Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Mércores, 18 de setembro de 2013 Páx. 36822

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 145/2013, do 5 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción: actualización e terminación das obras de acceso ao porto de Burela (clave LU/06/048.03.1).

Con data do 21 de xullo de 2011 a directora xeral de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 9 de xullo de 2009, DOG do 16 de xullo), resolveu aprobar definitivamente o proxecto de construción: actualización e terminación das obras de acceso ao porto de Burela (clave LU/06/048.03.1).

A actuación resulta necesaria para habilitar un novo viario que permita a canalización do tráfico rodado derivado da actividade que produce o porto de Burela, facilitando e axilizando o tráfico de vehículos pesados xerado por aquel e reducindo os riscos para a seguridade viaria, así como os impactos ambientais que produce o paso dese tipo de vehículos polo centro urbano.

Por outra parte, a urxencia de executar as obras contidas no proxecto vén derivada tamén do feito de que as obras de acceso ao porto de Burela (clave LU/06/048.03) xa foron iniciadas no ano 2007, sobre a base dun convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Portos de Galicia, pero foron paralizadas en 2008 por unha serie de condicionantes técnicos e xurídicos, chegando a perder vixencia o convenio antes da súa reanudación, o que levou consigo a resolución do contrato das obras sen chegar a completarse aquelas.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para facer fronte aos problemas de seguridade viaria e impacto ambiental xerados polo tráfico con orixe e destino no porto de Burela. De aí a necesidade de proceder de forma inmediata á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

De conformidade co artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación dos proxectos de estradas de titularidade autonómica implicará a declaración de utilidade pública e da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos correspondentes aos fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes.

A competencia para declarar a urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia a teor do previsto no artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de setembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción: actualización e terminación das obras de acceso ao porto de Burela (clave LU/06/048.03.1).

Santiago de Compostela, cinco de setembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas