidade do tramo da estrada provincial EP-9201 Sanxenxo-Bordóns-estrada Samieira.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de maio de dous mil trece,
DISPOÑO:
Artigo 1
Apróbase o cambio de titularidade, a prol do Concello de Sanxenxo, do tramo da estrada provincial EP-9201 Sanxenxo-Bordóns-estrada Samieira desde o punto quilométrico 2+700 ata o punto quilométrico 3+240.
Artigo 2
En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Sanxenxo deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.
Artigo 3
A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Artigo 4
Corresponderanlle ao Concello de Sanxenxo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.
Disposición derradeira
O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trinta de maio de dous mil trece
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas