Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Luns, 10 de xuño de 2013 Páx. 21556

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 3 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2013.

A responsabilidade social empresarial (RSE) é un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual que, sen dúbida, é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade e contribúe á mellora da calidade e competitividade das empresas. É unha forma de actuar, por parte das empresas, moi eficaz para a mellora do modelo produtivo, xa que combina, ao mesmo tempo, criterios de eficiencia, sustentabilidade e igualdade de oportunidades.

Pero, a pesar destas bondades, a realidade da situación actual é que esta forma de entender a xestión empresarial aínda se atopa en fase de desenvolvemento e consolidación nas nosas empresas, polo que precisa ser fomentada, xa que, tal como referendan os datos do último informe do Observatorio Permanente de RSE da Xunta de Galicia, do pasado mes de novembro de 2012, o grao de coñecemento que teñen da RSE as empresas galegas é pouco, en concreto, unha valoración de 3,02 nunha escala de 1 a 5, o que vén reforzar máis a idea de que se debe seguir profundando na súa difusión e promoción.

A Xunta de Galicia conta cun Plan Estratéxico Galego de RSE para o período 2012-2014, que ten como obxectivo apoiar e fomentar esta forma de xestión empresarial, sendo un destes apoios á posta a disposición das empresas dunha ferramenta informática, Xunta PRO-RSE, aloxada na web http://rse.xunta.es, que lles facilitará, de xeito gratuíto, introducir a responsabilidade social nas súas estratexias e operacións, permitíndolles obter, de maneira sinxela, reportes en materia de diagnoses e informes ou memorias de RSE, en definitiva, obter unha fotografía do estado da RSE na súa organización, polo que as axudas que se recollen nesta orde veñen complementar esta ferramenta, centrándose, exclusivamente, no aspecto da formación nesta materia.

Así mesmo, tendo en conta a relación directa entre RSE e a igualdade de oportunidades, no propio plan estratéxico recóllese o fomento da igualdade entre homes e mulleres, en todos os planos da actividade da empresa, polo que nesta orde queren abordarse, de xeito integral, ambos os aspectos, promoción da RSE e promoción da igualdade laboral, para cumprir así, non só a estratexia galega de RSE, senón tamén a Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e os seus decretos de desenvolvemento .

Por outra banda, o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro (DOG nº 46, do 6 de marzo), establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar e, en virtude desta normativa, esta consellería é competente nas materias de emprego e relacións laborais e, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, correspóndelle, entre outras, a execución das competencias en materia laboral e de responsabilidade social empresarial.

En concordancia con todo isto, a Xunta de Galicia convoca para 2013, a través desta orde, axudas ás pequenas e medianas empresas galegas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Obxecto, ámbito de aplicación e financiamento

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, a pequenas e medianas empresas (pemes), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e para o fomento da igualdade laboral a través da implantación de plans de igualdade, da eliminación da infrarrepresentación feminina ou da garantía da conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 2. Liñas e programas

Esta orde cobre as accións que se realicen entre o día 1 de xaneiro de 2013 e a data de remate do prazo de xustificación destas axudas.

As actuacións subvencionables desagréganse nas liñas, I e II, e nos programas que se especifican a continuación:

Liña I. Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas.

Mediante esta liña subvencionarase a formación de persoal das empresas que elaboren o seu informe de RSE, ou memoria de sustentabilidade, a través do programa informático Xunta PRO-RSE, ferramenta de xestión da RSE, a nivel de usuario, que facilita de xeito gratuíto a Consellería de Traballo e Benestar a través da páxina web http://rse.xunta.es, páxina en que se explica polo miúdo o seu funcionamento.

Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral.

Programa 1. Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Polo tanto, non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.

Programa 2. Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.

Programa 3. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 3. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión das axudas previstas na liña I e no programa 1 da liña II realizarase, no exercicio 2013, con cargo á aplicación 11.02. 324A 474.0, código de proxecto 201300606, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, por un importe total de trescentos noventa e dous mil setecentos trinta e sete euros (392.737,00 €), que se distribúe do seguinte xeito:

Liña I: cento noventa e dous mil setecentos trinta e sete euros (192.737 €).

Liña II, programa 1: douscentos mil euros (200.000 €).

2. As axudas da liña I e do programa 1 da liña II están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola decisión da Comisión Europea do 18 de setembro de 2007, no eixo 2 e tema prioritario 65; este cofinanciamento farase constar nas resolucións de concesión.

3. Se non se presentase ningunha solicitude relativa á liña I ou ao programa 1 da liña II, ou o número das efectuadas fose escaso a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a consellería reserva para si a facultade de incrementar o crédito dunha destas dúas liñas co crédito sobrante da outra.

4. Liña II programas 2 e 3. A concesión das axudas realizarase no exercicio 2013 con cargo á aplicación da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social: 11.02.324.A.771.0, con código de proxecto 2013/00616, por un importe de vinte e cinco mil euros (25.000,00 €), e 11.02.324A.771.1 con código de proxecto 2013/00617, por un importe de corenta e nove mil douscentos corenta e dous euros (49.242 €), respectivamente.

5. Coma no caso anterior, se non se presenta ningunha solicitude relativa ao programa 2 da liña II ou ao programa 3 da liña II, ou o número das efectuadas é escaso a criterio desta consellería, e unha vez atendidas estas, a consellería reserva para si a facultade de incrementar o crédito dun destes programas co crédito sobrante do outro.

6. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4. Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas privadas con domicilio social e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias as empresas con axencia, sucursal, delegación ou calquera outra representación en Galicia sempre que teñan contratado un mínimo dun 10 % do seu persoal en Galicia e, cando menos, dez persoas.

3. As empresas beneficiarias deben reunir as seguintes condicións:

a) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.

b) Que conten cun número de persoas traballadoras inferior a 250. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras no momento da presentación da solicitude.

c) Non teñen consideración de beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro.

d) Atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

e) Cumprir todos os requisitos exixidos pola normativa en materia de axudas e subvencións e demais normas de aplicación.

f) Os requisitos exixidos para cada liña ou programa dos establecidos nesta orde.

CAPÍTULO II
Liña I. Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas

Artigo 5. Requisitos específicos para as empresas beneficiarias da liña I.

1. Serán beneficiarias das axudas da liña I desta orde as empresas que, ademais dos requisitos establecidos no artigo 4, formen o seu persoal para elaborar a memoria de RSE ou memoria de sustentabilidade a través do programa Xunta PRO-RSE.

2. As beneficiarias deberán facilitar á Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, no prazo establecido nesta orde para a xustificación, o informe de responsabilidade social empresarial conforme os criterios da Xunta de Galicia, recollida no referido programa Xunta PRO-RSE, na epígrafe de informes, programa que se solicita a través da web http://rse.xunta.es

3. As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1 letra h) do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (ás axudas de minimis).

4. As empresas que resulten beneficiarias desta subvención, cofinanciada con fondos europeos, deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60.d) do Regulamento (CE) nº 1083/2006, que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

Artigo 6. Actividades subvencionables

1. Para os efectos desta liña I, terán a consideración de gastos subvencionables a asistencia a actividades formativas en materia de elaboración de informes de RSE ou memorias de sustetabilidade.

2. A formación deberá ser impartida por entidades públicas ou privadas dedicadas a este fin, que acrediten ter experiencia en impartir cursos sobre informes de RSE ou memorias de sostibilidade. Así mesmo, deberán acreditar que contan con persoal con experiencia en impartición dos cursos.

3. A formación non poderá ser impartida pola mesma entidade ou empresa que solicita a axuda.

4. Esta formación irá dirixida, exclusivamente, ao persoal da empresa que vaia elaborar o seu informe de RSE, ou memoria de sustentabilidade, a través do programa Xunta PRO-RSE.

5. Entenderase como formación, para estes efectos, os cursos, presenciais ou non, en cuxos programas se recollan contidos sobre elaboración de informes de RSE ou memorias de sustentabilidade. Deberá requirirse un control de asistencia e aproveitamento e ter unha duración mínima de 30 horas. Consideraranse excluídos os seminarios, xornadas, congresos e similares.

6. Só se subvencionarán os gastos realizados e facturados directamente pola propia entidade impartidora da actividade formativa. Non se subvencionarán os gastos relativos ao funcionamento ordinario das empresas nin a adquisición de material inventariable.

7. En todo caso, nas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvenionables polo FSE, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

Artigo 7. Contía das axudas

1. A contía da axuda acadará o 100 % dos gastos necesarios para a realización da actividade, que sexan debidamente xustificados, cun máximo de 600 euros por persoa.

2. En ningún caso o importe total por empresa beneficiaria poderá superar os 1.800 euros.

3. Dos gastos subvencionables excluirase o IVE.

CAPÍTULO III
Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral
Programa 1. Axudas para a implantación de plans de igualdade

Artigo 8. Requisitos das empresas beneficiarias da liña II, programa 1

1. Serán beneficiarias destas axudas as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 4, se atopen nalgún dos supostos seguintes:

A) Empresas que implanten dun xeito voluntario un plan de igualdade nos termos exixidos nos artigos 9 e 10 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, para os plans legalmente obrigatorios.

Para estes efectos, enténdese voluntaria a implantación do plan aínda que sexa obrigatoria para a empresa por ter acordado ou asinado un compromiso coa representación legal dos traballadores e traballadoras.

B) Empresas que implanten, en cumprimento de obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa, un plan de igualdade nos termos exixidos nos artigos 9 e 10 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, para os plans legalmente obrigatorios.

Tanto na letra A coma na B, os plans de igualdade elaborados deberán ser acordados coa representación legal do seu persoal, no caso de habela, ou coas persoas traballadoras, e prever a súa participación no seu desenvolvemento.

2. Para seren beneficiarias destas axudas, as empresas deberán contar cun mínimo de 10 persoas traballadoras. Para os efectos de determinar o número de persoas traballadoras na empresa, atenderase ao número de persoas traballadoras no momento da presentación da solicitude. O número mínimo de persoas traballadoras deberá quedar acreditado tamén no momento da xustificación da realización da actividade e dos gastos satisfeitos.

3. As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1 letra h) do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (ás axudas de minimis).

4. As empresas que resulten beneficiarias desta subvención, cofinanciada con fondos europeos, deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60.d) do Regulamento (CE) nº 1083/2006, que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

Artigo 9. Actividades subvencionables da liña II, programa 1

1. Polo que respecta a estas axudas para a implantación de plans de igualdade, terán a consideración de gastos subvencionables os que a seguir se relacionan:

Letra a): realización dunha diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade e que incluirá necesariamente, respecto ao último ano e diferenciando por sexo, os seguintes aspectos:

– Avaliación dos postos de traballo: deberá comprender a selección e promoción profesional (composición, equilibrada ou non, sistemas de recrutamento, redacción de ofertas de emprego, medidas de acción positiva...), formación (acceso, difusión, realización dentro ou fóra da xornada laboral, facilidades...), prevención de riscos (medidas específicas para traballadoras embarazadas ou en período de lactación, incidencias causadas por enfermidade profesional ou accidente laboral, existencia de salas de lactación e repouso...).

– Categorías profesionais: análise da composición do persoal por categorías profesionais e centros de traballo, de ser o caso, desagregando os datos por sexo, tipos de contrato...

– Xornada laboral: tipo da xornada (tempo completo/parcial, continuada/partida) e duración en número de horas.

– Estrutura salarial e extrasalarial: análise das retribucións por categoría profesional e sexo, desagregadas por retribucións básicas, complementos, axudas de custo,... A dita análise pode levarse a cabo por bandas salariais.

– Outras cuestións: medidas de conciliación (análise das responsabilidades familiares do persoal, existencia de flexibilización nos horarios e melloras nos permisos con respecto ao establecido na lexislación vixente, excedencias,...), formas de prevención do acoso sexual e por razón de sexo, comunicación e publicidade (linguaxe estereotipada en páxinas web, comunicacións internas e externas, campañas de publicidade,...)

Letra b): asistencia a cursos de formación en materia de plans de igualdade convocados ou impartidos por entidades públicas ou privadas con experiencia nesta materia, distintas da empresa solicitante da axuda. Esta formación estará dirixida ao persoal directivo e/ou mandos intermedios da empresa, así como a aquel persoal que forme parte dos órganos de igualdade que se creen para o desenvolvemento do plan.

Letra c): a contratación de persoal con experiencia e/ou coñecementos en materia de igualdade, co obxecto de asesorar na elaboración e na implantación do plan de igualdade.

Letra d): os gastos derivados da contratación de empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na elaboración e na implantación do plan de igualdade.

Para a elaboración e implantación dos plans de igualdade, a que se fai referencia nas letras c) e d), é imprescindible ter formulado unha diagnose previa da situación real da empresa.

2. As axudas para os conceptos sinalados nas letras b), c), e d) do punto 1 deste artigo poderán solicitarse tamén para o mantemento do plan de igualdade durante a súa implantación, sempre que se cumpran os requisitos exixidos nesta orde e en función da concorrencia competitiva co resto das solicitudes presentadas. O número máximo de convocatorias en que se poderán solicitar estas axudas será de catro, aínda que o prazo de aplicación do plan de igualdade sexa maior.

3. Tanto a diagnose como os plans de igualdade, citados nas anteriores letras a), c) e d):

– Deberán estar individualizados e adaptados ás circunstancias concretas de cada empresa.

– No caso de que unha mesma persoa sexa administradora de máis dunha empresa, que teñan o mesmo obxecto social, só se poderá presentar a solicitude da axuda por unha única empresa. Se presentasen solicitudes para máis dunha, so se tramitará aquela que teña o primeiro número de entrada no rexistro administrativo.

4. No suposto da letra b), formación:

– Só se concederá a subvención se as persoas destinatarias da formación en materia de plans de igualdade son persoas distintas daquelas que xa recibiron a dita formación en exercicios anteriores, calquera que sexa a modalidade e o programa dos cursos.

– A formación que se vai impartir deberá ser progresiva nos seus contidos e para o persoal antes citado.

– Entenderase como formación, para estes efectos, os cursos, presenciais ou non, en que se requira un control de asistencia e aproveitamento destes, que teñan unha duración mínima de 40 horas e que estean directamente relacionados coa realización dun plan de igualdade. Consideraranse excluídos as xornadas, seminarios, congresos e similares.

– Só se subvencionarán os gastos realizados e facturados directamente pola propia entidade impartidora da actividade formativa.

5. En todo caso, nas axudas respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

Artigo 10. Plan de igualdade. Condicións

1. De acordo coa diagnose e coa formación impartida, o plan de igualdade, que deberá ter unha vixencia determinada, constará como mínimo dos seguintes contidos:

– Un diagnóstico previo elaborado de acordo co establecido no artigo 9.1 apartado a.

– Obxectivos de mellora coherentes co resultado da diagnose anterior.

– Medidas e accións concretas adecuadas para a consecución dos obxectivos establecidos.

– Indicadores e delimitación temporal das actuacións para poder efectuar o seu seguimento e control periódico.

2. Unha vez finalizada a elaboración do plan de igualdade, as empresas beneficiarias destas axudas terán que solicitar a certificación da implantación do plan ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar, feito que será comunicado a esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

3. A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, unha vez recibida a documentación que se relaciona no artigo 22, solicitará informe á Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar para os efectos de determinar se as actividades que se van realizar poden ser subvencionadas, de acordo cos requisitos exixidos nesta orde de convocatoria e na normativa específica de igualdade.

Artigo 11. Contía das axudas para a implantación de plans de igualdade, liña II, programa 1

– Letra a), realización dunha diagnose da realidade da empresa:

A contía da axuda acadará ata o 100 % do gasto necesario e desagregado para a realización da actividade, entendendo por tal o importe que acredite a empresa solicitante da axuda mediante certificación, se é esta a que realiza a diagnose con persoal propio, ou ben o importe facturado pola consultora privada que realice o asesoramento. Das contías acreditadas excluirase o IVE e o IRPF.

A contía máxima da axuda será de 2.000 euros por entidade beneficiaria.

– Letra b), asistencia a cursos de formación:

A contía destas axudas acadará ata o 100 % dos gastos necesarios para a realización da actividade, cun máximo de 600 euros por persoa formada.

En ningún caso o importe total por empresa beneficiaria poderá superar os 1.800 euros.

– Letra c), contratación de persoal:

A axuda será de 800 euros/mes por persoa contratada e unicamente mentres persista este asesoramento.

Se as persoas contratadas son mulleres con especiais dificultades de inserción laboral ou en situación marcada pola desvantaxe social a que se refire a disposición adicional sexta da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, incrementarase a axuda prevista nos parágrafos anteriores nun 100 %.

Os importes así calculados non poderán superar os salarios netos mensuais das persoas contratadas.

– Letra d), contratación de empresa ou entidade externa:

A contía da axuda acadará ata o 10 % do importe efectivamente satisfeito pola contratación, sen IVE, dunha empresa ou entidade a que se refire este suposto, cun máximo de 2.000 euros.

CAPÍTULO IV
Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral
Programa 2. Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados
predominantemente por homes

Artigo 12. Requisitos das empresas beneficiarias da liña II, programa 2

Serán beneficiarias destas axudas as empresas que, ademais dos requisitos do artigo 4, no momento da solicitude conten cun máximo do 10 % de mulleres no seu cadro de persoal e sempre que concorran os requisitos seguintes:

1. Que se trate dun sector de actividade en que sexa habitual a infrarrepresentación laboral feminina. Para estes efectos, a Orde do 25 de novembro de 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, publicou unha relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 234, do 7 de decembro).

2. Que a empresa se comprometa a incrementar a porcentaxe de representación feminina, ben por incluílo no seu plan de igualdade, ben por propia iniciativa.

Artigo 13. Actividades subvencionables da liña II, programa 2

1. Para os efectos desta orde, e polo que respecta ás axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina, terán a consideración de gastos subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos, sen IVE, para a adaptación das instalacións ou o investimento noutros medios materiais da empresa, tales como vestiarios ou baños, para adecuala ás novas necesidades resultantes da contratación de mulleres.

2. Non se poderá volver a solicitar a axuda económica establecida neste suposto salvo se, de xeito excepcional e por motivos xustificados, se acreditase a necesidade de realizar novas adaptacións nas instalacións ou outros medios materiais da empresa.

3. As empresas beneficiarias destas axudas deberán destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 5 anos, no caso de seren inscritibles nun rexistro público, ou de 2 anos para o resto.

4. O incumprimento desta obriga de destino será causa de reintegro das axudas concedidas, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Contía das axudas da liña II, programa 2

1. A contía destas axudas acadará ata o 100 % dos gastos efectivamente satisfeitos e desagregados, sen incluír o IVE, e conforme os prezos do mercado, necesarios para a realización das actuacións consideradas como subvencionables, cun máximo de 20.000 euros por entidade beneficiaria no suposto de que o compromiso de contratación supoña un incremento de entre un 5 % e un 10 % da representación feminina da empresa, cun mínimo dunha traballadora, se se trata de empresas de menos de 50 persoas traballadoras, ou cun mínimo de 3 traballadoras, no caso de empresas de máis de 50 persoas traballadoras.

2. O importe máximo acadará os 22.000 euros por entidade beneficiaria no suposto de que o compromiso de contratación supoña un incremento de máis do 15 % da representación feminina da empresa, cun mínimo de dúas traballadoras, se se trata de empresas de menos de 50 persoas traballadoras, ou cun mínimo de seis traballadoras, no caso de empresas de máis de 50 persoas traballadoras.

CAPÍTULO V
Liña II. Axudas para o fomento da igualdade laboral
Programa 3. Axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral

Artigo 15. Requisitos das empresas beneficiarias da liña II, programa 3

Serán beneficiarias destas axudas as empresas que reúnan os requisitos exixidos no artigo 4 e que, de xeito individual ou mancomunado, poñan en marcha medidas de conciliación.

Artigo 16. Actividades subvencionables da liña II, programa 3

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os gastos efectivamente satisfeitos e desagregados, e conforme os prezos do mercado, sen incluír o IVE, derivados dos investimentos realizados pola/s empresa/s de xeito individual ou mancomunadamente, para habilitar servizos de comedor, gardaría, lugares axeitados para o repouso das traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas co fin de garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.

2. Só se subvencionarán os gastos que se consideren imprescindibles para o axeitado funcionamento das instalacións habilitadas.

3. Nestas instalacións teranse en conta as necesidades das mulleres traballadoras con discapacidade, e deberase especificar tal circunstancia na memoria das actuacións.

4. Non se poderá volver a solicitar esta axuda económica salvo se, de xeito excepcional e por motivos xustificados, se acredita a necesidade de realizar novas adaptacións nas instalacións.

5. As empresas beneficiarias destas axudas deberán destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, durante un período mínimo de 5 anos, no caso de seren inscritibles nun rexistro público, ou 2 anos para o resto.

6. O incumprimento desta obriga de destino será causa de reintegro das axudas concedidas, de acordo co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Se é necesario, as empresas beneficiarias destas axudas xustificarán o cumprimento dos requisitos exixidos para a creación, construción ou modificación substancial dos centros de atención á infancia regulados nos decretos 243/1995, do 28 de xullo, e 329/2005, do 28 de xullo. Isto é unha condición indispensable para permitir o seu posterior funcionamento.

Artigo 17. Contía das axudas da liña II, programa 3

A contía destas axudas acadará ata o 100 % dos gastos necesarios para a realización das actuacións consideradas como subvencionables, excluído o IVE, cun máximo de 6.000 euros por entidade beneficiaria, no caso de habilitar lugares axeitados para repouso de traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas, e un máximo de 10.000 euros cando se trate de habilitar servizos de comedor e gardaría.

CAPÍTULO VI
Competencia e procedemento

Artigo 18. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de subvencións previstas nesta orde, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Artigo 19. Solicitudes

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nas distintas liñas desta orde deberán formalizarse por separado para cada unha destas liñas e, de ser o caso, por cada un dos programas, e dirixirse ao órgano competente para resolver (Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, Consellería de Traballo e Benestar, edificio administrativo San Lázaro, s/n. Planta 0, 15781 Santiago de Compostela). Presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 20. Prazo de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes de axudas rematará nun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da norma no Diario Oficial de Galicia.

2. Para este efecto, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación no DOG.

3. Se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

4. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 21. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa ou entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. Na solicitude de subvención poderase autorizar ao órgano xestor para acceder ao sistema de verificación de datos de identidade e residencia, co fin de evitar a achega do DNI da persoa solicitante ou da persoa que a represente legalmente. No caso de que a persoa solicitante non autorice este acceso deberá, obrigatoriamente, presentar copia do DNI coa solicitude.

4. De conformidade cos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará as subvencións concedidas ao abeiro desta orde, segundo o establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, no Diario Oficial de Galicia, na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a súa finalidade, na forma que determine o órgano competente, polo que as entidades solicitantes destas axudas, xunto coa presentación da documentación necesaria, na continuación do anexo I, incluirán unha declaración pola que autorizan expresamente o tratamento necesario dos referidos datos, sempre con respecto ao establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

5. Por estar as axudas da liña I e do programa 1 da liña II cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, na súa resolución de concesión, informarase a empresa beneficiaria de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública cos nomes dos beneficiarios, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación e que a autoridade de xestión do programa operativo publicará, conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 22. Documentación da solicitude

As solicitudes presentaranse no modelo que figura como anexo I desta orde, e deberán ir acompañadas da documentación xenérica e específica que de seguido se relaciona:

1. Documentación xenérica para as liñas I e II:

1.1. Modelo de declaración responsable do anexo I desta orde.

1.2. No caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, achegarase fotocopia compulsada do documento nacional de identidade da persoa solicitante.

1.3. Orzamento detallado dos gastos para os cales se solicita a subvención, cuantificado economicamente en todas as súas epígrafes e indicando o IVE.

1.4. Balance e conta de resultados da entidade solicitante do exercicio 2012.

1.5. Declaración responsable do representante da empresa do número de persoas que traballan nela, incluíndo o persoal de alta dirección, distinguindo entre homes e mulleres e con indicación de se son fixos ou temporais (anexo III).

1.6. Declaración responsable da persoa representante relativa aos centros de traballo de que dispón a empresa, indicando o número de persoas que traballan neles, distinguindo entre homes e mulleres, e se é beneficiario da medida solicitada ou non (anexo III).

1.7. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, segundo o anexo IV desta orde.

1.8. Documentación xustificativa dos criterios de avaliación.

2. Documentación específica para a liña I, RSE.

2.1. Declaración responsable de ter solicitado, a nome da empresa, o programa informático Xunta PRO-RSE a través da páxina web http://rse.xunta.es (anexo III).

2.2. Declaración responsable da persoa representante da empresa designando a persoa ou persoas que van participar na formación para elaborar a memoria de RSE ou memoria de sustentabilidade a través do referido programa Xunta PRO-RSE, especificando o cargo ou posto que desempeñan na empresa (anexo III).

2.3. Declaración responsable de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1, letra h) do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (ás axudas de minimis) (anexo III).

2.4. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo V desta orde.

2.5. Programa da actividade formativa a que se vaia asistir ou, de tela xa realizada, diplomas ou certificacións desta, con indicación do seu contido e duración.

2.6. Declaración responsable da entidade formadora, que acredite a súa experiencia na impartición de actividades formativas en materia de informes de RSE ou memorias de sustentabilidade nos tres últimos anos e, pola súa vez, a relación das persoas que impartirán estes cursos xunto coa súa cualificación e/ou experiencia para levalos a cabo.

3. Documentación específica para todos os supostos da liña II, programa 1, implantación de plans de igualdade:

3.1. Declaración responsable da persoa representante da empresa en que conste a vontade de adoptar un plan de igualdade acordado coa representación legal das persoas traballadoras ou, de ser o caso, onde se faga referencia ao convenio colectivo en que se establece para a empresa a obrigatoriedade de establecelo. Na dita declaración especificarán a duración da execución do plan (anexo III).

3.3. Declaración responsable de non ter a consideración de empresa en crise conforme ao disposto no artigo 1 apartado h) do Regulamento (CE) nº 1998/2006, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (ás axudas de minimis) (anexo III).

3.3. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo V desta orde.

3.4. Proxecto do plan de igualdade en que consten as liñas xerais deste e o resto das actividades previstas para a súa posta en funcionamento, con expresión dos medios persoais e materiais e de se inclúe ou non todos os centros de traballo da empresa.

3.5. No caso de estar xa elaborado o plan de igualdade, cos contidos mínimos e demais requisitos exixidos no artigo 10 desta orde, será remitido, a esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, xunto con copia da solicitude de certificación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar.

4. Documentación específica para as actividades da liña II, programa 1, letra a), diagnose:

4.1. Se a diagnose a realiza a empresa solicitante da axuda, con persoal propio, declaración responsable en que se acrediten suficientemente os recursos materiais e humanos empregados, así como a cualificación e/ou experiencia destes para a realización da diagnose a que se refire este punto (anexo III).

4.2. Por outra banda, se a diagnose a realiza unha consultora privada, ademais de que a dita consultora privada elabore unha declaración responsable dos medios materiais e humanos de que dispón, coma no punto anterior, nesta declaración responsable deberá figurar a relación dos traballos de diagnose ou de elaboración de plans de igualdade realizados nos tres últimos anos.

5. Documentación específica para as actividades da liña II, programa 1, letra b), formación:

5.1. Programación dos cursos a que se vaia asistir ou, de telos xa realizados, diplomas ou certificacións destes, con indicación do seu contido e duración.

5.2. Declaración responsable do representante da empresa que relacione as persoas que asistiron ou vaian asistir aos cursos e que acredite a condición de persoal directivo ou mando intermedio destas ou de ser persoal que forme parte dos órganos de igualdade que se creen para o desenvolvemento do plan, segundo modelo anexo III.

5.3. Declaración responsable da entidade formadora, que acredite a súa experiencia en impartir cursos sobre plans de igualdade. Na dita declaración constará unha relación dos cursos sobre plans de igualdade realizados nos tres últimos anos e, pola súa vez, a relación das persoas que impartirán estes cursos xunto coa súa cualificación e/ou experiencia para levalos a cabo.

6. Documentación específica para as actividades da liña II, programa 1, letra c), contratación de persoal:

6.1. Fotocopia compulsada do contrato de traballo da persoa ou persoas contratadas.

6.2. Currículo da persoa ou persoas contratadas que acredite a súa experiencia e/ou coñecementos en materia de igualdade.

6.3. Se a persoa contratada é unha muller con especiais dificultades de inserción laboral ou en situación marcada pola desvantaxe social, as que se refire a disposición adicional sexta da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, terán que achegar a certificación expedida polo organismo público competente que acredite a concreta condición da muller incluída nalgún dos supostos da dita disposición adicional.

6.4. Solicitude de certificación de implantación do plan de igualdade, acreditando a súa presentación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar ou, de ser o caso, cando se estea na fase de elaboración do plan, compromiso da empresa de solicitar a dita certificación no momento de iniciar a implantación do plan.

7. Documentación específica para as actividades da liña II, programa 1, letra d), contratación de empresa ou entidade externa:

7.1. Declaración responsable da entidade externa que realiza a actividade subvencionable, que acredite a súa experiencia na elaboración e implantación de plans de igualdade. Na dita declaración constará unha relación destes traballos de asesoramento realizados nos tres últimos anos. Ademais, deberá indicar os recursos materiais e humanos de que dispón, así como a cualificación ou experiencia destes para a realización do asesoramento a que se refire este suposto.

7.2. Solicitude de certificación de implantación do plan de igualdade, acreditando a súa presentación ante a Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar ou, de ser o caso (cando a axuda que se solicita sexa para a elaboración do plan), compromiso da empresa de solicitar a dita certificación no momento de iniciar a implantación do plan.

8. Documentación específica para as actividades da liña II, programa 2, investimentos para eliminar a infrarrepresentación feminina:

8.1. Memoria das actuacións materiais que se van realizar xustificando a súa oportunidade en virtude das novas necesidades derivadas da contratación de persoal feminino.

8.2. Compromiso do máximo órgano de representación da empresa solicitante da subvención en que conste a vontade de contratar traballadoras no número ou porcentaxes requiridas con indicación do prazo máximo de execución dese compromiso.

9. Documentación específica para as actividades da liña II, programa 3, investimentos para fomentar a conciliación da vida familiar e laboral:

9.1. Memoria explicativa e descritiva das actuacións materiais que se vaian realizar.

9.2. Se é necesario, solicitude de autorización para a creación das instalacións obxecto do investimento, acreditando a súa presentación ante o organismo competente.

10. As entidades que soliciten máis dunha liña ou máis dun programa da liña II, unicamente deberán xuntar un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, todas as solicitudes deberán presentarse xunto coa documentación específica para o programa ou epígrafe de axuda respectivo.

Artigo 23. Instrución

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Relacións Laborais da Subdirección Xeral de Traballo, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá a entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

3. O procedemento de concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Avaliación das solicitudes

1. Unha vez instruídos, os expedientes pasarán para o seu exame á comisión de avaliación, que informará ao órgano instrutor. Este órgano elevará a proposta á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social quen, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, será quen resolverá poñendo fin á vía administrativa.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros: a persoa titular da Subdirección Xeral de Traballo, quen presidirá, a persoa titular do Servizo de Relacións Laborais e un xefe ou unha xefa de sección do Servizo de Relacións Laborais, que actuarán como vogais, e unha persoa funcionaria designada pola presidencia da comisión, que actuará como secretario ou secretaria. Poderá solicitarse o asesoramento dunha persoa funcionaria da Unidade Administrativa de Igualdade, que actuará con voz e sen voto.

3. Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela a persoa que exerza a presidencia, ou persoa en que delegue, un ou unha vogal e o secretario ou secretaria. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída por un funcionario ou funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

4. A comisión de avaliación, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 25. Criterios de avaliación

A valoración das solicitudes presentadas, dentro de cada liña e de cada programa, efectuarase de acordo cos criterios e a ponderación que a seguir se relacionan:

1. Criterios de avaliación para a liña I, RSE:

1º. Polo número de horas de formación, sempre que sexa superior ao mínimo establecido nesta orde. Máximo 30 puntos.

2º. Polo número total de persoas traballadoras da empresa beneficiaria destas subvencións, ata 30 puntos.

3º. A taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa beneficiaria, é dicir, a porcentaxe de persoas traballadoras fixas sobre o total de cadro de persoal da empresa, sempre que esta sexa superior ao 20 %. Máximo 20 puntos.

4º. Pola proporción entre homes e mulleres traballadores/as da empresa, incluíndo o persoal de alta dirección, ata 20 puntos. A puntuación máxima estará en función do equilibrio entre ambos os sexos.

2. Criterios de avaliación para todos os supostos da liña II, igualdade:

1º. Polo número total de persoas traballadoras da empresa beneficiaria destas subvencións, ata 30 puntos.

2º. Polo número de novas contratacións que se produzan ou que se comprometan como consecuencia destas accións, ata 25 puntos. A puntuación máxima outorgarase para as contratacións indefinidas. Xustificarase con declaración responsable da persoa representante da empresa do compromiso de contratación ou con copia compulsada do contrato, no caso de que xa sexa efectiva.

3º. Pola proporción entre homes e mulleres traballadores, incluíndo o persoal de alta dirección, ata 10 puntos. A puntuación máxima estará en función do equilibrio entre ambos os sexos.

4º. Pola aplicación destas medidas en materia de igualdade en empresas de menos de 50 traballadores/as. 5 puntos.

3. Criterios de avaliación específicos para a liña II, programa 1, implantación de plans de igualdade:

5º. Pola incorporación nos plans de igualdade de medidas de apoio á inserción, permanencia e promoción laboral das mulleres en xeral e das que sofren violencia de xénero en particular, ou pola contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, en cumprimento do establecido no artigo 36.2 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata 10 puntos. Deberán acreditar a referida incorporación no plan cunha declaración responsable das medidas adoptadas ou do compromiso de adopción desas medidas e, no caso de contratación efectiva, copia compulsada do contrato.

6º. Pola contratación de persoas expertas para todas as fases da implantación do plan de igualdade, ata 10 puntos. Deberá acreditarse con copia compulsada do contrato.

4. A concesión destas subvencións realízase mediante a comparación de todas as solicitudes presentadas, dentro dunha mesma liña e dun mesmo programa, segundo os créditos previstos no artigo 3 desta orde, establecéndose unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración fixados no parágrafo anterior, e adxudicarase a aquelas propostas que obtivesen maior puntuación, co límite máximo do crédito orzamentario existente para cada liña de subvencións.

5. No caso de empate na puntuación obtida, determinarase como criterios de desempate, en primeiro lugar, a orde establecida nos propios criterios de valoración sinalados e, en segundo lugar, o emprego da lingua galega na realización das liñas e programas subvencionados. No caso de persistir, terase en conta a data de presentación da solicitude.

Artigo 26. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución, que se lles notificará ás entidades interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contado desde o peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As empresas comunicarán a resolución administrativa sobre as axudas solicitadas ás persoas representantes das persoas traballadoras ou a estas directamente se non hai esa representación, indicando a actividade que se subvenciona e a contía das axudas concedidas.

5. As resolucións que se diten neste procedemento deberán comunicar ás empresas beneficiarias das axudas o importe destas e informar sobre o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa ao Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro de 2006).

6. Nas resolucións de concesión das subvencións cofinanciadas con fondos europeos comunicarase a obrigatoriedade da contabilidade separada ou dun código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional, en cumprimento do artigo 60 do Regulamento (CE) nº 1083/2006, que regula as funcións da autoridade de xestión, e que no seu punto d) establece que a dita autoridade deberá asegurarse, cando se emita a resolución de concesión, de que as beneficiarias das operacións manteñen o dito sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado.

Artigo 27. Forma de pagamento e xustificación. Documentación acreditativa

1. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades interesadas disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. No momento da xustificación, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderá solicitar informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan ou da realización dos cursos que se vaian subvencionar.

3. O pagamento efectuarase de xeito nominativo e pagamento único, pola súa totalidade, a favor das beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

4. En todo caso, a forma de xustificación deberá axustarse ao previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Segundo esta normativa, e entre outros aspectos, considérase que en ningún caso serán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, na data límite do 31 de outubro de 2013 (agás que na resolución de concesión se estableza unha data posterior), da documentación que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

5.1. Documentación xenérica:

– No momento da xustificación total da actividade subvencionada, deberá presentarse declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e/ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, segundo o anexo IV desta orde.

– Documento acreditativo da comunicación pola empresa da resolución administrativa sobre as axudas solicitadas ás persoas representantes dos traballadores e traballadoras, se os houbese, ou ás propias persoas traballadoras en defecto daquelas. Para deixar constancia da recepción da dita comunicación polas persoas destinatarias, estas quedarán debidamente identificadas nela con DNI, nome, apelidos e sinatura.

5.2. Documentación específica:

A) Para a liña I, RSE:

– Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo V desta orde.

– Diplomas ou certificación da entidade impartidora da formación acreditativos da asistencia e superación dos cursos obxecto de subvención. Deberán figurar os logos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

– Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

– Documento acreditativo do control de asistencia presencial de cada alumno/a aos cursos impartidos ou equivalente para os cursos telemáticos.

– Informe de responsabilidade social empresarial conforme os criterios da Xunta de Galicia, recollida no referido programa Xunta PRO-RSE e que facilita o propio programa, na epígrafe de informes, unha vez introducidos os indicadores da empresa.

– Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

B) Para todos os supostos das axudas previstas da liña II, programa 1, implantación de plans de igualdade:

– Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, sometidas ao réxime de minimis durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o anexo V desta orde.

– Certificación do órgano de representación da empresa en que se acredite que esta segue a ter o mínimo exixido de 10 persoas traballadoras. Nesta certificación constarán o nome, apelidos e número de DNI das referidas persoas traballadoras.

– Documento acreditativo de que a empresa conta cun sistema de contabilidade separada ou cun código contable adecuado, por seren axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

C) Para as actividades da liña II, programa 1, letra a), diagnose:

– No caso de realizar a actividade con persoal propio, certificación da persoa responsable da empresa en que se detalle, por meses, as horas dedicadas cada mes e o importe correspondente a esas horas (desagregando a Seguridade Social e o IRPF). Xustificante de pagamento da Seguridade Social (orixinal ou copia compulsada). Nómina asinada polo traballador ou traballadora ou xustificante do ingreso da referida nómina na conta da persoa traballadora (orixinal ou copia compulsada).

– No caso de que a actividade a realice unha entidade externa, factura polo importe do asesoramento realizado e xustificante do seu pagamento. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

– Copia da diagnose da realidade da empresa desde a perspectiva de xénero elaborada segundo os requisitos exixidos nesta orde, que foi obxecto de subvención. Neste documento deberán figurar os logos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

D) Para as actividades da liña II, programa 1, letra b), formación:

– Documento acreditativo do control de asistencia presencial de cada alumno ou alumna aos cursos impartidos ou equivalente para os cursos telemáticos.

– Diplomas ou certificación da entidade impartidora da formación acreditativos da asistencia e superación dos cursos obxecto de subvención. Deberán figurar os logos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

– Facturas xustificativas do gasto realizado e xustificantes do seu pagamento. Os documentos deberán ser orixinais ou fotocopias compulsadas.

E) Para as actividades da liña II, programa 1, letra c), contratación de persoal:

– Copia do contrato de traballo e alta na Seguridade Social e nóminas dos meses para os que se lle concedeu a subvención, así como xustificantes de pagamento destas. Os documentos deberán ser orixinais ou copias compulsadas.

– O plan de igualdade, xa elaborado, que deberá incluír a diagnose previa, segundo os requisitos exixidos nesta orde. Deberán figurar os logos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

– Xustificante de ter solicitada a acreditación da implantación do plan de igualdade á Unidade Administrativa de Igualdade.

F) Para as actividades da liña II, programa 1, letra d), contratación de empresa ou entidade externa:

– Factura do asesoramento e xustificante do seu pagamento (orixinais ou copias compulsadas).

– O plan de igualdade, xa elaborado, que deberá incluír a diagnose previa, segundo os requisitos esixidos nesta orde. Deberán figurar os logos da Consellería de Traballo e Benestar e do Fondo Social Europeo.

– Xustificante de ter solicitada a acreditación da implantación do plan de igualdade á Unidade Administrativa de Igualdade.

G) Para as actividades da liña II, programa 2, investimentos para a eliminación da infrarrepresentación feminina:

– Facturas dos investimentos e xustificantes do seu pagamento (orixinais ou copias compulsadas).

– Fotografía/s do investimento realizado.

H) Para as actividades da liña II, programa 3, investimentos para a conciliación da vida familiar e laboral:

– Facturas dos investimentos e xustificantes do seu pagamento (orixinais ou copias compulsadas)

– Fotografía/s do investimento realizado.

– Se é necesario, resolución do organismo competente sobre a autorización de creación das instalacións obxecto do investimento.

6. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado perante o órgano administrativo competente, este requirirá a empresa beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de 10 días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

7. Non poderá realizarse, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a empresa beneficiaria non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Capítulo VI
Obrigas, compatibilidade, seguimento e control

Artigo 28. Prohibicións, incompatibilidades e concorrencia

1. A entidade solicitante non poderá atoparse incursa nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, circunstancia que se xustificará mediante a declaración contida no anexo I desta orde.

2. As axudas recollidas nesta orde son compatibles coas concedidas por outros entes públicos ou privados, tendo en conta que, en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axudas previstos nesta orde.

Artigo 29. Obrigas das beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, en especial as seguintes:

A) Acreditar con anterioridade a proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

B) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

C) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos/as beneficiarios/as e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

D) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro da liña I e do programa 1 da liña II desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias garantirán, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, a dispoñibilidade dos documentos xustificativos. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

E) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da comunidade autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

F) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1803/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión.

G) As empresas que resulten beneficiarias desta subvención, cofinanciada con fondos europeos, deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas de contabilidade nacional. De acordo co artigo 60.d) do Regulamento (CE) nº 1083/2006, que regula as funcións da autoridade de xestión, a dita autoridade deberá asegurarse, no momento da emisión da resolución, de que as empresas beneficiarias das operacións manteñen o citado sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado.

Artigo 30. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación, segundo o establecido no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Revogación e reintegro

1. No caso de que a beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Traballo e Benestar procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 32. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da administración, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento das liñas de actuación.

2. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos as beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. As empresas que reciban unha axuda pública para a implantación do plan de igualdade, é dicir, para todos os supostos do programa 1 da liña II, estarán obrigadas a elaborar, dentro do mes de xaneiro seguinte á finalización do ano natural en que se solicitou a axuda económica, un informe en que, pola súa vez, se inclúa un informe da representación das persoas traballadoras ou, no seu defecto, das propias persoas traballadoras, poñendo de manifesto a evolución da súa aplicación durante ese período. No citado informe especificaranse as accións que se fixeron para continuar coa evolución do proceso de implantación do plan de igualdade, unha vez realizadas as actividades subvencionadas.

4. Para levar a cabo un correcto control anual do desenvolvemento do plan de igualdade, as empresas achegarán á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social,a certificación da implantación do plan expedida, logo de solicitude e unha vez rematada a súa elaboración, pola Unidade Administrativa de Igualdade da Consellería de Traballo e Benestar.

5. No caso de seren empresas beneficiarias das axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral (programa 3 da liña II), achegarán a resolución do organismo competente sobre a concesión da autorización de apertura das instalacións obxecto do investimento, sempre que sexa necesario o devandito requisito.

6. De solicitarse a renovación das axudas económicas para a implantación do plan de igualdade, deberá presentarse este informe coa solicitude e demais documentación sinalada na orde de convocatoria.

7. Se o informe non se presenta no prazo sinalado, poderáselle conceder unha prórroga non superior a un mes. A falta de presentación do citado informe ou o incumprimento dos fins para os cales foron concedidas as axudas dará lugar ao inicio do procedemento de reintegro total ou parcial das axudas establecidas nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Axudas baixo condicións de minimis.

1. Os incentivos establecidos nesta orde sometidos ao réxime de axudas de minimis non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE, ás axudas de minimis (DOUE L 379, do 28 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros cando se trate dunha empresa que opere no sector de transporte por estrada.

2. O artigo 1.1 do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, establece o ámbito de aplicación desta disposición normativa indicando expresamente os sectores que quedan excluídos deste.

3. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda pública correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea (artigo 2, letra 5º do Regulamento1998/2006, do 15 de decembro).

Disposición adicional primeira

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquelas que, de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas empresas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión ditadas por delegación do/a conselleiro/a.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file