Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 26 de xuño de 2013 Páx. 24811

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 95/2013, do 13 de xuño, polo que se crean as escolas de doutoramento nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do Sistema universitario de Galicia establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece, con carácter xeral, o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU) modificado por Lei 14/2011, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, establece que as universidades públicas estarán integradas por escolas, facultades, departamentos, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e por aqueloutros centros ou estruturas necesarios para o desempeño das súas funcións. O número 4 do artigo 8 da LOU, tamén modificado pola Lei 14/2011, considera estas escolas de doutoramento como unidades creadas por unha o varias universidades, por si mesmas ou en colaboración con outros organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+I, nacionais ou estranxeiras, e que ten por obxecto fundamental a organización, dentro do seu ámbito de xestión, do doutoramento nunha ou varias ramas de coñecemento ou con carácter interdisciplinar. As universidades poderán crear escolas de doutoramento de acordo co previsto na súa propia normativa e na da Comunidade Autónoma.

O Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, establece no seu artigo 9 a posibilidade de que as universidades poidan crear escolas de doutoramento, co fin de organizar, dentro do seu ámbito de xestión, as ensinanzas e actividades propias do doutoramento, cuxas especiais características aconsellan un alto grao de flexibilidade na regulación dos estudos e un modelo de formación doutoral con base na universidade, pero integradora da colaboración doutros organismos, entidades e institucións implicadas na I+D+I, tanto nacional como internacional, no que as escolas de doutoramento están chamadas a xogar un papel esencial.

A necesidade de adaptación aos novos retos dunha sociedade baseada no coñecemento, a globalización e a demanda de profesionais altamente cualificados require un incremento do número de estudantes de doutoramento, base da educación, investigación e innovación.

En aplicación do artigo 8.2 da LOU, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, por proposta dos consellos de goberno das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, co informe favorable dos seus consellos sociais e do Consello Galego de Universidades, no exercicio das competencias sinaladas na Lei 2/2003, do 22 de maio, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de xuño de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación das escolas de doutoramento

Autorizar nas universidades do Sistema universitario de Galicia a creación dos seguintes centros:

– A Escola Internacional de Doutoramento da Universidade da Coruña.

– A Escola de Doutoramento Internacional da Universidade de Santiago de Compostela.

– A Escola Internacional de Doutoramento da Universidade de Vigo.

Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Universidades Centros e Títulos

De acordo co artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 12 de setembro, polo que se regula o Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT) e o artigo 9.1 do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, a creación das escolas de doutoramento notificaranse ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Política Universitaria, para os efectos da súa inscrición naquel.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria