Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 2 de outubro de 2013 Páx. 39101

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se fai público o Programa de prevención de residuos industriais de Galicia 2013-2016, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 4 de xullo de 2013, e se lle dá a difusión e publicidade exixidas pola Lei 10/2008, de 3 de novembro, de residuos de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do día 4 de xullo de 2013, acordou aprobar definitivamente o Programa de prevención de residuos industriais de Galicia 2013-2016, o cal foi tramitado segundo o procedemento previsto polo artigo 19 da Lei 10/2008, de 3 de novembro, de residuos de Galicia.

Segundo dispón o artigo 19.1, letra e), da Lei 10/2008, despois da aprobación definitiva do devandito programa, a consellería competente en materia de residuos debe facelo público, procedendo á súa difusión co fin de garantir o coñecemento da cidadanía e das administracións implicadas.

O artigo 20 da mesma lei prescribe que o programa debe ser posto á disposición das administracións consultadas e do público interesado xunto cunha declaración que resuma como se integraron no plan os aspectos ambientais e como se tomou en consideración o informe de sustentabilidade ambiental, os resultados das consultas, a memoria ambiental e, se for o caso, as discrepancias que puideren xurdir no proceso, así como as razóns da elección do plan en relación coas alternativas consideradas; un documento que recolla as medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no medio ambiente da aplicación do plan e un resumo non técnico da dita documentación.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, atribúe á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental competencias en materia de elaboración dos plans de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei de residuos de Galicia e as accións de desenvolvemento deles.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1º. Facer público o Programa de prevención de residuos industriais de Galicia 2013-2016, aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de xullo de 2013.

2º. Poñer á disposición das administracións públicas afectadas, do público interesado e de toda a cidadanía o devandito programa xunto cos restantes documentos especificados polo artigo 20 da Lei de residuos de Galicia, mediante a súa inserción nas páxinas web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es) e do Sistema de Información de Residuos de Galicia (http://sirga.cmati.xunta.es), co fin de garantir a súa difusión e coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental