Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Luns, 10 de xuño de 2013 Páx. 21550

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 7 de xuño de 2013 pola que se designa a Comisión Xestora do municipio de Oza-Cesuras.

Os municipios de Cesuras e Oza dos Ríos culminaron un pioneiro procedemento de fusión para constituírense nun único municipio, que deu lugar á aprobación do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras; o artigo 39 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, prevé que, en caso de fusión de dous ou máis municipios limítrofes, cesarán todos os alcaldes e concelleiros e será designada unha comisión xestora pola Consellería da Xunta competente en materia de réxime local, integrada por un número de vogais xestores igual ao que lle correspondese de concelleiros segundo a poboación total resultante do novo municipio. A designación farase seguindo os mesmos criterios de repartición utilizados para as eleccións municipais e segundo os resultados producidos nestas no conxunto dos municipios afectados.

A Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, estipula no seu artigo 179 o número de concelleiros que corresponden a cada concello en función da poboación, e no artigo 183 determina o sistema de atribución de postos de concelleiros e as especiais regras nas eleccións municipais.

O citado Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras, na súa disposición adicional establece que, mediante orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, se procederá ao nomeamento dunha comisión xestora, que se ocupará de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións municipais e cuxo número de membros será igual ao de concelleiros segundo a poboación resultante do novo concello.

No presente suposto, dado que, segundo datos oficiais do INE 01/01/2011, a poboación total resultante do novo municipio ascende a 5.454 habitantes, o número de integrantes da devandita comisión xestora será de 13 membros.

A designación dos vogais realizada nesta orde faise sobre a base dos cocientes resultantes das últimas eleccións municipais en cada municipio fusionado. Cada concelleiro ten asignado un cociente pola aplicación da lei D’Hont en función do seu número na lista. Tomáronse os cocientes de cada formación e cada concelleiro efectivamente no desempeño do seu cargo no momento da entrada en vigor do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras e repártense de maior a menor, asignándolles un número na lista de vogais.

Para facilitar os trámites de constitución da comisión xestora que se nomea e facer posible a pronta substitución das corporacións que cesaron por mor do devandito Decreto 83/2013, do 6 de xuño, esta orde sinala, ao non haber normativa expresa para este tipo de situacións, os concretos día e hora en que se celebrará a sesión constitutiva da comisión xestora.

En consecuencia, no exercicio das facultades outorgadas polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co disposto polo artigo 39 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, e dando cumprimento ao establecido na disposición adicional do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras,

DISPOÑO:

Artigo 1. Designación da Comisión Xestora do municipio de Oza-Cesuras

Constitúe o obxecto da presente orde a designación da Comisión Xestora do novo municipio de Oza-Cesuras, que será a encargada de rexer e administrar o dito municipio ata as vindeiras eleccións municipais.

O número de membros integrantes da Comisión Xestora, seguindo os mesmos criterios de repartición utilizados para as eleccións municipais e segundo os resultados producidos nestas no conxunto dos municipios afectados, será de 13.

Artigo 2. Membros integrantes da Comisión Xestora

Os vogais da Comisión Xestora, unha vez seguidos os criterios de repartición indicados no artigo anterior, serán os seguintes:

1. José Pablo González Cacheiro

2. Andrés Taboada Marante

3. Benito García Sánchez

4. Xoán Manoel Vázquez García

5. Mª Jesús García Rodríguez

6. José Manuel Sanmartín Redondo

7. Alfredo Lestón Suárez

8. José Sánchez Carro

9. Carmen Pilar Barreiro Varela

10. Eva Mª Rodríguez Rodríguez

11. José Ramón Peón Pérez

12. José Antonio Vaamonde Carro

13. María del Pilar Rilo Santos

Artigo 3. Constitución da Comisión Xestora

A sesión constitutiva da Comisión Xestora terá lugar o día 14 de xuño de 2013 ás 12.00 horas, na antiga casa do concello de Oza dos Ríos, e quedan convocados para todos os efectos os vogais designados no artigo 2 desta orde.

Artigo 4. Presidente da Comisión Xestora

Exercerá as funcións de presidente aquel vogal que resulte elixido por maioría simple de votos entre todos os membros da Comisión Xestora na sesión plenaria de constitución prevista no artigo 3 desta orde.

Disposición transitoria primeira. Réxime de funcionamento ata a constitución da Comisión Xestora

En canto non se constitúa a Comisión Xestora a que se refire esta orde, os membros dos concellos fusionados continuarán as súas funcións soamente para a administración ordinaria. En ningún caso poderán adoptar acordos para os cales legalmente se requira unha maioría cualificada.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza