A Orde do 21 de febreiro de 2013 (DOG do 6 de marzo) pola que se establece o procedemento de concesión, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, de axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios, no curso académico 2012-2013, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, que por causa sobrevida ou imprevista teña dificultades económicas para continuar estudos, establece no seu artigo 2 o orzamento total de 70.000 euros para a concesión destas axudas.
Porén, o mesmo artigo establece que tal cantidade poderá ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería. De existir esta dispoñibilidade por existir remanente doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, procede a ampliación da contía en 5.000 euros.
Por todo o exposto,
DISPOÑO:
Artigo 1
Amplíase o importe total do crédito para o financiamento das axudas previstas na Orde do 21 de febreiro de 2013 pola que se establece o procedemento de concesión, baixo o réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios, no curso académico 2012-2013, nas universidades do Sistema universitario de Galicia, que por causa sobrevida ou imprevista teña dificultades económicas para continuar estudos, na aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0, por importe de 5.000 euros.
Artigo 2
Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2013
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria