Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 10 de outubro de 2013 Páx. 40322

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2013 pola que se amplía o crédito, para o ano 2013, para a concesión de subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a mellora das infraestruturas de establecementos hoteleiros do grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia.

O 8.5.2013 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, do 29 de abril de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a mellora das infraestruturas de establecementos hoteleiros do grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

O artigo 2 das citadas bases reguladoras dispón que as subvencións relativas á creación e mellora dos establecementos obxecto desta resolución se imputarán á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, cun crédito de 850.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 9.

Unha vez valoradas pola comisión de valoración as solicitudes presentadas, e considerando aqueles proxectos que resultan subvencionables e o importe da concesión que se propón para cada un deles, o crédito previsto nas bases reguladoras resulta insuficiente.

Por outra banda, na aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0 existe un crédito de 63.944,40 € que non se incluíu no crédito dispoñible para esta resolución, e visto o elevado número de solicitudes presentadas e proxectos subvencionables de conformidade co disposto nas bases, e tendo en conta a insuficiencia de crédito, considérase necesario modificar a Resolución do 29 de abril de 2013 e incluír nela esta cantidade para financiar as subvencións a entidades privadas co fin de incentivar o turismo mediante a mellora das infraestruturas de establecementos hoteleiros do grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo exposto e en virtude das facultades conferidas,

RESOLVO:

1. Modificar a Resolución do 29 de abril de 2013 e ampliar en 63.944,40 €, para o exercicio 2013, o crédito das bases reguladoras de subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a mellora das infraestruturas de establecementos hoteleiros do grupo I, albergues turísticos, empresas de servizos turísticos complementarios e restaurantes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A presente publicación non supón a apertura dun novo prazo para a presentación de solicitudes nin a ampliación do prazo para resolver o procedemento de concesión de axudas.

3. A data da entrada en vigor desta resolución será o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2013

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia