Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Xoves, 31 de outubro de 2013 Páx. 42707

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 30 de outubro de 2013 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada polo comité de empresa de Transportes Sanitarios Pontevedra Norte (Transa), que se iniciará ás 00.00 horas do día 1 de novembro de 2013.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga convocada polo comité de empresa de Transportes Sanitarios Pontevedra Norte (Transa) está dirixida a todos os traballadores e traballadoras de todos os centros de traballo da provincia de Pontevedra, durante toda a xornada laboral (das 00.00 ás 24.00 horas); iniciarase o 1 de novembro de 2013 e continuará nese mes co seguinte calendario: luns día 4, martes día 12, mércores día 20 e xoves día 28; no mes de decembro continuará o venres día 6 e o luns día 9, e prolongarase con carácter indefinido seguindo a mesma orde lóxica.

Con base no anterior, e despois da audiencia ao comité de folga, a conselleira

DISPÓN:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen nesta orde.

O ámbito da folga abrangue transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia 061 a través da RTSU (Rede de transporte sanitario urxente), que se presta mediante:

– Ambulancias de soporte vital avanzado (ASVA) ou UVI móbiles, é dicir ambulancias tipo III concertadas por US-061, que se corresponden cun total de 1 unidade situada en Pontevedra. O horario de servizo é de 24 horas e a área de operatividade está limitada á poboación residente nunha isócrona de 20 minutos na contorna da base.

– Ambulancias de soporte vital básico correspondentes á Rede de transporte sanitario urxente (RTSU), é dicir ambulancias tipo II concertadas por US-061 que se corresponden cun total de 3,5 unidades situadas en Pontevedra (02.00-24.00 horas), Bueu (01.00-24.00 horas) e Marín (01.00-12.00 horas).

A Rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSUG) está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia, e sobre a base de que poden ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda. O número de ambulancias contratadas está axustado a esa finalidade.

En consecuencia, para garantir a protección á saúde da poboación e dar resposta ao 100 % dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias Galicia 061, neste ámbito imponse unha cobertura do 100 % das unidades.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través da empresa afectada pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Consonte o exposto, o criterio reitor para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida é unha cobertura do 100 % das unidades.

Artigo 2

Con base no criterio anterior, no anexo desta orde recóllense o número de efectivos precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A determinación concreta do persoal que debe cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da empresa, mediante comunicación nominativa e individual do dito persoal.

A designación deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a profesional da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No expediente de determinación de servizos mínimos da empresa, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios  e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

Anexo
Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061

Número de efectivos de servizos mínimos

Categoría/servizo

Mañá

(Das 8.00 ás
15.00 horas)

Tarde

(Das 15.00 ás 22.00 horas)

Noite

(Das 00.00 ás 8.00 horas)

(Das 22.00 ás 00.00 horas)

Rede de transporte sanitario urxente

TTS (técnico transporte sanitario)

Unidades 24 horas

7(1)

TTS (técnico transporte sanitario)

Unidades 12 horas

2(2)

(1)7 TTS as 24 horas da xornada.

(2)2 TTS en xornada de 12 horas.