Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 9 de xullo de 2013 Páx. 27354

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 25 de xuño de 2013 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal de Vigo.

O Concello de Vigo achega a modificación puntual nº 4 do PXOM, en solicitude da súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vigo dispón, na actualidade vixente, dun PXOM aprobado definitivamente en datas 16.5.2008 e 13.7.2009.

I.2. Consta decisión do 10.11.2011 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento a avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual.

I.3. A presente MP foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 4.6.2012. Foi sometida a información pública con anuncios nos xornais Faro de Vigo e Atlántico do 22.6.2012; e no DOG do 6.7.2012, e déuselles trámite de audiencia aos concellos limítrofes polo prazo de dous meses.

I.4. Constan informes municipais, técnico e xurídico, do 25.4.2012; e da Secretaría do 23.5.2012, respecto da legalidade e calidade técnica da ordenación proposta.

I.5. Constan informes sectoriais:

– Da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 20.3.2012 e do 7.3.2013.

– Da Axencia Galega de Infraestruturas da CMATI do 12.4.2012.

– Do Servizo de autorizacións e informes sectoriais da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo respecto dos artigos 117.1 e 117.2 da Lei de costas do 27.3.2012 e do 4.2.2013, respectivamente.

– Da Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias do Ministerio de Fomento do 21.2.2012.

– Da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e Subdirección Xeral de Explotación e Xestión de Rede do Ministerio de Fomento do 16.4.2012, 25.4.2012 e do 8.5.2012.

I.6. O Concello de Vigo Pleno en sesión do 17.12.2012 aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 4 do PXOM.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello de Vigo, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. A MP ten por obxecto dar solución a un problema detectado en canto á aplicación do PXOM no solo urbano consolidado referido á definición de aliñacións interiores nas ordenanzas 3 e 4 e á exixibilidade ás parcelas dun fondo que supere en 3 metros o fondo definido polo PXOM para adquirir a condición de parcelas edificables. O feito de que o PXOM establecese nestas ordenanzas o dobre requirimento, de fixar aliñación interior e requirir un fondo que supere en tres metros o fondo edificable, para alcanzar a consideración de parcela edificable supuxo a imposibilidade de edificación para unha gran parte dos soares cualificados con esas ordenanzas.

2. O ámbito territorial desta MP son as ordenanzas 3 e 4 de solo urbano consolidado. A modificación da normativa urbanística afecta o contido dos seguintes artigos: 6.2.11. Parcelas inedificables, 6.2.12. Regularización de dereitos, 9.3.8. Condicións de parcelación, 9.3.9. Separación aos lindeiros, 9.3.10. Fondo edificable, 9.3.13. Dereito edificatorio, 9.3.14. Condicións de ocupación da edificación, 9.3.17. Condicións especiais, 9.3.23. Réxime de usos, 9.4.7. Condicións de parcelación, 9.4.8. Separación aos lindeiros - Punto 4, 9.4.9. Fondo edificable, 9.4.12. Dereito edificatorio, 9.4.13. Condicións de ocupación da edificación, 9.4.15. Condicións especiais e 9.4.21. Réxime de usos.

3. A proposta que se formula consiste en suprimir o incremento de tres metros no fondo edificable para as parcelas cualificadas coas ordenanzas 3 e 4; e respecto da ordenanza 4 se permítese modificar a dimensión do fondo edificable establecida para usos dotacionais ou terciarios.

4. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG veñen xustificadas na modificación dos citados artigos da normativa do PXOM de Vigo, en canto se formulan para posibilitar o dereito dos propietarios de soares en solo urbano consolidado de poder edificalos e non incrementan a intensidade de uso do solo prevista inicialmente no PXOM.

Ao abeiro do establecido no artigo 89 da LOUG, e no artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 4 do PXOM do Concello de Vigo, nas ordenanzas 3 e 4, ao abeiro do establecido no artigo 85.7.a) da LOUG.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan xeral aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas