Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 17 de setembro de 2013 Páx. 36456

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 144/2013, do 5 de setembro, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, en virtude do establecido no artigo 27.21 do Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial.

A aprobación da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, define e clasifica os campamentos de turismo no seu título IV, e remite a un posterior desenvolvemento regulamentario o referente aos requisitos e condicións de funcionamento, instalacións e servizos.

Na actualidade, os campamentos de turismo regúlanse polo Decreto 143/2006, do 27 de xullo, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia.

A pesar de tratarse dunha norma recente, faise necesaria a aprobación dun novo decreto, por unha parte para dar cumprimento ao establecido na actual Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, e por outra para a adaptación da regulamentación dos campamentos de turismo ao previsto na Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

As principais novidades introducidas neste decreto refírense á simplificación administrativa, eliminándose imposicións como o selado de prezos, sendo substituído por unha axeitada publicidade deles, a obriga de contar cun regulamento de réxime interior ou a supresión da necesidade de contar cun/cunha director/a á fronte do establecemento ou ben a supresión de contías mínimas nos seguros de responsabilidade profesional.

Simplifícanse, así mesmo, as categorías ao pasar de catro categorías a tres.

Así mesmo, establécese para os campamentos de categoría superior a obriga de dispor dunha área para autocaravanas e caravanas en tránsito con toma de auga e vertedoiros para a evacuación do contido de wc químicos, ademais de recoller de maneira específica as autocaravanas como elementos de aloxamento dentro dos campamentos de turismo.

Polo que respecta aos órganos competentes, o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, establece na súa disposición adicional primeira que a Axencia Turismo de Galicia asume, desde a súa constitución, as competencias, recursos e medios materiais que lle corresponden na actualidade á Secretaría Xeral para o Turismo, aos servizos de Turismo nas xefaturas territoriais, que quedaran suprimidos no momento da dita constitución, e que a Axencia se subrogará en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das competencias do devandito órgano.

O artigo 4 do citado Decreto 196/2012 dispón que, de acordo coa descentralización funcional autorizada pola disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, así como co previsto no artigo 3.1.d) da citada lei, as competencias atribuídas pola normativa sectorial vixente en materia de turismo ás xefaturas territoriais competentes en materia de turismo, centro directivo competente en materia de turismo e consellería competente en materia de turismo, quedan atribuídas aos órganos de estrutura da Axencia, con excepción das competencias atribuídas á persoa titular da consellería competente en materia de turismo, que se entenderán atribuídas á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, sen prexuízo da posible delegación do seu exercicio de acordo co artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Este decreto consta de 65 artigos, agrupados en sete capítulos, unha disposición adicional, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria, dúas disposicións derradeiras e cinco anexos.

O capítulo I regula as disposicións xerais relativas ao obxecto e ámbito de aplicación, concepto, normativa aplicable, clasificación e distintitivo de campamento de turismo verde.

O capítulo II ocúpase dos requisitos xerais. Estrutúrase en catro seccións dedicadas aos requisitos técnicos do terreo e dos servizos, aos requisitos das instalacións estables de aloxamento temporal e doutras edificacións, á capacidade e aos distintivos e publicidade.

O capítulo III establece o réxime de funcionamento. Regula o carácter público dos campamentos de turismo, a posibilidade de limitar o acceso a menores de dezaseis anos, a acreditación da identidade, prestación dos servizos, información, libro de inspección e follas de reclamacións, as prohibicións e o seguro de responsabilidade civil.

O capítulo IV recolle os requisitos dos campamentos de turismo segundo a súa categoría. Estrutúrase en tres seccións segundo a categoría dos campamentos: de categoría superior, de primeira categoría e de segunda categoría.

O capítulo V regula os campamentos que poderán recibir o distintivo de campamentos turismo verde.

O capítulo VI establece o procedemento de autorización, cambios e baixas, desenvolvendo a previsión contida no artigo 45 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Este capítulo divídese en dúas seccións relativas respectivamente ao procedemento para a emisión do informe potestativo previo e ao procedemento para a autorización de apertura e clasificación turística.

O capítulo VII baixo a rúbrica de «Disciplina turística» remite á Lei do turismo de Galicia no que respecta á determinación das sancións dos incumprimentos do disposto neste decreto.

A disposición adicional faculta a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as ordes para a modificación dos anexos deste decreto.

A disposición transitoria primeira regula o réxime transitorio desta norma, que non se aplicará aos expedientes en curso na súa entrada en vigor. A disposición transitoria segunda establece a reclasificación de oficio, logo de audiencia do interesado, dos establecementos autorizados con anterioridade, por modificarse as categorías existentes.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día cinco de setembro de dous mil trece

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta disposición regula a actividade turística de aloxamento na modalidade de campamentos de turismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As disposicións desta norma non serán de aplicación aos campamentos xuvenís, albergues, centros e colonias de vacacións escolares, así como a toda clase de acampadas que estean reguladas polas súas normas específicas, e as actividades e empresas de aloxamento excluídas no artigo 53, números 2 e 3 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Artigo 2. Concepto

1. Considérase campamento de turismo o establecemento de aloxamento turístico que, ocupando un espazo de terreo debidamente delimitado e dotado das instalacións e servizos que se establecen no presente decreto, estea destinado a facilitar, mediante contraprestación económica, a estadía temporal en tendas de campaña, caravanas, autocaravanas ou calquera elemento semellante facilmente transportable, así como noutras instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal que sexan explotados pola mesma persoa titular do campamento.

2. Enténdese por instalacións estables, destinadas ao aloxamento temporal, as instalacións de elementos fixos prefabricados de madeira ou similares tipo cabana, bungalow, ou outros elementos transportables e/ou desmontables, sempre que se trate de edificacións independentes ou pareadas de planta baixa, cunha altura mínima de 2,30 metros e máxima de 3 metros contada desde o chan á liña de cornixa.

Artigo 3. Normativa aplicable

Os campamentos de turismo someteranse ás prescricións da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, ao establecido no presente decreto e á normativa sectorial que, se for o caso, lles resulte de aplicación.

Artigo 4. Clasificación

Os campamentos de turismo clasifícanse, de acordo coas súas instalacións e servizos, nas tres categorías seguintes: superior, primeira e segunda.

Artigo 5. Distintivo de campamento de turismo verde

O distintivo de campamento de turismo verde poderá outorgalo a Axencia Turismo de Galicia aos campamentos que, con independencia da categoría que posúan, cumpran ademais cos requisitos establecidos no artigo 52.

CAPÍTULO II
Requisitos xerais

Sección 1ª. Requisitos técnicos do terreo e dos servizos

Artigo 6. Réxime xurídico dos terreos

1. Os campamentos de turismo deberán situarse nun único predio.

2. Os terreos sobre os cales se autorice a implantación de campamentos de turismo deben manterse en situación de indivisión, que deberá inscribirse mediante anotación no Rexistro da Propiedade, mentres se manteña o citado uso.

Artigo 7. Zona de acampada

Na zona destinada a acampada permitiranse os seguintes usos:

a) A estadía temporal en tendas de campaña, caravanas, autocaravanas e calquera elemento semellante e facilmente transportable.

b) A estadía temporal en instalacións estables, definidas no artigo 2.2, destinadas ao aloxamento temporal.

Artigo 8. Parcelas

1. A superficie destinada a acampada estará dividida en parcelas de terreo destinadas á instalación de tendas de campaña, caravanas, autocaravanas e outros elementos semellantes facilmente transportables, as instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal e ao estacionamento dun automóbil por parcela, agás o previsto no punto 3 deste artigo. Cada parcela terá convenientemente sinalizadas, mediante fitos, marcas ou separacións vexetais, os seus límites e o número que lle corresponda.

2. En cada campamento e dentro do terreo dedicado á acampada, a Axencia Turismo de Galicia poderá permitir, logo de solicitude do/da interesado/a, deixar sen parcelar ata un dez por cento do dito terreo, sen distinción de categoría.

Nas zonas sen parcelar, as tendas de campaña ou elementos semellantes facilmente transportables destinados a acampada deberán dispor dunha zona libre entre elas de dous metros que permita deambular arredor en todo o seu perímetro.

Nesta zona colocarase un cartel indicador co número máximo de persoas que poden acampar nelas, que se determinará en razón dos seguintes parámetros:

a) Dezaseis metros cadrados por persoa usuaria turística na categoría superior.

b) Catorce metros cadrados por persoa usuaria turística na primeira categoría.

c) Doce metros cadrados por persoa usuaria turística na segunda categoría.

3. Os establecementos poderán dispoñer de parcelas en que se prevexa o aparcadoiro de vehículos en lugar diferente ao da parcela destinada a tendas de campaña, caravanas, autocaravanas ou outros elementos similares facilmente transportables. Neste caso, segundo a categoría do campamento, poderanse descontar da superficie que lle corresponda á parcela quince metros cadrados, e o lugar destinado a aparcadoiro levará o número da parcela a que corresponda.

Nos campamentos aos cales non sexa posible o acceso con automóbiles debido a condicións xeográficas ou limitacións ambientais, así como naqueles en que estea restrinxido con carácter permanente o citado acceso pola normativa vixente, as parcelas non terán que contar coa superficie reservada para o estacionamento de automóbiles, e poderán descontarse da superficie que lle corresponda os quince metros cadrados a que se refire o parágrafo anterior.

4. A superficie de ocupación de cada parcela destinada á instalación de tendas de campaña, caravanas, autocaravanas e outros elementos similares facilmente transportables, será como máximo, o 60 % da súa superficie. En cada parcela só se poderá instalar unha tenda ou elemento similar e un vehículo. Excepcionalmente, a persoa titular do establecemento, a pedimento do/da interesado/a, poderá autorizar a instalación dunha tenda adicional cando os/as usuarios/as formen parte do mesmo grupo, sempre que non supoña que acampen nunha mesma parcela máis de seis persoas.

Artigo 9. Estadía máxima

1. A estadía do usuario/a turístico non poderá superar o período autorizado de apertura do cámping.

2. En ningún caso, os campamentos de turismo poden constituír a residencia habitual das persoas usuarias turísticas. Non respectar esta prohibición poderá dar lugar á perda da cualificación do establecemento como campamento de turismo.

Artigo 10. Prohibición da venda ou alugamento de parcelas e instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal

1. A utilización dos servizos dos campamentos de turismo será sempre na condición de persoa usuaria turística, quedando prohibida a venda ou alugamento de parcelas e instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal nos campamentos de turismo suxeitos a esta norma. Rematado o período da estadía, as parcelas deben quedar desaloxadas totalmente, salvo no que respecta ás instalacións estables con que conte o establecemento.

2. Prohíbese, así mesmo, a instalación en parcelas de cerramentos, pavimentos, vertedoiros e calquera outro de natureza análoga fóra dos regulados na presente norma.

3. O incumprimento desta norma dará lugar ás responsabilidades administrativas correspondentes.

Artigo 11. Accesos

1. Os accesos ao campamento deberán contar cun firme conforme as características do medio e dotado das axeitadas condicións de resistencia e seguridade, segundo o volume de tráfico.

2. A anchura mínima da entrada de acceso principal ao campamento será de cinco metros, con marxes de respecto para os/as peóns dunha anchura mínima dun metro.

Artigo 12. Vías interiores

1. Todos os campamentos disporán de vías interiores suficientes en número, lonxitude e anchura para permitir a circulación de equipos móbiles de extinción de incendios e un rápido traslado en caso de emerxencia.

2. En calquera caso, a anchura non poderá ser inferior a cinco metros en vías con dous sentidos de marcha e a tres metros se a vía é de sentido único.

Artigo 13. Sistema de protección contra incendios

1. Todos os campamentos deberán, ademais de cumprir o establecido nas normas específicas que lle sexan de aplicación, dispoñer das seguintes instalacións e cumprir coas medidas de prevención que se detallan a continuación:

a) Extintores de po antibrasa de seis quilogramos de capacidade, en número dun por cada vinte parcelas ou fracción, situados en lugares visibles de fácil acceso e a unha distancia máxima de 40 metros entre eles.

b) Luces de emerxencia nos lugares previstos para a saída de persoas ou vehículos en caso de incendio, así como en todos os lugares de uso común.

c) Na recepción dos campamentos de turismo e de forma ben visible, colocarase un plano do terreo con indicación dos lugares en que están os extintores e as saídas, xunto co seguinte aviso escrito en galego, castelán e inglés: situación dos extintores e saídas para caso de incendio.

d) Os campamentos de turismo situados en zonas forestais deberán cumprir as disposicións que diten os organismos competentes para a prevención de incendios forestais.

e) No caso de que no campamento se autorice facer grelladas, deberá delimitarse unha zona para elas, especificando as distancias mínimas ás parcelas do campamento.

f) A apertura de todas as portas de utilización en caso de incendio deberá ser no sentido de saída ou ben en dobre sentido.

g) A almacenaxe de materiais líquidos, especialmente de botellas de gas, non se poderá efectuar sen as correspondentes instalacións de seguridade, conforme a normativa específica sobre a materia.

h) Os traballos que se deban realizar e poidan supoñer riscos de incendio, sobre todo o transporte de materiais inflamables e a soldadura, requirirán a autorización previa expresa, por escrito, da persoa titular do establecemento, que tomará as medidas de precaución axeitadas a cada caso.

i) O persoal do campamento de turismo deberá coñecer o uso dos extintores e realizar, como mínimo unha vez cada ano ao comezo da temporada, exercicios prácticos de extinción de incendios.

Artigo 14. Auga potable

1. Os campamentos de turismo, que realizan a subministración de auga por mananciais propios, deberán dispor da correspondente autorización ou concesión, segundo proceda, para o uso privativo das augas emitida pola Administración hidráulica competente.

Os campamentos de turismo previstos no parágrafo anterior, antes de iniciar a tempada turística, e en todo caso unha vez ao ano, acreditarán a potabilidade da auga, ante a área provincial da Axencia Turismo de Galicia en que radique o establecemento, mediante certificado expedido por un laboratorio público ou privado, que estea acreditado ou certificado, que especifique que a auga no punto de entrega ao consumidor ou consumidora é apta para o consumo humano. Sen este requisito previo o campamento non poderá iniciar a tempada de funcionamento.

Se a subministración de auga se realiza pola rede municipal correspondente, o campamento quedará exento dese requisito.

2. Para garantir a normal subministración de auga potable, os campamentos disporán dos correspondentes depósitos de reserva calculados para unha capacidade mínima de cen litros por praza e día, e para un mínimo de tres días de uso.

Se a subministración de auga se realiza pola rede municipal, o campamento quedará exento deste requisito.

3. Nas zonas comunitarias de consumo de auga instalaranse rótulos onde se faga referencia ao uso racional da auga.

4. En caso de utilización de augas non potables para rega, evacuacións ou outras finalidades para as cales non sexa necesaria a potabilidade da auga, as súas conducións deberán estar suficientemente protexidas e non conectadas ás da auga potable, sinalando os seus puntos de captación coa indicación non potable, en galego, castelán e inglés ou coa simboloxía correspondente.

Artigo 15. Tratamento e evacuación de augas residuais

As verteduras ao dominio público hidráulico ou marítimo-terrestre das augas residuais xeradas no establecemento deberán contar coa correspondente autorización emitida pola Administración hidráulica competente. No caso de que a vertedura se efectúe á rede de sumidoiros deberá contar co correspondente permiso emitido pola Administración titular da rede.

Artigo 16. Tratamento e recolla do lixo

Para a recolla do lixo, os campamentos de turismo deberán contar cos contedores necesarios para efectuar a recolla selectiva do lixo na forma prevista nas ordenanzas municipais do concello onde estea o campamento ou, no seu defecto, no sistema previsto para esa zona no Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia.

Artigo 17. Instalación eléctrica

1. A capacidade de subministración eléctrica determinarase despois do informe do organismo competente en función das parcelas con toma de corrente, das instalacións e dos servizos con que conte o campamento, segundo o anteproxecto das obras.

2. Deberá garantirse a axeitada iluminación do campamento, mediante balizas dun metro de altura como máximo. Nas vías de evacuación e nas zonas de paso común disporase de iluminación de emerxencia.

3. A rede de distribución interior deberá estar soterrada e protexida. Durante a noite deberán permanecer permanentemente acesos puntos de luz na entrada do campamento, nos servizos sanitarios e nos demais lugares estratéxicos que resulten necesarios para facilitar o tránsito polo interior.

4. En todos os enchufes de uso público, que deberán estar protexidos de modo axeitado e contar con toma de terra, indicarase a súa voltaxe.

Artigo 18. Acreditación documental

A persoa titular do campamento de turismo terá que ter á disposición da inspección turística os correspondentes documentos que acrediten o cumprimento do disposto nos artigos 13, 14, 15, 16 e 17.

Artigo 19. Cerramentos

Os campamentos deberán estar cerrados en todo o seu perímetro, de acordo coa lexislación urbanística aplicable. Para a elección dos materiais que se utilicen nos valados ou muros deberá terse en conta á súa disposición e cor, co fin de permitir a súa integración harmónica co contorno.

Artigo 20. Sinalización

1. A sinalización que os campamentos instalen nas súas entradas e camiños será de tipo normalizado, de acordo coa normativa vixente na materia.

2. As vías interiores do campamento, ademais dos sinais indicativos dos diferentes servizos e instalacións, contarán cos sinais regulamentarios, de velocidade máxima 10 km/h, prohibición de sinais acústicos e prohibición de circulación de vehículos durante o período de descanso e silencio que se sinale.

Artigo 21. Servizos hixiénicos

1. Todos os campamentos disporán dos bloques de servizos hixiénicos necesarios para que ningunha parcela estea a máis de douscentos metros de distancia dun deses bloques, e serán totalmente independentes os de homes e os de mulleres. Dentro de cada bloque de servizos, os retretes estarán separados das duchas e dos lavabos. Estes servizos contarán con instalacións específicas para persoas con discapacidade ou mobilidade reducida.

2. As instalacións dos servizos hixiénicos deberán estar dotadas dunha ventilación ampla e directa ao exterior.

3. Deberán existir instalacións especiais para a evacuación do contido dos depósitos de augas residuais de tratamento químico de caravanas e autocaravanas.

Artigo 22. Limitacións para a instalación dos campamentos de turismo

1. Non poderán instalarse campamentos de turismo, de conformidade coas limitacións establecidas na normativa sectorial aplicable:

a) En zona de dominio público hidráulico nin na zona de servidume asociada, segundo o establecido na normativa de augas.

b) En terreos situados na zona de policía prevista na normativa de augas, salvo que se dispoña da pertinente autorización emitida pola Administración hidráulica competente.

c) En terreos situados en zonas con risco significativo de inundación, salvo que se conte con autorización emitida pola Administración hidráulica competente, respectando en todo caso o establecido na planificación hidrolóxica e nos plans de xestión de inundacións e limitando con carácter xeral a instalación de campamentos na zona de fluxo preferente.

d) En terreos que por calquera causa resulten perigosos ou insalubres.

e) En terreos circundantes ao perímetro do nivel máximo dos encoros e ao da liña definitoria da ribeira das lagoas nunha distancia de 50 metros.

f) Na zona delimitadora do perímetro de protección da captación de augas potables para o abastecemento de núcleos de poboación e a menos de 300 metros dos puntos de evacuación de augas residuais dun núcleo urbano ou industrial.

g) Nas proximidades de instalacións nas cales se desenvolvan actividades sometidas a avaliación ambiental, de acordo coa normativa reguladora da referida materia.

h) En terreos situados na zona de protección dunha estrada ou rede ferroviaria.

i) En terreos polos que discorran liñas eléctricas aéreas de alta e media tensión.

l) En terreos situados a menos de 200 metros de xacementos arqueolóxicos, monumentos ou conxuntos histórico-artísticos integrantes do patrimonio cultural de Galicia.

m) Naqueles terreos ou lugares que, por exixencias de interese militar, industrial, comercial, turístico ou de protección de espazos naturais ou doutros intereses ou servidumes públicas, estea expresamente prohibido por disposicións legais ou regulamentarias, ou ordenanzas e regulamentos locais. No suposto de que as disposicións que regulen a protección de espazos naturais non establezan expresamente as referidas prohibicións, precisarase a aprobación previa da consellería competente en materia de ambiente.

n) Nos demais terreos e lugares en que o prohiba a normativa sectorial que resulte de aplicación.

2. En todo caso, para a localización de novos campamentos de turismo haberá que aterse ao previsto na normativa e no planeamento urbanístico que sexa de aplicación.

Sección 2ª. Requisitos das instalacións estables de aloxamento
temporal e doutras edificacións

Artigo 23. Requisitos das instalacións estables

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá autorizar nos campamentos de turismo instalacións estables das definidas no artigo 2.2 destinadas ao aloxamento temporal sempre que a súa instalación conste expresamente no proxecto técnico para o cal se conceda a correspondente licenza municipal.

2. Estas instalacións estables non terán, en ningún caso, carácter de residencia habitual, das persoas usuarias turísticas.

3. Quedan expresamente prohibidos os aproveitamentos baixo cuberta.

Artigo 24. Composición

As instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal contarán, como mínimo, con dormitorio e cociña, con iluminación e ventilación directa ao exterior, e cuarto de baño ou aseo, dotado como mínimo con ducha, lavabo e inodoro que estará en peza separada e contará con ventilación directa ou forzada.

Artigo 25. Ocupación máxima da parcela

As instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal non poderán ocupar máis do 60 por cento da superficie da parcela, e deberá existir unha distancia mínima de 3 metros entre elas e de 3 metros ao perímetro do campamento. A superficie máxima da instalación non será superior a 40 m2, e a súa capacidade non poderá superar as 6 prazas de aloxamento.

Artigo 26. Características construtivas

As instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal deberán adaptarse ao ambiente e características do contorno e os materiais empregados nas fachadas e cubertas deberán harmonizar coa paisaxe en que se sitúen. En todo caso, procurarase que a totalidade destas construcións respondan a un mesmo deseño.

Artigo 27. Edificacións e construcións permitidas

Nos campamentos de turismo unicamente se poderán instalar elementos fixos, de planta baixa, que teñan por obxecto satisfacer as necesidades colectivas das persoas acampadas, tales como a recepción, o supermercado, o comedor ou restaurante, o bar ou cafetaría, os bloques de servizos hixiénicos e as oficinas, e os dedicados exclusivamente ao persoal de servizo.

Artigo 28. Servizos de restauración

1. Cando con independencia dos servizos propios do establecemento, se ofrezan ao público en xeral servizos de restauración integrados na mesma unidade de explotación, estes rexeranse polas normas específicas que lles sexan de aplicación a estes establecementos, e será necesaria clasificación turística independente para cada tipo de establecemento de restauración.

2. Para o caso de que sexa preciso compartir determinados espazos comúns dos establecementos, non se prexudicarán os dereitos da clientela, para o cal se adoptarán as medidas precisas para evitar molestias aos usuarios e usuarias do campamento.

Sección 3ª. Capacidade

Artigo 29. Capacidade total de aloxamento do campamento de turismo

A capacidade máxima de aloxamento de cada campamento de turismo estará determinada pola suma das prazas de aloxamento en instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal, máis o resultado de dividir entre 20 a superficie calculada en metros cadrados destinada ao aloxamento temporal en tendas de campaña, caravanas, autocaravanas e calquera elemento semellante facilmente transportable computando tanto a zona parcelada como as posibles zonas sen parcelar.

Artigo 30. Capacidade das instalacións estables

1. A capacidade en prazas virá determinada polo número de camas existentes nos dormitorios reservarase un mínimo de 3 metros cadrados por praza cun máximo de 6 prazas por cada instalación estable.

2. Cando se trate de liteiras, a capacidade por praza poderá reducirse a 2 metros cadrados. Non se permitirán liteiras de 3 pisos.

3. As camas de 2 prazas deberán ter unha anchura igual ou superior a 1,35 metros.

Sección 4ª. Distintivos e publicidade

Artigo 31. Placa identificativa

1. En todos os campamentos será obrigatoria a exhibición, ao pé da entrada principal, dunha placa normalizada, en que figurará o distintivo correspondente á clase de establecemento de aloxamento turístico e á súa categoría.

2. O distintivo deberá ser exhibido tamén na entrada da recepción do campamento e terá que figurar, de forma destacada, con semellante grafismo e nas dimensións que resulten axeitadas en cada caso, nos xustificantes de pagamento e en calquera outro material impreso, incluída a propaganda que utilice a empresa.

3. As características e dimensións das placas identificativas son as que figuran no anexo I deste regulamento.

CAPÍTULO III
Réxime de funcionamento

Artigo 32. Carácter público dos campamentos de turismo

1. Os campamentos de turismo serán considerados como establecementos públicos.

2. Non obstante, o acceso a eles poderá condicionarse ao cumprimento dun regulamento de réxime interno, entendendo como tal o documento mediante o cal a persoa titular do establecemento poderá ter á disposición das persoas usuarias turísticas normas para facilitarlle o coñecemento e uso dos diferentes bens e servizos, así como as regras de conduta. Este regulamento, que en ningún caso contravirá a normativa vixente, deberá anunciarse nun lugar visible de acceso ao establecemento.

Artigo 33. Menores de dezaseis anos

A persoa titular do campamento poderá limitar o acceso ás persoas menores de dezaseis anos que non aparezan acompañadas dunha persoa que se faga responsable delas, así como asegurarse de que eses ou esas menores contan coa pertinente autorización dos/das seus/súas proxenitores/as ou gardadores/as.

Artigo 34. Acreditación da identidade

Para aloxarse nun campamento, a clientela deberá acreditar documentalmente a súa identidade conforme a normativa vixente na materia.

Artigo 35. Prestación de servizos

O persoal encargado do establecemento velará especialmente polo correcto funcionamento e prestación dos servizos.

Artigo 36. Información

1. A recepción do campamento de turismo, que estará situada nas proximidades da entrada ao establecemento, constituirá o centro de reunión coa clientela para os efectos administrativos e de información.

2. Na recepción, e de maneira ben visible, expoñeranse os seguintes documentos:

a) Autorización de apertura e clasificación turística, expedida pola Axencia Turismo de Galicia, a capacidade e os símbolos de calidade normalizados.

b) Período anual de funcionamento.

c) Plano do campamento, en que conste a situación e límites de cada unha das parcelas, así como a numeración correspondente, e situación dos diferentes servizos.

d) Carteis cos prezos dos diferentes servizos.

e) Certificado expedido por un laboratorio público ou privado, que estea acreditado ou certificado, de que a auga no punto de entrega ás persoas consumidoras é apta para o seu consumo ou ben aviso de que a auga do campamento procede da correspondente rede municipal.

f) Relación de horarios de funcionamento dos diferentes servizos, e o horario de descanso e silencio que terá unha duración mínima de oito horas, dentro do período comprendido entre as 23.00 horas e as 9.00 horas.

g) Aviso da existencia de follas oficiais de reclamación á disposición da clientela.

h) Réxime de uso de servizos e instalacións, e o regulamento de réxime interior.

i) Plano sinalado no punto 1.c) do artigo 13.

3. O rexistro de entradas e saídas de clientes estará na recepción á disposición dos membros das forzas e corpos de seguridade con competencia na materia.

Artigo 37. Libro de inspección e follas de reclamacións

1. En todos os campamentos de turismo deberá existir un libro de visitas da inspección turística á disposición das inspectoras e inspectores de turismo.

2. Igualmente, nos campamentos de turismo deberá terse á disposición das usuarias e usuarios turísticos follas de reclamacións turísticas e entregarlles un exemplar, de forma inmediata, cando o soliciten.

Artigo 38. Prohibicións

1. Queda prohibido ás persoas usuarias turísticas aloxadas nos campamentos:

a) Perturbar o silencio ou descanso dos/as demais usuarios/as turísticos/as nas horas nocturnas que se fixen e cuxo número non poderá ser inferior a 8 horas ininterrompidas. Nese período debe establecerse o cesamento da circulación de toda clase de vehículos de motor.

b) Facer lume, fóra das zonas habilitadas para facer grelladas.

c) Facerse acompañar por animais que manifestamente supoñan un perigo ou molestia para os/as usuarios/as turísticos/as. En todo caso os animais de compañía excepto os cans de asistencia para persoas con discapacidade, tales como cans, gatos ou similares, permanecerán atados dentro da parcela correspondente ao/á seu/súa dono/a, quen se encargará de eliminar a sucidade que produzan. Igualmente, cando os leven fóra da parcela farase con correa e bozo, polo menos, ata os límites do campamento.

d) Levar armas ou obxectos que poidan causar accidentes.

e) Abandonar residuos ou lixo fóra dos recipientes destinados a eles e, especialmente, botalos nos regueiros, pozos, fontes, vías públicas, ou arredores do campamento.

f) Introducir no campamento persoas non aloxadas sen a autorización previa do persoal do campamento de turismo.

g) Colocar cordas, cordeis ou similares en lugares non habilitados para o efecto.

h) Usar inadecuadamente os distintos elementos e servizos do establecemento.

2. O incumprimento destas prohibicións, do regulamento de réxime interior, ou pretender acudir ou permanecer no campamento cunha finalidade diferente á propia do uso pacífico do establecemento turístico por parte da persoa usuaria turística, será causa abonda para a resolución do contrato de aloxamento, sen dereito a indemnización ningunha.

Artigo 39. Seguro de responsabilidade civil

1. O/A titular dun establecemento de campamento de turismo deberá ter contratado un seguro de responsabilidade civil que garanta o normal desenvolvemento da actividade do campamento de turismo.

2. A cobertura por responsabilidade civil deberá cubrir os danos corporais, danos materiais e os prexuízos económicos que deriven do desenvolvemento da súa actividade.

3. Os establecementos están obrigados a manter en permanente vixencia a dita póliza. Para estes efectos deberán ter á disposición da inspección de turismo a póliza e o correspondente recibo de pagamento co fin de acreditar a súa vixencia.

CAPÍTULO IV
Requisitos dos campamentos de turismo segundo a súa categoría

Sección 1ª. Campamentos de turismo de categoría superior

Artigo 40. Parcelas

1. A superficie mínima por parcela nos campamentos de turismo de categoría superior será de 90 metros cadrados.

2. En cada parcela só se poderá instalar, ademais dun vehículo, unha tenda de campaña, unha caravana, unha autocaravana ou outro elemento similar facilmente transportable ou unha instalación estable destinada ao aloxamento temporal e as pertenzas do/a usuario/a turístico/a sempre que sexan as propias do desenvolvemento normal da actividade do campamento de turismo.

Artigo 41. Instalacións

Os campamentos de categoría superior deberán dispor das seguintes instalacións, que deberán ter materiais de primeira calidade:

1. Recepción, que será independente de calquera outro servizo e con espazo destinado ao público. Estará atendida por persoal suficiente as 8.00 ás 24.00 horas. Deberá dispor de servizo telefónico.

2. Comedor, que deberá ter unha carta axeitada de pratos, tanto típicos do país como da cociña internacional e carta de viños seleccionados, e poderá funcionar con autoservizo. Poderá prescindirse deste servizo sempre que conte con restaurante segundo o regulamentado no artigo 28.

3. Bar ou cafetaría, que estará totalmente independente do comedor ou, se é o caso, do restaurante, con barra e servizo de mesa.

4. Sala de reunións con TV.

5. Supermercado, en que se deberán ofrecer ao público produtos autóctonos, entre outros.

6. Salón de xogos en local cuberto.

7. Sala de curas e primeiros auxilios, que deberá contar cunha caixa de urxencias para primeiros auxilios.

8. Servizos hixiénicos mínimos:

a) 1 lavabo por cada 4 parcelas ou fracción, independentes para mulleres e homes que contará, como mínimo, con auga quente, toma de corrente, espello e colgadoiro.

b)1 lavabo en cabina individual por cada 75 parcelas ou fracción que contará, como mínimo, con auga quente, toma de corrente, espello e colgadoiro.

c) 1 WC por cada 4 parcelas ou fracción, independente para mulleres e homes. O de mulleres deberá dispor de contedor específico de hixiene feminina.

d) 1 ducha con porta por cada 6 parcelas ou fracción, independente para mulleres e homes con auga quente.

e) 1 vertedoiro por cada 6 parcelas ou fracción con auga quente.

f) 1 lavadoiro por cada 8 parcelas ou fracción.

g) Vertedoiros especiais para a evacuación do contido de WC químicos, para caravanas e autocaravanas; poderanse utilizar os vertedoiros da área de autocaravanas en tránsito.

h) Bañeiras e vestidores para bebés no recinto dos servizos sanitarios xerais de mulleres e homes e cabaleiros ou en recinto independente.

i) Servizos hixiénicos para persoas discapacitadas.

9. Tomas de auga potable adecuadamente distribuídas polo campamento.

10. Enchufes: todas as parcelas deben contar con toma de enerxía eléctrica.

11. Superficie arborisada, na proporción dunha árbore por cada parcela.

12. Parque infantil.

13. Piscina para persoas adultas e piscina infantil.

14. Instalacións deportivas e ximnasio.

15. Aparcadoiro para vehículos, en consonancia co previsto no artigo 8 deste decreto.

16. Área de servizo para autocaravanas e caravanas en tránsito con toma de auga potable e vertedoiros para a evacuación do contido de wc químicos. Poderá prescindirse desta área naqueles establecementos aos cales non sexa posible o acceso das autocaravanas ou caravanas, debido a condicións xeográficas ou limitacións ambientais, así como naqueles en que estea restrinxido con carácter permanente o citado acceso pola normativa vixente.

17. Instalacións de animación.

Artigo 42. Servizos

Os campamentos de categoría superior deberán ofrecer os seguintes servizos:

1. Xestión do servizo de asistencia médica e de enfermaría.

2. Servizo de lavandaría e pasada de ferro.

3. Servizo telefónico.

4. Sistema de acceso á internet.

5. Recolla e entrega de correspondencia.

6. Servizos de animación.

7. Servizo de gardaría, propio ou concertado.

8. Venda de prensa diaria nacional e estranxeira.

9. Servizo de caixa forte.

10. Servizo de limpeza.

11. Servizo de vixilancia permanente durante as 24 h.

Artigo 43. Instalacións e servizos en tempada baixa

1. Fóra da tempada comprendida entre o 15 de xuño e o 15 de setembro os campamentos de categoría superior poderán ter pechadas as instalacións citadas no artigo 41 números 2, 5, 13, 14, 17 e deberán ter abertos os servizos comprendidos no número 8 do citado artigo en proporción á ocupación que teñan.

2. Fóra da tempada comprendida entre o 15 de xuño e o 15 de setembro os campamentos de categoría superior poderán non ofertar os servizos comprendidos no artigo 42 números 6, 7 e 8.

3. No caso de ter pechadas algunhas instalacións ou non ofertar algúns dos servizos previstos nos parágrafos anteriores, daráselle a debida publicidade e notificaráselles ás persoas usuarias turísticas con anterioridade ao seu aloxemanto.

Sección 2ª. Campamentos de turismo de primeira categoría

Artigo 44. Parcelas

1. A superficie mínima por parcela nos campamentos de primeira categoría será de 70 m2.

2. En cada parcela só se poderá instalar, ademais dun vehículo, unha tenda de campaña, ou unha caravana, ou unha autocaravana ou outro elemento similar facilmente transportable ou unha instalación estable destinada ao aloxamento temporal e as pertenzas do/a usuario/a turístico/a sempre que sexan as propias do desenvolvemento normal da actividade do campamento de turismo.

Artigo 45. Instalacións

Os campamentos de primeira categoría deberán dispor das seguintes instalacións, que deberán ter materiais de primeira calidade:

1. Recepción, que será independente de calquera outro servizo e con espazo destinado ao público. Estará atendida por persoal suficiente das 8.00 ás 24.00 h. Deberá dispor de servizo telefónico.

2. Comedor ou bar ou cafetaría. O comedor poderá funcionar con autoservizo. Poderá prescindirse destes servizos sempre que o establecemento dispoña de restaurante segundo o regulado no artigo 28 deste decreto.

3. Supermercado ou tenda de alimentación. Poderase prescindir deste servizo sempre que se dispoña del a 1 quilómetro ou menos de distancia ao campamento.

4. Sala de curas e primeiros auxilios. Deberá ter unha caixa de urxencias para primeiros auxilios.

5. Servizos hixiénicos mínimos:

a) 1 lavabo por cada 6 parcelas ou fracción, independentes para mulleres e homes que contará como mínimo con auga quente no 50 % deles, toma de corrente e espello e colgadoiro.

b) 1 WC por cada 6 parcelas ou fracción, independente para mulleres e homes. O de mulleres disporá de contedor de hixiene feminina.

c) 1 ducha con porta por cada 8 parcelas ou fracción, independente para mulleres e homes con auga quente.

d) 1 vertedoiro por cada 10 parcelas ou fracción con polo menos unha billa de auga quente no 50 %.

e) 1 lavadoiro por cada 12 parcelas ou fracción.

f) Vertedoiros especiais para caravanas e autocaravanas para a evacuación do contido de WC químicos.

g) Bañeiras e cambiadores para bebés no recinto dos servizos sanitarios xerais de mulleres e homes ou en recinto independente.

h) Servizos hixiénicos para persoas discapacitadas.

6. Tomas de auga potable adecuadamente distribuídas polo campamento.

7. Enchufes: un 75 % das parcelas deben contar con toma de enerxía eléctrica.

8. Superficie arborisada, na proporción dunha árbore por cada dúas parcelas.

9. Parque infantil.

10. Piscina para adultos con zona infantil diferenciada, sempre e cando o establecemento estea situado a máis de tres mil metros dunha praia ou lagoa.

11. Instalacións deportivas.

12. Aparcadoiro para vehículos, en consonancia co previsto no artigo 8 deste decreto.

Artigo 46. Servizos

Os campamentos de primeira categoría deberán ofrecer os seguintes servizos:

1. Xestión do servizo de asistencia médica e enfermaría.

2. Servizo de lavandaría.

3. Servizo telefónico.

4. Sistema de acceso á internet.

5. Recolla e entrega de correspondencia.

6. Venda de prensa.

7. Servizo de limpeza.

8. Servizo de vixilancia permanente durante as 24 h.

Artigo 47. Instalacións e servizos en tempada baixa

1. Fóra da tempada comprendida entre o 15 de xuño e o 15 de setembro os campamentos de primeira categoría poderán ter pechadas as instalacións citadas no artigo 45 números 2, 3, 10 e 11 e deberán ter abertos os servizos comprendidos no número 5 do citado artigo en proporción á ocupación que teñan.

2. Fóra da tempada comprendida entre o 15 de xuño e o 15 de setembro os campamentos de primeira categoría poderán non ofertar o servizo comprendido no artigo 46 apartado 6.

3. No caso de ter pechadas algunhas instalacións ou non ofertar algúns dos servizos previstos nos parágrafos anteriores, daráselle a debida publicidade e notificaráselles ás persoas usuarias turísticas con anterioridade ao seu aloxamento.

Sección 3ª. Campamentos de segunda categoría

Artigo 48. Parcelas

1. A superficie mínima por parcela nos campamentos de segunda categoría será de 60 m2.

2. En cada parcela só se poderá instalar, ademais dun vehículo, unha tenda de campaña, ou unha caravana, ou unha autocaravana ou outro elemento similar facilmente transportable ou unha instalación estable destinada ao aloxamento temporal e as pertenzas do/a usuario/a turístico/a sempre que sexan as propias do desenvolvemento normal da actividade do campamento de turismo.

Artigo 49. Instalacións

Os campamentos de segunda categoría deberán dispor das seguintes instalacións, de forma e con materiais que non desentoen coa fisionomía da paisaxe:

1. Recepción, que será independente de calquera outro servizo e estará atendida por persoal suficiente durante o horario comprendido entre as 8.00 e as 24.00 h. Deberá dispor de servizo telefónico.

2. Comedor ou bar ou cafetaría. No caso de contar con comedor este poderá funcionar con autoservizo. Poderá prescindirse destes servizos sempre que o establecemento conte con restaurante segundo o regulado no artigo 28 deste decreto.

3. Servizos hixiénicos mínimos:

a) 1 lavabo por cada 8 parcelas ou fracción, independentes para mulleres e homes que contará como mínimo con auga quente no 25 % deles, toma de corrente e espello e colgadoiro.

b) 1 WC por cada 8 parcelas ou fracción, independente para mulleres e homes. O de mulleres disporá de contedor de hixiene feminina.

c) 1 ducha con porta por cada 10 parcelas ou fracción, independente para mulleres e homes con auga quente.

d) 1 vertedoiro por cada 10 parcelas ou fracción cunha billa de auga quente no 25 %.

e) 1 lavadoiro por cada 12 parcelas ou fracción.

f) Tomas de auga potable e vertedoiros especiais para caravanas e autocaravanas para a evacuación do contido de WC químicos.

g) Bañeiras e cambiadores para bebés no recinto dos servizos sanitarios xerais de mulleres e homes ou en recinto independente.

h) Servizos hixiénicos para persoas discapacitadas.

4. Caixa de primeiros auxilios.

5. Tomas de auga potable adecuadamente distribuídas polo campamento.

6. Enchufes: un 50 % das parcelas deben contar con toma de enerxía eléctrica.

7. Superficie arborisada, na proporción dunha árbore por cada tres parcelas.

8. Aparcadoiro para vehículos, en consonancia co previsto no artigo 8 deste decreto.

Artigo 50. Servizos

Os campamentos de segunda categoría deberán ofrecer os seguintes servizos:

1. Xestión do servizo de asistencia médica e de enfermaría.

2. Servizo de lavandaría.

3. Servizo telefónico.

4. Recolla e entrega de correspondencia.

5. Servizo de limpeza.

6. Servizo de vixilancia permanente durante as 24 h.

Artigo 51. Instalacións en tempada baixa

Fóra da tempada comprendida entre o 15 de xuño e o 15 de setembro os campamentos de segunda categoría poderán ter pechada a instalación citada no artigo 49 número 2 e deberán ter abertos os servizos comprendidos no número 3 do citado artigo en proporción á ocupación que teñan, coa debida publicidade e notificándollo ás persoas usuarias turísticas con anterioridade ao seu aloxamento.

CAPÍTULO V
Campamentos de turismo verde

Artigo 52. Campamentos de turismo verde

1. Recibirán o distintivo de campamentos de turismo verde aqueles que, ademais de cumprir os requisitos para a súa clasificación nalgunha das categorías previstas nesta norma, conten con algunha das seguintes certificacións:

a) Certificación baixo a norma UNE 184001:2007 Cámpings e cidades de vacacións ou norma que a substitúa.

b) Acreditación de ter concedida a etiqueta ecolóxica da UE aos servizos de campamento de turismo, ao abeiro do disposto no Regulamento (CE) nº 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE.

c) Ter concedida polo Instituto para a Calidade Turística Española a marca de calidade turística española, marca «Q» a campamentos de turismo.

d) Contar de acordo co Regulamento (CE) nº 1221/2009 do Parlamento Europeo e do Consello do 25 de novembro de 2009, coa implantación do sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental e a inscrición no rexistro EMAS.

e) Certificación baixo a norma UNE-EN ISO 14001:2004 Sistemas de xestión ambiental ou norma que a substitúa.

2. Para a obtención deste distintivo a persoa interesada comunicará á Axencia Turismo de Galicia que conta con algunha das devanditas certificacións.

A Axencia Turismo de Galicia concederá este distintivo logo de comunicación do/da interesado/a da obtención dalgunha das certificacións relacionadas no parágrafo anterior.

3. O distintivo de campamento de turismo verde terá carácter indefinido. A Axencia Turismo de Galicia poderá revogar, por resolución motivada da persoa titular da Dirección da Axencia, a concesión do distintivo de campamento de turismo verde no suposto da perda da certificación correspondente.

CAPÍTULO VI
Procedemento de autorización, cambios e baixas

Sección 1ª. Procedemento para a emisión do informe potestativo previo

Artigo 53. Informe potestativo previo

1. Quen proxecte instalar un campamento de turismo, antes de iniciar calquera tipo actuación ou trámite ante o concello correspondente, poderá solicitar á área provincial da Axencia Turismo de Galicia da provincia correspondente, informe relativo ao cumprimento dos requisitos mínimos de infraestrutura e servizos, empregando modelo normalizado que figura no anexo II desta norma, que deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Do mesmo xeito, na tramitación das preceptivas licenzas municipais, o concello correspondente poderá requirir o devandito informe.

Artigo 54. Documentación que se debe xuntar á solicitude de informe potestativo previo.

1. Coa solicitude referida no artigo anterior irá acompañada da seguinte documentación:

a) Plano do campamento a escala 1:500 en que figure a situación das diferentes instalacións, edificacións, vías e superficies, debidamente delimitadas ás reservadas para zonas de campamento, marcando as correspondentes parcelas e espazos verdes.

b) Plano de situación do campamento a escala 1:2.000 sinalando as vías de comunicación, tipos de edificacións nos arredores, distancia aos núcleos habitados máis próximos e accidentes topográficos máis importantes.

c) Plano de planta dos diferentes edificios e instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal a escala 1:100.

d) Memoria asinada por facultativo/a competente en que se fagan constar os requisitos técnicos de que dispón o establecemento, a idoneidade da localización, instalacións e servizos do establecemento, cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade, incendios, inundabilidade, e ordenación urbanística, así como calquera outra que resulte de aplicación.

e) No caso de pretender situar o campamento en solo rústico, autorización previa do órgano autonómico competente en materia urbanística.

f) Para o caso de pretender situar o campamento en zona de policía de leitos públicos, autorización previa do organismo de bacía competente.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que debe presentar o/a solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos ou en formatos non admitidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 55. Emisión do informe potestativo previo

1. Unha vez recibida a solicitude xunto coa documentación a que se refire o artigo anterior, a área provincial da Axencia Turismo de Galicia emitirá informe potestativo previo no prazo máximo de dous meses, contados a partir da entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, nos termos establecidos no artigo 49.1 da Lei 7/2011.

2. En ningún caso este informe será suficiente para a apertura do campamento; deberase contar con autorización de apertura e clasificación turística segundo o disposto neste decreto.

Sección 2ª. Procedemento para a autorización de apertura e
clasificación turística

Artigo 56. Autorización de apertura e clasificación turística

1. Para realizar a actividade turística de aloxamento en campamentos de turismo en calquera das categorías previstas por esta norma, será requisito previo a obtención da autorización de apertura e clasificación turística outorgada pola Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. As solicitudes ou comunicacións, establecidas nesta sección, deberán presentarse preferiblemente a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria poderase presentar segundo se establece no artigo 54.2.

Artigo 57. Solicitude da autorización de apertura e clasificación turística

1. A solicitude de autorización de apertura e clasificación turística seguirá o modelo oficial que figura no anexo III desta norma; debendo indicar o período de funcionamento do establecemento para o cal se solicita a autorización.

2. A solicitude deberá ir acompañada, ademais do documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes, da seguinte documentación:

a) Se a titularidade do establecemento corresponde a unha persoa xurídica, escritura de constitución da sociedade e poderes do/da solicitante para o caso de que non se deduza claramente da escritura social.

b) Título de propiedade do terreo ou calquera outro documento que acredite a súa dispoñibilidade para a súa utilización como campamento de turismo. No caso de que o establecemento dispoña de instalacións estables, título de propiedade ou documento acreditativo da súa dispoñibilidade por parte do/da titular do campamento. Se se trata de terreos municipais, certificación do concello en que se acorde a instalación do campamento e réxime de explotación.

c) Documento de inscrición no Rexistro da Propiedade do predio destinado a campamento.

d) Certificado expedido por un laboratorio público ou privado, que estea acreditado ou certificado, de que a auga no punto de entrega ao consumidor ou consumidora é apta para o seu consumo. Se o campamento utiliza exclusivamente a rede municipal de abastecemento, abondará con facer constar tal circunstancia.

e) Autorización e/ou concesións requiridas, se é o caso, pola normativa vixente en materia de augas.

f) Documento que acredite a subscrición dun seguro de responsabilidade civil segundo o disposto neste decreto.

g) Proxecto técnico asinado por facultativo/a competente, con planos e memoria a que fan referencia as alíneas a), b), c) e d) do artigo 54 no que se identificarán expresamente as zonas e parcelas previstas para as instalacións estables. Non será necesario achegar este proxecto no caso que se achegue coa solicitude de informe potestativo previo.

h) Certificado de final de obra expedido por técnico/a competente.

i) Licenza de actividade clasificada ou de apertura e da licenza urbanística do campamento ou permisos que as substitúan.

l) Relación de parcelas numeradas con indicación das súas características e superficies respectivas.

Artigo 58. Resolución de apertura e clasificación turística

1. Unha vez recibida a solicitude de apertura e clasificación turística, a área provincial da Axencia Turismo de Galicia, tramitará o oportuno procedemento e, unha vez completo o expediente, elevarao, xunto co seu informe, á Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que expedirá, se procede, a autorización de apertura e clasificación turística no prazo máximo de tres meses, contados a partir da entrada da documentación completa no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

2. Transcorrido o devandito prazo sen que se produza a notificación dunha resolución expresa, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude.

3. A autorización de apertura e clasificación turística é independente doutras que deban ser concedidas por outros órganos administrativos, en virtude das súas respectivas competencias.

Artigo 59. Inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia

Os campamentos autorizados serán inscritos de oficio no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia co número que lles corresponda de acordo coa orde cronolóxica de autorizacións.

Artigo 60. Dispensas

Con carácter excepcional, logo de solicitude da persoa interesada, e en atención ás especiais circunstancias que se poidan dar, ponderadas en conxunto a concorrencia das condicións exixidas aos campamentos de turismo, e o número e calidade dos servizos ofrecidos, e logo de informe técnico da Inspección Turística, a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, mediante resolución motivada, poderá dispensar un campamento dos requisitos relativos:

a) Ao cómputo da superficie das construcións estables prevista no artigo 25, en que poderá non incluírse a superficie da zona destinada a soportal ou patín sempre que sexan exteriores á edificación, aínda que conten con teito.

b) Á área de servizos de autocaravanas e caravanas en tránsito, sempre que o concello dispoña dunha zona especial de acollida destas nunha distancia de 1 quilómetro do campamento, nos campamentos de primeira categoría.

c) Á sala de reunións e sala de xogos, reguladas no artigo 41, poderán compartir o mesmo espazo sempre que se considere suficiente a súa dimensión para os dous usos.

d) Ás instalacións deportivas previstas no artigo 45, cando conten con ximnasio, nos campamentos de primeira categoría.

e) Ao comedor ou bar ou cafetaría, previstos no artigo 49, sempre que exista algún establecemento que preste estes servizos, nunha distancia de 2 quilómetros do campamento, nos campamentos de segunda categoría.

f) Ao acceso á internet, cando a persoa interesada acredite de xeito fidedigno a imposibilidade técnica de prestar este servizo.

Artigo 61. Cambios e reformas substanciais

1. Son cambios ou reformas substanciais os que afecten a categoría e a capacidade; así como, os cambios ou reformas que afecten as instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal, ao terreo destinado a campamento ou a redistribución das edificacións ou instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal sempre que afecten a clasificación turística. Tales cambios ou reformas substanciais requirirán a autorización previa expedida pola Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da tramitación do oportuno expediente.

2. Para estes efectos, os/as interesados/as que pretendan levar a cabo calquera cambio ou reforma substancial, agás as que se refiren a instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal, presentarán solicitude, dirixida á área provincial da Axencia Turismo de Galicia, mediante modelo normalizado que figura no anexo IV desta norma, xunto coa da documentación xustificativa dos devanditos cambios, o proxecto técnico, asinado por facultativo/a competente, con planos de edificación e instalacións a escala 1:100 e acreditación do pagamento das taxas correspondentes.

No caso de que o cambio afecte a superficie do campamento autorizado, xuntarase, ademais, a documentación prevista no artigo 57.2.c).

3. Para a autorización de instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal a que se refire o artigo 2.2 desta norma, os interesados e interesadas deberán achegar xunto coa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo V desta norma, o documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes e a seguinte documentación:

a) Título de propiedade ou documento acreditativo da dispoñibilidade das instalacións estables destinadas ao aloxamento temporal por parte do titular do campamento.

b) Plano de planta xeral de colocación na parcela das diferentes instalacións en que se consignará o destino, a superficie útil e a altura das súas dependencias.

c) Permiso municipal do reformado do proxecto inicial, de ser o caso, e certificado emitido pola casa instaladora ou polo técnico correspondente, acreditativo do cumprimento da normativa vixente.

d) Póliza de seguro de responsabilidade civil (só no suposto de que do texto da póliza vixente derive que non estende a súa cobertura ás novas instalacións).

Artigo 62. Resolución autorizando os cambios ou reformas substanciais

1. A área provincial da Axencia Turismo de Galicia iniciará o oportuno expediente de autorización e, unha vez instruído este e feitas as comprobacións oportunas, elevarao, xunto co seu informe, á Dirección da Axencia Turismo de Galicia que expedirá, se procede, a autorización turística no prazo máximo de tres meses, contados a partir da entrada da documentación completa no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

2. Transcorrido o devandito prazo sen que se produza a notificación dunha resolución expresa, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude.

3. A autorización dos cambios ou reformas substanciais é independente doutras que deban ser concedidas por outros órganos administrativos, en virtude das súas respectivas competencias.

Artigo 63. Comunicación de cambios non substanciais e cesamento de actividade

1. Os cambios de tempada de funcionamento, denominación, titularidade, cambios na escritura social e aqueles outros que non supoñan cambios ou reformas substanciais, así como o cesamento da actividade, tan só requirirán da súa comunicación á área provincial da Axencia Turismo de Galicia correspondente á provincia en que se sitúe o establecemento.

2. A comunicación efectuarase, mediante modelo normalizado aprobado pola consellería competente en materia de turismo, no prazo máximo de 10 días desde que se producisen os cambios ou reformas non substanciais ou o cesamento da actividade.

3. Os expedientes elevaranse, xunto cun informe, á Axencia Turismo de Galicia para constancia no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 64. Baixa de oficio e modificación da clasificación

1. A Dirección da Axencia Turismo de Galicia acordará a baixa de oficio e correspondente cancelación da inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos establecementos regulados neste decreto, logo da instrución do oportuno expediente pola área provincial da Axencia Turismo de Galicia, en que se dará audiencia aos/ás interesados/as, cando se incumpra o deber de comunicar o cesamento da actividade segundo o disposto no artigo anterior. Neste caso poderase incoar o correspondente expediente sancionador.

2. Cando se incumpran ou desaparezan as circunstancias que motivaron a clasificación turística ou sobreveñan outras que, de existir naquel momento, xustificasen a súa denegación, a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, despois da tramitación do oportuno expediente en que se lle dará audiencia ao/á interesado/a, procederá á modificación ou revogación da súa clasificación.

3. No caso de que se produza a modificación, a persoa interesada non poderá presentar unha nova solicitude de autorización ata que transcorra un prazo mínimo de dous meses desde a notificación da modificación.

CAPÍTULO VII
Disciplina turística

Artigo 65. Infraccións

Os incumprimentos do disposto no presente decreto serán sancionados de conformidade coa Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Disposición adicional única. Competencia para ditar as ordes de modificación dos anexos

Facúltase o/a titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as ordes oportunas para a modificación dos anexos I, II, III, IV e V desta norma.

Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio dos expedientes

1. Os expedientes en curso na data de entrada en vigor deste decreto tramitaranse e resolveranse conforme as disposicións vixentes no momento da súa iniciación.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, no relativo aos órganos competentes para a súa tramitación aplicarase o disposto na disposición transitoria cuarta do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Disposición transitoria segunda. Réxime aplicable aos campamentos autorizados

Os campamentos de turismo que, con anterioridade á entrada en vigor desta norma, así como os mencionados na anterior disposición, estivesen autorizados nalgunha categoría, serán reclasificados de oficio, despois da audiencia ao interesado, nas seguintes categorías: os campamentos de luxo clasificaranse na categoría superior, os campamentos de primeira categoría manterían a categoría primeira e os de segunda e terceira categoría reclasificaríanse na categoría segunda.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 143/2006, do 27 de xullo, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Habilítase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para o desenvolvemento das disposicións contidas neste decreto, no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor ao 20 días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de setembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Modelo de placa segundo a categoría

A placa consistirá nun rectángulo de metal 360 mm por 400 mm no que sobre fondo de cor verde (pantone 355) figure en cor branca unha silueta frontal de tenda de campaña coma a aquí presente.

Sobre a dita placa figurará na mesma cor e tipografía Frutiger Medium, a letra ou número da categoría correspondente (S para a categoría superior, 1ª para a categoría primeira e 2ª para a categoría segunda) segundo o seguinte deseño:

Modelo de placa, distintivo campamento de turismo verde

O logotipo de campamento de turismo verde, constará do símbolo que parte da estilización da tenda de campaña e unha folla. Ao seu pé está o texto composto en caixa e coa tipografía Titillium. Todo o logotipo está feito en cor verde pantone 355.

A placa consistirá nun rectángulo de metal 360 mm por 400 mm no que sobre fondo de cor blanca e borde verde figure no mismo pantone 355, o logotipo de camping verde, cunha altura de 300 mm.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file