Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 21 de xuño de 2013 Páx. 24294

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2013, da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, pola que se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, no exercicio 2013, dirixidas ás comunidades de propietarios para a reparación, rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas protexidas de promoción pública.

Co fin de impulsar a rehabilitación e mellora das vivendas de promoción pública promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante IGVS) ou transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1926/1985, do 11 de setembro, e do Real decreto 1461/1989, do 1 de decembro, de transferencias en materia de patrimonio arquitectónico, control da calidade da edificación e vivenda, é necesario incentivar as actuacións de reparacións nos edificios de vivendas protexidas de promoción pública por medio do establecemento de subvencións ás comunidades de propietarios.

O artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, establece que corresponde a este organismo autónomo a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada.

A Orde da Consellería de Vivenda e Solo, do 19 de setembro de 2008, establece as bases reguladoras das axudas do IGVS ás comunidades de propietarios, en réxime de concorrencia competitiva, para a reparación, rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas protexidas de promoción pública.

O artigo 3.b).3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixou a vixente estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia suprimindo a Consellería de Vivenda e Solo e adscribindo o organismo autónomo IGVS á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O Decreto 316/2009, do 4 de xuño, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, atribúe á dita consellería as competencias en materia de vivenda.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no exercicio das facultades atribuídas polo Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto a convocatoria pública para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, da concesión de subvencións do IGVS para a reparación, rehabilitación e adaptación dos edificios protexidos de promoción pública promovidos polo IGVS e dos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1926/1985, do 11 de setembro, e polo Real decreto 1461/1989, do 1 de decembro, de transferencias en materia de patrimonio arquitectónico, control da calidade da edificación e vivenda.

2. As bases e o procedemento para a concesión establéceas a Orde do 19 de setembro de 2008, da Consellería de Vivenda e Solo, para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios, en réxime de concorrencia competitiva, para a reparación e adaptación de edificios de vivendas protexidas de promoción pública (DOG núm. 188, do 29 de setembro), modificada pola Orde do 21 de setembro de 2009 (DOG núm. 199, do 9 de outubro).

Artigo 2. Créditos orzamentarios

Para a concesión das axudas, que terán a modalidade de subvención, destinarase un crédito global de 812.000 € e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.81.451A.781.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, destinándose para tal fin 100.000 € no ano 2013, 150.000 € no ano 2014 e 562.000 € no ano 2015, todo iso sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 15 da orde reguladora, de conformidade co disposto no artigo 13.1 das bases reguladoras e 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Beneficiarios

1. De conformidade co disposto no artigo 5 da orde reguladora poderán ser beneficiarios das subvencións, as comunidades de propietarios de edificios de vivendas de promoción pública do IGVS ou transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude dos reais decretos de transferencias en materia de vivenda, que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o edificio teña unha antigüidade superior a 10 anos.

b) Que as comunidades beneficiarias non recibisen, nos 10 anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria, outra axuda concedida polo IGVS para a realización de obras polo mesmo concepto.

c) Que os edificios que vaian ser rehabilitados, reparados ou adaptados para obteren a adecuación funcional dispoñan xa da adecuación estrutural. No caso de non disporen de adecuación estrutural, deberán acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio reúna as condicións necesarias de seguranza construtiva.

2. As comunidades de propietarios solicitantes non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se acreditará por medio de declaración do responsable do representante legal da comunidade de propietarios, tal como se recolle no anexo I desta resolución.

3. Estes requisitos deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse o formulario normalizado de solicitude que figura no anexo I desta resolución, debidamente asinado. De conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, o/a presidente/a terá a representación da comunidade neste procedemento e será o/a asinante da solicitude.

A solicitude irá acompañada dos seguintes documentos:

a) Relación de propietarios.

b) Copia compulsada do libro de actas onde se nomea o/a presidente/a da comunidade de propietarios.

c) Fotocopia compulsada do NIF do/a presidente/a no caso de non autorizar a consulta sobre os datos de identidade.

d) Certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade do acordo adoptado pola xunta de propietarios para solicitar a subvención.

e) Certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade do acordo adoptado pola xunta de propietarios para a execución das obras.

f) NIF da comunidade de propietarios.

g) Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

h) Para as obras de adecuación estrutural deberá presentar:

1. Unha memoria valorada, asinada por un facultativo competente, xustificativa da necesidade das reparacións solicitadas con proposta técnica.

2. Orzamento protexible detallado de conformidade co establecido no artigo 7 da orde reguladora.

i) Para as obras de adecuación funcional deberá presentar:

1. Unha memoria descritiva das obras, asinada por un facultativo competente.

2. Orzamento protexible detallado de conformidade co establecido no artigo 7 da orde reguladora.

Cando a solicitude comprenda diferentes tipos de actuacións, esta documentación deberá presentarse individualmente para cada unha delas.

j) Outros documentos que, ao entender da persoa solicitante, resulten necesarios como complemento da documentación anterior.

k) Declaración responsable do/a presidente/a da comunidade en que se sinalen todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma actuación polas distintas administracións públicas (anexo I).

l) Declaración expresa de que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre cos requisitos establecidos na orde reguladora (anexo I).

m) Declaración responsable de non ter débedas coa Seguridade Social e coa facenda da Comunidade Autónoma e do Estado, no caso de non autorizar ao IGVS a solicitude por vía telemática que figura no anexo I.

2. Os formularios de solicitude de axuda poderán obterse na Guía de procedementos de servizos no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web do IGVS ou nas dependencias do dito instituto.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior ao do peche da convocatoria.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

De acordo co establecido no artigo 10 da Orde do 19 de setembro de 2008, as xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas correspondentes por razón da situación dos edificios instruirán os procedementos.

As xefaturas territoriais remitirán os expedientes instruídos de acordo co artigo 14 da dita orde á comisión de valoración para os efectos previstos no artigo 16 das ditas bases. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 € no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 € no suposto de subministración de bens de equipamentos ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, as xefaturas territoriais requirirán aos beneficiarios a presentación de tres ofertas de diferentes provedores e, se é o caso, a xustificación da elección de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Logo da tramitación establecida nos artigos 17 e 18, as xefaturas territoriais formularán a correspondente proposta de resolución definitiva e será competente para resolver definitivamente o presidente do IGVS.

Artigo 7. Resolución

1. O prazo para resolver e notificar a resolución definitiva é de sete meses contados desde a publicación da convocatoria, sen prexuízo, de ser o caso, da aplicación das normas de suspensión recollidas no artigo 42.5 da LRXPAC. Transcorrido o dito prazo sen terse ditado e notificado resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 42.2 do mesmo texto legal.

2. A resolución do presidente do IGVS pon fin á vía administrativa e será susceptible do recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ou ben de recurso contencioso-administrativo, directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses, en ambos os casos desde o día seguinte ao data de notificación.

Artigo 8. Notificación da resolución

A resolución notificarase no enderezo da persoa asinante da solicitude, non sendo que esta tivese sinalado outro enderezo para a notificación, segundo o establecido no artigo 59 da LRXPAC.

Artigo 9. Publicidade das subvencións concedidas

1. De acordo co establecido nos artigos 15.1 da Lei 9/2007 e no 29 da Orde do 19 de setembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras, publicarase no prazo máximo de tres meses contados dende a data de resolución da concesión no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da convocatoria, norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, publicarase na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, podendo substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do IGVS.

Artigo 10. Execución das obras e prazo de xustificación da subvención

As obras non poderán iniciarse antes da concesión da axuda.

Unha vez rematadas as obras, a comunidade de propietarios deberá presentar no prazo dun mes a documentación que se sinala no artigo 24 da Orde do 19 de setembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras.

Artigo 11. Pagamento da subvención

1. O pagamento das subvencións concedidas efectuarase, mediante transferencia bancaria, logo de informe favorable da oficina técnica provincial e remisión de proposta de pagamento.

O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

2. Cando nun edificio existan vivendas propiedade do IGVS (vivendas adxudicadas en réxime de alugamento ou acceso diferido á propiedade, sempre que neste último caso non tiver transcorrido o prazo establecido para a amortización da vivenda polo adxudicatario), o IGVS anticipará a contía que proporcionalmente lle corresponda a estas vivendas de conformidade co establecido na Lei 49/1960, do 21 de xullo, da propiedade horizontal.

Para estes efectos, terase en conta o réxime en que se atopen as vivendas na data da proposta de pagamento, de xeito que, se durante a tramitación do procedemento de concesión da axuda, algunha das vivendas cambia o seu réxime a compra ou, no caso de vivendas en réxime de acceso diferido á propiedade, chegan estas últimas á fin do prazo de amortización ou son amortizadas anticipadamente, será por conta do propietario a contía que lle corresponda.

O pagamento á comunidade de propietarios da cota correspondente ao IGVS como propietario dos inmobles aplicarase ao capítulo VI dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. O importe aboado terase en conta para determinar a contía que o IGVS pagará en concepto de subvención, de xeito que en ningún caso o importe dos pagamentos supere o custo total da actuación nin supoña un incremento do importe máximo da subvención.

Artigo 12. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no enderezo https://sede.xunta.es ou na Dirección Técnica de Construcións e Calidade do IGVS, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial do IGVS.

b) Presencialmente nas xefaturas de área provincial do IGVS e nos servizos centrais do IGVS en Santiago de Compostela.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file