O Decreto 88/1999, do 11 de marzo, regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros. O artigo 23 do citado decreto prevé que a provisión de postos docentes nos centros específicos de educación e promoción de adultos se efectuará a través dun concurso de traslados específico, no cal se terá en conta, entre outros méritos, a experiencia no ensino de adultos en centros EPA, así como a formación acreditada.
Ao existiren vacantes nos centros de educación permanente de adultos, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dispuxo convocar concurso de traslados de acordo coas seguintes bases:
Primeira
Convócase concurso de traslados, de acordo coas especificacións que se citan nesta orde, para a provisión de prazas vacantes entre funcionarios docentes do corpo de mestres (corpo 597) e do corpo de catedráticos e de profesores de ensino secundario (corpo 590).
Este concurso rexerase polas seguintes disposicións: Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación; Real decreto 989/2000, do 2 de xuño; Real decreto 1284/2002, do 5 de decembro; Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial e se establecen as especialidades dos corpos docentes de ensinanza secundaria; Real decreto 336/2010, do 19 de marzo, polo que se establecen as especialidades dos corpos de catedráticos e de profesores de escolas oficiais de idiomas aos que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación; Real decreto 777/1998, do 30 de abril; Real decreto 1138/2002, do 31 de outubro; Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el; Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e se regula o réxime transitorio de ingreso a que se refire a disposición transitoria décimo sétima da citada lei; Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 2/2009, do 23 de xuño; Real decreto 1538/2003, do 5 de decembro; Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e Decreto 88/1999, do 11 de marzo.
Segunda
As vacantes que se ofertan neste concurso son as que se publican no anexo I desta convocatoria para o corpo de mestres e para os corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario e as resultas que se produzan en cada corpo na resolución do propio concurso.
Terceira. Participación conxunta de persoal funcionario de distintos corpos ás mesmas vacantes
De conformidade co establecido no punto 5 da disposición adicional oitava da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e o artigo 5 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, o persoal funcionario dos corpos de catedráticos de ensino secundario participará no concurso de provisión de postos conxuntamente co persoal funcionario do corpo de profesores de ensino secundario, ás mesmas vacantes, sen prexuízo dos méritos específicos que lle sexan de aplicación pola súa pertenza ao mencionado corpo de catedráticos.
Cuarta
Poderá participar neste concurso a prazas correspondentes ás especialidades das que sexan titulares o seguinte persoal funcionario docente do corpo de mestres e do corpo de catedráticos e de profesores de ensino secundario.
1. Persoal funcionario docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
1.1. Poderán participar con carácter voluntario neste concurso de traslados:
a) O persoal funcionario docente que estea en situación de servizo activo con destino definitivo en centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sempre que, de conformidade co establecido no punto 6 da disposición adicional sexta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, transcorresen ao termo deste curso académico polo menos dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.
Enténdese tamén estar en servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia a 31 de agosto de 2014, aquelas/es docentes que, desde un destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, accederon a un posto docente no estranxeiro e que deben incorporarse obrigatoriamente a esta comunidade no próximo curso académico.
b) O persoal funcionario docente que se atope en situación de servizos especiais, ou en excedencia por coidado de fillas, fillos e familiares, expresamente declarados como tales, desde centros actualmente dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sempre que transcorresen ao remate deste curso académico polo menos dous anos desde a toma de posesión do último destino definitivo.
c) O persoal funcionario docente que se atope en situación de excedencia voluntaria declarada desde centros actualmente dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sempre que leven polo menos dous anos nesa situación a 31 de agosto de 2014.
d) O funcionario docente que se atope en situación de suspensión declarada desde centros actualmente dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sempre que a 31 de agosto de 2014 transcorrese o tempo de duración da sanción disciplinaria de suspensión.
1.2. Para os efectos previstos no número 1 enténdese como data de finalización do curso académico a do 31 de agosto de 2014.
2. O profesorado en expectativa de destino durante o curso 2013/14 que estea a prestar servizos en centros dependentes desta consellería.
3. Requisito de acreditación de coñecemento da lingua galega.
Nas especialidades de educación primaria do corpo de mestres, nas de xeografía e historia, bioloxía e xeoloxía do corpo de profesores de ensino secundario será requisito imprescindible estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4), ter superado o curso de perfeccionamento de lingua galega, ter a validación correspondente ou telo superado a través de proba libre. Para estes únicos efectos entenderase que reúnen este requisito os que superasen a proba de coñecementos de lingua galega no procedemento selectivo de acceso ao corpo de mestres ou de profesores de ensino secundario.
Quinta. Forma de participación
1. Aínda cando se concurse por máis dunha especialidade, o persoal concursante presentará unha única instancia, que se poderá imprimir e descargar unha vez formalizados os datos de participación no concurso a través do enderezo web www.edu.xunta.es/cxt
2. No suposto de participar no concurso de traslados por máis dun corpo presentarase unha instancia por cada corpo polo que se participa.
3. A instancia farase a través da internet, empregando o portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no enderezo web www.edu.xunta.es/cxt
Lémbrase que para acceder a este servizo web é preciso ter conta de correo electrónico no dominio edu.xunta.es polo que, quen non a teña, deberá solicitala a través da páxina web https://www.edu.xunta.es/contausuario/
4. Persoal que completou o expediente persoal na base de datos.
Ao acceder á aplicación informática do concurso, o persoal que incorporou os datos persoais conforme a petición que lle foi formulada no seu momento pola Subdirección Xeral de Recursos Humanos encontrarase cos méritos alegados que foron validados, verá os méritos que lle son baremables e os que non son considerados para os efectos de baremo, e ofreceráselle unha puntuación para o concurso.
Nos números 6.1 e 6.3 do anexo II desta convocatoria, o persoal que participou no concurso de traslados convocado pola Orde do 8 de novembro de 2010 (DOG do 16 de novembro), ou pola Orde do 3 de novembro de 2011 ou pola Orde do 24 de outubro de 2012 concorrerá coa puntuación que nestes números lle foi outorgada pola comisión de avaliación, podendo presentar para a súa consideración novos méritos que estean perfeccionados con posterioridade ao remate do prazo de solicitude da última convocatoria na que participou.
De estar conforme co baremo que se lle propón e non querer alegar ningún novo mérito, imprimirase a instancia e presentarase conforme as normas xerais recollidas na base vixésimo primeira.
De alegar algún novo mérito, farase constar na web www.edu.xunta.es/datospersoais. A través deste enderezo poderá xerar unha instancia coas alegacións introducidas, que deberá presentar xunto coa documentación xustificativa dos méritos alegados (a que se fai referencia no anexo II). Así mesmo, deberá presentar a instancia de participación do concurso de traslados que se xerará a través da aplicación www.edu.xunta.es/cxt. Estas dúas instancias entregaranse conforme as normas recollidas na base décimo primeira.
5. Persoal que non completou o expediente persoal na base de datos.
Ao acceder á aplicación informática do concurso, o persoal que non incorporou os datos persoais encontrarase con todos os datos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten informatizados do seu expediente persoal, verá cales deles son considerados para os efectos de concurso e cales non, e a puntuación que lle corresponde por cada subepígrafe do baremo en función dos datos que constan no expediente, agás nas epígrafes 6.1 e 6.3 do anexo II desta convocatoria.
De estar o expediente incompleto, o persoal concursante interesado completarao na base de datos, e imprimirá a instancia e a folla de alegacións que xera a propia aplicación informática, e xunto coa documentación xustificativa a que se fai referencia no anexo II, entregaraas conforme as normas recollidas na base décimo primeira.
6. En todo caso, o persoal participante no concurso que alegue méritos nos puntos 6.1 e 6.3 do anexo II imprimirá a folla correspondente a estes méritos da aplicación informática e, xunto cos documentos xustificativos, remitiraa, dentro do prazo establecido na base común décimo segunda, á comisión avaliadora sita na Inspección Educativa de Santiago de Compostela, rúa da Besada, San Lázaro, 107, código postal 15703.
7. Cando as novas alegacións sexan validadas pola comisión baremadora, aparecerá na aplicación informática do concurso de traslados a nova baremación resultante dos méritos alegados.
8. A instancia dirixirase á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sen prexuízo do establecido na subepígrafe 7 desta base.
9. Todas as fotocopias que se remitan deberán ir acompañadas das dilixencias de compulsa, expedidas polas direccións dos centros, ou das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Non se admitirá ningunha fotocopia que careza da dilixencia de compulsa.
10. Aínda cando se concorra a prazas de diferentes especialidades soamente poderá obterse un único destino.
Sexta. Dereito preferente a centro
Con ocasión de vacante no corpo docente polo cal se participa, terán dereito preferente para obteren destino definitivo no mesmo centro en que tivese destino definitivo o profesorado que, encontrándose nalgún dos supostos que se indican, reúna as condicións establecidas nesta convocatoria e pola orde de prelación en que neles se relacionan:
1. Por supresión da praza ou posto que desempeñaba con carácter definitivo nun centro, ata que obteña outro destino definitivo.
2. Por modificación da praza ou posto que desempeñaba con carácter definitivo nun centro, ata que obteña outro destino definitivo.
3. Por desprazamento dos seus centros por insuficiencia total de horario ou por dispoñer de menos de cinco sesións lectivas da súa especialidade que poidan ser asumidas por profesorado doutro departamento, nas mesmas condicións que os titulares dos postos suprimidos.
Neste suposto está incluído o profesorado que resultou desprazado a outro centro por traslado de ensinanzas e que durante os seis anos seguintes á realización do dito traslado ten dereito preferente ao seu centro de orixe en calquera das especialidades de que sexa titular, conforme o establecido no artigo 10 do Decreto 140/2006, do 31 de agosto.
4. Para o profesorado dos corpos de catedráticos de ensino secundario, profesores de ensino secundario por adquisición de novas especialidades, ao abeiro do disposto nos reais decretos 850/1993, do 4 de xuño, 334/2004, do 27 de febreiro, e 276/2007, do 23 de febreiro, para obter un posto da nova especialidade adquirida no centro onde tivese destino definitivo. Unha vez obtido o novo posto, só se poderá exercer este dereito con ocasión da adquisición doutra nova especialidade.
Sétima. Forma de exercer o dereito preferente a centro
Para exercer o dereito preferente a centro, a interesada ou interesado deberá poñer na terceira folla da solicitude o código do centro en que exerce o dereito preferente se se produce a vacante. Na mesma folla marcará cun X o suposto polo que exerce este dereito e consignará, tamén na mesma folla, no tipo de praza, a especialidade ou especialidades de que é titular ou para as cales está habilitado.
Sen prexuízo do anterior, o persoal que exerce o dereito preferente a centro poderá exercer na mesma solicitude o dereito preferente a localidade e poderá exercelo a zona educativa e/ou incluír outras peticións de centros ou localidades, se desexan concursar a elas fóra do dereito preferente.
Oitava. Dereito preferente á localidade ou zona educativa
Conforme o establecido nos artigos 13.3º e 19 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, o persoal funcionario que teña dereito preferente a obter destino nunha localidade ou, no caso de mestres, zona educativa determinada, se desexa facer uso deste dereito ata que alcance aquel, deberá participar en todas as convocatorias que, para estes efectos, sexan realizados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. De non participar, terase por decaído no dereito preferente.
Terá este dereito preferente, con ocasión de vacante, o persoal funcionario de carreira que se encontre nalgún dos supostos que se indican e pola orde de prelación en que estes se relacionan:
1. Por supresión ou modificación da praza ou posto de traballo que desempeñaban con carácter definitivo nun centro.
2. Por desprazamento do seu centro por insuficiencia total de horario, nas mesmas condicións que os titulares de postos suprimidos. Neste punto está incluído tamén o profesorado que estea prestando servizos no seu centro noutra especialidade por non ter ningunha hora ou menos de cinco na súa.
En todo caso, considérase profesorado desprazado por falta de horario o que, como consecuencia de traslado de ensinanzas, non puido quedar adscrito definitivamente no centro receptor, segundo dispón o artigo 7.3º do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias ou funcionarios docentes.
3. Por desempeñar outro posto na Administración pública, con perda da praza docente que desempeñaba con carácter definitivo, e sempre que cesase no último posto.
4. Por reincorporación á docencia en España, de conformidade cos artigos 10.6º e 14.4º do Real decreto 1138/2002, do 31 de outubro, polo que se regula a Administración do Ministerio de Educación no exterior, por finalización da adscrición en postos ou prazas no exterior ou por algunha outra das causas legalmente establecidas.
5. En virtude de execución de sentenza ou resolución de recurso administrativo.
6. Os que, tras teren sido declarados xubilados por incapacidade permanente, tivesen sido rehabilitados para o servizo activo.
Novena. Forma de exercer o dereito preferente a localidade e/ou zona educativa
O persoal docente pertencente ao corpo de mestres poderá exercer este dereito necesariamente na localidade de que dimana o dereito e poderá exercelo, igualmente, en calquera outra ou en todas as localidades do ámbito da zona. O restante profesorado poderá exercer o dereito preferente á localidade onde tivo o último destino definitivo.
Para exercer o dereito preferente a localidade e/ou zona educativa, a interesada ou interesado deberá formalizar na cuarta folla da solicitude o código da localidade e, se é o caso, da zona en que exerce o dereito preferente se se produce a vacante. Na mesma folla marcará cun X o suposto polo que exerce este dereito e consignará, tamén na mesma folla, no tipo de praza, a especialidade ou especialidades de que é titular ou para as cales está habilitada/o.
O persoal docente que exerza este dereito preferente deberá na páxina 7 da instancia, nos recadros de centro ou localidade, especificar por orde de prioridade os códigos dos centros ou localidades en que exercen este dereito, especificando no recadro correspondente referido a tipo de praza as siglas DPL, que significan dereito preferente a localidade. Nestes casos no tipo de praza non se porá o código da especialidade.
Sen prexuízo do anterior, o persoal que exerce o dereito preferente a localidade e/ou zona educativa poderá realizar outras peticións de centros ou localidades, se desexan concursar a elas fóra do dereito preferente, e que virán sempre consignadas con posterioridade ás peticións en que se exerce o dereito preferente.
Nestas peticións, no recadro tipo de praza especificarase o código da especialidade.
Décima. Data en que deben reunirse os requisitos de participación e de méritos
Todos os requisitos de participación, sen prexuízo do establecido na base común décimo segunda, así como os méritos alegados, deben reunirse na data de finalización do prazo de presentación de instancias, acreditándose na forma en que se establece nesta convocatoria.
Décimo primeira. Presentación de solicitudes
A instancia orixinal, así como a documentación a que se alude no punto anterior, poderanse presentar nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na secretaría do centro educativo onde presta servizos o concursante ou en calquera das dependencias a que alude o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se optase por presentar a solicitude nunha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.
Sen prexuízo do anterior, deberá terse en conta que para outros efectos distintos do concurso de traslados, as secretarías dos centros docentes non son unha das oficinas en que poden presentarse documentos dirixidos a calquera organismo público, de conformidade co disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Décimo segunda. Prazo de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes e documentos será de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. Finalizado este prazo, non se admitirá ningunha nova solicitude nin a modificación das presentadas.
Décimo terceira. Forma de realizar as peticións
O persoal asinante da instancia deberá manifestar nela, de modo expreso, que reúne os requisitos exixidos na convocatoria, e consignar os centros que solicite por orde de preferencia, cos números de código e especialidade que figuran no anexo I a esta orde.
Décimo cuarta. Comisión de avaliación
1. Para a avaliación dos méritos alegados polos concursantes, no que se refire aos puntos 6.1 e 6.3 do anexo I desta orde, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria designará a mesma comisión que resulte para o concurso de traslados de ámbito autonómico.
Poderá asistir ás reunións da comisión avaliadora un representante de cada organización sindical con presenza na mesa sectorial docente non universitaria, con voz e sen voto.
A comisión avaliadora poderá solicitar o asesoramento que considere oportuno.
Os membros da comisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Esta comisión avaliadora terá a súa sede na Inspección Educativa de Santiago de Compostela, sita na rúa da Besada, San Lázaro, 107, código postal 15703.
A asignación de puntuación que corresponde aos concursantes, polos restantes puntos do baremo de méritos, será levada a efecto por unha comisión constituída por funcionarios ou funcionarias destinados/as na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Estas comisións estarán cualificadas na categoría primeira, para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo).
Décimo quinta. Criterios de prioridade na adxudicación de destinos
1. Dereito preferente a centro.
a) O dereito preferente a centro recollido no artigo 18 do Real decreto 1364/2010, do 29 de outubro, implica, en canto á obtención de destino, unha prelación respecto aos participantes que exerzan o dereito preferente a localidade e zona educativa.
b) Entre varios dereitos preferentes ao mesmo centro a prelación virá determinada pola orde en que os supostos se relacionan na base sexta desta convocatoria.
c) Se hai dous ou máis participantes con dereito a centro que participan polo mesmo punto, a prioridade virá determinada pola maior puntuación total na aplicación do baremo de méritos.
d) No caso de que se producisen empates na puntuación total, utilizarase como primeiro criterio de desempate o maior tempo de servizos efectivos como funcionario de carreira no centro.
e) De resultar necesario, aplicaranse os demais criterios previstos no punto 3 desta base común.
2. Dereito preferente a localidade ou zona educativa.
Coa finalidade de establecer o dereito á reserva dunha praza da localidade ou zona educativa, establecerase a seguinte prioridade:
a) Entre varios dereitos preferentes á mesma localidade a prelación virá determinada pola orde en que os supostos se relacionan na base común oitava desta convocatoria.
b) Se hai dous ou máis participantes con dereito a localidade que participan polo mesmo punto a prioridade virá determinada pola maior puntuación total na aplicación do baremo de méritos.
c) No suposto de que se producisen empates no total das puntuacións, aplicaranse os criterios de desempate establecidos no punto segundo desta base.
3. Adxudicación ordinaria.
Sen prexuízo da prioridade determinada polo exercicio dos dereitos preferentes previstos na convocatoria, o concurso resolverase atendendo á puntuación resultante da aplicación do baremo de méritos contido no anexo II.
No caso de producirse empates no total das puntuacións, estes resolveranse atendendo sucesivamente a maior puntuación en cada un dos puntos do baremo, conforme a orde en que aparecen nel. Se persistir o empate, atenderase á puntuación obtida nas distintas epígrafes pola orde, igualmente, en que aparecen no baremo. En ambos os casos, a puntuación que se tome en consideración en cada epígrafe non poderá exceder a puntuación máxima establecida para cada unha delas no baremo, nin, no suposto das subepígrafes, a que corresponda como máximo á epígrafe en que se atopen incluídas. Cando, ao aplicar estes criterios, algunha ou algunhas das subepígrafes alcancen a máxima puntuación outorgada á epígrafe a que pertence, non se tomarán en consideración as puntuacións do resto das subepígrafes. De resultar necesario, empregarase como criterios de desempate o ano en que se convocou o procedemento selectivo a través do cal se ingresou no corpo e a puntuación pola que resultou seleccionado.
Décimo sexta. Reclamacións e renuncias
O persoal concursante poderá presentar reclamacións ás resolucións provisionais, a través do órgano en que presentaron a súa instancia de participación, no prazo de cinco días naturais contados desde o día seguinte á publicación da adxudicación de destinos provisionais na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Sen prexuízo do parágrafo anterior, o persoal concursante poderá presentar reclamacións á puntuación outorgada, con anterioridade á resolución provisional do concurso, unha vez que se fagan públicas na páxina web desta consellería.
Igualmente, e no mesmo prazo, o persoal concursante poderá presentar renuncia á súa participación no concurso entendendo que tal renuncia afecta todas as peticións e especialidades consignadas na súa instancia de participación.
Estas reclamacións ou renuncias presentaranse polos procedementos a que alude a base décimo primeira.
As persoas que desexen renunciar á súa participación no concurso, deberán realizar a renuncia aínda no suposto de que non obtivesen destino na resolución provisional, xa que, de non facelo, poderán obter destino na resolución definitiva.
Décimo sétima. Resolución definitiva
Consideradas as reclamacións e renuncias a que se refire a base anterior, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a ditar as resolucións definitivas destes concursos de traslados. A dita resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web desta consellería (www.edu.xunta.es/). As prazas adxudicadas na dita resolución son irrenunciables, polo que os participantes deberán incorporarse ás prazas obtidas.
Os concursantes que obteñan praza neste concurso nalgunhas das especialidades non relacionadas na base terceira, punto 3, estarán obrigados, no prazo de dous anos contados a partir do 1 de setembro de 2014, a obter, polo menos, o certificado de lingua galega 4 (Celga 4), agás que acrediten telo superado con anterioridade ou estar en posesión dalgunha das súas validacións ou homologacións.
Contra a resolución definitiva, os interesados e as interesadas poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes segundo establecen os artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.
Décimo oitava
Os profesores que obteñan destino definitivo para o curso 2014/15 nesta convocatoria non poderán obter destino no concurso xeral de traslados nin noutros que convoque esta consellería.
Décimo novena
Os profesores que obteñan destino definitivo neste concurso realizarán as actividades propias da educación de persoas adultas, incluídas as ensinanzas recollidas no número 2º do artigo 5 do Decreto 88/1999, do 11 de marzo, e a atención ás ensinanzas nos centros penitenciarios, no Decreto 126/2008, do 19 de xuño (DOG do 23 de xuño).
Así mesmo, impartirán as ensinanzas de ámbito de coñecemento atribuídas á súa especialidade, conforme o anexo III da Orde do 26 de maio de 1997, pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas.
Vixésima. Reingresos ao servizo activo
O profesorado excedente que reingrese ao servizo activo, como consecuencia do concurso, presentará ante a xefatura territorial de que dependa o centro obtido mediante o concurso de traslados declaración xurada ou promesa de non se atopar separado de ningún corpo ou escala da Administración do Estado, das comunidades autónomas ou da local, en virtude de expediente disciplinario, e de non estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.
Vixésimo primeira. Toma de posesión
A toma de posesión dos novos destinos terá efectividade administrativa do 1 de setembro de 2014. Non obstante, o profesorado que obteña destino nestes concursos deberá permanecer nos seus centros de orixe ata que conclúan as actividades imprescindibles previstas para a finalización do curso.
Vixésimo segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2013
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO I
Código e denominación do centro |
Corpo e especialidade |
Nº de vacantes |
15025621. EPA Eduardo Pondal. A Coruña |
590007. Física e química 590053. Lingua galega e literatura |
1 1 |
15025751. EPA Santa María de Caranza. Ferrol |
590005. Xeografía e historia 590006. Matemáticas |
1 1 |
15021482. IES San Clemente. Santiago de Compostela |
590008. Bioloxía e xeoloxía 590061. Economía |
1 1 |
15032650. EPA de Teixeiro |
590005. Xeografía e historia 590007. Física e química 590053. Lingua galega e literatura 597038. Educación primaria |
1 1 1 2 |
27601509. EPA de Albeiros. Lugo |
590005. Xeografía e historia 590008. Bioloxía e xeoloxía |
1 1 |
27020823. EPA de Monterroso |
597032. Lingua estranxeira: inglés 597038. Educación primaria |
1 2 |
32015851. EPA de Ourense |
590001. Filosofía 590005. Xeografía e historia 590006. Matemáticas 590010. Francés 590053. Lingua galega e literatura |
1 1 1 1 1 |
32020771. EPA do Pereiro de Aguiar |
590011. Inglés |
1 |
36018872. EPA Río Lérez. Pontevedra |
597038. Educación primaria 590005. Xeografía e historia 590008. Bioloxía e xeoloxía 590010. Francés 590018. Orientación educativa |
1 1 1 1 1 |
36018884. EPA Berbés. Vigo |
597038. Educación primaria 590004. Lingua castelá e literatura 590005. Xeografía e historia 590006. Matemáticas 590007. Física e química 590011. Inglés 590018. Orientación educativa 590053. Lingua galega e literatura |
3 1 2 2 1 1 1 1 |
36024720. EPA Nelson Mandela |
597038. Educación primaria 590053. Lingua galega e literatura |
2 1 |