Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 2 de agosto de 2013 Páx. 30986

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2013, do director xeral de Traballo e Economía Social, pola que se ditan instrucións en relación á Orde do 28 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e á Orde do 6 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

En virtude da disposición derradeira primeira das citadas ordes facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento destas.

De acordo co anterior, e en relación co reintegro da axuda percibida polo incumprimento da obriga de manter a persoa subvencionada de que se trate durante o período que exixen as citadas ordes, dítase a seguinte instrución:

1. Orde do 28 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

– Anexo I (Programa CONII) e anexo II (Programa Estabiliza).

A base sétima, punto 1, inclúe, entre as obrigas das entidades beneficiarias, a de manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos contado desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación que cumpra os requisitos exixidos na base sétima desta orde, e para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa.

A continuación, a base oitava, letra a), dispón que cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida na base sétima, punto 1, deste anexo, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido nas anteditas bases, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Neste punto hai que distinguir entre o reintegro total (cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa) e o reintegro parcial (cando si se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo establecido na orde de convocatoria).

Atendendo ao reintegro parcial, o cálculo da contía a reintegrar farase do seguinte xeito:

a) Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

b) Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que concede a orde para proceder á substitución. Así mesmo, o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes no que aquela se realice.

c) Multiplícase o importe obtido no paso primeiro polo número de meses nos que o posto de traballo estivese vacante.

2. Orde do 6 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

O artigo 16 ocúpase das obrigas das persoas beneficiarias, dispoñendo o seu punto 9 que a persoa beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de dous anos.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda. Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa.

En relación co anterior, o artigo 18.1 engade que, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no artigo 16.9 desta orde, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Neste punto hai que distinguir entre o reintegro total (cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa) e o reintegro parcial (cando si se efectuou a substitución, pero esta non foi feita no prazo anteriormente indicado).

No reintegro parcial, o cálculo da contía a reintegrar farase do seguinte xeito:

a) Divídese entre vinte e catro meses o importe concedido pola persoa traballadora de que se trate.

b) Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que concede a orde para proceder á substitución. Así mesmo, o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes no que aquela se realice.

c) Multiplícase o importe obtido no paso primeiro polo número de meses nos que o posto de traballo estivese vacante.

Cando á nova persoa traballadora substituta se lle poida conceder unha subvención por importe inferior ao da persoa substituída, procderá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social